Mediante a Orde do 21 de marzo de 2023 (DOG núm. 60, do 27 de marzo), a antiga Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (actual Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes) estableceu as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable, e procedeu á súa convocatoria para o ano 2023 e 2024.
Segundo o artigo 16 da citada orde, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 31 de outubro de 2024 para a anualidade 2024 e, segundo o artigo 20 da mesma orde, a falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito a cobrar a subvención.
O día 28 de xullo de 2023 publicouse no DOG a Resolución do 18 de xullo de 2023 pola que se publica a concesión de subvencións da Orde do 21 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable, e se procede á súa convocatoria para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento DE401C).
Tendo en conta as dificultades e atrasos no ritmo de execución das obras e co fin de facer viable os procesos de execución e xustificación por parte dos concellos beneficiarios resultantes, considérase necesario ampliar o prazo de execución e xustificación da subvención concedida na anualidade 2024.
O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, agás precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros.
Por outra parte, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
Polo exposto,
DISPOÑO:
Artigo 1. Ampliación do prazo para a execución e presentación da documentación xustificativa da anualidade 2024
Amplíase o prazo establecido no artigo 16 da Orde do 21 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable, e se procede á súa convocatoria para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento DE401C), establecendo como data límite para a execución do proxecto e presentación da documentación xustificativa, para a anualidade 2024, o 15 de decembro.
De acordo co disposto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra o presente acordo de ampliación non cabe recurso de ningún tipo.
Disposición derradeira única
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2024
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
