DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Venres, 25 de outubro de 2024 Páx. 57348

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 16 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI451B).

BDNS (Identif.): 791940.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publicase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as mulleres vítimas de violencia de xénero que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que acrediten a súa situación por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida no prazo dos 24 meses anteriores ao cambio de residencia.

Para os efectos desta orde, tamén terán a condición de vítima de violencia de xénero as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interposita persoa.

b) Que cesasen a relación de convivencia co seu agresor.

c) Que a media dos ingresos brutos mensuais da solicitante non supere o límite do importe de 3,5 veces o IPREM vixente nos 6 meses anteriores á data de presentación da solicitude.

2. As axudas recollidas na presente orde recoñeceranse cando o traslado se realizase desde o 1 de xaneiro de 2024.

Segundo. Obxecto

Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero cando, a causa desa situación, se visen obrigadas a cambiar a súa residencia habitual como consecuencia da súa contratación por conta allea ou establecemento por conta propia.

Terceiro. Tipos de subvencións

Serán subvencionables os seguintes tipos de gastos:

1. Gastos de desprazamento da beneficiaria, así como dos familiares ao seu cargo que convivan con ela, desde a localidade de orixe á da nova residencia.

2. Gastos de transporte de traslado de mobiliario e enxoval desde a localidade de orixe á do novo destino.

3. Gastos de aloxamento, incluíndo o alugueiro ou adquisición de vivenda, ou outros gastos de hospedaxe da beneficiaria e dos familiares ao seu cargo que convivan con ela, na localidade de novo destino, durante os doce primeiros meses de vixencia do contrato de traballo, ou das súas modificacións, e polo traballo realizado por conta propia.

4. Gastos de escolas infantís ou centros de ensino durante o primeiro ciclo de educación infantil dos/das fillos/as das beneficiarias que dependan economicamente dela no referido ao transporte e comedor ou por atención das persoas dependentes ao seu cargo, ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade, xerados durante os doce primeiros meses de vixencia do contrato, ou das súas modificacións, e polo traballo realizado por conta propia na nova localidade.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 16 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI451B).

Quinto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de vinte mil euros (20.000,00 €), que se imputarán á aplicación orzamentaria 38.06.313D.480.2 (código de proxecto 2018 00112) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2024.

O financiamento enmárcase nos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia para 2024.

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas nos devanditos artigos.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de decembro de 2024.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade