DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Mércores, 30 de outubro de 2024 Páx. 58075

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 29 de outubro de 2024 pola que se modifica a Orde do 16 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento PR486D).

missing image file

Mediante a Orde do 16 de xaneiro de 2024 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027. Código de procedemento PR486D (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro), que se tramitou como expediente anticipado de gasto.

No artigo 18 da devandita orde fíxase o 31 de outubro de 2024 como data límite para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa. No caso de acollerse ao réxime de pagamento anticipado da primeira anualidade, o prazo de execución finaliza o 31 de decembro e o de presentación da documentación xustificativa, o 31 de xaneiro de 2025.

A brevidade do intervalo temporal entre a notificación da resolución de concesión e o vencemento dos devanditos prazos, a obriga das entidades beneficiarias de atender os requirimentos derivados do financiamento con fondos europeos na tramitación e execución dos proxectos, o necesario cumprimento dos trámites e prazos determinados pola normativa de contratación do sector público a que deben someterse os concellos beneficiarios e a posibilidade de dispoñer dun prazo mínimo para a execución do proceso construtivo son circunstancias que, conxuntamente consideradas, determinan a decisión de ampliar os prazos inicialmente fixados nas bases reguladoras.

Así mesmo, valoráronse as consecuencias sobre a xestión dos fondos que financian esta convocatoria, en especial, considerouse que, de manterse a regulación actual, se produciría un importante número de renuncias ás subvencións ou execucións deficientes dos proxectos subvencionados, resultando, en definitiva, unha clara ineficiencia na aplicación dos recursos públicos.

Todo iso aconsella compoñer unha proposta realista acorde co principio de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos que, de acordo co artigo 5.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, debe rexer tamén a tramitación das subvencións, e en consonancia coa necesaria contribución aos obxectivos de fomentar a eficiencia enerxética e a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro que a mellora da eficiencia enerxética nos edificios e infraestruturas públicas subvencionados permitirá acadar.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste, e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Con base en todo o anterior, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, co disposto na Orde do 16 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027. Código de procedemento PR486D, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 18.1 da Orde do 16 de xaneiro de 2024, que queda redactado nos seguintes termos:

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 30 de novembro de 2024, na primeira anualidade, sen prexuízo de que as certificacións de obra e as facturas emitidas desde esta data ata o 31 de decembro poidan aplicarse para xustificar a anualidade 2025.

De acollerse ao réxime de pagamento anticipado da primeira anualidade, os concellos terán de prazo ata o 31 de maio de 2025 para executaren as actuacións subvencionadas, aprobar as facturas e certificacións de obra e proceder ao seu pagamento. Para a presentación da documentación xustificativa terán de prazo ata o 30 de xuño de 2025.

Na segunda anualidade, o prazo de execución e xustificación finalizará o 31 de outubro de 2025.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes