DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Venres, 8 de novembro de 2024 Páx. 59274

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2024 pola que se acorda a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes no procedemento regulado pola Resolución do 5 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU986B).

O 14 de xuño de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 5 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU986B).

O prazo para a presentación de solicitudes comprendía desde o día seguinte ao da publicación da mencionada resolución no DOG ata o día 14 de novembro de 2024.

Tendo en conta a dificultade técnica da presentación dos proxectos subvencionables, resulta aconsellable, para promover e facilitar a participación neste procedemento, ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria ata o 9 de decembro de 2024. Ao tratarse dunha convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, a ampliación do prazo de presentación de solicitudes non causa prexuízo a terceiros.

Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), indica que a Administración poderá acordar a ampliación dos prazos establecidos de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Modifícase o artigo 9 das bases reguladoras da Resolución do 5 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU986B), no referente ao prazo de presentación de solicitudes, de maneira que a data límite de presentación de solicitudes se amplía ata o 9 de decembro de 2024.

Segundo. Publicidade da ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Publícase esta resolución no Diario Oficial de Galicia, para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. Recursos

De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Cuarto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2024

O director da Axencia de Turismo de Galicia
P.S. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012; DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Antonio Casas Calviño
Xerente da Axencia de Turismo de Galicia