No DOG número 133, do 10 de xullo de 2024, publicouse a Orde do 8 de xullo de 2024 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual (código de procedemento ED202A).
Á vista das solicitudes presentadas e atendendo ás contías, obsérvase que a dotación orzamentaria non é suficiente para atender todas as solicitudes, polo que cómpre realizar unha ampliación dos créditos consignados inicialmente.
O artigo 7 da Orde do 8 de xullo de 2024 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual, e de conformidade co estipulado no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles. O incremento do crédito está condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Dado o elevado volume de solicitudes e axudas concedidas e coa finalidade de facer partícipe da subvención ao maior número de persoas beneficiarias posible, faise necesaria unha ampliación de crédito.
Unha vez revisados os expedientes, compróbase que existe remanente de crédito suficiente derivado doutras convocatorias do mesmo programa e servizo.
Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Incremento de financiamento
1. Increméntase en 63.500,00 euros o importe total destinado á concesión das axudas da Orde do 8 de xullo de 2024 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual (código de procedemento ED202A) na aplicación orzamentaria 37.04.422M.480.0.
Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a 963.500,00 euros.
2. A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
