O 31 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código do procedemento IN519D).
O artigo 21.1 das bases reguladoras da dita orde establece que, para cobrar a subvención, os concellos beneficiarios terán ata o 31 de outubro de 2024 para presentar a documentación xustificativa para os investimentos realizados ata esa data, para solicitar o pagamento da contía da subvención concedida con cargo á anualidade de 2024.
Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas e a necesidade, de ser o caso, da tramitación do expediente de contratación, o que implica un posible risco de incumprimento do prazo establecido na orde, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación ata o día 15 de novembro de 2024 (incluído) para a execución e xustificación da contía da subvención concedida con cargo á anualidade de 2024.
De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,
DISPOÑO:
Artigo único. Ampliación do prazo de execución e xustificación
Modifícase o artigo 21.1 das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobadas pola Orde do 4 de xaneiro de 2024, no referente ao prazo de execución e xustificación para a contía da subvención concedida con cargo á anualidade 2024, que se amplía ata o 15 de novembro de 2024 (incluído).
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2024
Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria
