Examinado o expediente iniciado por solicitude de Energías Ambientales de Somozas, S.A., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Somozas, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. Mediante Resolución da Dirección Xeral de Industria, do 29 de xullo de 1998, autorizáronse as instalacións electromecánicas e aprobouse o proxecto de execución do parque eólico denominado Monte da Serra (expediente 6-1/97), composto por 25 aeroxeradores de 600 kW de potencia unitaria, para unha potencia total de 15 MW, e promovido por Energías Ambientales, S.A.
Segundo. Mediante a Resolución do 27 de xullo de 1999, da Dirección Xeral de Industria, autorizáronse as instalacións electromecánicas e aprobouse o proxecto de execución do parque eólico denominado Monte Marbán (expediente 7-1/97), composto por 19 aeroxeradores de 600 kW de potencia unitaria, para unha potencia total de 11,4 MW, e promovido por Energías Ambientales, S.A.
Terceiro. Mediante a Resolución do 7 de outubro de 1999, da Dirección Xeral de Industria, autorizáronse as instalacións electromecánicas, aprobouse o proxecto de execución e modificáronse as condicións de inclusión no réxime especial do parque eólico denominado Monte Vilalbesa (expediente 8-1/1997), composto por 37 aeroxeradores de 600 kW de potencia unitaria, para unha potencia total de 22,2 MW, e promovido por Energías Ambientales, S.A.
Cuarto. Mediante a Resolución do 5 de setembro de 2000, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou a transmisión de bens e dereitos derivados das autorizacións das instalacións electromecánicas, aprobación dos proxectos de execución e recoñecemento da condición de instalacións acollidas ao réxime especial dos parques eólicos Monte da Serra, Monte Marbán e Monte Vilalbesa, a favor da sociedade Energías Ambientales de Somozas, S.A.
Quinto. Mediante a Resolución do 20 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse á sociedade Energías Ambientales de Somozas, S.A. a unificación dos parques eólicos Monte da Serra, Monte Marbán e Monte Vilalbesa, nun único parque denominado Somozas, de 48,6 MW recoñéceuselle á referida instalación a condición de acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica.
Sexto. Mediante a Resolución do 31 de marzo de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizáronse as instalacións electromecánicas, aprobouse o proxecto de execución e recoñeceuse a condición de instalación acollida ao réxime especial do proxecto modificado parcial do parque eólico denominado Somozas, situado no municipio das Somozas (A Coruña) (expediente IN661A 02/10), consistente na instalación dun novo aeroxerador de 1.600 kW de potencia unitaria e na eliminación dun existente de 600 kW, resultando unha potencia total de 49,6 MW.
Sétimo. O 8.7.2020, a promotora, Energías Ambientales de Somozas, S.A., presentou solicitude de modificación substancial para o proxecto denominado parque eólico Somozas ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Esta modificación consiste, de forma xeral, na retirada das actuais infraestruturas (81 aeroxeradores) e na instalación de novas máquinas e infraestruturas de conexión entre elas, redúcese o número de aeroxeradores a 10 unidades, auméntase as súas dimensións e a súa potencia unitaria e mantense a mesma potencia evacuable.
Oitavo. O 18.3.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.
Noveno. O 20.4.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.
Décimo. O 7.6.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que «Comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (PXOM do concello das Somozas aprobado definitivamente o 13.3.2006), e as coordenadas dos 10 aeroxeneradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, e se recollen os organismos que deben emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.
Décimo primeiro. O 17.6.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Somozas, promovido por Energías Ambientales de Somozas, S.A. e pola Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Somozas (expediente IN408A/2020/105), promovido por Energías Ambientales de Somozas, S.A., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.
Décimo segundo. O 28.7.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Somozas á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.
Décimo terceiro. Mediante o Acordo do 20 de agosto de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Somozas.
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 31.8.2021 e no xornal La Voz de Galicia do 30.8.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (As Somozas), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
Décimo cuarto. Vista a Sentenza núm. 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que esta non adquiriu firmeza e está sendo obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, mediante Acordo do 10 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse de novo a información pública, por un prazo de 30 días, a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico - PIA) do proxecto do parque eólico Somozas.
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 17.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (As Somozas), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.
Décimo quinto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello das Somozas, Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución, S.A., Retegal, S.A., Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A., Telefónica España, S.A., Telefónica Móviles, S.A.U., Orange Espagne, S.A. e Vodafone, S.A.U.
A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 10.9.2021, UFD Distribución, S.A. o 23.9.2021 e o 9.6.2022, Retegal, S.A. o 16.9.2021, R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A. o 15.9.2021, Telefónica España, S.A. o 3.9.2021 e Vodafone, S.A.U. o 11.1.2022.
A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
Décimo sexto. O 12.8.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Décimo sétimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia de Turismo de Galicia, Concello das Somozas, Subdirección Xeral de Residuos, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.
Formalizada a tramitación ambiental, o 8.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 8 de marzo de 2023 da dita dirección xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 55, do 20 de marzo).
Décimo oitavo. O 10.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.
Décimo noveno. O 23.3.2023, Energías Ambientales de Somozas, S.A. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e presentar o proxecto de execución refundido denominado «Proxecto de modificación del parque eólico Somozas en explotación», asinado por Javier Bouza Cabarcos e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 22.3.2023 co nº 20230893, así como separatas técnicas para os seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello das Somozas, Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución, Retegal, S.A., Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A., Telefónica España, S.A., Telefónica Móviles, S.A.U., Orange Espagne, S.A., Vodafone, S.A.U. e Sogarisa-UTE Conteco.
Vixésimo. O 5.5.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello das Somozas, Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución, Retegal, S.A., Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A., Telefónica España, S.A., Telefónica Móviles, S.A.U., Orange Espagne, S.A., Vodafone, S.A.U. e Sogarisa-UTE Conteco.
A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 7.6.2023, UFD Distribución o 15.5.2023, o 22.6.2023 e o 26.7.2023, Retegal, S.A. o 1.6.2023, R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A. o 9.5.2023, Telefónica España, S.A. o 8.5.2023, Orange Espagne, S.A. o 15.5.2023, e Sogarisa-UTE Conteco o 1.6.2023.
O 1.6.2023, Sogarisa-UTE Conteco expón que o Centro de tratamento de residuos industriais de Galicia (CTRIG) é a única instalación de xestión de residuos de Galicia con autorización para o tratamento previo e eliminación en depósito de seguridade de residuos perigosos non valorizables, polo que a continuidade do servizo é estratéxica para o mantemento e competitividade do propio tecido industrial produtivo de Galicia. Solicita «Que se establezan y se fagan cumprir as medidas necesarias para garantir que o desenvolvemento e operación do parque eólico Somozas non suporá limitación ningunha para a futura ampliación do CTRIG, tanto durante a fase de execución das obras dun eventual DDS IV como durante a súa explotación».
Nos condicionados emitidos o 15.5.2023, o 22.6.2023 e o 26.7.2023, UFD Distribución pon de manifesto que os aeroxeradores SO04 e SO08 do parque eólico non cumpren as distancias regulamentarias ás instalacións de distribución da dita sociedade. Así mesmo, indícase a afección do aeroxerador SO02 a unha liña eléctrica aérea que se está a operar como unha liña de distribución.
A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
Vixésimo primeiro. O 23.5.2023, a promotora achega documentación complementaria do proxecto de execución refundido denominado «Proxecto de modificación do parque eólico Somozas en explotación» asinado por Javier Bouza Cabarcos e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 22.5.2023 co nº 20231626, así como o arquivo shape coa configuración final do parque.
Vixésimo segundo. O 17.7.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, informe de distancias conforme o artigo 33.7 da Lei 8/2009 nos termos indicados na disposición transitoria sétima, en relación co refundido achegado pola promotora o 23.5.2023, onde se recolle a eliminación do aeroxerador SO10 e a relocalización do SO04 e do SO08, debido ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural do 26.1.2022.
Vixésimo terceiro. O 24.7.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se conclúe que «Comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal do Concello das Somozas, aprobado definitivamente o 13.3.2006) e as coordenadas dos 9 aeroxeneradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».
Vixésimo cuarto. O 28.7.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial da Coruña un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, e remite a documentación presentada pola promotora o 23.5.2023, citada no antecedente de feito vixésimo primeiro.
Vixésimo quinto. O 6.10.2023, a promotora responde un requirimento feito pola Xefatura Territorial da Coruña e achega unha nova documentación refundida «Proxecto de modificación do parque eólico Somozas en explotación», asinado por Javier Bouza Cabarcos e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 4.10.2023 co nº 20233057.
Vixésimo sexto. O 20.10.2023, a promotora presentou, ante esta dirección xeral, autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) do 28.7.2023.
Vixésimo sétimo. O 27.10.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico mencionado no antecedente de feito vixésimo quinto. Nel se exponse o seguinte:
«1) No marco da autorización administrativa previa e de construción, emítese informe favorable sobre o proxecto, condicionado ao seguinte:
a. Se atenda ao exposto consideración legal e técnica décimo primeira en relación coa autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.
b. Sen entrar a valorar as cuestións da titularidade da liña afectada polo aeroxerador SO02, nin o trámite de separatas realizado, a localización deste non será regulamentaria en tanto non se realice algún tipo de actuación sobre a liña afectada, de xeito que se salve o requisito do prescrito no punto 5.12.4 (proximidade a parques eólicos) da ITC LAT 07 do Real decreto 223/2008. As opcións expostas no proxecto, soterramento ou forrado, farían que o aeroxerador SO02 pasase a estar nunha situación regulamentaria (ver anexo I)
O sentido favorable deste informe está condicionada a que quede garantida a antedita actuación, con carácter previo á posta en explotación do aeroxerador.
(.)».
Vixésimo oitavo. O parque eólico Somozas conta cos dereitos de acceso e conexión vixentes á rede para unha potencia de 49,6 MW.
Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro), polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 248, do 30 de decembro), e polo artigo 39 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 246, do 29 de decembro).
Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:
1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 8.3.2023, en que que se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas preventivas, correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Subdirección Xeral de Residuos, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.
2. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo Plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».
Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.
Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e publicouse o Acordo no DOG do 15.12.1997.
Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.
En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.
Cómpre ter en conta que, coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.
3. Con respecto a aquelas alegacións en que se argumenta que Galicia é excedentaria en produción de enerxía eléctrica e que abastece de enerxía o resto do Estado, soportando un sector enerxético cun elevado impacto ambiental, cómpre indicar que existe unha incorrecta percepción de que a potencia eléctrica instalada actualmente provinte de enerxías renovables é suficiente para cubrir as necesidades enerxéticas de Galicia; neste senso, segundo o recente informe «O sector enerxético galego: presente e futuro» elaborado polo Consello Económico e Social de Galicia en colaboración coa Universidade da Coruña, o 75 % dos recursos enerxéticos de Galicia son importados.
4. Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eólica en Galicia, cómpre indicar que a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.
En relación a esta cuestión debemos sinalar que a Comunidade Autónoma de Galicia está vinculada polo Plan nacional integrado de enerxía e clima 2023-2030 (PNIEC), co que se busca acadar unha maior subministración a partir de fontes de enerxía renovables, diminuíndo a dependencia enerxética de combustibles fósiles que supoñen un detrimento para o desenvolvemento da economía para as familias e as empresas.
Polo que dentro da execución do (PNIEC) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, búscase transformar o sistema enerxético cara unha maior autosuficiencia enerxética sobre a base de aproveitar dunha maneira eficiente o potencial renovable existente no noso país, particularmente o solar e o eólico. Esta transformación incidirá de maneira positiva na seguridade enerxética nacional ao diminuír de maneira significativa a dependencia dunhas importacións de combustibles fósiles que supoñen unha elevada factura económica e que está sometida a factores xeopolíticos e a unha volatilidade elevada nos prezos.
Segundo a actualización do PNIEC (2023-2030), o crecemento de capacidade renovable supuxo que no ano 2023 a xeración renovable superase o 50 % da xeración eléctrica total, fronte ao 38 % no ano 2019. O PNIEC prevé para o ano 2030 unha potencia total instalada no sector eléctrico de 214 GW, dos que 160 GW son de xeración renovable, como estimación inicial, prevese que 62 GW sexan enerxía eólica. Contextualizando estes datos a nivel internacional, o ránking de Irena (Axencia Internacional das Enerxías Renovables) no ano 2022, sitúa a España como o 2º país da UE en capacidade eólica, segundo un informe da mesma axencia publicado en xuño 2023, o mundo necesita triplicar a capacidade mundial de enerxía renovable ata algo máis de 11.000 GW en 2030 para manter a posibilidade de limitar o calentamento global a 1,5 °C. Este foi un dos temas tratados no 18ª Cume de Xefes do Estado e Goberno do G20 en Nova Delhi, onde se acordou entre outras cousas que «Perseguiranse e fomentaranse os esforzos para triplicar a capacidade de enerxía renovable a nivel mundial mediante obxectivos e políticas existentes, así como demostrar unha ambición similar con respecto a outras tecnoloxías cero e de baixas emisións, incluíndo a redución e tecnoloxías de eliminación, en consonancia coas circunstancias nacionais para 2030. Tamén observamos o «Plan de acción voluntaria para o fomento das enerxías renovables para acelerar o universal acceso á enerxía» (G20 New Delhi Leaders’ Declaration, 9-10 setembro 2023).
Neste sentido, o 12 de setembro de 2023 aprobouse a Directiva sobre fontes de enerxía renovables do Parlamento Europeo, en que se poden encontrar diferentes puntos en favor das enerxías renovables:
Os Estados membros deberán adiantar o obxectivo da cota de enerxías renovables na combinación enerxética. O obxectivo global da Unión en materia de enerxía é que o 42,5 % desta sexa de orixe renovable no ano 2030, ata alcanzar a neutralidade climática como moi tarde no ano 2050, descarbonizando a industria da Unión.
Necesítase unha maior racionalización dos procedementos administrativos de concesión de autorizacións co obxecto de eliminar a carga administrativa innecesaria para os efectos de establecer proxectos de enerxías renovables e de infraestrutura de rede relacionados.
Nesta liña, o capítulo IX sección primeira da recente Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establece, nunha norma de carácter legal, o papel esencial da enerxía renovable e a necesidade de seguir fomentando o despregamento deste tipo de proxectos, co fin de cumprir os obxectivos de redución das emisións netas de gases de efecto invernadoiro e de neutralidade climática da Unión Europea; contribuír a enerxía renovable á redución da contaminación e á protección, restauración e mellora do estado do ambiente, detendo e revertendo a perda de biodiversidade; e fomentar os beneficios socioeconómicos das enerxías renovables en Galicia, mediante a creación de novos postos de traballo, o fomento das industrias locais, e a súa contribución á redución dos prezos da enerxía e á consecución dun prezo xusto e accesible para os cidadáns e as empresas. Deste modo, declárase de interese público superior a planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, do 22 de decembro de 2022, polo que se establece un marco para acelerar o despregamento de enerxías renovables.
5. En canto ás alegacións que se refiren á falta de retorno social do proxecto e de beneficios económicos para os concellos afectados, lembramos que no artigo 25 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, concrétase o destino do Fondo de Compensación Ambiental: un 50 % da súa contía do mesmo destinarase ás entidades cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión para a realización de: actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e recuperación do medio natural degradado ou contaminado; actuacións de impulso á eficiencia e utilización sustentable das enerxías renovables; outras actuacións de protección do ambiente e o espazo natural.
6. No que se refire ás alegacións relacionadas co procedemento de declaración de utilidade pública do proxecto, cómpre indicar que a dita declaración non é obxecto da presente resolución, polo que serán tidas en conta na resolución que se adopte en relación co dito procedemento.
7. No que respecta ás alegacións nas que se manifesta que o estudo de impacto ambiental sometido a información pública corresponde a unha pequena porción dun gran «macroparque», cómpre manifestar que nas ditas alegacións non se aclara que outros proxectos eólicos formarían parte do suposto «macroproxecto».
Ademais, menciónase de forma errónea que se proxecta a construción dunha subestación e liñas de interconexión e evacuación común. Cómpre sinalar, en relación con esta cuestión, que o parque eólico obxecto da presente resolución é unha repotenciación dun parque eólico existente, que supón a redución do número de aeroxeradores de 81 a 10, e que vai evacuar a enerxía xerada a través das infraestruturas de conexión actuais, as cales non van experimentar cambios. No que respecta á subestación do parque eólico, proxéctase o desmantelamento das instalacións existentes e a implantación dos novos equipamentos, todo isto dentro do recinto actual.
No que respecta ao estudo de efectos sinérxicos con outras instalacións próximas, indicar que o proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no seu estudo de impacto ambiental, en que se consideran dous ámbitos de estudo, que inclúen os parques eólicos e liñas eléctricas situadas nun radio de 5 e 20 km, respectivamente.
Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Somozas, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 8.3.2023:
a) Tal e como se recolle na epígrafe 6 da DIA: «Logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental, proponse formular a declaración de impacto ambiental do proxecto nos termos recollidos ao longo deste documento, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».
De acordo coa dita proposta, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Somozas (modificación substancial por renovación tecnolóxica), considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».
b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Somozas.
Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:
4. Condicións ambientais:
4.1. Condicións particulares.
4.2. Condicións xerais.
4.2.1. Protección da atmosfera.
4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.
4.2.4. Xestión de residuos.
4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.
4.2.6. Integración paisaxística e restauración.
4.3. Outras condicións.
5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
5.1. Aspectos xerais.
5.2. Aspectos específicos.
5.3. Informes do programa de vixilancia.
De acordo con todo o que antecede,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Somozas, e as súas características principais son as seguintes:
Solicitante: Energías Ambientales de Somozas, S.A.
Domicilio social: avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.
Denominación do proxecto: «Proxecto de modificación do parque eólico Somozas en explotación».
Potencia instalada: 49,6 MW.
Concello afectado: As Somozas (A Coruña).
Orzamento de execución material do desmantelamento: 1.991.474,47 €.
Desmantelamento:
• 80 aeroxeradores Ecotecnia 44/600 de 600 kW de potencia nominal unitaria e cunha altura da buxa de 50 m e cun diámetro de rotor de 44 m.
• 1 aeroxerador Ecotecnia 74/1,6 MW cunha altura da buxa de 55 m e cun diámetro de rotor de 74 m.
• 81 centros de transformación instalados no interior das góndolas dos aeroxeradores
• Rede eléctrica de media tensión soterrada a 20 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e á subestación de evacuación existente. Desmantelamento e restauración das canalizacións que queden sen uso.
• 3 torres meteorolóxicas.
• Desmantelamento e restauración dos vieiros que queden sen uso.
Segundo. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Somozas, sito no concello das Somozas (A Coruña) e promovido por Energías Ambientales de Somozas, S.A., para unha potencia de 49,6 MW.
Terceiro. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Somozas, composto polo documento «Proxecto de modificación do parque eólico Somozas en explotación», asinado por Javier Bouza Cabarcos e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 4.10.2023 co nº 20233057.
As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:
Solicitante: Energías Ambientales de Somozas, S.A.
Domicilio social: avenida de Arteixo, núm. 171. 15007 A Coruña.
Denominación: parque eólico Somozas.
Potencia instalada: 49,95 MW.
Potencia autorizada/evacuable: 49,6 MW.
Produción neta: 175.880 MWh/ano.
Horas equivalentes netas: 3.521 h.
Concello afectado: As Somozas (A Coruña).
Orzamento de execución material (sen IVE): 40.735.164,56 €.
Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:
|
Vértice poligonal |
Coordenadas UTM |
|
|
(fuso 29 ETRS89) |
||
|
X |
Y |
|
|
A |
588.802,00 |
4.822.776,00 |
|
B |
588.965,00 |
4.822.957,00 |
|
C |
589.499,00 |
4.822.379,00 |
|
D |
590.017,00 |
4.822.217,00 |
|
E |
589.950,00 |
4.821.780,00 |
|
F |
589.187,00 |
4.821.215,00 |
|
G |
589.510,00 |
4.819.291,00 |
|
H |
590.628,00 |
4.819.155,00 |
|
I |
590.723,00 |
4.820.312,00 |
|
J |
591.014,00 |
4.820.312,00 |
|
K |
591.606,00 |
4.819.294,00 |
|
L |
591.541,00 |
4.818.635,00 |
|
M |
590.145,00 |
4.818.347,00 |
|
N |
589.275,00 |
4.818.828,00 |
|
Ñ |
588.454,00 |
4.821.036,00 |
|
O |
587.817,00 |
4.821.442,00 |
|
P |
588.830,00 |
4.821.564,00 |
Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:
|
Aeroxerador |
Coordenadas |
Modelo |
Potencia nominal |
|
|
ETRS89 UTM 29N |
||||
|
X |
Y |
|||
|
SO01 |
588.957,78 |
4.822.824,30 |
SG155 |
6,100 |
|
SO02 |
589.336,32 |
4.822.343,98 |
SG155 |
6,100 |
|
SO03 |
588.908,75 |
4.822.399,31 |
SG114 |
2,625 |
|
SO04 |
588.905,15 |
4.820.894,37 |
SG155 |
6,100 |
|
SO05 |
589.197,14 |
4.819.353,53 |
SG155 |
6,600 |
|
SO06 |
589.195,00 |
4.819.802,00 |
SG155 |
6,600 |
|
SO07 |
589.363,56 |
4.819.078,74 |
SG155 |
6,600 |
|
SO08 |
588.839,49 |
4.820.518,02 |
SG155 |
6,600 |
|
SO09 |
591.438,51 |
4.818.869,03 |
SG114 |
2,625 |
Coordenadas da subestación:
|
Vértice |
Coordenadas UTM |
|
|
(fuso 29 ETRS89) |
||
|
X |
Y |
|
|
SET Somozas |
589.765,00 |
4.819.200,00 |
Coordenadas do centro de control:
|
Vértice |
Coordenadas UTM |
|
|
(fuso 29 ETRS89) |
||
|
X |
Y |
|
|
Centro de control |
588.933,00 |
4.820.253,00 |
Coordenada da torre meteorolóxica e de comunicacións:
|
Coordenadas UTM |
||
|
(fuso 29 ETRS89) |
||
|
X |
Y |
|
|
TM-01 |
588.931,17 |
4.820.390,22 |
Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:
• 2 aeroxeradores modelo SG 2.5-114, de 80 m de altura ata a buxa e un diámetro de rotor de 114 m, cunha potencia nominal unitaria de 2,625 MW.
• 3 aeroxeradores modelo SG 6.0-155, de 122,5 m de altura ata a buxa e un diámetro de rotor de 155 m, cunha potencia nominal unitaria de 6,1 MW.
• 4 aeroxeradores modelo SG 6.0-155, de 122,5 m de altura ata a buxa e un diámetro de rotor de 155 m, cunha potencia nominal unitaria de 6,6 MW.
• Nove (9) centros de transformación montados no interior das góndolas dos aeroxeradores, de illamento seco, 7 de potencia aparente nominal 7.500 kVA e 2 de 2.910 KVA e relación de transformación 0,69/30 kV.
• Rede eléctrica soterrada de media tensión (30 kV) para canalización da enerxía xerada polas aeroturbinas ata a subestación transformadora do parque (rede colectora), composta por 4 circuítos que constitúen as liñas colectoras do parque. O cable utilizado será do tipo RHZ1-2OL 18/30 kV H16 con condutor de aluminio, de diferentes seccións.
• Unha (1) torre meteorolóxica de 117,5 metros de altura.
• A subestación transformadora 30/132 kV do parque eólico, coas modificacións proxectadas, quedará composta por:
– Unha posición combinada de liña - transformador a 132 kV cos seus correspondentes equipos de protección e medida. A aparellaxe de 132 kV se situará no parque intemperie e será de tecnoloxía convencional (AIS).
– Un transformador de potencia nominal 55 MVA ONAF, relación de transformación 132/30 kV e regulación en carga.
– A nova aparellaxe de 30 kV situarase no edificio da subestación e será de tecnoloxía baseada nas celas metálicas prefabricadas de illamento en hexafluoruro de xofre (SF6).
– Catro posicións de liña a 30 kV.
– Unha posición de batería de condensadores a 30 kV.
– Unha posición de transformador de potencia a 30 kV
– Unha posición de medida de tensión de barras de 30 kV.
– Unha reactancia de posta a terra con seccionador en 30 kV.
– Un transformador de servizos auxiliares 30/0,42-0,242 kV de 50 kVA.
– Un grupo electróxeno de 40 kVA.
– Un grupo de baterías de condensadores de 10,5 MVAr.
– Cadros para o control, mando e protección da instalación.
Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Energías Ambientales de Somozas, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. Por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, fíxase como importe da fianza a cantidade de 734.177 euros, dos cales 314.647 corresponden á fase de obras (incluíndo a desmontaxe do parque actual) e 419.530 á de desmantelamento e abandono do parque renovado.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.
2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.
3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).
4. As actuacións de desmantelamento das instalacións iniciais do parque eólico realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas consideracións efectuadas pola Subdirección Xeral de Residuos, de acordo co punto 4.1.5 da DIA.
En todo caso, a retirada das cablaxes existentes deberán xestionarse a través de xestor autorizado.
Tamén se deberán ter en conta as consideracións indicadas polo Servizo de Montes da Coruña, da Consellería do Medio Rural, no seu informe do 15.10.2021, en relación coa demolición da cimentación e retirada dos restos ata unha profundidade de 80 centímetros para o cal a promotora deu a súa conformidade o 15.11.2021.
5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 8.3.2023 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, cos informes favorables da Dirección Xeral do Patrimonio Natural e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de acordo cos puntos 4.1.2, e 4.1.7 da DIA.
6. Con carácter previo á comunicación do inicio das obras, e en relación cos condicionados establecidos por UFD Distribución Electricidad, S.A., para os que a promotora mostrou a súa conformidade tal e como se recolle no antecedente de feito vixésimo, a promotora deberá achegar documentación acreditativa de que xa se executaron as solucións técnicas, sobre as instalacións de distribución de UFD e sobre a liña aérea indicada por esta nos seus condicionados, que aseguren o cumprimento das distancias mínimas definidas no punto 5.12.4 da ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, entre:
• Os aeroxeradores SO04 e SO08 do parque eólico e as instalacións de distribución titularidade de UFD Distribución Electricidad, S.A.
•E o aeroxerador SO02 e a liña eléctrica aérea indicada nos condicionados emitidos pola dita distribuidora.
7. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.
8. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático e achegar toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e na declaración de impacto ambiental.
9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.
10. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.
11. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.
12. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
13. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.
14. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 8.3.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
15. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
16. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
Así mesmo, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
17. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2024
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
