Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Comunal de Canizo, pertencente á CMVMC do Canizo, no concello da Gudiña, e o MVMC Serra de Vilaseco, pertencente á CMVMC de Vilaseco da Serra, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. As CMVMC do Canizo e Vilaseco da Serra, propietarias dos MVMC Comunal de Canizo e Serra de Vilaseco, presentaron unha solicitude de deslindamento entre ambos os montes veciñais.
Segundo. O día 13.10.2005, o Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe en relación coa citada solicitude. Nel reflíctese que a estrema acordada queda claramente definida e resulta coincidente coa expresada nos respectivos acordos de clasificación.
A estrema non interfire en ningún monte veciñal clasificado, salvo nos dous vértices extremos (1 e 13 do plano), nos que se existe un entroncamento con outros montes veciñais, o cal é coincidente co que consta nos respectivos acordos de clasificación.
Polo que propón a súa aprobación ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 13 de outubro de 2005, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de setembro de 2024:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Comunal de Canizo, pertencente á CMVMC do Canizo, no concello da Gudiña, e o MVMC Serra de Vilaseco, pertencente á CMVMC de Vilaseco da Serra, no concello de Viana do Bolo.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 8 de outubro de 2024
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
