DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Martes, 22 de outubro de 2024 Páx. 56274

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2024, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Cabanas (expediente IN407A 2024/91-1).

Expediente: IN407A 2024/91-1.

Promotora: Sucesores de Manuel Leira, S.L.

Denominación da instalación: reforma centro de transformación Apeadero.

Concello: Cabanas.

Feitos:

1. O día 18 de marzo de 2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de mellorar a calidade e continuidade da subministración, adecuar as instalacións que remataron a súa vida útil de 40 anos e en previsión dunha suba da demanda na zona.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña, ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, e que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado: reforma centro de transformación Apeadero, asinado o 11 de marzo de 2024 por Francisco Javier Bouza Cabarcos, enxeñeiro industrial, co nº colexiado 867 de Galicia.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, non se solicitou o preceptivo informe a ningunha Administración, organismo ou, de ser o caso, empresa de servizo público ou de servizo de interese xeral afectadas xa que a empresa promotora non achegou separatas en que declare que a actuación non prevé afeccións a bens e dereitos a cargo.

4. O 13 de setembro de 2024 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente atópanse nas coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29) X:567.316 Y:4.807.335, no concello de Cabanas.

Reforma do CT Apeadero, de tipo edificio non prefabricado:

• Substitución da actual aparellaxe de manobra e protección con accionamento manual e illamento en aire por celas modulares motorizadas con illamento SF6. Instalaranse 2 celas de liña (interruptor-seccionador), unha das cales quedará en reserva, e unha cela de protección do transformador.

• Substitución dos dous transformadores existentes de 315 e 250 kVA por un único transformador de 630 kVA e relación de trasformación de 15/0,420 kV.

• LMTS en condutor RHZ1-20L 3×(1×240) mm2 dunha lonxitude de 11 m, coa orixe na fachada do castelo Apeadero, onde se realiza un paso de aéreo a soterrado pola fachada exterior, e final na cela de liña do centro de trasformación.

• Dous cadros de baixa tensión AC-4-1600, con catro saídas de circuítos individuais para distribución en baixa tensión mediante a rede actual.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 18 de setembro de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña