DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Martes, 22 de outubro de 2024 Páx. 56287

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 8 de outubro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 4 de outubro de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, no concello de Toén.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, pertencente á CMVMC de Moreiras e Trelle, no concello de Toén, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC de Moreiras e Trelle presentou unha solicitude de revisión de esbozo do MVMC Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, no concello do Toén. Esta solicitude non incluía documentación técnica ningunha referente á proposta en si, senón que foi presentada para os únicos efectos de xustificar administrativamente o remate de traballos correspondente ao expediente de axuda núm. 21320685/2021, dentro das axudas ao impulso á boa gobernanza das comunidades de montes (Orde do 31 de decembro de 2020).

Segundo. Posteriormente, a mesma comunidade presentou varias solicitudes complementarias da anterior: unha do 7.11.2023, coa que achegaban arquivos xeográficos en formato vectorial coa proposta; e unha do 4.12.2023 (coa que acompañaban unha certificación do Acordo do 25 de setembro de 2022 polo que se autorizaba a revisión, ademais de arquivos shapeile adicionais coa poligonal final resultante da proposta.

Terceiro. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 12 de decembro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes lindeiras con particulares correspondentes aos predios ou montes Acevedo, Porriño, Conchada e Bidueiros (é dicir, todos os que integran o monte agás o predio Feal), así como tamén as estremas con outras comunidades veciñas.

A superficie do MVMC Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, unha vez revisado o esbozo, e tendo en conta os procedementos de deslindamento concorrentes coa CMVMC de Xestosa e coa de Trellerma, sería de 457,06 ha fronte ás 436 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 4,8 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, de xeito que o perímetro quedaría revisado nas estremas con particulares (agás as do monte Feal) e mais nas veciñanzas cos MVMC Bacarizas e O Castro.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 12 de decembro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de setembro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, pertencente á CMVMC de Moreiras e Trelle, no concello de Toén.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 8 de outubro de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense