Expediente: IN627A 2024/001-4.
Promotora: Nedgia, S.A. (NIF A66560152).
Infraestrutura gasista: construción da rede de gas e a súa adaptación para a inxección de biometano á rede RAA-I024 Aceiro DN 6” MOP 16 bar.
Concello: O Porriño.
Feitos:
1. O 12 de marzo de 1993, a Consellería de Industria e Comercio outorgoulle a Enagas, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais no termo municipal do Porriño, entre outros.
2. O 13 de outubro de 1995, a Dirección Xeral de Industria aprobou o proxecto de execución e autorizou as instalacións recollidas no proxecto da rede de distribución de gas natural para usos industriais Rede O Porriño-Vigo. Mediante as resolucións do 29 de outubro de 1997, 4 de febreiro de 1998, 28 de xuño de 1999 e 16 de xaneiro de 2001, autorizáronse respectivamente as addendas I, II, III e IV ao dito proxecto.
3. O 20 de xaneiro de 2000, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio autorizou a transmisión das instalacións situadas nesta comunidade autónoma, de acordo coa operación de escisión da rama de distribución de gas feita pola empresa Enagas S.A., a favor de Gas Galicia SDG, S.A.
4. O 1 de outubro de 2001, o 17 de outubro de 2001 e o 14 de novembro de 2001 aprobáronse os proxectos de instalacións Variantes del trazado da rede O Porriño-Vigo, Addenda variantes do trazado da rede O Porriño-Vigo e anexo á addenda III as redes de Pontevedra, Rede O Porriño-Vigo, nos termos municipais de Mos, O Porriño e Vigo.
5. O 20 de febreiro de 2018, Gas Galicia SDG, S.A. comunica o cambio de denominación social a Nedgia Galicia, S.A., filial de Nedgia, S.A.
6. O 21 de marzo de 2024, Nedgia, S.A. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da construción da rede de gas e a súa adaptación para a inxección de Biometano á rede RAA-I024, no concello do Porriño.
O proxecto de execución que acompaña a solicitude foi asinado pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba, colexiada 25430 do Colexio de Enxeñeiros Técnico-Industrial de Madrid, o 20 de marzo de 2024, e no que figura un orzamento total de 267.793,72 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade inxectar o biometano producido na industria Toca Salgado S.L. (Toysal), situada no polígono industrial das Gándaras, na rede de distribución de gas natural construíndo unha nova rede de gas natural mediante unha tubaxe AC DN 4 de 8 metros de lonxitude, presión de deseño 16 bar, caudal 458 m3 (n)/h; instalación dun módulo de inxección; e inserción dunha válvula de seguridade de bóla AC DN 4” PN16.
7. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Porriño, Telefónica España, S.A.U. UFD Distribución Electricidad, S.A. e o Servizo do Patrimonio Cultural.
Recibíronse os informes de todos os organismos e empresas consultados. Os informes recibidos, cos condicionados establecidos, se é o caso, foron trasladados a Nedgia S.A. que manifestou a súa conformidade co seu contido.
8. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución do 23 de maio de 2024 publicada nos seguintes medios:
DOG (Diario Oficial de Galicia): 27 de xuño de 2024.
BOPPO (Boletín Oficial da provincia de Pontevedra): 17 de xuño de 2024.
Xornal Faro de Vigo: 27 de xuño de 2024.
La Voz de Galicia: 27 de xuño de 2024.
Taboleiro de anuncios do Concello do Porriño, conforme certificado de exposición pública emitido polo propio concello.
Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
Durante este trámite non se recibiron alegacións.
9. O 13 de setembro de 2024, os servizos técnicos deste departamento territorial informaron favorablemente a solicitude de autorización e aprobación do proxecto de execución.
Consideracións legais e técnicas.
1. A Dirección Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento na Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG nº 244, do 21 de decembro), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro) e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 34/1998, de 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE nº 241, do 8 de outubro).
– Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización das instalacións de gas natural (BOE nº 313, do 31 de decembro).
– Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11 (BOE nº 211, do 4 de setembro) e, en particular, o disposto na ITC-ICG 01 instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización.
– Decreto 51/2011, do 17 de marzo, da Consellería de Economía e Industria, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG nº 65, do 1 de abril).
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
Obxecto do proxecto: inxectar o biometano producido na industria Toca Salgado S.L. (Toysal), situada no polígono industrial de As Gándaras, na rede de distribución de gas natural. O recorrido da instalación vai desde a empresa Toysal, S.L. (referencia catastral 1135038NG3613S0001YF) ata a rede existente RAA-I024 de propiedade de Nedgia Galicia, S.A.
Instalacións proxectadas: construción dunha nova rede de gas natural mediante unha tubaxe AC DN 4” de 8 metros de lonxitude, presión de deseño 16 bar, caudal 458 m3 (n)/h; instalación dun módulo de inxección; e inserción dunha válvula de seguridade de bóla AC DN 4” PN16.
Presión de operación (MPO): 16 bar.
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución da construción da rede de gas e a súa adaptación para a inxección de biometano á rede RAA-I024, no concello do Porriño, promovido por Negia, S.A. (expediente IN627A 2024/001-4).
2. A autorización das instalacións concederase coas seguintes condicións:
As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Nedgia, S.A., titulado Proxecto técnico para solicitar a autorización administrativa e aprobación de proxecto de execución da construción da rede de gas e a súa adaptación para inxección de biometano á rede RAA-I024 no concello do Porriño (Pontevedra), e asinado o 20 de marzo de 2024 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25430 do COETIM).
As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os completan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.
Ademais Nedgia, S.A. vixiará que as canalizacións de gas respecten en todo momento as exixencias dispostas nas autorizacións e/ou informes emitidos por outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral e, en particular, naquelas zonas nas que no subsolo se encontren instalados outros servizos, tales como electricidade, telecomunicacións, subministración de auga, etc., as conducións do gas serán instaladas de xeito que se cumpran escrupulosamente as distancias de seguridade previstas nas súas respectivas normativas sectoriais.
Se durante a fase de execución das obra se tivesen que adoptar medidas técnicas non recollidas neste proxecto, e previo á súa execución, deberase de dispoñer do pertinente visto e prace desta dirección territorial.
Todas as modificacións efectuadas na fase de execución deberán de ser recollidas na dirección de obra, sempre e cando non superen un 20 % respecto as instalacións recollidas neste proxecto, e só no que se refire ao cambio de trazado, superado este límite deberán achegar a correspondente addenda para a súa aprobación por parte desta dirección territorial.
Esta dirección territorial reservará para si o dereito a deixar sen efecto a autorización que se considere procedente emitir, no momento en que se comprobe o incumprimento das condicións regulamentarias ou de calquera das condicións precedentes.
O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante este departamento territorial.
Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 18 de setembro de 2024
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
