Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC San Mamede de Parada, pertencente á CMVMC de Parada, e o MVMC San Mamede de Porto, pertencente á CMVMC de Porto e Alemparte, no concello de Vilar de Barrio, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. As CMVMC de Parada e Porto e Alemparte, propietarias dos MVMC San Mamede de Parada e San Mamede de Porto, presentaron unha solicitude de deslindamento entre ambos os montes veciñais.
Segundo. O día 4.12.2009, o Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe en relación coa citada solicitude. Nel reflíctese que a estrema acordada encaixa perfectamente nos límites dados nos correspondentes acordos de clasificación.
A estrema conciliada modifica de forma notable a superficie de ambos os montes, xa que o MVMC San Mamede de Parada sofre unha diminución de 40 hectáreas, as cales pasan a aumentar a superficie do MVMC San Mamede de Porto.
O novo límite soamente afecta terreos dos dous montes veciñais implicados, sen que resulten implicados outros montes veciñais nin outros terreos.
Polo que propón a súa aprobación ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 4 de decembro de 2009, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de setembro de 2024:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC San Mamede de Parada, pertencente á CMVMC de Parada, e o MVMC San Mamede de Porto, pertencente á CMVMC de Porto e Alemparte, no concello de Vilar de Barrio.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 8 de outubro de 2024
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
