DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Mércores, 30 de outubro de 2024 Páx. 58094

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2024 pola que se regula a comunicación da adhesión dos grupos de desenvolvemento rural aos convenios de colaboración asinados con esta axencia, a autorización dos seus gastos anuais e a aprobación das súas actuacións, no marco da PEPAC 2023/2027 (códigos de procedemento MR701G, MR701H e MR701I).

A Decisión da Comisión número C (2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, modificada mediante a Decisión de Execución da Comisión C (2023) 5746 final, do 30 de agosto de 2023, aprobou o Plan estratéxico da PAC de España 2023-2027 (en diante, PEPAC), no marco da intervención (Desenvolvemento local participativo 7119_Leader- Subintervención 7119_01-Implementación EDLP do PEPAC para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

De conformidade coas bases reguladoras da selección de estratexias de desenvolvemento local, da selección e recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia e da concesión da axuda preparatoria, aprobadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural do 20 de abril de 2022, diversas entidades presentaron as súas estratexias de desenvolvemento local participativo, formuladas co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento sustentable a longo prazo da súa zona de actuación. As citadas estratexias e os grupos de desenvolvemento rural foron seleccionados mediante a Resolución do 20 de maio de 2024 pola que se rectifican os erros materiais da Resolución do 7 de decembro de 2023 da directora xeral da Axencia, ditada por delegación do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, pola que se seleccionan as estratexias de desenvolvemento local e mais as entidades que se recoñecen como colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia 2023-2027, así como a distribución de fondos entre as entidades colaboradoras seleccionadas (código de procedemento MR701F).

De acordo co previsto no artigo 20.8.b) das bases reguladoras aprobadas no citado acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e mais no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvención de Galicia, os grupos de desenvolvemento rural, na súa condición de entidades colaboradoras, e a citada axencia deben asinar un convenio de colaboración en que se determinen as condicións e obrigas que asumen as partes para a xestión das estratexias de desenvolvemento local participativo seleccionadas.

En liña co sinalado no parágrafo anterior, o 7 de agosto de 2024 asináronse os citados convenios entre a indicada axencia e os 24 grupos de desenvolvemento rural de Galicia seleccionados, despois de que os convenios fosen autorizados polo Consello da Xunta de Galicia na reunión do 29 de xullo de 2024.

No texto do convenio indícase que os GDR relacionaranse coa Axencia por medios electrónicos por aplicación do artigo 14, números 2 e 3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, polo que é preciso que a Comunidade Autónoma habilite uns formularios na sede electrónica para que cada entidade poida realizar as súas solicitudes e comunicacións correspondentes.

Tendo en conta o anterior, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural do 11 de xullo de 2013, publicado mediante a Resolución do 24 de xullo de 2023 (DOG nº 148, do 5 de agosto),

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta resolución é regular a comunicación da adhesión dos grupos de desenvolvemento rural aos convenios de colaboración asinados coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a autorización dos seus gastos anuais e a aprobación das súas actuacións, no marco da PEPAC 2023-2027 en relación cos procedementos de axudas Leader aos GDR no citado período.

2. Os procedementos que se regulan nesta resolución son:

a) O procedemento de Adhesión ao convenio cos GDR PEPAC 2023-2027 (código MR701G) (anexo I).

b) O procedemento Autorización de gastos dos GDR programa Leader 2023-2027 (código MR701H) (anexo II).

c) O procedemento Aprobación das actuacións de animación, formación e cooperación dos GDR programa Leader 2023-2027 (código MR701I) (anexo V).

Artigo 2. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias son os 24 GDR seleccionados mediante a Resolución do 7 de decembro de 2023 da directora xeral da Axencia, ditada por delegación do Consello de Dirección desta, cuxos erros materiais se corrixiron mediante a Resolución do 20 de maio de 2024.

Artigo 3. Prazo de presentación das comunicacións de adhesión

Os GDR que asinaron o Convenio de colaboración coa Axencia deberán presentar a comunicación de adhesión (anexo I) no prazo comprendido desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 10 de decembro de 2024.

Artigo 4. Prazo de presentación das solicitudes de autorización de gastos e aprobación de actuacións

O prazo de presentación das solicitudes de autorización de gastos e aprobación de actuacións (anexo II e anexo V) estará aberto desde o día seguinte ao da comunicación de adhesión ata o 5 de novembro de 2027.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das comunicacións e solicitudes

As comunicacións e solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexo I, anexo II, anexo V) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa comunicación ou solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación ou solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das comunicacións e solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coas súas comunicacións e solicitudes a seguinte documentación:

a) No caso do procedemento para a Comunicación de Adhesión ao convenio (código de procedemento MR701G as entidades interesadas deberán achegar coa comunicación (anexo I) a acreditación da persoa representante legal.

b) No caso do procedemento para Autorización de gastos dos GDR programa Leader 2023-2027 (código de procedemento MR701H), as entidades interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, (anexo II) a seguinte documentación:

– Acordo da Xunta Directiva.

c) No caso do procedemento para Aprobación de actuacións de animación, formación e cooperación dos GDR programa Leader 2023-2027 (código de procedemento MR701I), as entidades interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude (anexo V), a seguinte documentación:

– Memoria coa descrición e resumo da actuación. No caso de actuacións de cooperación co contido mínimo que se detalla no anexo III.c) do convenio.

– Acreditación da representación legal.

– En actuacións de cooperación, declaración responsable conforme o punto 8.2 do anexo III do convenio.

– En actuacións de cooperación, documento vinculante de cooperación conforme o anexo III.c) do convenio).

– En actuacións de cooperación, desagregación dos gastos por cada GDR participante e por concepto de gasto.

– En actuacións de cooperación, convenios con terceiros, de ser o caso.

– En actuacións de cooperación, desagregación dos gastos por cada GDR.

– Outra documentación.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada a calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da comunicación e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos MR701H e MR701I consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante, de ser o caso.

b) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día nos pagamentos coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) De ser o caso, axudas recibidas pola regra de minimis.

h) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións dos actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na comunicación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Prazo de resolución

A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia, por proposta do órgano instrutor e por delegación do Consello de Dirección, resolverá o procedemento.

O prazo para ditar resolucións expresas e notificalas para os procedementos MR701H e MR701I será de 4 meses, contados desde o día seguinte á data de presentación das solicitudes. A persoa interesada poderá entender denegada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou a resolución expresa.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación das comunicacións e solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da comunicación e solicitudes deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Anticipo

As entidades beneficiarias poderán solicitar a concesión dun pagamento anticipado, con cargo a cada unha das anualidades, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes ao procedemento MR701H (anexo III).

Artigo 13. Xustificación

Para a xustificación dos gastos autorizados, as entidades interesadas deberán achegar a seguinte documentación, nos prazos establecidos no convenio de colaboración:

a) No caso do procedemento para Autorización de gastos dos GDR Programa Leader 2023-2027 (código de procedemento MR701H), as entidades interesadas deberán achegar, xunto coa xustificación (anexo IV), a seguinte documentación:

– Nóminas, TC e xustificantes de ingreso do IRPF retido.

– Memoria xustificativa da realización de actividades, pagamentos e investimentos, de ser o caso.

– Reportaxe fotográfica e acta de control de investimentos, de ser o caso, segundo a cláusula 13.5.f) do convenio.

– Copia ou proba documental do material publicitario ou de reprografía, de ser o caso.

b) No caso do procedemento para Aprobación de actuacións de animación, formación e cooperación dos GDR programa Leader 2023-2027 (código de procedemento MR701I), as entidades interesadas deberán achegar, xunto coa xustificación (anexo VI), a seguinte documentación:

– Memoria xustificativa da realización de actividades, pagamentos e investimentos conforme o convenio.

– Facturas ou documentos acreditativos do gasto efectuado.

– Xustificantes de pagamento dos gastos.

– Tres ofertas de diferentes provedores.

– Documentación específica que se sinale no ICE verificado.

– Aclaracións ou informes relativos a xustificación do investimento.

– Reportaxe fotográfica e acta de control de investimentos, de ser o caso, segundo a cláusula 13.5.f) do convenio.

– Copia ou proba documental do material publicitario ou de reprografía, de ser o caso.

– En proxectos de cooperación con investimentos en estudos, proxectos técnicos, libros, folletos, etc., deberá achegarse un exemplar en soporte informático que permita a súa difusión.

– Informe gráfico dos investimentos, no caso de proxectos de cooperación.

– Permisos, inscricións, autorizacións e/ou licenzas requiridas pola normativa (só para o pagamento final), no caso de proxectos de cooperación.

– En proxectos de cooperación, xustificación do emprego creado, de ser o caso.

– En proxectos de cooperación, relación de equipos subvencionados, de ser o caso.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2024

Mª Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file