A seguir, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 4 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Somozas (Monte da Serra, Monte Marbán e Monte Vilalbesa), a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Somozas.
a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Outorgar a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Somozas, así como as autorizacións administrativas previa e de construción ao parque eólico Somozas, sito no concello das Somozas (A Coruña) e promovido por Energías Ambientales de Somozas, S.A., para unha potencia de 49,6 MW.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Energías Ambientales de Somozas, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. Por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, fíxase como importe da fianza a cantidade de 734.177 euros, dos cales 314.647 corresponden á fase de obras (incluíndo a desmontaxe do parque actual) e 419.530 á de desmantelamento e abandono do parque renovado.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.
2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.
3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).
4. As actuacións de desmantelamento das instalacións iniciais do parque eólico realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas consideracións efectuadas pola Subdirección Xeral de Residuos, de acordo co punto 4.1.5 da DIA.
En todo caso, a retirada das cablaxes existentes deberán xestionarse a través de xestor autorizado.
Tamén se deberán ter en conta as consideracións indicadas polo Servizo de Montes da Coruña, da Consellería do Medio Rural, no seu informe do 15.10.2021, en relación coa demolición da cimentación e retirada dos restos ata unha profundidade de 80 centímetros para o cal a promotora deu a súa conformidade o 15.11.2021.
5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 8.3.2023 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de acordo cos puntos 4.1.2, e 4.1.7 da DIA.
6. Con carácter previo á comunicación do inicio das obras, e en relación cos condicionados establecidos por UFD Distribución Electricidad, S.A., para os que a promotora mostrou a súa conformidade tal e como se recolle no antecedente de feito vixésimo, a promotora deberá achegar documentación acreditativa de que xa se executaron as solucións técnicas, sobre as instalacións de distribución de UFD e sobre a liña aérea indicada por esta nos seus condicionados, que aseguren o cumprimento das distancias mínimas definidas no punto 5.12.4 da ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, entre:
• Os aeroxeradores SO04 e SO08 do parque eólico e as instalacións de distribución titularidade de UFD Distribución Electricidad, S.A.
• E o aeroxerador SO02 e a liña eléctrica aérea indicada nos condicionados emitidos pola dita distribuidora.
7. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.
8. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático e achegar toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e na declaración de impacto ambiental.
9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.
10. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.
11. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.
12. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
13. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.
14. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 8.3.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
15. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
16. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
Así mesmo, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
17. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Industria, do 29 de xullo de 1998, autorizáronse as instalacións electromecánicas e aprobouse o proxecto de execución do parque eólico denominado Monte da Serra (expediente 6-1/97), composto por 25 aeroxeradores de 600 kW de potencia unitaria, para unha potencia total de 15 MW, e promovido por Energías Ambientales, S.A.
2. Mediante a Resolución do 27 de xullo de 1999, da Dirección Xeral de Industria, autorizáronse as instalacións electromecánicas e aprobouse o proxecto de execución do parque eólico denominado Monte Marbán (expediente 7-1/97), composto por 19 aeroxeradores de 600 kW de potencia unitaria, para unha potencia total de 11,4 MW, e promovido por Energías Ambientales, S.A.
3. Mediante a Resolución do 7 de outubro de 1999, da Dirección Xeral de Industria, autorizáronse as instalacións electromecánicas, aprobouse o proxecto de execución e modificáronse as condicións de inclusión no réxime especial do parque eólico denominado Monte Vilalbesa (expediente 8-1/1997), composto por 37 aeroxeradores de 600 kW de potencia unitaria, para unha potencia total de 22,2 MW, e promovido por Energías Ambientales, S.A.
4. Mediante a Resolución do 5 de setembro de 2000, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou a transmisión de bens e dereitos derivados das autorizacións das instalacións electromecánicas, aprobación dos proxectos de execución e recoñecemento da condición de instalacións acollidas ao réxime especial dos parques eólicos Monte da Serra, Monte Marbán e Monte Vilalbesa, a favor da sociedade Energías Ambientales de Somozas, S.A.
5. Mediante a Resolución do 20 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse á sociedade Energías Ambientales de Somozas, S.A. a unificación dos parques eólicos Monte da Serra, Monte Marbán e Monte Vilalbesa, nun único parque denominado Somozas, de 48,6 MW, e recoñecéuselle á referida instalación a condición de acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica.
6. Mediante a Resolución do 31 de marzo de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizáronse as instalacións electromecánicas, aprobouse o proxecto de execución e recoñeceuse a condición de instalación acollida ao réxime especial do proxecto modificado parcial do parque eólico denominado Somozas, situado no municipio das Somozas (A Coruña) (expediente IN661A 02/10), consistente na instalación dun novo aeroxerador de 1.600 kW de potencia unitaria e na eliminación dun existente de 600 kW, resultando unha potencia total de 49,6 MW.
7. O 8.7.2020, a promotora, Energías Ambientales de Somozas, S.A., presentou solicitude de modificación substancial para o proxecto denominado parque eólico Somozas ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Esta modificación consiste, de forma xeral, na retirada das actuais infraestruturas (81 aeroxeradores) e na instalación de novas máquinas e infraestruturas de conexión entre elas, redúcese o número de aeroxeradores a 10 unidades, auméntanse as súas dimensións e a súa potencia unitaria e mantense a mesma potencia evacuable.
8. O 18.3.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.
9. O 20.4.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.
10. O 7.6.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que «Comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (PXOM do concello das Somozas aprobado definitivamente o 13.3.2006) e as coordenadas dos 10 aeroxeneradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable», e se recollen os organismos que deben emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.
11. O 17.6.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Somozas, promovido por Energías Ambientales de Somozas, S.A., e pola Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Somozas (expediente IN408A/2020/105), promovido por Energías Ambientales de Somozas, S.A., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.
12. O 28.7.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Somozas á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.
13. Mediante o Acordo do 20 de agosto de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Somozas.
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 31.8.2021 e no xornal La Voz de Galicia do 30.8.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (As Somozas), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
14. Vista a Sentenza núm. 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que esta non adquiriu firmeza e está sendo obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, mediante o Acordo do 10 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse de novo a información pública, por un prazo de 30 días, a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico-PIA) do proxecto do parque eólico Somozas.
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 17.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (As Somozas), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.
15. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello das Somozas, Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución, S.A., Retegal, S.A., Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A., Telefónica España, S..A, Telefónica Móviles, S.A.U, Orange Espagne, S.A., e Vodafone S.A.U.
A seguir se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 10.9.2021, UFD Distribución, S.A. o 23.9.2021 e o 9.6.2022, Retegal, S.A. o 16.9.2021, R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A. o 15.9.2021, Telefónica España, S.A. o 3.9.2021, e Vodafone, S.A.U. o 11.1.2022.
A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
16. O 12.8.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
17. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia de Turismo de Galicia, Concello das Somozas, Subdirección Xeral de Residuos, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.
Formalizada a tramitación ambiental, o 8.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 8 de marzo de 2023 da dita dirección xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 55, do 20 de marzo).
18. O 10.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle a promotora a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.
19. O 23.3.2023, Energías Ambientales de Somozas, S.A. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior presentando o proxecto de execución refundido denominado Proxecto de modificación do parque eólico Somozas en explotación, asinado por Javier Bouza Cabarcos e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 22.3.2023 co nº 20230893, así como separatas técnicas para os seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello das Somozas, Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución, Retegal, S.A., Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A., Telefónica España, S.A., Telefónica Móviles, S.A.U., Orange Espagne, S.A., Vodafone, S.A.U., e Sogarisa-UTE Conteco.
20. O 5.5.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello das Somozas, Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución, Retegal, S.A., Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A., Telefónica España, S.A., Telefónica Móviles, S.A.U., Orange Espagne, S.A., Vodafone, S.A.U., e Sogarisa-UTE Conteco.
A seguir se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 7.6.2023, UFD Distribución o 15.5.2023, o 22.6.2023 e o 26.7.2023, Retegal, S.A. o 1.6.2023, R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A. o 9.5.2023, Telefónica España, S.A. o 8.5.2023, Orange Espagne, S.A. o 15.5.2023, e Sogarisa-UTE Conteco o 1.6.2023.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
21. O 23.5.2023, a promotora achega documentación complementaria do proxecto de execución refundido denominado Proxecto de modificación do parque eólico Somozas en explotación, asinado por Javier Bouza Cabarcos e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 22.5.2023 co nº 20231626, así como o arquivo shape coa configuración final do parque.
22. O 17.7.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, informe de distancias conforme ao artigo 33.7 da Lei 8/2009 nos termos indicados na disposición transitoria sétima, en relación co refundido achegado pola promotora o 23.5.2023, onde se recolle a eliminación do aeroxerador SO10 e a relocalización do SO04 e do SO08, debido ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural do 26.1.2022.
23. O 24.7.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se conclúe que «Comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal do concello das Somozas, aprobado definitivamente o 13.3.2006) e as coordenadas dos 9 aeroxeneradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».
24. O 28.7.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial da Coruña un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, remite a documentación presentada pola promotora o 23.5.2023, citada no antecedente de feito vixésimo primeiro.
25. O 6.10.2023, a promotora responde a un requirimento feito pola Xefatura Territorial da Coruña e achega unha nova documentación refundida do proxecto de modificación do parque eólico Somozas en explotación, asinado por Javier Bouza Cabarcos e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 4.10.2023 co nº 20233057.
26. O 20.10.2023 a promotora presentou ante esta dirección xeral, autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) do 28.7.2023.
27. O 27.10.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico mencionado no antecedente de feito vixésimo quinto.
28. O parque eólico Somozas conta cos dereitos de acceso e conexión vixentes á rede para unha potencia de 49,6 MW.
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2024
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
