DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Venres, 18 de outubro de 2024 Páx. 55464

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 10 de outubro de 2024 pola que se convocan axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros, no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), executados no ano 2023 (código de procedemento PE155C).

O Regulamento (UE) nº 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, sobre a política pesqueira común (PPC), establece no seu artigo 35 a creación dunha organización común de mercados (OCM), de xeito que as actividades da produción pesqueira e acuícola, incluídas a transformación e a comercialización, sexan economicamente viables e competitivas, e encomenda ás organizacións profesionais o papel para acadar estes obxectivos.

A organización común de mercados regúlase no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, polo que se establece a organización común de mercados no sector de produtos da pesca e da acuicultura.

O Regulamento de execución (UE) nº 1418/2013 da Comisión, do 17 de decembro de 2013, desenvolve o Regulamento (UE) nº 1379/2013, en relación cos plans de produción e comercialización (PPeC) da organizacións de produtores pesqueiros e da acuicultura.

O Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), establece no seu artigo 26.1.b) o obxectivo específico de «promover a comercialización, a calidade e o valor engadido dos produtos da pesca e da acuicultura, así como da transformación dos ditos produtos», encadrado na prioridade número dous do FEMPA «Fomentar as actividades sustentables da acuicultura, así como a transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, contribuíndo así á seguridade alimentaria na Unión».

O Programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo, de pesca e de acuicultura para o período de programación 2021-2027, aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión do 20 de novembro de 2022, establece os instrumentos financeiros para a aplicación das medidas do FEMPA.

Entre os obxectivos do FEMPA está fomentar as accións levadas a cabo polas organización profesionais de produtores pesqueiros (OPP), especialmente as relacionadas cos seus plans de produción e comercialización para que sexan verdadeiros instrumentos de aplicación da política pesqueira común, cumprindo co rol que lles atribúe a organización común de mercados da pesca co cal fixa un cofinanciamento por parte dos fondos comunitarios do 70 %.

A Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a Orde do 26 de setembro de 2024, establece as bases reguladoras para a concesión de diferentes liñas de axudas ás organizacións de produtores do sector pesqueiro e da acuicultura no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) para o període 2021-2027. Códigos de procedemento PE155C e PE155D (DOG nº 193, do 7 de outubro de 2024).

Para desenvolver as bases reguladoras, a presente orde recolle a convocatoria de axudas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros e das súas asociacións con ámbito de actuación exclusivo na Comunidade Autónoma de Galicia, que foron executados durante 2023, coa finalidade de apoiar o sector pesqueiro, no seu sentido máis amplo, con medidas que deben contribuír a facelo máis competitivo e máis respectuoso coa súa contorna.

Debe terse en conta a obriga que teñen as organizacións de produtores pesqueiros de presentar, antes do 31 de outubro de cada ano, o seu plan de produción e comercialización para a súa aprobación pola comunidade autónoma. O plan aplícase durante o ano seguinte, ano de execución, e unha vez rematado, as entidades deben presentar o informe de actividades referido á súa a aplicación antes do 28 de febreiro, para o efecto de dar cumprimento ao establecido no Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

Coas axudas a que se refire esta convocatoria outórgase apoio financeiro á execución destes plans de produción e comercializacións das organizacións de produtores pesqueiros de Galicia co obxectivo de que sexan verdadeiros instrumentos de aplicación da política pesqueira común, cumprindo o papel que lles asigna a organización común de mercados da pesca.

O artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece como propia a competencia exclusiva en «pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo, a acuicultura» e o Decreto 210/2022, do 1 de decembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, establece que corresponde á Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar, Servizo de Mercados, o exercicio do «fomento da creación e o control da actividade das organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades representativas do sector, recoñecidas no marco da organización común de mercados».

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, procede convocar as axudas para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercializacións das organización de produtores pesqueiros e das súas asociacións, de ámbito exclusivo na Comunidade Autónoma de Galicia executados no ano 2023.

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é convocar a concesión das axudas previstas no capítulo II do título I da Orde do 26 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de diferentes liñas de axudas ás organizacións de produtores do sector pesqueiro e da acuicultura no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) (DOG núm. 193, do 7 de outubro de 2024) (en diante, bases reguladoras), para a preparación e a aplicación dos plans de produción e comercialización (PPeC) executados en 2023 polas organizacións de produtores pesqueiros e as asociacións de organizacións de produtores pesqueiros, recoñecidas con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia, dispostos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A concesión das subvencións realízase a través da comparación das solicitudes presentadas, co fin de establecer unha prelación entre estas de acordo cos criterios de valoración fixados nas bases reguladoras e no artigo 13 desta convocatoria, e adxudicar as axudas co límite do crédito dispoñible fixado no artigo 4 desta convocatoria.

3. A información asociada ao procedemento das axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/), co código de procedemento PE155C.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán solicitar esta axuda, polos gastos na preparación e aplicación do seu plan de produción e comercialización executado en 2023, aquelas organizacións ou asociacións de produtores pesqueiros recoñecidas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan as seguintes condicións:

a) Estar dadas de alta no Rexistro establecido no artigo 8 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

b) Ter presentado e aprobado o plan de produción e comercialización (PPeC), así como o seu informe anual de actividades do ano 2023.

Artigo 3. Requisitos das entidades beneficiarias

Para acceder a estas axudas, as entidades beneficiarias deben cumprir cos requisitos xerais e específicos que se dispoñen nos artigos 3 e 24 das bases reguladoras.

Artigo 4. Crédito orzamentario

1. O período de elixibilidade do actual programa operativo FEMPA 2021-2027 abarca desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2027, como se dispón no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 2021/1139, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura.

2. Estas axudas están cofinanciadas pola Unión Europea nun 70 % a través do FEMPA e pola Comunidade Autónoma de Galicia no 30 % restante.

Faranse efectivas con cargo aos orzamentos da Consellería do Mar, a través das aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, que se especifican no seguinte cadro. A contía máxima será de 2.250.000,00 euros e repartirase do seguinte xeito:

Liña de axuda

Entidades beneficiarias

Aplicacións orzamentarias

Importe (euros)

Preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización

Organizacións sen ánimo de lucro

46.02.723B.780.0

1.600.000,00

Entidades con ánimo de lucro

46.02.723B.770.0

650.000,00

Total

2.250.000,00

3. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos establecidos no artigo 31 da Lei de subvencións de Galicia, e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da citada Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. No caso de que sexa necesaria unha alteración na distribución dos créditos orzamentarios establecidos no punto 2 deste artigo non será precisa unha nova convocatoria pero si a realización das modificacións que procedan no expediente de gasto e a publicación destas.

Artigo 5. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Ter executado, dentro do prazo establecido, as actuacións obxecto da subvención para a preparación e a aplicación dos plans de produción e comercialización referidas a 2023.

2. Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo fin, procedentes de calquera Administración ou ente, público ou privado.

Deberá comunicar ao órgano concedente calquera circunstancia que poida afectar a consecución dos fins para os que se outorga a axuda.

3. Atoparse ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ser debedora da Xunta de Galicia por calquera outro ingreso de dereito público.

4. Manter o cumprimento das condicións recollidas no artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, despois de presentar a solicitude e durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos tras a realización do pagamento final da axuda outorgada.

5. Xustificar o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determina a concesión da axuda.

6. Cumprir co disposto no artigo 65 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, en relación coa duración das operacións subvencionadas.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, conforme o disposto polo artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e, en todo caso, durante un prazo de cinco anos, contados a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento da axuda á entidade beneficiaria.

8. Levar unha contabilidade separada ou dispor dun código contable axeitado ás transaccións relacionadas coas operacións obxecto de financiamento.

9. No caso de subvencións de importe superior a 30.000,00 €, ter aboados os gastos das operacións comerciais en que incorra nos prazos nos que sexan aplicables de acordo co establecido no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

10. Someterse ás actuacións de comprobación e seguimento que poderá levar a cabo o órgano instrutor, así como someterse a calquera outra actuación de comprobación ou de control financeiro que efectúen os órganos de control competentes, tanto autonómicos como nacionais ou comunitarios, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións.

11. Axustar o custo de adquisición dos investimentos subvencionables ao valor do mercado e presentar a documentación que lle sexa requirida para acreditar tal circunstancia.

12. Indicar no momento da solicitude, o valor da produción en primeira venda, en euros e toneladas, segundo os períodos indicados no anexo I (solicitude).

13. Se a realización do proxecto dá lugar á xeración de residuos, deberá dar cumprimento ás condicións sinaladas, para cada tipo de residuo, na normativa sectorial que resulte de aplicación.

14. Non ter sido sancionado coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, nos termos previstos no artigo 105.1 letra i) da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e, de ser o caso, pola normativa das comunidades autónomas

15. Dar a coñecer a axuda prestada polo fondos europeos e en particular polo FEMPA, de conformidade co disposto no artigo 50 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, de tal xeito que:

a) Se a entidade beneficiaria dispón de páxina web ou contas en redes sociais, realizará unha breve descrición da operación en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacará a axuda financeira da Unión Europea.

b) Nos documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinados ao público ou aos participantes, incluirán unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de xeito visible.

No caso de solicitude de apoio financeiro á elaboración de notas de prensa para a súa publicación nos medios de comunicación, débese indicar na nota de prensa a subvención pública por parte dos fondos FEMPA e da Xunta de Galicia e, de ser o caso, gardar as noticias, exemplares, arquivos, vídeos ou cuñas dos medios onde se publiquen.

c) No caso de que a operación implique investimentos físicos ou se instalen os equipamentos adquiridos e teñan un custo total superior a 100.000 euros; instalarán placas ou valos publicitarios en lugares visibles ao público, onde apareza o emblema da Unión Europea, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1061, tan pronto como comece a execución física da operación.

d) Para as operacións non incluídas no punto c), as entidades beneficiarias mostrarán nun lugar ben visible un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica con información sobre a operación, destacando a axuda do FEMPA.

16. Ademais de todas as obrigas anteriores, a entidade beneficiaria deberá dar cumprimento, durante os cinco anos seguintes ao pagamento final, ás condicións que se dispoñen no artigo 18 das bases reguladoras.

Durante o período de cinco anos seguintes ao pagamento final a entidade deberá dispor e achegar a documentación que lle sexa requirida para un axeitado cumprimento destas obrigas, así como a relativa a publicidade á cal se refire o punto anterior.

Artigo 6. Gastos subvencionables e acreditación

1. Os gastos subvencionables deberán terse realizado durante o período de execución da actividade subvencionada que se indique na resolución de aprobación do informe anual de 2023, polo que a data das facturas debe ser do ano 2023, excepto os gastos do informe de auditor, da auditoría bienal e os gastos para a preparación do plan de produción e comercialización e o informe anual, que serán subvencionables con anterioridade ou posterioridade ao devandito período de execución.

2. O importe máximo subvencionable non poderá superar os 3.000 euros para o informe do auditor, 3.000 euros para a auditoría bienal e 5.000 euros para a preparación do plan de produción e comercialización e do informe anual.

3. Considerarase gasto realizado o efectivamente pagado como máis tarde o 1 de marzo de 2024, excepto o gasto do informe anual, o informe do auditor e a auditoría bienal, que terán como límite a data da solicitude da axuda.

4. As medidas previstas nos PPeC poderán executarse directamente a través do titular, por medio de terceiros ou mediante unha combinación de ambos.

Consideraranse gastos do titular aqueles gastos relativos ao persoal contratado, para a supervisión, preparación ou elaboración dos PPeC, ou a execución das medidas recollidas nos plans, así como aqueles gastos de viaxes que procedan en todo ou parte dunha medida aprobada no PPeC.

Consideraranse gastos de xestión aqueles gastos debidos a terceiros e derivados de servizos externos, subministracións, obras, convenios ou outros gastos de viaxes non incluídos no punto anterior, para a preparación ou execución de medidas do PPeC da entidade solicitante.

5. Serán subvencionables os custos indirectos, que calculará de oficio o órgano xestor aplicando unha porcentaxe fixa do 15 % sobre os custos directos de persoal da propia organización.

6. Para o cálculo dos custos directos de persoal, en aplicación do disposto nos puntos «1.1.1 Gastos de persoal de estrutura» e «1.1.2 gastos de persoal contratado expresamente para a preparación e/ou execución das medidas dos PPeC», a que se refire o artigo 29 que regula a clasificación e desagregación dos gastos subvencionables das bases reguladoras, aplicarase o seguinte custo unitario máximo por hora e grupo profesional:

Grupo profesional

€/hora

I. Titulado superior

25,82 €

II. Titulado grao medio

21,84 €

III. Especialistas encargados/as

18,07 €

IV. Oficial 2ª advo. e oficial de 2ª

15,61 €

V. Persoal subalterno e de servizos específicos non titulados

14,17 €

7. As actuacións subvencionables son aquelas a que se refire o artigo 27 das bases reguladoras e deben cumprir co que se establece para cada tipo de gasto nos artigos 28 e 29 das citadas bases.

O artigo 30 das referidas bases recolle unha relación de gastos que non poderán ser subvencionables.

Artigo 7. Certificación de non inicio e fin da obra

1. No caso de obras ou adquisición de equipamentos e subministracións que impliquen unha obra, un funcionario designado pola consellería competente en pesca e acuicultura deberá levantar acta de non inicio, sempre por petición da entidade beneficiaria, antes de comezar esta, nos termos establecidos no artigo 33 das bases reguladoras.

2. No caso de non solicitala, a medida non será subvencionable. A Administración determinará a pertinencia ou non da petición, segundo proceda.

3. Unha vez finalizadas as actuacións, a entidade deberá proceder a solicitar a correspondente acta de fin de obra.

4. As solicitudes de «acta de non inicio» e «acta de fin de obra» deberán dirixirse ao Servizo de Mercados da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

Artigo 8. Prazo de presentación da solicitude

Para esta convocatoria o prazo de presentación das solicitudes será de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, enténdese que o prazo expira o último día do mes. No caso de que o último día sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 9. Presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Poder suficiente, ou outra documentación acreditativa, da persoa física que actúe en nome e representación da organización, salvo que a capacidade de representación se recolla nos estatutos.

b) Copia da escritura de constitución e estatutos da sociedade, así como das modificacións ulteriores debidamente inscritas no rexistro que corresponda.

c) Certificado actualizado da declaración censual de alta nas obrigas tributarias.

d) Certificado de antecedentes penais da persoa xurídica. Obterase a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza e conterá a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de comprobar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP, FEMP ou FEMPA.

e) Documentación que acredite que a conta bancaria en que se efectúa o pagamento é de titularidade da entidade solicitante.

f) Cando o importe do gasto unitario supere os 40.000 euros, no caso de execución de obras, ou os 15.000 euros, no caso de subministración de bens ou prestación de servizos, a entidade beneficiaria deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas farase atendendo a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificar expresamente o motivo polo que non se elixe a proposta económica máis vantaxosa, de ser o caso.

g) No caso de axudas de máis de 30.000 euros, as entidades, para ser beneficiarias destas axudas, deberán dar cumprimento ao establecido no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

h) Nos casos de obras ou adquisición de equipamentos e subministracións que impliquen unha obra, as correspondentes solicitudes de certificacións de non inicio e de fin de obra, ás cales se refire o artigo 7 desta convocatoria. As ditas certificacións, unha vez realizadas pola unidade competente da Consellería do Mar, serán incorporadas ao expediente de oficio pola unidade tramitadora destas axudas.

i) Certificación emitida polo órgano de goberno da entidade en que se recolla o número de mulleres nos órganos directivos desta durante o ano 2023, o número de mulleres no cadro de persoal da entidade en 2023, o número de mulleres no cadro de persoal da entidade no ano 2022 e indicación de se a entidade ten un plan de igualdade, e se é consecuencia dunha obriga legal.

j) Anexo II: formulario de gastos subvencionables por medida.

k) Anexo III: relación de xustificantes, en que irán relacionados e clasificados por medida os investimentos da actividade, coa identificación do provedor, número da factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento.

l) Anexo IV: memoria resumo, que inclúa o importe aprobado por medida do PPeC, o importe aprobado dos informes anuais e os gastos finalmente executados e xustificados.

m) Anexo V: gastos de persoal, onde se detalle o obxecto dos traballos levados a cabo e o tempo de execución expresado en horas por persoa e medida.

n) Anexo VI: gastos de persoal, en que se expresarán os gastos de persoal propio dedicado á supervisión, control ou elaboración das medidas do PPeC.

o) Anexo VII: gastos de persoal, coa relación de xustificantes de pagamento das nóminas en que irán relacionados os xustificantes de pagamento das nóminas.

p) Anexo VIII: gastos de viaxes, onde se detalle a xustificación do gasto e a liquidación individual do gasto.

q) A seguinte documentación complementaria de xustificación:

• Xustificantes dos investimentos efectuados. De xeito xeral, consistirán nas facturas e demais xustificantes de gasto de valor probatorio equivalente, contratos e nóminas (detalladas ao máximo posible).

• Xustificantes das transferencias bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados. Identificaranse a/as factura/s pagada/s, os seus importes e o destinatario.

• Memoria de persoal, que será un documento explicativo composto por tres partes. A primeira, comprenderá unha descrición xeral da estrutura do persoal da entidade coa identificación dos postos de traballo, as persoas que os ocupan e as funcións xerais de cada posto. A segunda parte deberá detallar as tarefas executadas durante a anualidade, a descrición básica das actividades levadas a cabo, a medida a que se lle imputa, a data de inicio e de fin da tarefa e as horas, desagregadas por meses, que requiriu a execución. A terceira parte deberá incluír evidencias básicas que permitan pór de manifesto a realización das tarefas alegadas na segunda parte. O documento deberá ser coherente e estar asinado pola persoa responsable de persoal da OPP.

• Xustificante do pagamento das correspondentes cargas sociais e retencións fiscais. Deben achegarse os documentos RNT (relación nominal e traballadores), RLC (recibo de liquidación de cotizacións) e os modelos 111 (retencións de ingresos á conta do IRPF) e 190 (resumo anual), de ser o caso.

• Xustificante do pagamento das nóminas.

• No caso de solicitar axudas polo IVE non recuperable, cando este fose pagado de xeito efectivo e definitivo por beneficiarios distintos das persoas que non son os suxeitos pasivos a que se refire o artigo 13.1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido, achegarase unha declaración responsable que acredite tal circunstancia e o «Modelo 390. IVA. Declaración resumo anual».

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será preciso achegar os documentos xa presentados con anterioridade pola entidades solicitante ante calquera Administración. Neste caso, o interesado deberá indicar en que momento e perante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que se obterán electronicamente a través das redes corporativas ou a través de consulta ás plataformas de intermediación de datos e outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, salvo que conste no procedemento a oposición expresa da entidade solicitante.

De xeito excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse de novo a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que se presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o faga necesario ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias presentadas polas entidades solicitantes, para o cal poderá requirir a achega do documento ou da información orixinal.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar supere os tamaños máximos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de maneira presencial. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Sempre que se realice a achega de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, no caso de dispoñer del.

7. Para a achega da documentación complementaria de xustificación, as organizacións de produtores deberán facer uso da aplicación informática OPPGA, que a Consellería do Mar ten habilitada para estes efectos.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse de oficio os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, salvo que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Consulta do NIF da entidade solicitante.

b) Consulta do DNI/NIE da persoa que actúa como representante.

c) Resolución da axuda outorgada para subvencionar total ou parcialmente o mesmo proxecto solicitado, no caso de axudas outorgadas pola Xunta de Galicia.

d) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Consulta de non ter sido declarado culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA.

g) Informe acreditativo de non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións emitido pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

h) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infrinxir a normativa marítimo-pesqueira, emitido pola unidade competente da Consellería do Mar.

i) Informe acreditativo de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia) obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza.

j) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave na política pesqueira común (PPC), do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control.

k) Informe acreditativo de non estar nin ter estado involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na listaxe comunitaria dos buques INDNR, segundo o disposto no artigo 11 do Regulamento (UE) nº 1139/2021, relativo ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura.

l) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

m) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

n) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

o) Consulta do Rexistro Central de Titulares Reais.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario que corresponda e achegar os documentos acreditativos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite obter os documentos sinalados, poderáselle solicitar ás persoas interesadas a súa achega.

4. O órgano que tramite as axudas fará calquera outra comprobación exixida pola lexislación vixente, logo de comunicación á entidade solicitante. En todo caso, faralle saber os efectos de manifestar a súa oposición ou, de ser o caso, a necesidade de achegar a documentación xustificativa exixida pola normativa correspondente.

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. Na dirección xeral competente en pesca e acuicultura constituirase unha Comisión de Valoración para examinar e avaliar os expedientes.

2. A Comisión de Valoración estará composta polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar, ou a competente en materia de OPP, no caso de mudar a estrutura.

b) Secretaría: a persoa que ocupe a Xefatura do Servizo de Mercados, ou a competente en materia de OPP, no caso de mudar a estrutura.

c) Vogais: dúas persoas funcionarias adscritas á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, ou a competente en materia de OPP, no caso de mudar a estrutura, designados polo/a presidente/a da Comisión de Valoración.

3. No caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da Comisión poderán ser substituídos pola persoa que designe o/a presidente/a. O referido órgano colexiado precisará da asistencia, polo menos, da maioría simple dos membros para levar a cabo a avaliación.

4. As reunións da Comisión de Valoración poderán ter lugar tanto de xeito presencial como a distancia, nos termos establecidos na normativa vixente que lle sexa de aplicación.

5. A Comisión de Valoración poderá propor que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta avaliación das solicitudes de que se trate.

6. A Comisión de Valoración poderá traballar asistida dos asesores que xulgue necesarios, así como solicitar informes a técnicos expertos na materia, externos ou internos.

A Comisión de Valoración reunirase en sesión única para a elaboración das propostas de concesión ao órgano outorgante, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non esgote o crédito existente para as axudas, caso en que poderá realizar cantas sesións xulgue necesarias e emitir propostas parciais de outorgamento en cada unha das sesións.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. O Programa operativo para España do FEMPA 2021-2027, aprobado pola Decisión de Execución da Comisión Europea do 29 de novembro de 2022, dispón que os Estados membros aprobarán criterios xerais para todas as actuacións cofinanciadas, para asegurar que as operacións subvencionadas están encamiñadas ao logro dos obxectivos FEMPA, e criterios específicos para cada unha das medidas. Para tal efecto, os criterios foron aprobados mediante o Comité de Seguimento do FEMPA, sendo recollidos nos artigos 9 (criterios xerais) e 31 (criterios específicos) das bases reguladoras.

2. Os criterios de valoración xerais avaliarán a adecuación das medidas executadas nos plans de produción e comercialización de acordo co disposto no documento «Criterios de selección do FEMPA» aprobados polo Comité de Seguimento. Poderase obter un máximo de 10 puntos, dispostos como segue:

a) Adecuación das solicitudes de axudas á análise DAFO do programa operativo FEMPA, así como á estratexia, obxectivos e medidas recollidas no citado programa: cun máximo de 6 puntos.

b) Adecuación dos indicadores de resultado, referido á variación do volume de produción en primeiras vendas das OPP/AOP entre os dous anos civís anteriores á solicitude: cun máximo de 2 puntos. (Un incremento do valor da produción superior ao 10 % avaliarase como alto; un incremento ou decrecemento igual ou inferior ao 10 % avaliarase como medio; e se hai unha diminución superior ao 10 % avaliarase como baixo).

c) Contribución a outros plans estratéxicos, prioridades e obxectivos específicos: cun máximo de 2 puntos.

3. Criterios horizontais ambientais e sociais: entenderase como tal a consecución dos obxectivos de eficiencia enerxética e interese colectivo, tal e como queda disposto no artigo 31.2 letras a) e b) das bases reguladoras. Poderanse obter un máximo de 4 puntos distribuídos como segue:

a) Contribución ao obxectivo de eficiencia enerxética cun máximo de 2 puntos.

b) Contribución ao obxectivo de interese colectivo: cun máximo de 2 puntos.

4. Criterios específicos de viabilidade técnica e económica: entenderanse como tal a propia aprobación dos PPeC, mediante resolución da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, tal e como se dispón no artigo 31.2.c) das bases reguladoras.

5. Criterios específicos de tipo de actividade: entenderase como tal a aprobación dos PPeC así como os seus correspondentes informes anuais de actividade, mediante resolución da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica segundo o disposto no artigo 31.2.d) orde das bases reguladoras.

6. Sobre o sistema de puntos que se describe nas anteriores epígrafes, cabe aplicar a asignación nas porcentaxes descritas no documento «Criterios de selección do FEMPA». Corresponde un 30 % aos criterios xerais, un 20 % aos horizontais ambientais e sociais, un 20 % aos específicos de viabilidade técnica e o 30 % que resta aos específicos de tipo de actividade.

7. A Comisión de Valoración emitirá un informe de acordo coa puntuación obtida, segundo a aplicación dos criterios xerais e específicos, en que se avaliarán as solicitudes da seguinte forma:

– Valoración alta: superior a 65 e ata 100 puntos.

– Valoración media: superior a 40 e ata 65 puntos.

– Valoración baixa: superior a 12 e ata 40 puntos.

– Valoración excluída: inferior a 12 puntos.

8. Segundo o artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de non alcanzar o orzamento fixado nesta convocatoria para a totalidade dos proxectos subvencionables, ratearase o importe global máximo destinado ás subvencións entre os beneficiarios.

Artigo 14. Tramitación do procedemento

A tramitación destas axudas seguirá o disposto no capítulo I do título I das bases reguladoras.

O órgano competente para a tramitación do procedemento a que se refire o artigo 7 das bases reguladoras será o Servizo de Mercados da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

Artigo 15. Prazo máximo para resolver e notificar a resolución

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de catro meses, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sendo o prazo límite de concesión o 31 de decembro de 2024.

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a facultade de ditar as resolucións de outorgamento das axudas recollidas nesta orde.

No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000,00 € por persoa beneficiaria, será necesario a autorización do Consello da Xunta de Galicia. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá, en todo caso, ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

2. Transcorrido o prazo sinalado no punto anterior sen que se obtivese resolución expresa, poderase entender desestimada a solicitude da axuda por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polos beneficiarios; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efecturanse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as indicadas persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 14 non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados, en ambos dous casos, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 18. Pagamento

A documentación xustificativa da subvención presentarase coa solicitude co que o pagamento da axuda poderá realizarse no mesmo acto administrativo que o da concesión da axuda. A solicitude de pagamento entenderase implícita e achegada na solicitude da subvención.

Para o pagamento da axuda é imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

O pagamento das axudas efectuarase na conta bancaria que fose designada polo beneficiario.

Artigo 19. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.

2. A Consellería do Mar remitirá á Base de datos nacional de subvencións información sobre as convocatorias e resolucións de concesións ditadas, nos termos establecidos nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tramitaranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

Artigo 20. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Responsabilidades

É responsabilidade das entidades beneficiarias o cumprimento de todos os requisitos e condicións establecidas nas bases reguladoras e nesta convocatoria e achegar a documentación requirida.

En particular, as entidades beneficiarias deberán actuar de boa fe, executar a totalidade das actuacións e cumprir coas finalidades para as que se outorga a axuda, así como levar a cabo a adecuada xustificación documental da totalidade das actividades realizadas nos termos establecidos, pola normativa que resulte aplicable.

Artigo 23. Eficacia

A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file