A través da Orde do 4 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 14, do 19 de xaneiro) convocáronse para o ano 2024 as subvencións destinadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia en réxime de concorrencia competitiva.
O artigo 2 da parte dispositiva da Orde do 4 de xaneiro de 2024, relativo ao crédito orzamentario destinado ás axudas, establece que se destinarán para a anualidade de 2024 a cantidade de 3.517.172,62 € con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.732A.760.0. No punto 3 deste artigo prevese a posibilidade de incrementar a dotación desta partida en funcións das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, feito que non implica a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Como consecuencia do establecemento da nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia aprobada polo Decreto 42/2024, do 14 de abril, ditouse a Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 25 de abril de 2024 pola que se regulan as actuacións orzamentarias e contables necesarias para a adaptación do orzamento á nova estrutura orgánica, redistribuíndose as aplicacións orzamentarias, sendo a partida orzamentaria actual 39.02.732A.760.0.
A Orde do 25 de xuño de 2024 ampliou o crédito en 271.083,78 € da Orde do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, modificando o artigo 2 da parte dispositiva no referente ao importe total do crédito orzamentario, de maneira que a anualidade de 2024 pasa a ser de 3.788.256,40 €.
Mediante Resolución da Consellería de Economía e Industria do 23 de setembro de 2024, resolveuse declarar a perda do dereito de cobramento da axuda concedida para o ano 2024 a un concello beneficiario dunha orde de axudas desta consellería. En consecuencia, unha vez fiscalizados os documentos contables correspondentes, libérase un crédito de 650.687,33 euros na partida orzamentaria 39.02.732A.760.0 que permite incrementar o crédito dispoñible para a orde de parques empresariais, o que permitirá ampliar a concesión das subvencións acudindo á lista de espera de posibles beneficiarios da Orde do 4 de xaneiro de 2024, con cargo á aplicación 39.02.732A.760.0.
Por todo o anterior, procédese á oportuna modificación orzamentaria incorporando o dito importe de 650.687,33 euros na aplicación 39.02.732A.760.0.
En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único. Ampliación do crédito orzamentario
Modifícase o artigo 2 da parte dispositiva da Orde da Consellería de Economía e Industria do 4 de xaneiro no referente ao importe total do crédito orzamentario e increméntase en 650.687,33 euros, de maneira que a anualidade de 2024 pasa a ser 4.438.943,73 euros.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2024
Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria
