A Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) para salvagardar o patrimonio cultural inmaterial define este como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas –xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles– que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural, e que se transmite de xeración en xeración, recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, introducindo un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo, deste xeito, ao respecto da diversidade cultural e a creatividade humana.
A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).
O artigo 1.2 da citada LPCG establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.
O artigo 8.2 da LPCG dispón que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, e inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, despois da incoación e tramitación do expediente, segundo ditamina o título I da LPCG e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural.
O artigo 9.3.a) da LPCG establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no ordinal quinto deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos».
O artigo 70.4 da LPCG dispón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial requirirá a petición expresa previa das comunidades e organizacións representativas do ben, que será incorporada ao expediente que se tramite.
O artigo 70.5 da LPCG establece que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recoñecerá o seu carácter vivo e dinámico.
O artigo 70.6 da LPCG expón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recollerá o marco temporal e espacial no cal o ben se manifesta, así como as condicións concretas en que se produce.
O artigo 91 da LPCG indica que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia.
A festa mariana da Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida celébrase todos os anos os días oito e nove de setembro. A ela acoden as persoas devotas para solicitar peticións que están relacionadas normalmente coas diferentes doenzas humanas, aínda que tamén pregan por problemas de índole familiar e social. Na procesión que se desenvolve antes da misa solemne das 13.00 horas participan dúas figuras singulares. Por unha banda, o Meco, que anuncia a súa presenza por medio dunhas castañolas, que porta na man esquerda, mentres que na man dereita leva unha vasoira de toxos coa cal vai afastando as persoas para que poida pasar o cortexo procesional. Por outra banda, as Pampórnigas, que son dous xigantes que simbolizan a un home e a unha muller e que van danzando unha peza tradicional do lugar.
A análise do contido da documentación que contén o expediente administrativo, realizada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conclúe que A Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida, no concello de Quiroga, se configura como unha manifestación inmaterial sobranceira da Comunidade Autónoma de Galicia e, por tanto, é susceptible de ser declarada ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.
Tendo en consideración todo o exposto e o contido da documentación do expediente, e por resultar A Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida unha manifestación sobranceira do patrimonio cultural inmaterial de Galicia, a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude do disposto no título I da LPCG e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia,
RESOLVE:
Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural A Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida, como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia, segundo a descrición recollida no anexo I e as medidas de salvagarda establecidas no anexo II desta resolución. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, contados a partir da data desta resolución. Se, transcorrido ese prazo, non se emitise resolución expresa, produciríase a caducidade do procedemento administrativo.
Segundo. Inscribir de forma preventiva A Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida como manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicarlle a resolución ao Inventario xeral do patrimonio cultural inmaterial do Estado para a súa correspondente anotación preventiva.
Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
Cuarto. Notificarlle esta resolución ao Concello de Quiroga, á Diocese de Lugo e ás persoas interesadas.
Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para que calquera persoa física ou xurídica poida consultar o expediente e presentar as alegacións e informacións que considere oportunas. O expediente poderase examinar no Servizo de Inventario (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 2º andar, Santiago de Compostela), con petición de cita previa.
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2024
María del Carmen Martínez Insua
Directora xeral do Patrimonio Cultural
ANEXO I
Descrición da manifestación inmaterial
1. Denominación: A Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida.
2. Natureza e condición:
• Natureza: inmaterial.
• Condición: manifestación.
• Categoría: os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos (artigo 9.3.a). 5º da LPCG).
• Interese: etnolóxico.
3. Contexto histórico da Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida.
No lugar onde na actualidade se celebra a Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida xurdiu unha devoción mariana, cuxa orixe, popularmente, se lembra por medio de dúas lendas que rexistrou o etnógrafo Xosé Manuel Blanco Prado.
Unha primeira lenda expón: «Certo día, hai disto moito tempo, un home con moita sede achegouse a beber ao regato que pasa pola Ermida. Alí veu unha imaxe da Virxe, tallada en pedra, que estaba na ribeira. O home, logo de beber, deu conta na aldea do que lle acontecera no río. Os residentes do lugar, logo de facer unha reunión, decidiron levar a imaxe en procesión ata a igrexa parroquial, onde a colocaron nun altar. Porén, o domingo seguinte, cando os veciños da parroquia foron oír misa, viron abraiados que a imaxe desaparecera. O seu descubridor, levado por un presentimento, volveu ao regato, onde de novo encontrou a imaxe. Os habitantes da aldea organizaron unha nova procesión ata a igrexa, colocaron a imaxe outra vez no altar e, logo, pecharon o templo baixo chave. O labor foi inútil, xa que a imaxe volveu desaparecer para ir de novo á beira do regato. Os veciños da aldea, convencidos de que o desexo da Virxe era o de ficar nese lugar, construíronlle alí mesmo unha capela e, desde entón, non volveu desaparecer».
Unha segunda lenda sobre a orixe do lugar onde se celebra a manifestación inmaterial reza: «No século XIV, un peregrino francés que ía venerar o apóstolo Santiago, portaba unha imaxe da Virxe probablemente roubada nalgún recinto sagrado que lle servira de hospedaxe. Como se sentira doente, acudiu ao hospital sanxoanista da Encomenda en Quiroga, tras ocultar previamente a imaxe mariana. Pasado o tempo, un veciño da Ermida, chamado Lorenzo Estévez, soñou que sobre o outeiro próximo á aldea, no cal había restos dun antigo templo paleocristiano, resplandecía unha luz. Logo de limpar o lugar, atopou a imaxe da Virxe, que foi levada á igrexa parroquial, pero que retornou tres veces ao lugar de aparición».
O comendador de Quiroga, segundo Xosé Manuel Blanco Prado, foi informado dos feitos acontecidos e aprobou a reconstrución do recinto sagrado, momento en que foi achado o denominado O Crismón de Quiroga, disco circular de mármore do século IV ou V da nosa era e que é testemuña da comunidade cristiá que existiu no lugar nese tempo.
O Crismón de Quiroga ou Crismón da Ermida foi estudado por Jaime Delgado Gómez, que destaca del a súa singularidade dentro de todo o orbe cristián. Así mesmo, sitúa o dito autor o lugar sagrado da Ermida como un dos tres núcleos identificados na actual diocese de Lugo, dentro do ámbito paleocristiano.
A devoción á Virxe mantense no tempo e no ano 1622, no libro da Confraría da Nosa Señora da Ermida, descríbense en detalle aspectos da celebración da manifestación inmaterial, que, do mesmo xeito que na actualidade, xa se desenvolvía os días oito e nove de setembro. Tamén se fai referencia ás Pampórnigas e ao Meco.
O santuario actual posúe unha nave principal e o presbiterio, que datan do século XVII. Posteriormente, no ano 1733 constrúese a nave lateral, separada da principal por un piar, que é máis estreita que a anterior e que se cobre cun tellado dunha soa vertente. No interior do recinto, no retablo maior, con dous pisos e tres rúas, atópase, entre outras tallas, A Nosa Señora da Ermida, que data do século XVI.
4. Desenvolvemento da celebración da manifestación inmaterial: o seu marco temporal e espacial.
A festa mariana da Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida conmemórase todos os anos os días oito e nove de setembro. Previamente, celébrase unha novena desde o día 30 de agosto ata o 7 de setembro. Cada día, ao rematar a novena, un grupo de cinco ou seis homes cántanlle loas á Virxe, aos cales contestan as persoas asistentes coas seguintes palabras: «Sexa sempre a nosa avogada, Virxe Santa da Ermida».
O último día da novena, ao rematar a misa, unha procesión, na cal non participan nin o Meco nin as Pampórnigas, vai pola estrada do Courel ata a Patela, e pasa pola Ameixeira para retornar ao templo.
O recinto sagrado en que se celebra A Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida está localizado na aldea homónima, parroquia de Santa María da Ermida, do concello de Quiroga. No interior do inmoble hai catro cadros pintados no ano 1882 que representan feitos milagrosos vinculados ao santuario que tiveron lugar no século XVIII. Os días da celebración da romaxe sácanse do interior e póñense na fachada central do templo.
Os romeiros e as romeiras, unha vez rematada a procesión e as misas, van ao Souto do Val, onde gozan dun tempo de lecer, mercan produtos locais, como rosquillas, e á noite unhas orquestras animan as persoas asistentes.
5. Descrición do desenvolvemento da celebración da manifestación inmaterial.
Os días oito e nove de setembro chegan romeiros e romeiras de toda a contorna do lugar da Ermida, no concello de Quiroga, para celebrar A Romaxe da Nosa Señora dos Remedios. Algunhas destas persoas desprázanse ao santuario descalzas ou axeonlladas. Así mesmo, hai devotas que acoden vestidas con mortallas en agradecemento pola curación dalgunha doenza grave ou pola solución dalgún problema familiar. A mortalla consiste nunha vestidura de cor branca que levan as devotas desde a cabeza ata a metade do corpo.
As peticións das persoas devotas están relacionadas normalmente coas diferentes doenzas humanas, aínda que tamén pregan por problemas de índole familiar e social. As persoas ofrecidas, co fin de manifestar unha actitude de submisión á Virxe, realizan unha serie de rituais destinados a solicitar a axuda da Virxe ou de agradecer o favor xa recibido.
As persoas que participan na Romaxe da Nosa Señora dos Remedios cumpren con dous rituais. O primeiro, vinculado á liturxia oficial, consiste en asistir e escoitar algunha das misas que se celebran pola mañá (catro o día oito e tres o día nove). Un segundo ritual, máis propio da relixiosidade popular, é o «ritual de contacto coa advocación mariana», que consiste en bicar o manto da Virxe e unha das dúas cintas acaroadas a este.
A procesión celébrase antes da misa solemne das 13.00 horas e disponse do seguinte xeito. En primeiro lugar, vai o Meco, que é un personaxe lendario da comunidade. Anuncia a súa presenza por medio dunhas castañolas, que porta na man esquerda, mentres que na man dereita leva unha vasoira de toxos coa cal vai afastando as persoas para que poida pasar o cortexo procesional. O Meco leva posta unha careta de madeira con trazos demoníacos e na cabeza un sombreiro de cor vermella, que se prolonga ata o lombo, formando unha especie de mulida. O xersei e o pantalón que viste tamén son de cor vermella, aínda que o pantalón ten unhas franxas laterais de cor branca, con pequenos resaltes de cor vermella.
Atrás do Meco van as Pampórnigas, que son dous xigantes que simbolizan a un home e a unha muller e que van danzando unha peza tradicional do lugar. Por este motivo, os seus portadores teñen que ter unha certa destreza, experiencia e resistencia física. As súas cabezas son de madeira e o seu armazón é na actualidade de aluminio. A Pampórniga que simboliza unha muller vai vestida cun sombreiro e cun traxe vermello e leva pendurado dos beizos un acio de uvas, mentres que a que representa un home leva posto un sombreiro de cor azul e fuma en pipa.
A continuación, un grupo de gaiteiros toca unha peza tradicional da comunidade local que foi recuperada por un gaiteiro contemporáneo chamado Colomán. Finalmente, van os elementos propiamente relixiosos, como o estandarte parroquial, acompañado doutros estandartes de parroquias da contorna; a seguir, a imaxe da Virxe, levada nas andas por catro devotas da comunidade; a continuación, os curas, que posteriormente ofician a misa solemne, e por último, o resto das persoas devotas.
Cando a procesión retorna á igrexa, as Pampórnigas colócanse nas xambas da porta e inclinan as súas cabezas no momento en que a imaxe da Virxe entra no recinto. Unha vez comezada a celebración da misa, o Meco fica no adro da igrexa, onde se desenvolve un ritual profano que consiste en que algúns dos fregueses, tanto da parroquia como de fóra, lle botan moedas ao chan. No momento en que o Meco se dobra para recollelas, algunhas persoas danlle labazadas na mulida e el deféndese coa vasoira de toxos.
6. Valoración cultural.
A celebración da Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida desenvólvese desde hai séculos dun xeito que apenas mudou co paso do tempo. De feito, malia as prohibicións do pasado das autoridades eclesiásticas e civís, sobre todo a da data do 21 de xullo de 1780 do monarca Carlos III, que impedía a aparición de xigantes, cabezudos, claríns e todo tipo de improperios, dada a súa falta de decoro, nas celebracións eclesiásticas, persisten na celebración as figuras do Meco e das Pampórnigas como formas extraordinarias nunha romaría eclesiástica, en que reciben nomes orixinais que non se repiten noutra romaría galega.
Outro aspecto propio da manifestación inmaterial, que fai que sexa singular en relación co resto das romarías de Galicia, é a representación escenográfica que trata sobre a loita entre a fe e o maligno, representado polo Meco. Nesta escenografía participan tamén as amortalladas, outro elemento singular da celebración, que seguen a Virxe cubertas e escoitando a gaita soar sempre a mesma peza, que bailan tanto o Meco como as Pampórnigas. Posteriormente, outro momento determinante desta singular representación escenográfica é cando a Virxe entra na igrexa e o demo (o Meco) se prostra perante ela e o pobo (as Pampórnigas), a fe gárdase no templo e o demo xoga cos que quedan fóra e xamais entra na igrexa, que fai de metáfora da casa de Deus.
A Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida ten un valor cultural sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao tratarse dunha manifestación inmaterial que mantén o respecto pola tradición e polos rituais, que foron e son transmitidos de xeración en xeración, que é reflexo da apropiación identitaria feita da manifestación inmaterial pola veciñanza da Ermida, no concello de Quiroga, ao longo dos anos.
7. A comunidade portadora e as formas de transmisión.
Considérase portadora aquela persoa que posúe saberes, coñecementos, técnicas e métodos relacionados co estudo, memoria e vivencia da Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida. Por tanto, todas aquelas persoas que participan na celebración, na salvagarda e na transmisión, deben ser consideradas persoas pertencentes á comunidade, portadora da manifestación inmaterial da Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida.
As persoas que celebran a romaría nestes momentos exceden a veciñanza do ámbito parroquial e mesmo municipal, xa que se reúnen no lugar fieis dos concellos da contorna, como Bóveda, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón ou Ribas de Sil.
A transmisión do misticismo, dos rituais, das lendas, das operacións e das tradicións que compoñen a manifestación inmaterial realizouse e realízase fundamentalmente de forma oral no marco familiar e veciñal, no cal participan habitualmente varias xeracións.
ANEXO II
Medidas de salvagarda
O artigo 1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ten como obxectivo a protección, a conservación, a difusión e o fomento do patrimonio cultural de Galicia, constituído polos bens e manifestacións inmateriais que, polo seu valor, deban ser considerados como de interese para a cultura galega a través do tempo e, tamén, por aqueles bens e manifestacións inmateriais de interese para Galicia en que concorra algún dos valores sinalados e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar en que se creasen.
O artigo 9.3 da devandita lei establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no punto quinto deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos».
Así mesmo, o artigo 91 dispón que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia.
As medidas xerais de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial comprometen as administracións públicas, dentro das súas competencias e dispoñibilidades orzamentarias, a garantir a súa viabilidade, concretamente a súa identificación, documentación, rexistro, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.
En consecuencia, é conveniente arquivar e sistematizar os documentos e os demais materiais relacionados con este patrimonio cultural inmaterial para poder ter unha comprensión máis eficaz e completa del, e a súa difusión debe ser promovida, auspiciada e, na medida do posible, sería recomendable que se incorporase ao ensino tanto formal como non formal. É un traballo que supón, de feito, apoiar a transferencia de coñecementos, técnicas e significados sen fixar ou fosilizar a manifestación, asegurando a súa viabilidade e promovendo o establecemento dun marco social e comunitario que permita unha constante recreación, valorización e transmisión do ben.
