DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Martes, 22 de outubro de 2024 Páx. 56281

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, pola que se declara a Comunidade Autónoma de Galicia herdeira ab intestato de María Josefa Lois Martínez.

Antecedentes.

Por Resolución do 17 de novembro de 2023 acordouse a incoación do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de María Josefa Lois Martínez (ABI/2017/0091).

A citada resolución publicouse no Boletín Oficial del Estado (Supl. nº 290, do 5.12.2023), no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 229, do 1.12.2023), na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, e foi exposta no taboleiro de anuncios dos concellos da Coruña e de Oleiros por prazo non inferior a un mes.

Constan no expediente os correspondentes certificados de defunción e derradeiras vontades relativos á persoa causante, en que se acredita o seu falecemento o 19 de maio de 2017 en Oleiros, e que non tiña outorgado testamento rexistrado. Así mesmo, figuran igualmente incorporados certificados do seu empadroamento no concello da Coruña, quedando xustificada formalmente a súa veciñanza civil galega.

Durante a tramitación do procedemento non se teñen recibido alegacións, documentos ou outros elementos de xuízo que cuestionen a sucesión a favor da Administración autonómica, o que corrobora o informe emitido para o efecto pola Policía Autonómica de Galicia e as manifestacións de terceiras persoas unidas ao expediente.

Das consultas efectuadas perante o Catastro Inmobiliario, no Índice Xeral Informatizado de Predios e Dereitos do Rexistro da Propiedade e por outras fontes, determinouse, en principio, que ao menos forman parte da masa hereditaria da persoa finada os bens e dereitos que se adxudican no punto segundo desta resolución, sen prexuízo da inclusión daqueloutros que se identifiquen con posterioridade a esta declaración como de titularidade da persoa causante.

A Asesoría Xurídica da Consellería de Facenda e Administración Pública emitiu informe sobre a adecuación e suficiencia das actuacións practicadas para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato da persoa causante.

Fundamentos xurídicos:

Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, artigos 267 e seguintes.

Código civil, artigos 657 e seguintes.

Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, artigos 20.6 e 20 bis.8.

Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, título III, artigos 147 e seguintes.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, artigos 14 e 16.

Segundo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a Comunidade Autónoma de Galicia única e universal herdeira ab intestato de María Josefa Lois Martínez, con DNI 32415795D, entendéndose legalmente aceptada a herdanza a beneficio de inventario.

Segundo. Adxudicar á Administración autonómica os seguintes bens e dereitos da herdanza identificados:

– Contratos e outros efectos bancarios:

• Banco Santander, conta de aforro: 0238 8114 38 0700135077.

• Banco Santander, conta de aforro: 0049 7691 56 3020000753.

Terceiro. Publicar a presente resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, área temática de Patrimonio, Anuncios, que se pode consultar na seguinte ligazón: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios.

A resolución será remitida para a súa exposición pública no taboleiro de anuncios dos concellos da Coruña e de Oleiros por prazo non inferior a trinta días naturais.

Esta resolución poderá ser recorrida por infracción das normas sobre competencia e procedemento mediante recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, de conformidade cos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os que se consideren prexudicados en canto ao seu mellor dereito á herdanza ou noutros dereitos de carácter civil por esta declaración ou pola adxudicación de bens a favor da Comunidade Autónoma de Galicia que se contén nesta resolución poderán exercer as accións pertinentes perante o órgano da xurisdición civil correspondente.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2024

José María Barreiro Díaz
Director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio