DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Venres, 25 de outubro de 2024 Páx. 57329

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 16 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI451B).

O Real decreto 1917/2008, do 21 de novembro, polo que se aproba o programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, establece no seu artigo 10 incentivos para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres que, como consecuencia da súa contratación, teñan que trasladar a súa residencia habitual.

O dito real decreto establece catro tipos de incentivos: gastos de desprazamento, gastos de transporte de mobiliario e enxoval, gastos de aloxamento e gastos de atención a menores e/ou persoas dependentes.

Na súa disposición adicional segunda o real decreto dispón que «as comunidades autónomas que asumisen o traspaso da xestión realizada polo Servizo Público de Emprego Estatal no ámbito do traballo, o emprego e a formación, así como de programas de apoio á creación de emprego, exercerán as funcións que lles correspondan segundo o disposto nos reais decretos de traspasos e nas normas de procedemento e bases reguladoras para a concesión de subvencións que diten as comunidades autónomas para a súa execución en función da súa propia organización».

A competencia en materia de igualdade correspóndelle á Consellería de Política Social e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

O Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, establece que lle corresponde a este órgano superior, entre outras, a función de impulsar as actuacións conducentes á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e na demais lexislación aplicable na materia.

Pola súa banda, a dita Lei 11/2007, do 27 de xullo, establece no seu artigo 35 unha serie de medidas específicas no ámbito da formación e do emprego.

O Pacto de Estado contra a violencia de xénero, adoptado no Congreso dos Deputados e no Senado, cuxa aprobación culminou, o 27 de decembro de 2017, coa ratificación de todas as comunidades autónomas de común acordo do documento final do Pacto de Estado, que recolle no seu eixe 3 de maneira específica «O perfeccionamento da asistencia, axuda e protección ás vítimas», prevé para iso a potenciación dos plans de inserción laboral das mulleres vítimas, implicando activamente os axentes sociais e simplificando e mellorando os sistemas de axudas previstos actualmente.

Así, a medida 174 do documento refundido recolle: «Potenciar o plan de inserción sociolaboral para as vítimas regulado no Real decreto 1917/2008, do 21 de novembro, polo que se aproba o programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, desenvolvendo máis extensivamente as medidas de actuación alí recollidas e prevendo, así mesmo, medidas de adaptación ás necesidades individuais das vítimas, conectándoas coas axudas económicas existentes e simplificando as condicións para acceder a estas».

O día 25 de novembro de 2021, catro anos despois da aprobación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a maioría dos grupos políticos con representación parlamentaria, conscientes de que o Pacto de Estado non pode ter como horizonte temporal o mes de setembro de 2022, senón que debe continuar vertebrando a nosa resposta como país fronte á violencia machista, asinaron un acordo de renovación, onde novamente se plasmou a vontade de todos os axentes institucionais de seguir traballando polo cumprimento das medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e o establecemento dun marco ampliado e permanente para o desenvolvemento de políticas públicas que o fortalezan.

Con base en todo o anterior, o 22 de xullo de 2022 a Conferencia Sectorial de Igualdade aprobou o acordo relativo ao establecemento dun marco de actuación conxunta que garanta a prórroga e permanencia das políticas públicas e os servizos que derivan do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, co obxecto de asegurar as condicións básicas que garantan a igualdade de todas as mulleres no exercicio dos seus dereitos fronte á violencia.

A presente orde, enmarcada na continuidade no desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero na nosa comunidade, supón un paso máis para favorecer a integración sociolaboral das mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia, coa articulación e desenvolvemento de medidas económicas que apoien a súa independencia económica e persoal cando se vexan obrigadas a un cambio de residencia.

Esta orde, que se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, adáptase ao disposto na dita lei, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para o que foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación

1. O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán a concesión de subvencións destinadas a facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero cando, a causa desa situación de violencia, se vexan na necesidade de cambiar a súa residencia habitual como consecuencia da súa contratación por conta allea ou establecemento por conta propia.

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2024.

2. A finalidade das axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sufriron violencia machista e apoialas no comezo dunha nova vida ou situación libre de violencia.

3. Considerarase que existe mobilidade xeográfica cando, como consecuencia da contratación por conta allea ou polo establecemento por conta propia, se produza un traslado efectivo da residencia habitual na Comunidade Autónoma de Galicia a outra localidade de destino que se atope a máis de 50 quilómetros da localidade de orixe.

Subvencionarase a mobilidade xeográfica dentro da Comunidade Autónoma de Galicia ou ben desde a Comunidade Autónoma de Galicia a outras localidades situadas dentro do territorio español.

4. As axudas recollidas na presente orde recoñeceranse cando o traslado se realizase desde o 1 de xaneiro de 2024. Ao abeiro desta orde de convocatoria só serán subvencionables os gastos realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 2 de decembro de 2024.

5. O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI451B.

6. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario, coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

Artigo 2. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as mulleres vítimas de violencia de xénero que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que acrediten a súa situación por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida no prazo dos 24 meses anteriores ao cambio de residencia.

Para os efectos desta orde, tamén terán a condición de vítima de violencia de xénero as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interposita persona.

b) Que cesasen a relación de convivencia co seu agresor.

c) Que a media dos ingresos brutos mensuais da solicitante non supere o límite do importe de 3,5 veces o Indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente nos 6 meses anteriores á data de presentación da solicitude.

Unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima.

Artigo 3. Prazo e solicitude

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de decembro de 2024.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, asinado pola persoa solicitante ou pola persoa representante legal, de ser o caso.

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 4. Orzamento

1. Para a concesión destas subvencións destínase crédito polo importe de 20.000,00 euros na aplicación orzamentaria 38.06.313D.480.2, código de proxecto 2018 00112.

O financiamento enmárcase nos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia para 2024.

2. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas nos ditos artigos.

Artigo 5. Tipos e contía das subvencións

1. Serán subvencionables os seguintes tipos de gastos:

a) Os gastos de desprazamento da beneficiaria, así como os dos familiares ao seu cargo que convivan con ela, desde a localidade de orixe ao da nova residencia. Cando o desprazamento se realice en liña regular de transporte público, a contía máxima da axuda será o importe do billete ou pasaxe dentro da tarifa correspondente á clase segunda, turista ou equivalente. Se se utiliza para o desprazamento o vehículo particular, a contía máxima da axuda será a establecida para o efecto nas administracións públicas como indemnización por uso de vehículo particular (0,26€/km), a que se engadirá o importe das peaxes que se xustifiquen.

b) Os gastos de transporte de traslado de mobiliario e enxoval desde a localidade de orixe á do novo destino na contía do custo do dito traslado, ata un máximo de 4 veces o IPREM mensual vixente. En ningún caso o importe da axuda poderá superar o custo total da actividade subvencionada.

c) Os gastos de aloxamento, incluíndo o alugueiro ou adquisición de vivenda, ou outros gastos de hospedaxe da beneficiaria e dos familiares ao seu cargo que convivan con ela, na localidade de novo destino durante os doce primeiros meses de vixencia do contrato de traballo ou das súas modificacións e polo traballo realizado por conta propia. A contía máxima da axuda será de 10 veces o IPREM mensual vixente. Para o cálculo da contía que se aboará multiplicarase o número de días en que a beneficiaria permanecese traballando por conta allea ou propia na nova localidade polo IPREM diario. En ningún caso o importe da axuda poderá superar o custo total da actividade subvencionada.

d) Os gastos das escolas infantís ou centros de ensino durante o primeiro ciclo de educación infantil dos/das fillos/as das beneficiarias que dependan economicamente dela no referido ao transporte e comedor ou por atención das persoas dependentes ao seu cargo, ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade xerados durante os doce primeiros meses de vixencia do contrato, ou das súas modificacións, e polo traballo realizado por conta propia na nova localidade. A contía máxima da axuda será de 4 veces o IPREM mensual vixente con independencia do número de fillos. Para o cálculo da contía que se aboará, multiplicarase o número de días en que a muller permanecese contratada por conta allea ou propia polo (IPREM) diario. En ningún caso o importe da axuda poderá superar o custo total da actividade subvencionada.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación común para todas as subvencións:

1º. Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo.

2º. Documentación que acredite os ingresos da persoa solicitante declarados no anexo I a través de nóminas, recibos ou calquera outro documento acreditativo.

3º. Copia do libro de familia, certificación expedida polo Rexistro Civil ou calquera outro documento que acredite fidedignamente a relación materno-filial e de parentesco coa persoa familiar dependente, se é o caso.

4º. Certificado histórico de empadroamento.

5º. Contrato de traballo ou documento acreditativo da contratación onde se indique a data de inicio e a data de fin.

6º. Documento de alta no réxime especial de traballadores autónomos a través do modelo 036 ou 037.

b) Documentación específica para cada tipo de subvención:

1º.Para a axuda de gastos de desprazamento, o/os billete/s, pasaxe/s e peaxes, se é o caso, e xustificante/s do seu pagamento.

2º. Para a axuda de gastos de transporte de mobiliario e enxoval, as facturas acreditativas do gasto realizado no transporte de mobiliario e enxoval e documentos acreditativos do seu pagamento.

3º. Para a axuda de gastos de aloxamento:

3º.1. Facturas ou recibos correspondentes aos gastos derivados da hospedaxe, así como a documentación acreditativa do seu pagamento, se é o caso.

3º.2. Contrato de alugueiro e documentos acreditativos do seu pagamento, se é o caso.

3º.3. Contrato de compravenda de vivenda, se é o caso.

4º. Para a axuda de gastos de escolas infantís e de atención a persoas dependentes:

4º.1. Facturas correspondentes ao transporte ou comedor das escolas infantís e centros de ensino durante o primeiro ciclo de educación infantil e documentación acreditativa do seu pagamento, se é o caso.

4º.2. Facturas correspondentes aos gastos derivados do coidado de persoas dependentes e documentación acreditativa do seu pagamento, se é o caso.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. As solicitantes deberán comunicar á Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, calquera modificación que se produza nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que a acompañan. Esta variación comunicarase no momento en que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de residencia legal da persoa solicitante estranxeira.

d) Certificado de datos de residencia con data da última variación.

e) Informe de vida laboral dos últimos 12 meses.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Publicación na BDNS

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberanse transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

Artigo 10. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero. Este proceso efectuarase de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na orde de convocatoria, a Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero requirirá a interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, indicándolle que, de non o facer, se considerará que desiste da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina no artigo 16.4 da dita Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, e sempre que sexa preciso, a Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, requirirá as solicitantes para que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. De conformidade co disposto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, unha vez concluída a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará directamente a proposta de resolución ao órgano concedente, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.

6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, desestimación ou desistencia, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e arquivaranse sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade.

2. O procedemento de concesión segue o réxime de concorrencia non competitiva, polo que se recoñecerán axudas ata o esgotamento do crédito orzamentario. Unha vez esgotado o crédito, o órgano xestor deberá publicar o esgotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, esta entenderase desestimada, de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Política Social e Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Pagamento das axudas

1. O pagamento da axudas axustarase ao establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O pagamento das axudas reguladas nesta orde farase unicamente na conta que as persoas solicitantes fagan constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.

3. As subvencións ás mulleres beneficiarias concederanse en atención á concorrencia dos requisitos sinalados no artigo 2 e non requirirán outra xustificación que a acreditación dos ditos requisitos ao abeiro do artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo do cumprimento das obrigas sinaladas no seguinte artigo.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Así mesmo, teñen a obriga de comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias que fundamentan o dereito a percibir estas axudas, de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Política Social e Igualdade a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Reintegro

1. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obtivese a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseasen ou ocultasen feitos ou datos que motivasen a súa concesión. Para a tramitación do expediente declarativo de reintegro haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia, que lles será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da subvención. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 18. Incompatibilidades

1. Coa excepción establecida no número 2, as subvencións reguladas nesta orde son incompatibles coa percepción doutra indemnización establecida polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, destinadas ao mesmo fin e con relación ao mesmo feito causante. Así mesmo, esta axuda é incompatible coa axuda para cambio de residencia recollida na disposición transitoria primeira do Real decreto 1369/2006, do 24 de novembro, polo que se regula o programa de renda activa de inserción para desempregados con especiais necesidades económicas e dificultade para encontrar emprego.

2. As axudas de indemnización establecidas nesta orde son compatibles coas axudas previstas na Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual, así como con calquera outra axuda económica de carácter autonómico ou local concedida pola situación de violencia de xénero.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade da previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI451B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Política Social e Igualdade a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, nas unidades administrativas de Igualdade dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos ou da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, https://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos 981 54 53 61/981 95 72 68 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal

Artigo 21. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establecen a Lei 9/2007, do 13 de xuño, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero para actuar, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero para ditar as instrucións que sexan necesarias para desenvolver esta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file