Conforme o disposto no artigo 82 da LSG, faise público que o Pleno da corporación, en sesión do 25 de outubro de 2024, adoptou o seguinte acordo (expediente 1033/2022):
Primeiro. Desestimar expresamente as alegacións presentadas co fundamento que a seguir se indica:
1. Arbitrariedade na decisión de ampliar un equipamento deportivo deficitario. Non existen razóns de interese xeral que xustifiquen a aprobación do Plan especial.
O Concello de Lalín ten dentro das súas competencias propias en materia de urbanismo, establecidas no artigo 25 da LBRL, o planeamento, a xestión, a execución e a disciplina urbanística; así como a infraestrutura viaria e outros equipamentos da súa titularidade. En desenvolvemento destas competencias propias e coa finalidade de mellorar e ampliar a dotación de equipamentos deportivos municipais atendendo a demandas sociais reais, por canto as actuais instalacións do Lalín-Arena están plenamente utilizadas polas persoas usuarias, entidades e equipos deportivos, o Concello considerou necesario proceder á súa ampliación, en particular, coa creación dunha pista de atletismo homologada ao aire libre e co aumento do número das actuais pistas de pádel na súa contorna inmediata, co uso das áreas comúns de servizos existentes.
O Plan especial non afecta a clasificación urbanística do solo, que se mantén como solo rústico, e solicítanse as autorizacións ou os informes dos órganos sectoriais correspondentes.
Asemade, contén as determinacións establecidas no artigo 73 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de galicia, e incorpora un estudo económico e unha memoria de viabilidade económica da actuación urbanística (06_ee_estudo económico e memoria de viabilidade económica).
2. Nulidade do Plan especial ao non prever a súa adecuada integración no territorio, o que xera problemas no sistema viario pola falta de execución do sector contiguo.
A ordenación proposta do Plan especial establece a integración adecuada desta actuación urbanística no territorio. As medidas propostas ata a finalización do desenvolvemento do ámbito e dos terreos lindeiros incluídos no sector do solo urbanizable SUE-3 Circunvalación permiten a conexión e integración cos sistemas xerais municipais existentes, mantendo mentres tanto o actual acceso viario ás instalacións deportivas do Lalín-Arena.
3. Insostibilidade económica do Plan especial.
O Plan especial incorpora a avaliación económica da implantación dos servizos e da execución das obras de urbanización, incluída a conexión aos sistemas xerais, conforme o establecido no artigo 184.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Tamén inclúe, dentro do estudo económico, unha memoria de viabilidade económica segundo o establecido no artigo 22.5 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, tendo en consideración o carácter de dotación pública da actuación que non pretende unha rendibilidade económica co seu desenvolvemento senón a prestación por parte da Administración de servizos públicos ao cidadán. Asemade, xúntase un informe de sostibilidade económica, coa cuantificación dos custos de mantemento pola posta en marcha e a prestación dos servizos públicos necesarios, valorándose o impacto da actuación na Facenda local.
O Plan especial contén unha estimación inicial dos custos de obtención do solo e indemnizacións considerando a condición do solo rústico do ámbito, pendente da valoración que resulte do correspondente proxecto de expropiación.
Segundo. Aprobar definitivamente o Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID). Ampliación do sistema xeral de equipamento SG-EQ.4 (área deportiva Lalín-Arena).
Terceiro. Procédase a continuar coa tramitación do presente expediente de conformidade coa normativa vixente na materia.
No seguinte enderezo electrónico figura o contido íntegro do plan á disposición do público: www.lalin.gal
Unha vez publicado o acordo no Diario Oficial de Galicia, remitirase á consellería competente en materia de urbanismo a documentación exixida polo artigo 88.3 da LSG, para os efectos de inscribir o documento no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia. Logo de que conste a inscrición no rexistro, procederase a publicar a normativa no Boletín Oficial da provincia.
Contra ese acordo poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.
Lalín, 25 de outubro de 2024
O alcalde
P.D. (Decreto Alcaldía do 7.7.2023, BOP do 14 de xullo)
Pablo Areán González
Concelleiro de Urbanismo
