DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 6 de novembro de 2024 Páx. 58900

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 30 de outubro de 2024 pola que se amplía o gasto máximo autorizado da Orde do 23 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro (código de procedemento PE610A).

O artigo 3.2 da Orde do 23 de xullo de 2024 establece que «Os importes consignados, así como as aplicacións ás cales se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias e respectarase o disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia».

No prazo de presentación recibíronse solicitudes admisibles por importe superior ao previsto inicialmente para o ano 2025. Dado que existen dispoñibilidades de crédito derivadas de remanentes doutras convocatorias de axudas en programas do mesmo servizo, considérase axeitado ampliar o importe do crédito inicial para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para accións formativas, financiadas polo FEMPA, que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro, con cargo á aplicación 46.03.422K.770.0, código de proxecto 2023 00177. Con esta ampliación de crédito poden atenderse todas as solicitudes e acadar así un uso máis eficiente dos fondos públicos e un maior grao de execución orzamentaria.

Por todo o anterior, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de crédito

1. Amplíase o crédito máximo destinado a financiar as axudas para accións formativas, financiadas polo FEMPA, que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro, con cargo á aplicación orzamentaria 46.03.422K.770.0, código de proxecto 202300177, na anualidade 2025 da convocatoria 2024, nun importe de 117.000,00 €.

2. O novo importe total máximo, sumando o importe inicial xa publicado e a presente ampliación, é o detallado no seguinte cadro:

Aplicación orzamentaria

Código do proxecto

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Total

46.03.422K.770.0

2023 00177

595.000,00 €

712.000,00 €

1.307.000,00 €

46.03.422K.781.0

2023 00177

105.000,00 €

105.000,00 €

210.000,00 €

Total

700.000,00 €

817.000,00 €

1.517.000,00 €

3. A publicación desta orde de ampliación do crédito non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar