DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Martes, 22 de outubro de 2024 Páx. 56284

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, pola que se declara a Comunidade Autónoma de Galicia herdeira ab intestato de Josefa Paz Martínez.

Antecedentes:

Pola Resolución do 7 de novembro de 2023 acordouse a incoación do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Josefa Paz Martínez (ABI/2017/0088).

A citada resolución publicouse no Boletín Oficial del Estado (suplemento N. nº 286, do 30.11.2023), no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 225, do 27.11.2023), na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, e foi exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Ribeira por un prazo non inferior a un mes.

Constan no expediente os correspondentes certificados de defunción e as derradeiras vontades relativos á persoa causante, nos que se acredita o seu falecemento o 19 de maio de 2014 en Ribeira, e que non tiña outorgado testamento rexistrado. Así mesmo, figuran igualmente incorporados os certificados do seu empadroamento nos concellos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal, co que queda xustificada formalmente a súa veciñanza civil galega.

Durante a tramitación do procedemento non se recibiron alegacións, documentos ou outros elementos de xuízo que cuestionen a sucesión a favor da Administración autonómica, o que corrobora o informe emitido para o efecto pola Policía Autonómica de Galicia e as manifestacións de terceiras persoas unidas ao expediente.

Das consultas efectuadas perante o Catastro Inmobiliario, no Índice Xeral Informatizado de Predios e Dereitos do Rexistro da Propiedade e por outras fontes, determinouse, en principio, que, cando menos, forman parte do caudal hereditario da persoa finada os bens e dereitos que se adxudican no punto segundo desta resolución, sen prexuízo da inclusión daqueloutros que se identifiquen con posterioridade a esta declaración como de titularidade da persoa causante.

A Asesoría Xurídica da Consellería de Facenda e Administración Pública emitiu un informe sobre a adecuación e a suficiencia das actuacións practicadas para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato da persoa causante.

Fundamentos xurídicos:

Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, artigos 267 e seguintes.

Código civil, artigos 657 e seguintes.

Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, artigos 20.6 e 20.bis.8.

Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, título III, artigos 147 e seguintes.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, artigos 14 e 16.

Segundo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a Comunidade Autónoma de Galicia única e universal herdeira ab intestato de Josefa Paz Martínez, con DNI 14509798H, e enténdese legalmente aceptada a herdanza a beneficio de inventario.

Segundo. Adxudicar á Administración autonómica os seguintes bens e dereitos da herdanza identificados:

Contratos e outros efectos bancarios:

– Abanca, conta de aforro: ES10 2080 5158 2730 0002 3030.

– Abanca, conta a prazo: ES07 2080 0303 1138 1000 6904.

Terceiro. Publicar esta resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, área temática de Patrimonio, Anuncios, que se pode consultar na seguinte ligazón: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

A resolución será remitida para a súa exposición pública no taboleiro de anuncios do Concello de Ribeira por un prazo non inferior a trinta días naturais.

Esta resolución poderá ser recorrida por infracción das normas sobre a competencia e o procedemento mediante un recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, de conformidade cos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os que se consideren prexudicados en canto ao seu mellor dereito á herdanza ou noutros dereitos de carácter civil por esta declaración ou pola adxudicación de bens a favor da Comunidade Autónoma de Galicia que se contén nesta resolución, poderán exercer as accións pertinentes perante o órgano da xurisdición civil correspondente.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2024

José María Barreiro Díaz
Director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio