DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 6 de novembro de 2024 Páx. 59027

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á repotenciación dos transformadores T-I e T-III na subestación Tivo 220 kV, no termo municipal de Caldas de Reis, promovida por UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2024/011-4).

Feitos:

O 15 de xaneiro de 2024 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, o promotor) presentou, ante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante, Departamento Territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á repotenciación dos transformadores T-I e T-III na subestación Tivo 220 kV, no termo municipal de Caldas de Reis (Pontevedra), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2024/011-4.

Esta solicitude acompañouse, ou completouse posteriormente, da seguinte documentación técnica:

– Proxecto de execución denominado Subestación Tivo 220 kV, repotenciación T-I e T-III 220/66 kV, 2×150MVA, asinado o 27 de decembro de 2023 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada número 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Madrid) e visado por este colexio co número 202305765 e data 27 de decembro de 2023, no cal figura un orzamento total de 4.221.365,16 euros.

– Declaración responsable asinada polo técnico proxectista e integrada no anexo III do proxecto (exixida no artigo 53.1.b da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico).

– Declaración responsable asinada o 3 de xuño de 2024 polo técnico proxectista en que se indica que a referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, segundo a lexislación vixente de avaliación ambiental, non está sometida a ningún trámite de avaliación de impacto ambiental.

A referida subestación Tivo 220 kV, propiedade do promotor, agás o parque de 220 kV, que pertence a REE, está composta actualmente polos seguintes parques e transformadores de potencia:

– Parque de 220 kV: de intemperie con aparellaxe convencional en configuración de dobre barra e con 7 posicións.

– Parque de 66 kV: de intemperie con aparellaxe convencional en configuración dobre barra e con 17 posicións.

– Parque de 20 kV: de interior en configuración de simple barra con barra de transferencia e con 17 posicións.

– Cinco transformadores trifásicos de potencia montados en intemperie: T-I, T-II e T-III (220/71/9,55 kV e 75/75/18 MVA), e T-IV e T-V (66/21/15 kV e 20/20/6,6 MVA).

Segundo consta no referido proxecto de execución presentado polo promotor, a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica proxectada ten por obxecto a repotenciación de dous transformadores de potencia (T-I e T-II), e recóllense as seguintes actuacións:

– Substitución dos transformadores de potencia T-I e T-II de 75 MVA por outros dous de 220/66 kV de 150 MVA.

– Substitución dos transformadores de intensidade e seccionadores de 66 kV das súas respectivas posicións.

– Substitución dos transformadores de intensidade de 220 kV das súas respectivas posicións (estes traballos non se inclúen no proxecto por seren da competencia de REE).

– Demolición dalgunhas cimentacións existentes e a construción de novas cimentacións para os novos seccionadores que se van instalar.

O 14 de xuño de 2024 o Departamento Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica ao Servizo do Patrimonio Cultural do Departamento Territorial de Pontevedra e ao Concello de Caldas de Reis, co seguinte resultado:

– A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o seu condicionado técnico o 25 de xaneiro de 2024, do cal se lle deu traslado ao promotor, quen presentou a súa conformidade con el.

– O Concello de Caldas de Reis non contestou, polo que, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

O 3 de outubro de 2024 o Departamento Territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorporou os seguintes informes:

– Informe favorable sobre o proxecto de execución, emitido o 24 de setembro de 2024 polos servizos técnicos do Departamento Territorial.

– Informe favorable para a resolución do expediente, emitido o 3 de outubro de 2024 polo Servizo de Enerxía e Minas do Departamento Territorial.

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior aos 75 MVA, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b.2º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para resolver os procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril); no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, de 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á repotenciación dos transformadores T-I e T-III na subestación Tivo 220 kV, no termo municipal de Caldas de Reis (Pontevedra), promovida por UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominado Subestación Tivo 220 kV, repotenciación T-I e T-III 220/66 kV, 2x150MVA.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. A infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Subestación Tivo 220 kV, repotenciación T-I e T-III 220/66 kV, 2x150MVA, asinado o 27 de decembro de 2023 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada número 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Madrid) e visado por este colexio co número 202305765 e data 27 de decembro de 2023, no cal figura un orzamento total de 4.221.365,16 euros.

2. O promotor asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manteñan sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobadas polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobadas polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións na infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica que se autoriza que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o Departamento Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica que se autoriza será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, o promotor deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o Departamento Territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica que se autoriza e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica que se autoriza, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas