DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Venres, 18 de outubro de 2024 Páx. 55462

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Xuventude, pola que se dá publicidade do esgotamento do crédito da Orde do 31 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B, C e D á mocidade galega, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS321A).

Primeiro. A Orde do 31 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B, C e D á mocidade galega e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS321A), publicada no Diario Oficial de Galicia número 16, do 23 de xaneiro de 2024, establece no seu artigo 2, número 1, que o procedemento de concesión se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, concedéndose a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 5. Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.

O número 2 do mesmo artigo 2 establece que no momento en que se esgote o crédito orzamentario a consellería concedente publicarao no Diario Oficial de Galicia e na páxina web: xuventude.xunta.es

Segundo. A dita Orde do 31 de decembro de 2023 destina no seu artigo 4 un orzamento de 800.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 11.06.313A.480.10, de acordo co Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, crédito que non foi obxecto de ampliación segundo o previsto na disposición adicional primeira da citada orde.

Terceiro. De conformidade co exposto, unha vez resoltas parte das solicitudes presentadas ao abeiro da referida Orde do 31 de decembro de 2023, aplicando como criterio de prioridade a data de presentación, constátase que se esgotou o orzamento dispoñible para a concesión das axudas, agás 250 euros, importe que non resulta suficiente para poder resolver favorablemente ningún outro expediente.

A derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a correspondente ao expediente BS321A-2024-00002433-00, presentada na sede electrónica, nos termos recollidos no artigo 7 da convocatoria, o día 25 de xaneiro de 2024 ás 13.46.45 horas.

En virtude do anterior, unha vez esgotados os recursos económicos destinados ás axudas previstas na Orde do 31 de decembro de 2023, a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, por delegación do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, de acordo co establecido na disposición derradeira primeira da citada orde,

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do esgotamento do crédito dispoñible con cargo a aplicación orzamentaria 11.06.313A.480.10 para as axudas convocadas ao abeiro da Orde do 31 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B, C e D á mocidade galega e se procede a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS321A).

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 31.12.2023, DOG núm. 16, do 23 de xaneiro de 2024)
Lara del Carmen Meneses Álvarez
Directora xeral de Xuventude