No Diario Oficial de Galicia número 192, do 4 de outubro de 2024, publicouse a Orde do 3 de outubro de 2024 pola que se determinan os servizos mínimos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga parcial os días 7, 9, 11 e 14 de outubro, e indefinida a partir do día 16 de outubro en días alternos: luns, mércores e venres, nos seus centros de traballo.
No Diario Oficial de Galicia número 199, do 15 de outubro, publicouse a Orde do 10 de outubro de 2024 pola que se modificou o anexo de efectivos mínimos convocados contidos na Orde do 3 de outubro de 2024.
O Comité Intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. comunicou unha ampliación da convocatoria de folga parcial que afecta a todos os traballadores e traballadoras da Corporación nos seus centros de traballo: San Marcos (Santiago de Compostela), A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo. Esta convocatoria de folga, que ten carácter de indefinida desde o 16 de outubro, e se viña realizando en días alternos (luns, mércores e venres), cunha duración dunha hora e media na franxa comprendida entre as 11.30 e as 13.00 horas, pasa, a partir do día 11 de novembro de 2024, a ter unha duración de dúas horas e quince minutos, na franxa comprendida entre as 11.30 e as 13.45 horas. A partir do día 1 de decembro, as xornadas de folga produciranse de luns a venres na indicada franxa horaria de 11.30 a 13.45 horas.
A xuntanza de negociación co comité de folga non permitiu lograr avances nas posturas respecto dos acadados nos contactos mantidos entre o dito comité e a representación da Corporación o pasado día 3 de outubro. Os servizos mínimos fixáronse nas referidas ordes do 3 de outubro de 2024 (DOG núm. 192, do 4 de outubro) e do 10 de outubro de 2024 (DOG núm. 199, do 15 de outubro), que agora procede reproducir integramente para os efectos de escusar a súa reiteración. Cómpre, por tanto, realizar unha remisión expresa ao seu contido dispositivo para os efectos de ter por cumprida a motivación en relación coa consideración dos servizos esenciais e a proporcionalidade na determinación dos servizos mínimos, tendo en conta que se mantén o carácter parcial dos paros e que, a pesar do incremento da súa duración diaria, as franxas horarias dos paros parciais seguen sen coincidir temporalmente con programación informativa de carácter esencial nalgunha das plataformas da Corporación.
Na súa virtude, de acordo cos argumentos expostos, vista a proposta da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. e en virtude das facultades que me confire o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, oído o Comité de Folga,
DISPOÑO:
Artigo único
1. Modifícase, por unha banda, a franxa horaria do paro parcial, que pasa, a partir do día 11 de novembro de 2024, a ter unha duración de dúas horas e quince minutos, na franxa comprendida entre as 11.30 e as 13.45 horas. Por outra banda, modifícanse as xornadas de folga que, a partir do día 1 de decembro, se producirán de luns a venres na indicada franxa horaria das 11.30 ás 13.45 horas.
2. Terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan no anexo a esta orde.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2024
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
ANEXO
Efectivos mínimos fixados para as xornadas de folga convocadas
a partir do 11 de novembro de 2024
I. Informativos:
I.I. Documentación e arquivo:
1 documentalista.
I.II. Redacción da Radio Galega (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):
3 informadores/as en San Marcos.
1 informador/a na Delegación da Coruña.
1 informador/a na Delegación de Lugo.
1 informador/a na Delegación de Ourense.
1 informador/a na Delegación de Vigo.
I.III. Redacción de Televisión de Galicia (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):
8 informadores/as en San Marcos.
1 informador/a na Delegación da Coruña.
1 informador/a na Delegación de Ourense.
1 informador/a na Delegación de Vigo.
1 informador/a na Delegación de Lugo.
I.IV. Reporteiros/as gráficos/as:
6 reporteiros/as gráficos/as en San Marcos.
1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación da Coruña.
1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Vigo.
1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Ourense.
1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Lugo.
I.V. Tempo real:
1 informador/a.
I.VI. Medios de produción:
I.VI.I. Grafismo:
1 deseñador/a gráfico/a.
1 grafista-titulador/a.
I.VI.II. Maquillaxe:
1 maquillador/a.
I.VI.III. Produción:
2 persoas de produción.
I.VI.IV. Realización:
2 realizadores/as.
4 axudantes/as de realización.
I.VI.V. Operadores/as de vídeo:
1 operador/a de posprodución ou operador/a montador/a de vídeo.
1 operador/a montador/a de vídeo de inxesta PAM.
1 operador/a montador/a de vídeo de inxesta MAM.
1 operador/a montador/a de vídeo de media.
II. Soporte e mantemento das emisións:
II.I. Soporte e mantemento das emisións:
II.I.I. Continuidade:
3 operadores/as de continuidade.
II.I.II. Emisións:
1 persoa de emisións.
II.II. Grupo soporte:
2 operadores/as de soporte.
II.III. Medios RG:
2 técnicos/as de control.
II.IV. Operacións, emisións e mantemento técnico:
3 técnicos/as electrónicos/as de primeira ou técnicos/as electrónicos/as.
II.V. Instalacións:
1 electricista.
II.VI. Mantemento:
1 axudante/a de mantemento.
II.VII. Almacén de cámaras:
1 almacenista.
II.VIII. Servizo de sistemas:
1 analista-programador/a ou técnico/a de sistemas.
