No Diario Oficial de Galicia do 20 de xuño de 2023 publicouse a Orde do 6 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades deportivas para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas, e se convocan para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento DE401D) (en diante, Orde do 6 de xuño de 2023).
O 25 de setembro de 2023, o vicepresidente primeiro e conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes resolveu as solicitudes para a concesión das subvencións previstas na Orde do 6 de xuño de 2023, resultando a solicitude da entidade Sporting Club Casino de La Coruña desistida por non emendar no prazo (en diante, Resolución do 25 de setembro de 2023).
A dita resolución foille notificada á entidade Sporting Club Casino de La Coruña o 25 de setembro de 2023 e publicada no Diario Oficial de Galicia do 2 de outubro.
O 26 de setembro de 2023, a entidade Sporting Club Casino de La Coruña presentou recurso potestativo de reposición contra a Resolución do 25 de setembro de 2023, no cal alega que a dita entidade emendou todo o que se pediu no rexistro: modificación ou mellora voluntaria da solicitude do 18 de agosto de 2023, 10.44.59, nº de entrada 2023/2310979.
O 31 de maio de 2024, o xefe do Servizo de Deportes da Coruña, informou de que a solicitude de modificación ou mellora voluntaria da solicitude con número de rexistro de entrada 2023/2310979, por mor dun erro, non se tivo en conta, o que supuxo a inadmisión da solicitude da entidade Sporting Club Casino de La Coruña.
O 25 de xuño de 2024, o secretario xeral para o Deporte propuxo a estimación do recurso de reposición interposto pola entidade Sporting Club Casino de La Coruña.
O 27 de setembro de 2024, o secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes, resolveu estimar o recurso potestativo de reposición interposto pola entidade Sporting Club Casino de La Coruña.
O 2 de outubro de 2024, o secretario xeral para o Deporte resolveu concederlle unha subvención de 25.000 euros á entidade Sporting Club Casino de La Coruña para a actuación de reposición de céspede artificial en cinco pistas de pádel (en diante, Resolución do 2 de outubro de 2024).
Segundo o disposto literalmente no punto cuarto desta resolución: «Para a xustificación da subvención, segundo o artigo 18 da Orde do 6 de xuño de 2023, a entidade beneficiaria terá de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a correspondente xustificación, segundo a documentación establecida no referido artigo, ata o 31 de outubro de 2024».
O 8 de outubro de 2024, a entidade Sporting Club Casino de La Coruña presenta un escrito mediante o que acepta a subvención pero solicita unha ampliación do prazo de execución e xustificación ata o 28 de decembro de 2024.
O 10 de outubro de 2024, a subdirectora xeral de Xestión Deportiva propón que se modifique a Resolución do 2 de outubro de 2024 para ampliar o prazo de execución e xustificación da subvención concedido á entidade Sporting Club Casino de La Coruña ata o 28 de decembro de 2024.
Por todo o exposto e de conformidade co artigo 22.2 da Orde do 6 de xuño de 2023, que habilita para autorizar as modificacións da resolución de concesión atendendo aos obxectivos e requisitos da orde e ao cumprimento da normativa de aplicación, dítase a presente resolución.
Correspóndelle ao secretario xeral para o Deporte a competencia para modificar a Resolución do 2 de outubro de 2024, de conformidade co disposto no artigo 3.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (DOG núm. 117, do 18 de xuño).
Así mesmo, de conformidade co disposto no punto sétimo da Resolución do 25 de setembro de 2023, para xustificar a subvención, segundo o artigo 18 da orde da convocatoria, as entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a correspondente xustificación, segundo a documentación establecida no referido artigo, ata o 1 de decembro de 2023, para a primeira anualidade, e ata o 31 de outubro de 2024, para a segunda anualidade.
De conformidade co disposto no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra establecido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros.
De conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), a Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder, de oficio ou por petición dos interesados, unha ampliación dos prazos establecidos, que non excedan a metade dos mesmos, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican os dereitos de terceiros.
Tendo en conta que a entidade Sporting Club Casino de La Coruña resultou beneficiaria da axuda logo de estimarlle con data do 27 de setembro de 2024 o recurso potestativo de reposición que interpuxo con data do 26 de setembro de 2023, que a ampliación do prazo que solicita é ata o 28 de decembro de 2024, inferior ao máximo permitido pola normativa citada, e co fin de respectar os principios de igualdade de trato e non discriminación respecto do resto das entidades beneficiarias da axuda,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar a Resolución do 2 de outubro de 2024 e ampliar o prazo de execución e xustificación da subvención concedida á entidade Sporting Club Casino de La Coruña ata o 28 de decembro de 2024.
Segundo. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
P.D. (Orde 12.6.2024; DOG núm. 117, do 18 de xuño)
José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte
