DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 6 de novembro de 2024 Páx. 58904

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2024 pola que se fai pública a delegación de competencias do Consello de Dirección na Dirección Xeral.

A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (DOG núm. 94, do 21 de maio), desenvolve no seu título IV os procedementos de mobilización da terra agroforestal en seis capítulos, que responden á declaración de abandono ou infrautilización de predios, á incorporación e exclusión de predios do Banco de Terras de Galicia, á fixación e control dos prezos do Banco de Terras de Galicia, ao arrendamento de predios incorporados ao Banco de Terras de Galicia, ao alleamento a título oneroso e cesión gratuíta de predios incorporados ao Banco de Terras de Galicia, e ás permutas de especial interese agrario.

En particular, o seu artigo 61 atribúe ao Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a competencia para a cesión gratuíta con transmisión da propiedade de predios de titularidade da Axencia incorporados ao Banco de Terras de Galicia.

A actividade administrativa da Axencia comporta unha concentración de funcións no seu Consello de Dirección que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias na Dirección Xeral da Axencia, sen esquecer o debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria, que redunda en beneficio tanto da Axencia coma dos cidadáns, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

De acordo co artigo 9.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, procede publicar as delegacións de competencias.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o acordo do Consello de Dirección da Agader polo que se delegan determinadas competencias, que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

ANEXO

Acordo do Consello de Dirección da Agader do 27 de xuño de 2023.

«Ao abeiro do previsto no artigo 6.1.j) do Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, aprobado polo Decreto 79/2001, do 6 de abril, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral da Axencia as competencias que lle corresponden ao Consello Reitor do artigo 61 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia».

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2024

María Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural