DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Venres, 18 de outubro de 2024 Páx. 55460

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 11 de outubro de 2024 pola que se modifica a Orde do 24 de xullo de 2024, pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS508B).

No Diario Oficial de Galicia número 151, do 5 de agosto de 2024, publicouse a Orde do 24 de xullo de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

O obxecto da convocatoria é establecer as bases reguladoras polas que se rexe o procedemento de concesión das subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado no ano 2024. Os proxectos e as actuacións serán realizados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia na área de sensibilización, formación ou coordinación. A execución dos proxectos terá como data límite o 31 de outubro de 2024.

No artigo 16, no seu primeiro número establécese que unha vez notificado o outorgamento da axuda, a data límite para a presentación da xustificación dos gastos é o día 8 de novembro de 2024.

A data de publicación da convocatoria determina que a fase de instrución e a resolución do procedemento finalizará máis alá das datas inicialmente previstas, polo que, co fin de garantir a maior eficacia posible no desenvolvemento dos proxectos de intervención subvencionados, se considera recomendable ampliar o prazo de finalización da xustificación inicialmente previsto.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste, e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

En consecuencia, no uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 24 de xullo de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS508B)

O punto primeiro do número 1 do artigo 16, referido á xustificación das subvencións da Orde do 24 de xullo de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS508B), queda redactado como segue:

«1. Unha vez notificado o outorgamento da axuda, a data límite para a presentación da xustificación dos gastos é o día 20 de novembro de 2024».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde 28.6.2024)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude