DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Martes, 29 de outubro de 2024 Páx. 57984

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga a autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Pena Galluda, sito no concello da Laracha (A Coruña) e promovido por Vento Laracha, S.L. (IN408A 2020/173).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Vento Laracha, S.L. en relación coa autorización administrativa previa do parque eólico Pena Galluda, constan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 16 de agosto de 1983, a Consellería de Industria, Enerxía e Comercio da Xunta de Galicia autorizoulle á empresa Energía de Galicia, S.A. a instalación dun xerador eólico de 55 kW no concello da Laracha.

Segundo. Mediante a Resolución do 2 de novembro de 1999, da Dirección Xeral de Industria, autorizóuselle á empresa Energía de Galicia, S.A. a ampliación do xerador eólico de Pena Galluda, no municipio da Laracha (A Coruña), para unha potencia de 660 kW.

Terceiro. A través da Resolución do 18 de febreiro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, aprobouse o proxecto de execución da instalación eléctrica do aeroxerador de 660 kW de Pena Galluda.

Cuarto. O 22.3.2002, a Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria e Comercio emitiu a acta de posta en servizo definitiva para o xerador eólico de Pena Galluda.

Quinto. Mediante a Resolución do 26 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse o cambio de titularidade do aeroxerador de 660 kW denominado Pena Galluda, propiedade da empresa Energía de Galicia, S.A., a favor da sociedade Vento Laracha, S.L.

Sexto. O 25.11.2020, a promotora Vento Laracha, S.L., presentou solicitude de modificación substancial para o proxecto do parque eólico Pena Galluda ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Esta modificación consiste, de forma xeral, na retirada do aeroxerador actual e na instalación dunha nova máquina, de maiores dimensións e potencia nominal.

Sétimo. O 1.6.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Oitavo. O 23.6.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.

Noveno. O 23.6.2021, de acordo co previsto no artigo 45.3 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático a documentación do expediente para os efectos de iniciar o procedemento de avaliación ambiental simplificada.

Décimo. O 23.7.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que unha vez comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal da Laracha aprobado definitivamente o 30.6.2003) e as coordenadas do aeroxerador recollidas na memoria, conclúese que a súa posición cumpre a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Décimo primeiro. Con respecto ao trámite ambiental, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (actualmente Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade) solicitou informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia-Costa, Axencia de Turismo de Galicia, Subdirección Xeral de Residuos, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Cumprida a tramitación ambiental, o 1.8.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (actualmente Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade) formulou o informe de impacto ambiental do parque eólico Pena Galluda (renovación tecnolóxica), que se fixo público polo Anuncio do 3 de agosto de 2023 da dita dirección xeral da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 156, do 18 de agosto).

Décimo segundo. O 6.10.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Pena Galluda á Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo terceiro. Co Acordo do 4 de xaneiro de 2024, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse á información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica do proxecto do parque eólico Pena Galluda, no concello da Laracha (expediente IN408A 2020/173).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 29.1.2024. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (A Laracha) e nas dependencias da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública non se recibiron alegacións.

Décimo cuarto. Durante a tramitación do procedemento e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión das correspondentes condicións técnicas, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Hidroeléctrica de Laracha, S.L., Concello da Laracha e Vantage Towers, S.L.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicas: Hidroeléctrica de Laracha, S.L., o 8.2.2024. A promotora prestou a súa conformidade ás ditas condicións.

Para o resto de organismos que non contestaron e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión das condicións técnicas do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estas condicións no prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo quinto. O 10.7.2024, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático requiriulle á promotora o documento definitivo adaptado do proxecto de execución de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo sexto. O 11.7.2024, Vento Laracha, S.L. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior presentando o proxecto de execución refundido de repotenciación do parque eólico Pena Galluda, A Laracha (A Coruña), en xullo de 2024, asinado o 11.7.2024 polo enxeñeiro técnico industrial Roberto Gómez Rodríguez e polo enxeñeiro de camiños, canles e portos Fausto Núñez Casamayor.

Décimo sétimo. O 26.7.2024, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe técnico sobre o proxecto do parque eólico Pena Galluda. E o 25.9.2024 emitiu unha corrección de erros.

Décimo oitavo. O 31.7.2024, a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo noveno. O 14.10.2024, a promotora solicitou o outorgamento por separado da autorización administrativa previa, de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, introducida pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Vixésimo. O parque eólico Pena Galluda conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 3,45 MW, de acordo coa comunicación do xestor da dita rede do 10.1.2022.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro); pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro); polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro); polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro), e polo artigo 39 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 29 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 48.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto do informe de impacto ambiental (IIA) das instalacións do parque eólico Pena Galluda, formulado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (actualmente Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade) o 1.8.2023:

a) Tal e como se recolle na epígrafe 5 do IIA:«Logo da avaliación de impacto ambiental simplificada realizada proponse formular o informe de impacto ambiental nos termos recollidos ao longo deste documento, en cumprimento do disposto no artigo 47 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

De acordo coa dita proposta, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu formular o informe de impacto ambiental do parque eólico Pena Galluda (renovación tecnolóxica) e concluír que, nos termos recollidos ao longo do presente documento, non son previsibles efectos adversos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria.

b) O IIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Pena Galluda.

Na epígrafe 4 do IIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no documento ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Protección da atmosfera.

4.2. Protección das augas e dos leitos fluviais.

4.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.4. Xestión de residuos.

4.5. Protección da fauna e da vexetación e outros valores naturais.

4.6. Protección do patrimonio cultural.

4.7. Integración paisaxística e restauración.

4.8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

4.10. Outras condicións.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Pena Galluda, sito no concello da Laracha (A Coruña) e promovido por Vento Laracha, S.L. para unha potencia de 3,45 MW.

Solicitante: Vento Laracha, S.L.

Enderezo social: avenida Arteixo nº 19, 1º D, 15004 A Coruña.

Denominación: parque eólico Pena Galluda.

Potencia autorizada/evacuable: 3,45 MW.

Concello afectado: A Laracha.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

De acordo coa disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha vez outorgada a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción deberá outorgarse no prazo máximo de tres meses, unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 da dita Lei 8/2009.

A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009 pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá coas condicións e cos informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

Con carácter previo ao outorgamento da autorización administrativa de construción, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). Así mesmo, con anterioridade ao outorgamento da autorización administrativa de construción, deberanse obter as condicións das entidades que presten servizos públicos ou de interese xeral no ámbito das telecomunicacións e TDT.

A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas no informe de impacto ambiental do 1.8.2023, así como as establecidas no correspondente Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo coas condicións establecidas no informe de impacto ambiental formulado o 1.8.2023 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (actualmente Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade), a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, cos informes favorables da Subdirección Xeral de Residuos (actualmente Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular) e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo cos puntos 4.4.7 e 4.5.1.6 do IIA, respectivamente.

O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outras condicións técnicas de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2024

Paula María Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático