DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Luns, 21 de outubro de 2024 Páx. 55665

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2024 pola que se amplía o crédito dispoñible establecido na Resolución do 29 de xullo de 2024 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos investimentos en equipamento en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408I).

Mediante a Resolución do 29 de xullo de 2024 publicouse o Acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas aos investimentos en equipamento en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 en réxime de concorrencia non competitiva (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

No punto terceiro da resolución prevíase unha dotación orzamentaria para concesións de 3.000.000,00 € na partida 09.A1.741A.7700 para o presente ano 2024.

As axudas, acollidas ao réxime de minimis, teñen unha intensidade do 40 % da base subvencionable, cun máximo de 300.000,00 €.

O prazo de presentación pechou o pasado 10 de outubro e constan presentadas 1.373 solicitudes que suman 281.136.262,22 € de orzamento total, superando calquera previsión que se puider ter feito. Isto, unido á alta intensidade da axuda, amosa que o crédito dispoñible para concesións é claramente insuficiente para atender cun mínimo de eficiencia as necesidades da convocatoria e as expectativas das persoas solicitantes que optan á subvención.

A convocatoria establece que a persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Tendo en conta, ademais, que estas axudas se conceden sobre os custos realizados ou que se van realizar en forma de pagamento anticipado ao 100 % e que a xustificación ten que presentarse ata o 10 de decembro de 2024, de xeito que todo o crédito se utilizará dentro desta anualidade de 2024.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Amplíase en 3.400.000,00 euros o crédito dispoñible para esta convocatoria para o ano 2024, previsto no punto terceiro da Resolución do 29 de xullo de 2024 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos investimentos en equipamento en Galicia, e se procede á súa convocatoria para
o ano 2024 en réxime de concorrencia non competitiva (DOG núm. 146, do 30 de xullo), que queda establecido do seguinte xeito:

Partida orzamentaria

Ano 2024

09.A1.741A.7700

6.400.000,00 €

Segundo. Esta ampliación de crédito non supón a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Terceiro. Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica