DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Luns, 11 de novembro de 2024 Páx. 59405

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

Exposición de motivos

I

O Pacto verde europeo marcou o obxectivo de acelerar a transición ecolóxica da Unión Europea cara a unha economía neutra en emisións de CO2 para 2050. Nos últimos dous anos a necesidade de acelerar a transición ecolóxica intensificouse co Fit for 55, conxunto de medidas que pretenden acadar o obxectivo de que como mínimo o 42,5 % do consumo final bruto da enerxía da Unión Europea se produza a partir de fontes renovables de enerxía, ou co Plan RePowerEU, que pretendía dar resposta á escalada de prezos e á carestía enerxética, aumentando a resiliencia do sistema enerxético a través de piares como o aumento da presenza do biometano e do hidróxeno.

A crise de subministracións, provocada primeiro pola covid-19 e pouco despois pola invasión de Ucraína, puxo de manifesto a necesidade de reforzar a capacidade de produción propia nas tecnoloxías críticas relacionadas coa transición enerxética. En resposta, a Unión Europea estableceu o Plan industrial do Pacto verde europeo (COM (2023) 62 final, do 1.2.2023), que promove o desenvolvemento da capacidade de produción propia das materias primas e tecnoloxías requiridas para a transición verde, incluíndo o aproveitamento dos recursos naturais de Europa.

A propia Administración autonómica galega ten avanzado nestes ámbitos. Así, a Xunta de Galicia aprobou no ano 2022 a Axenda enerxética de Galicia 2030, que constitúe a folla de ruta para a consecución dos obxectivos intermedios en 2030 que permitan acadar a neutralidade climática a máis tardar en 2050, de acordo coa Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e coa futura Lei do clima de Galicia, con novas oportunidades, non soamente para o sector enerxético galego, senón para o resto de sectores estratéxicos de Galicia. Igualmente, tamén no ano 2022 a Xunta aprobou a Axenda de impulso da minaría sustentable de Galicia 2030, que constitúe a estratexia, a folla de ruta, que se adapta aos novos tempos e obxectivos do sector. Así, céntrase en impulsar a modernización e o crecemento sustentable da minaría, que vai actuar como provedor de minerais estratéxicos para a dixitalización, pero tamén na innovación tecnolóxica e o talento, así como en fomentar a integración ambiental da minaría, a economía circular e a posta en valor do patrimonio mineiro.

Dentro deste novo escenario, os recursos naturais pasan a ser un factor clave para o crecemento sustentable e inclusivo do territorio e patrimonio de toda a cidadanía. Non obstante, a cantidade de recursos naturais de Galicia que se poden empregar de forma sustentable é limitada, polo que, cando a sociedade asigna unha parte deles a un determinado proxecto, está facendo un investimento polo cal debe obter un retorno social axeitado. Este retorno social ten que ser compatible coa obtención dunha rendibilidade económica suficiente para as persoas que invisten achegando capital e asumindo os riscos.

A posta en marcha de determinados proxectos no territorio, en especial aqueles que aproveitan recursos naturais mediante unha tecnoloxía avanzada, non só debe respectar estritamente as cautelas ambientais, senón que debe ir acompañada da adecuada valoración do seu impacto social e económico na medida en que pode representar unha grande oportunidade para acadar un desenvolvemento sustentable.

A identificación por parte dos promotores dos efectos positivos de carácter social e económico que derivan directamente da execución dun proxecto e a asunción de compromisos adicionais para potenciar eses efectos resultan esenciais para valorar os impactos que van derivar para as comunidades en que se van desenvolver.

II

En todo caso, e cando se trata de valorar o impacto dun determinado proxecto no territorio, debe considerarse necesariamente a súa posible repercusión nos beneficios que proporciona o medio natural en que se vai localizar e que son os que fan posible a vida humana, isto é, os denominados servizos dos ecosistemas ou servizos ecosistémicos.

A natureza permite obter alimentos, auga, madeira, recursos minerais e combustibles; permite realizar actividades físicas, intelectuais e estéticas; afecta o benestar humano; e alberga aqueles espazos que deben ser conservados de cara a manter as condicións de vida, da flora e da fauna.

Para tales efectos, a Organización das Nacións Unidas estableceu un sistema de clasificación internacional de servizos ecosistémicos, CICES (Clasificación internacional común de servizos dos ecosistemas), adoptado pola Axencia Europea de Medio Ambiente (EEA) para poder establecer métodos de contabilidade de ecosistemas e poder realizar comparacións.

Os servizos ecosistémicos engloban aspectos directos e indirectos que inflúen positivamente no benestar da sociedade, como os bens e servizos derivados do capital natural. O concepto de capital natural baséase en dotar dun valor económico o medio rural, incluíndo a súa biodiversidade e espazos naturais, desde a perspectiva da súa protección, conservación e mellora polos bens e servizos que proporciona, como aire de calidade, mantemento da biodiversidade, produción de alimentos, auga, madeira, recursos minerais e fibra, captura de CO2, patrimonio cultural, actividades lúdicas, culturais e turísticas e, en definitiva, saúde para o conxunto da sociedade humana.

A necesidade de despregar novas tecnoloxías, entre elas as de aproveitamento de recursos minerais e as de produción de enerxía renovable, que contribúan tamén a un crecemento sustentable da sociedade humana, debe facerse tendo en conta ese valor económico dos servizos ecosistémicos. Ter en conta estes servizos, promovéndoos e compensándoos á hora da planificación de proxectos empresariais que contribúen ao interese común, é un xeito de reducir as inercias sociais e de favorecer a inevitable coexistencia, xa que estes recursos se atopan maioritariamente no medio rural.

O establecemento dun esquema de valoración e compensación por servizos ecosistémicos non é unha simple transacción económica, senón que ten un obxectivo moito máis amplo, como o de combater o despoboamento e a degradación dos espazos naturais e o mantemento do potencial de loita contra os efectos do cambio climático que ten o medio rural, non só polo capital natural de que dispón, senón porque é o escenario imprescindible para un desenvolvemento socioeconómico sustentable e con futuro. A localización de proxectos empresariais de interese común que teñan en conta isto vai contribuír a aumentar a resiliencia do propio medio rural, pero tamén a da sociedade no seu conxunto, xa que serán elementos de dinamización social, non só polo emprego directo, senón polas compensacións que se establezan dos traballos que se teñen que facer na súa protección, mantemento e mellora.

III

Esta lei nace coa finalidade de asegurar a xestión responsable dos recursos naturais de Galicia, de maneira que se protexa o ambiente, se cree riqueza e a riqueza creada impacte no territorio.

Para tales efectos, a lei recolle un conxunto de medidas de distinta índole relacionadas entre si polo seu compromiso co desenvolvemento sustentable do territorio.

A lei consta dun título preliminar, sete títulos e tres disposicións adicionais, unha derrogatoria e oito derradeiras.

O título preliminar recolle as disposicións xerais sobre o obxecto da lei, onde se enumeran as actuacións e os instrumentos que a lei comprende e mais as súas finalidades, e desenvolve a conceptuación dos beneficios sociais e económicos dos proxectos para os efectos da lei.

En particular, enténdense como beneficios sociais e económicos, entre outros, a promoción da mellora das condicións de vida das zonas situadas no ámbito de influencia dos proxectos e o fomento da súa cohesión local e territorial; o compromiso coa protección, mantemento e mellora ambiental da área; a conservación, recuperación e uso sustentable dos servizos ecosistémicos nas zonas de influencia dos proxectos, e as boas prácticas ambientais e sociais; a promoción de novos investimentos e, en particular, de mecanismos de reinvestimento dos beneficios; o fomento da creación e o mantemento de emprego directo e indirecto, tendo en conta especialmente a creación de emprego cualificado na área de implantación; o desenvolvemento de negocios locais, especialmente dos relacionados directa ou indirectamente co sector das enerxías renovables; o impacto local da estratexia de compras e contratación do titular do proxecto; a participación nos proxectos, en termos de investimento, de investidores locais e de empresas e administracións da zona en que se situará a instalación; a redución de custos da enerxía e a redución da dependencia enerxética das persoas consumidoras locais e industrias das zonas situadas no ámbito de influencia dos proxectos ou da comunidade autónoma; e o impacto sobre a cadea de valor, existente ou que se xere, industrial local e autonómica, así como a consulta e a participación significativa das administracións e das persoas interesadas locais no proxecto, a consideración dos seus intereses no desenvolvemento do proxecto e o seu apoio.

A lei prevé o desenvolvemento de indicadores cuantitativos, conforme as metodoloxías internacionalmente aceptadas, que poidan permitir a valoración do impacto social e económico dos proxectos.

IV

O título primeiro identifica os proxectos comprendidos nel, como os proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables, os proxectos que requiren da concesión de augas para os usos que a lei determina e os dereitos, concesións mineiras e proxectos de explotación mineiros. Estamos, en definitiva, ante proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia e nos cales a lei pretende que se avalíe o seu impacto social e económico.

A lei prevé, no caso dos proxectos cuxa autorización corresponda á Administración autonómica, a integración da valoración do impacto social e económico na avaliación de impacto ambiental. En particular, a lei pretende que se valoren os servizos ecosistémicos nas zonas de influencia dos proxectos, considerando como tales os beneficios económicos, sociais e ambientais, directos e indirectos, que as persoas obteñen do bo funcionamento dos ecosistemas, e que melloran a saúde, a economía e a calidade de vida, tales como o mantemento da biodiversidade, o secuestro de carbono, a beleza paisaxística, o acervo cultural, tanto patrimonial como inmaterial, a formación de solos, a regulación hídrica nas bacías e a provisión de recursos cinexéticos.

Neses casos, o estudo de impacto ambiental incluirá e desenvolverá os aspectos sociais e económicos do proxecto, os seus beneficios e a súa valoración.

A lei regula, así mesmo, as formas de prevención, corrección e, de ser o caso, compensación dos efectos sobre os servizos ecosistémicos, así como a súa conservación, recuperación e uso sustentable, entre as cales se encontran o financiamento de accións específicas, o financiamento de accións de desenvolvemento produtivo e infraestrutura básica sustentables en beneficio directo da poboación involucrada ou outras modalidades acordadas libremente entre as partes, sempre que cumpran cos obxectivos legais de prevención, corrección e, se é o caso, compensación dos efectos sobre o servizo ecosistémico e a súa conservación, recuperación e uso sustentable.

Deste modo, a declaración de impacto ambiental que formule o órgano ambiental integrará, en particular, no seu contido, de conformidade co principio de desenvolvemento social e económico das zonas e das súas poboacións, tanto a análise dos efectos sociais e económicos enumerados no artigo 5 desta lei que deriven da execución do proxecto e os compromisos adicionais dos promotores dirixidos a xerar beneficios sociais e económicos no territorio como, se procede, as condicións en que pode desenvolverse o proxecto, establecendo as medidas que permitan previr, corrixir e, de ser o caso, compensar os seus efectos sobre o ambiente, tendo en conta especialmente as formas de prevención, corrección e, se é o caso, compensación dos efectos sobre os servizos ecosistémicos.

A lei tamén se ocupa da valoración do impacto social e económico nos proxectos non sometidos a avaliación de impacto ambiental, que se efectuará a través da exixencia ao promotor da presentación dun estudo de impacto social e económico do proxecto e a súa avaliación no procedemento de autorización do proxecto.

Así mesmo, respecto da valoración do impacto social e económico dos proxectos en que a competencia para a súa autorización non sexa da Comunidade Autónoma, a lei indica que no trámite de consulta que lle efectúe a Administración do Estado, de acordo coa lexislación aplicable, a Administración autonómica emitirá informe sobre os efectos sociais e económicos dos proxectos e, en particular, sobre a prevención, corrección e, de ser o caso, compensación dos efectos sobre os servizos ecosistémicos, e a súa conservación, recuperación e uso sustentable.

A lei contén determinacións específicas para os distintos proxectos comprendidos neste título.

Así, respecto dos proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables, a lei regula a súa declaración de especial interese público, social e económico, atendendo á valoración dos beneficios que comporten, cando cumpran os requisitos que se establecen, e os efectos desta declaración, entre os cales destaca, no caso de proxectos de produción de enerxía eólica, a posible implantación do parque eólico fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, sempre que se considere ambientalmente viable e se cumpran adicionalmente os requisitos que se establecen.

Polo que se refire aos proxectos que requiren da concesión de augas, valoraranse para o outorgamento das concesións de augas de competencia autonómica o interese público e a maior utilidade pública e xeral que presentan os proxectos que inclúan beneficios sociais e económicos, especialmente nas zonas situadas dentro do ámbito de influencia do proxecto, na forma indicada na lei.

Respecto dos dereitos, concesións mineiras e proxectos de explotación mineiros, a lei prevé tamén a valoración dos beneficios sociais e económicos deses proxectos. No outorgamento dos dereitos mineiros e/ou na aprobación do proxecto de explotación teranse en conta a avaliación efectuada e, en particular, a prevención, corrección e, de ser o caso, compensación dos efectos sobre os servizos ecosistémicos, e a súa conservación, recuperación e uso sustentable. Cando un dereito mineiro afecte un dereito mineiro preexistente ou outros usos de interese público, para os efectos de decidir sobre a súa prevalencia teranse en conta, entre os criterios aplicables, os seus respectivos beneficios sociais e económicos, de acordo co establecido na lei.

V

O título segundo regula a posibilidade de que a Administración autonómica participe en sociedades que teñan obxectivos compatibles cos previstos por esta lei, así como os posibles instrumentos de financiamento para os proxectos.

Os proxectos que empregan recursos naturais de forma sustentable requiren frecuentemente elevados investimentos para deseñar, tramitar e instalar as infraestruturas necesarias con todas as garantías, así como longos períodos de tempo para recuperar o capital. Por outra banda, os promotores destes proxectos asumen unha serie de riscos e compromisos a longo prazo que poden resultar inasumibles, en particular para as pemes e os pequenos investidores que compoñen a maior parte do tecido social das comunidades onde están localizados os recursos. Como consecuencia disto, o desenvolvemento de proxectos sustentables pode resultar insuficiente e con limitada presenza de participantes locais en favor de grandes empresas que teñen acceso aos recursos financeiros precisos. Isto supón unha estrutura do mercado que dificulta a participación dos axentes locais, reduce a competitividade das pemes e diminúe tanto os investimentos coma o apoio social a estes.

Para abordar esta situación, a lei prevé instrumentos de apoio ao desenvolvemento dos proxectos e a participación neles das pemes, dos axentes locais e da economía social. Este apoio poderá ser directo, mediante a promoción de certos proxectos particularmente relevantes polo seu impacto socioeconómico por parte de sociedades público-privadas, e tamén indirecto, mediante o uso de instrumentos financeiros que melloren a viabilidade económica dos proxectos.

A Administración xeral da Comunidade Autónoma ou os seus entes instrumentais, cumprindo os requisitos establecidos na lexislación de patrimonio autonómico, poderán participar en sociedades mercantís entre cuxas finalidades e responsabilidade corporativa se encontren as de procurar o beneficio social e económico dos proxectos e cooperar no impulso da cadea de valor, no marco das súas operacións industriais, mercantís ou de investimento, de acordo coas normas previstas nesta lei.

Estas finalidades incorporaranse á actuación das sociedades mediante pacto de socios e/ou calquera outro instrumento que se considere oportuno, e sen prexuízo da súa operación como un axente máis de acordo coas regras normais do mercado.

As sociedades participadas poderán, pola súa vez, participar nas sociedades vehiculares que se establezan, se é o caso, para executar os proxectos de investimento.

En todo caso, para que a Administración participe nas sociedades, entre as súas finalidades e responsabilidade corporativa encontrarase o obxectivo de valorizar os recursos estratéxicos galegos e canalizar este valor cara a todo o tecido socioeconómico da Comunidade Autónoma, en particular cara ás comunidades locais, que soportan a maior parte dos custos ambientais da súa explotación.

Estas sociedades actuarán como referencia para o resto de participantes; integrarán os axentes locais no desenvolvemento dos proxectos, facilitándolles o apoio social; facilitarán o acceso a solucións competitivas de autoconsumo e eficiencia enerxética ao sector produtivo de Galicia; crearán e diseminarán estándares e boas prácticas; e facilitaranlles o acceso ao financiamento ás pemes locais.

Ao mesmo tempo, a Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades do seu sector público, por si ou a través das sociedades en que participen, promoverán o desenvolvemento de instrumentos de financiamento para facilitar a viabilidade dos proxectos que compartan as finalidades desta lei. Estes instrumentos de financiamento serán compatibles con outros instrumentos ou medidas de apoio de tipo público ou privado. Os instrumentos financeiros incluídos na norma están concibidos para maximizar a súa capacidade de mobilizar investimentos públicos e privados nos proxectos co menor custo para a Administración e minimizando as distorsións de mercado.

A promoción do beneficio social e económico dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia precisa que as pemes e os pequenos investidores locais teñan acceso aos recursos financeiros necesarios en condicións equiparables ás dos grandes promotores, así como para que os participantes poidan avaliar e xestionar os riscos asociados. Para iso, a lei dispón dunha serie de instrumentos financeiros deseñados para as diferentes necesidades de cada etapa dos proxectos e para seren empregados por pemes e pequenos investidores locais.

Os instrumentos financeiros estarán orientados a mellorar a rendibilidade dos proxectos, a reducir e distribuír os riscos a aqueles participantes con maior capacidade para xestionalos, a incrementar a liquidez e o valor dos activos resultantes e a reducir os custos e as necesidades de capital dos promotores. En particular, os instrumentos financeiros incluídos na norma están deseñados para que as pemes locais poidan acceder aos recursos financeiros necesarios para promover os proxectos en condicións equiparables ás das grandes empresas.

Entre outros instrumentos financeiros poderanse dispoñer achegas directas ou indirectas da Administración autonómica no capital dos proxectos, incentivos fiscais ao investimento dos axentes locais nos proxectos, creación de liñas de préstamo bonificadas e refinanciamento dos activos dos proxectos logo de que sexan suficientemente maduros con apoio da Administración autonómica.

VI

O título terceiro refírese á eólica mariña. A Administración xeral da Comunidade Autónoma, no marco das súas relacións institucionais coa Administración xeral do Estado, desenvolverá a súa actuación para promover que esta teña en conta, nos instrumentos e actuacións de competencia estatal relativos á enerxía eólica mariña, o compromiso coa cohesión social e económica da Comunidade Autónoma de Galicia e, en especial, os beneficios sociais e económicos dos proxectos previstos nesta lei.

Co fin de contribuír a regular e preservar o ambiente, e especialmente velar pola xestión racional e sustentable do litoral, tendo en conta os seus extraordinarios valores ambientais, con carácter de ingreso compensatorio e como prestación patrimonial de dereito público de natureza extrafiscal e real, créase o canon ás infraestruturas de evacuación de eólica mariña aplicable ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os ingresos derivados do canon, deducidos os custos de xestión, destinaranse á conservación, reposición e restauración do ambiente, así como a actuacións de compensación e reequilibrio ambiental e territorial, das cales serán principais beneficiarios os concellos polo soterramento das liñas de evacuación e o sector pesqueiro pola implantación dos parques eólicos cuxa enerxía se evacúa.

En sintonía co ditaminado polo Consello Económico e Social de Galicia, considérase que a eólica mariña representa unha oportunidade industrial que permite aplicar unha experiencia na que Galicia é referente internacional e europeo. Non obstante, nesta e en calquera regulación futura imponse garantir o mantemento doutras actividades empresariais, nomeadamente do sector pesqueiro, pola súa relevancia na economía da Comunidade Autónoma e en liña coa proposición non de lei aprobada polo Parlamento galego o 25 de maio de 2022.

VII

O título cuarto regula as actuacións para recuperar o territorio afectado polos incendios forestais e crea o Fondo de Recuperación de Incendios Forestais de Incidencia Singular.

Este título recolle os principios que deberán dirixir as actividades das administracións públicas, pero tamén do sector privado, encamiñadas á recuperación das zonas afectadas polos incendios forestais no menor tempo posible. As ditas actuacións deben permitir recuperar os valores do territorio, mediante unha planificación que permita, ademais, previr futuros incendios e, polo tanto, reducir o risco de que se volva producir unha catástrofe dese tipo.

Co fin de acadar os obxectivos indicados, cobra unha especial importancia que as administracións públicas busquen vías de colaboración entre e o sector público e o privado, mediante o establecemento de planificacións e actuacións de mellora que permitan a participación de toda a sociedade. Desta forma, acadarase unha maior adecuación na recuperación do territorio ás necesidades da sociedade e garantirase o compromiso de todos os axentes na execución das medidas executadas, contribuíndo a manter unha adecuada xestión do territorio, mantendo a actividade económica asociada a el, así como fomentando a recuperación dos seus valores ambientais no menor prazo de tempo posible.

Créase o fondo de recuperación do territorio afectado polos ditos incendios, destinado a financiar as actuacións de recuperación das zonas do territorio afectadas por eles.

Co obxecto de acadar a maior eficacia na xestión deste fondo, a lei regula cuestións tales como a forma de determinar a singularidade dos incendios, as características do fondo e das posibles achegas do sector privado a este, as actuacións financiables e os órganos colexiados encargados de facer un seguimento do citado fondo, co fin de conseguir unha xestión e un control axeitados deste.

VIII

O título quinto aborda os proxectos de autoconsumo nas áreas empresariais de Galicia para facilitar o seu desenvolvemento.

As normas contidas neste título teñen como obxectivo fomentar a implantación de instalacións ou infraestruturas que contribúan ao autoconsumo, eficiencia enerxética e sustentabilidade das empresas instaladas en parques empresariais da comunidade autónoma, favorecendo o impacto social, económico e ambiental destas modalidades de xeración de enerxía, así como a existencia de alternativas de subministración de proximidade para as empresas e consumidores finais e a súa participación activa no seu abastecemento enerxético.

Para acadar o obxectivo antes citado, estas normas tratan de eliminar ou reducir, na medida do posible, as limitacións ou restricións de carácter urbanístico que poidan dificultar a implantación destas infraestruturas nas áreas empresariais, sen vulnerar as competencias municipais na materia de licenzas, pero creando un marco normativo que estableza os criterios básicos para favorecer a implantación daquelas. Polo tanto, non se trataría dunha norma que, con carácter xeral, impoña obrigas, limitacións ou prohibicións ás empresas, senón, pola contra, que posibilite que estas poidan implantar estas instalacións ou infraestruturas coa finalidade de conseguir unha maior eficiencia enerxética na súa actividade, que ademais repercutiría nunha maior sustentabilidade ambiental da actividade da empresa en particular e das áreas empresariais en xeral.

Con esta finalidade, establécense unhas normas de aplicación directa que se impoñen sobre as ordenanzas contidas nos instrumentos de planeamento ou de ordenación do territorio ou que os desenvolven, tanto sobre as anteriores á entrada en vigor desta lei como sobre as posteriores. Estas normas concrétanse, entre outros, nos seguintes aspectos:

– Permítese en determinados espazos a implantación de instalacións ou infraestruturas para produción de enerxías renovables, xa sexa en réxime de autoconsumo individual ou para autoconsumo de comunidades enerxéticas dentro do ámbito das áreas empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

– As ordenanzas dos parques empresariais na materia de alturas máximas, recuamentos, edificabilidade e outras similares serán interpretadas de xeito que favorezan a implantación das instalacións ou infraestruturas para produción de enerxía a partir de fontes de enerxías renovables. Ademais, establécense na lei algunhas determinacións nas materias antes referidas sen prexuízo das limitacións técnicas que poida impoñer a normativa autonómica ou estatal nesta materia. Así, permítense excepcións dos límites de altura previstos nas ordenanzas cando se trate de elementos singulares destas instalacións ou infraestruturas e as distancias mínimas na materia de recuamentos computaranse desde a edificación principal, sen ter en conta as instalacións ou infraestruturas, as cales non computarán para efectos de edificabilidade.

Recóllese a posibilidade de que as entidades de conservación, xestión e modernización de parques empresariais, reguladas na Lei 3/2022, de áreas empresariais de Galicia, as sociedades mercantís ou outras entidades poidan formalizar acordos, convenios ou contratos cos promotores e propietarios do parque empresarial, co concello ou con outros organismos, co fin de implantar instalacións colectivas destinadas á produción de enerxías renovables para o uso das empresas situadas no parque empresarial e, así mesmo, asumir a xestión das ditas instalacións, infraestruturas ou servizos.

Tamén se conteñen medidas de fomento para que os promotores públicos das áreas empresariais da Comunidade Autónoma traten de crear incentivos na comercialización do solo empresarial para favorecer a implantación de instalacións que contribúan ao autoconsumo ou ao uso de enerxías renovables por parte das empresas implantadas nos parques empresariais.

IX

O título sexto refírese a determinados aspectos relacionados cos créditos de carbono.

No marco da estratexia de transición cara á neutralidade carbónica, as administracións públicas deben fomentar o desenvolvemento sustentable do territorio, impulsando aqueles proxectos que contribúan a absorber carbono como medida para compensar as emisións de gases de efecto invernadoiro que se producen noutras actividades.

Neste ámbito está a medrar o interese por parte do sector privado na execución de proxectos no territorio que maximicen a dita absorción de carbono e que lle permitan ben compensar emisións de dióxido de carbono derivadas doutras actividades ou ben vender os créditos de carbono xerados a outros axentes interesados en realizar a dita compensación.

As absorcións certificadas no desenvolvemento dos proxectos deben estar cuantificadas mediante unha metodoloxía obxectiva e transparente, para o cal se require o establecemento dun sistema que garanta a seguridade xurídica das certificacións e transaccións realizadas entre os distintos axentes.

A través deste sistema, as administracións públicas deben establecer mecanismos que fomenten a execución de proxectos de absorción de carbono que teñan unha especial repercusión positiva no territorio, tanto desde un punto de vista ambiental como económico, o que permitirá que o seu desenvolvemento contribúa ao benestar da cidadanía e, ao mesmo tempo, á conservación dos valores ambientais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante o título sexto desta lei créase o Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia. Este sistema facilitará as relacións entre os axentes que voluntariamente desexen vender os créditos de carbono xerados a través do desenvolvemento dos seus proxectos e aqueles que desexen adquirir ou utilizar os créditos de carbono para a compensación das súas emisións derivadas doutras actuacións.

O sistema creado incorporará un estrito sistema de certificación dos proxectos e dos cálculos dos créditos de carbono xerados, co fin de dotar o sistema de transparencia e obxectividade, que garanta a seguridade xurídica de todas as transaccións realizadas a través del.

No mesmo título prevese o desenvolvemento de medidas de fomento que impulsen a participación neste sistema, establecendo un especial tratamento para aqueles créditos de carbono asociados a proxectos e actividades cuxo desenvolvemento leve asociados beneficios adicionais a nivel ambiental e social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en coherencia cos obxectivos previstos nesta lei.

X

O título sétimo refírese aos residuos biometanizables e indica que a Administración autonómica procurará a valorización integral dos residuos con alto potencial de biometanización xerados na Comunidade Autónoma de Galicia e, en especial, daqueles de titularidade da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., a través dos instrumentos previstos neste título.

Así, tendo en conta o alto potencial de biometanización dos residuos municipais, derivado da fracción de recolla selectiva de biorresiduos e da materia orgánica contida na denominada fracción resto, a sociedade pública Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. poderá desenvolver as accións que a lei indica. O biogás obtido ou o seu valor deberá servir, en primeira instancia, para cumprir coa descarbonización dos procesos da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., co fin de acadar o obxectivo de que o consumo de enerxía necesario para as súas operacións sexa de orixe renovable.

Así mesmo, a lei prevé que a Administración autonómica promova accións dirixidas a aproveitar as potencialidades da valorización integral e conxunta dos residuos municipais e dos residuos procedentes das actividades do sector agrogandeiro e das industrias agroalimentarias, coa finalidade de que o sector privado tamén contribúa ao desenvolvemento de sistemas de valorización integral e conxunta dos residuos xerados na Comunidade Autónoma de Galicia.

XI

A disposición adicional primeira establece a declaración de utilidade pública para as estacións de recarga de vehículos eléctricos ou de hidróxeno co obxecto de axilizar a electrificación do sector do transporte.

A disposición adicional segunda contén unha definición de paisaxes cortalumes e áreas estratéxicas de xestión, en relación coa recuperación do territorio afectado por incendios forestais.

A disposición adicional terceira dispón a posta en marcha dun programa de compostaxe por parte da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.

A disposición derrogatoria única contén unha cláusula xeral de derrogación normativa.

A disposición derradeira primeira modifica a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, para facilitar a convocatoria de concursos mineiros sobre materias primas fundamentais e minerais críticos.

A disposición derradeira segunda modifica a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, en relación coa tramitación das autorizacións administrativas necesarias das infraestruturas de evacuación, que deberán solicitarse conxuntamente coa solicitude de autorización administrativa previa e de construción do parque eólico e requirirán que este dispoña de permiso de acceso e conexión. En particular, como norma xeral, e salvo xustificación expresa da imposibilidade de facelo doutra maneira, non se admitirán a trámite novas infraestruturas de evacuación cunha lonxitude de máis de 15 km, agás que se trate de infraestruturas colectoras de varios parques eólicos e estas non teñan unha lonxitude superior a 0,3 km por megawatt conectado a elas. Trátase, así mesmo, de evitar a duplicidade de infraestruturas de evacuación de diferentes parques eólicos ou entre as novas propostas de evacuación e a rede de distribución e transporte existente ou planificada.

Así mesmo, modifícase a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, co obxecto fundamentalmente de aclarar o réxime transitorio en relación con determinadas modificacións substanciais de proxectos e a posible tramitación baixo a modalidade de autoconsumo sen excedentes de determinados proxectos que non conten con permiso de acceso e conexión, sempre e cando, entre outros requisitos, o proxecto de autoconsumo estea vinculado cun proxecto industrial estratéxico.

A disposición derradeira terceira prevé beneficios e incentivos fiscais, modificando o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia na materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo. Así, prevese unha dedución por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades que realicen determinados proxectos declarados de especial interese público, social ou económico de acordo con esta lei e unha dedución aplicable á constitución ou transmisión de dereitos reais sobre inmobles que sexan necesarios para a implantación de instalacións ou infraestruturas para a produción de enerxías renovables en áreas empresariais.

A disposición derradeira cuarta modifica a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, en relación coa información pública no procedemento integrado relativo ás infraestruturas eléctricas das estacións de recarga de vehículos eléctricos.

A disposición derradeira quinta modifica a Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, co fin de engadirlle unha nova disposición adicional décimo segunda.

A disposición derradeira sexta fai referencia aos datos e información que de xeito periódico publicará o Instituto Enerxético de Galicia.

A disposición derradeira sétima habilita o Consello da Xunta para o desenvolvemento regulamentario da lei.

Finalmente, a disposición derradeira oitava establece a súa entrada en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

XII

Esta lei baséase nas competencias que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia de promoción do desenvolvemento comunitario (artigo 27.24 do Estatuto de autonomía de Galicia –en adiante, EAG–), en canto atende ao desenvolvemento sustentable do territorio galego.

Máis especificamente, a regulación da valoración do impacto social e económico dos proxectos e dos servizos ecosistémicos nas súas zonas de influencia e a súa conservación, compensación e restauración teñen asento nas competencias que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia na materia de ambiente, de acordo co artigo 27.30 do EAG, que recoñece a competencia exclusiva na materia de «normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23».

Así mesmo, a regulación que contén o título primeiro da lei sobre os diferentes proxectos engárzase cos títulos competenciais relativos a instalacións de produción, distribución e transporte de enerxía eléctrica, de acordo cos artigos 27.13 e 28.3 do EAG; aproveitamentos hidráulicos, de acordo co artigo 27.12 do EAG; e desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado na materia de réxime mineiro e enerxético (artigo 28.3 do EAG).

A regulación do título segundo ten sustento tamén no artigo 30 do EAG, en canto se refire ao fomento da actividade económica en Galicia.

O título terceiro fundaméntase na competencia da Comunidade Autónoma para crear prestacións patrimoniais de dereito público de acordo co artigo 133 da Constitución española e co artigo 27.30 do EAG, en canto que atende a unha finalidade extrafiscal, co fin de contribuír a regular e preservar o ambiente.

O título cuarto fundaméntase nas competencias autonómicas na materia de obras públicas (27.7 do EAG) e montes e aproveitamentos forestais (27.10 do EAG).

O título quinto, en canto aborda os proxectos de autoconsumo nas áreas empresariais de Galicia para facilitar o seu desenvolvemento, baséase nas competencias autonómicas na materia de ordenación do territorio e urbanismo (27.3 do EAG).

A regulación do título sexto, en canto se refire a determinados aspectos relacionados cos créditos de carbono, encontra engarzamento nas competencias de montes e aproveitamentos forestais (27.10 do EAG) e de protección do ambiente (27.30 do EAG).

O título sétimo, en canto ás actuacións de valorización integral dos residuos con alto potencial de biometanización, ten fundamento no artigo 27.30 do EAG e, en canto recolle a actuación do sector público autonómico, no artigo 30 do EAG.

XIII

Esta lei axústase aos principios de boa regulación previstos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no que se exixe que «en todas as iniciativas normativas xustificarase a adecuación delas aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade, simplicidade e eficacia».

Así, o principio de necesidade desta iniciativa lexislativa vén determinado por canto as medidas propostas unicamente poden ser introducidas mediante unha norma con rango de lei, por afectar materias que están reservadas a este tipo de norma.

Respéctase o principio de proporcionalidade, xa que para acadar os obxectivos da lei se realiza un esforzo de simplificación e integración da regulación coa normativa vixente.

Préstase especial atención á efectividade do principio de seguridade xurídica, directamente conectado coa integración coherente da nova norma no ordenamento xurídico vixente, de xeito que o resultado sexa un marco normativo estable, claro, integrado e de certeza; e ao principio de transparencia, promovendo a máis ampla participación da cidadanía en xeral e, en particular, das persoas operadoras técnicas e xurídicas implicadas na materia, tanto na elaboración da propia lei como na fase de planificación, e sen menoscabo dos procedementos de participación que poidan estar previstos noutras normas; así como ao principio de accesibilidade, garantindo o acceso a toda a información de que dispoña a Administración na materia obxecto de regulación.

Finalmente, en virtude dos principios de simplicidade e eficacia, e dentro do obxectivo de simplificación administrativa e da normativa aplicable, evítanse as cargas administrativas innecesarias ou accesorias, o que supón a racionalización dos recursos públicos asociados á tramitación dos procedementos administrativos relacionados con elas.

Na tramitación do anteproxecto de lei observáronse todas as garantías exixidas pola lexislación vixente na materia de participación pública, promovendo unha participación pública real e efectiva ao longo de todo o procedemento de tramitación. O texto do anteproxecto foi sometido a ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo, en nome do rei, a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Obxecto e fins da lei

Artigo 1. Obxecto da lei

Esta lei ten por obxecto promover o desenvolvemento sustentable do territorio galego mediante a regulación e a promoción das seguintes actuacións e instrumentos:

a) A busca do maior beneficio social e económico na execución dos proxectos incluídos no título I, tanto na propia Comunidade Autónoma de Galicia como, especialmente, nas zonas situadas dentro do ámbito de influencia dos proxectos.

b) A adecuada valoración do impacto social e económico dos proxectos incluídos no título I.

c) A participación da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades do seu sector público en sociedades que teñan obxectivos compatibles cos previstos por esta lei.

d) O desenvolvemento de instrumentos de financiamento para facilitar a viabilidade dos proxectos que compartan as finalidades desta lei.

e) A creación e regulación, co fin de contribuír a ordenar e preservar o ambiente, dun canon ás liñas de eólica mariña pola parte que se estendan dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A recuperación integral do territorio afectado polos incendios forestais e a creación dun fondo para eses efectos.

g) A implantación de proxectos de autoconsumo baseados en enerxías renovables nas áreas empresariais.

h) O desenvolvemento de proxectos e actividades dirixidos a incrementar a absorción de carbono e a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, mediante a regulación dun mercado voluntario de créditos de carbono.

i) A valorización integral de residuos con alto potencial de biometanización xerados na Comunidade Autónoma de Galicia e, en especial, os xestionados pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.

Artigo 2. Fins da lei

Son fins desta lei:

a) O impulso do desenvolvemento racional e sustentable do territorio de Galicia, mediante a xestión responsable dos recursos naturais e a protección do ambiente, de forma conciliada co desenvolvemento social e económico e a equidade interxeracional, e procurando a cohesión territorial.

b) A cohesión social e a mellora da calidade de vida da poboación de Galicia.

c) O desenvolvemento equilibrado dos sectores e actividades comprendidos nesta lei.

d) A contribución á consecución da neutralidade climática e a mellora da resiliencia do territorio galego.

CAPÍTULO II

Beneficios sociais e económicos

Artigo 3. Beneficios sociais e económicos

Para os efectos desta lei, entenderanse por beneficios sociais e económicos aqueles efectos do proxecto e compromisos adicionais adquiridos polos promotores co territorio que, con pleno respecto da sustentabilidade ambiental, supoñan un impacto positivo desta índole no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e, especialmente, nas zonas situadas dentro do ámbito de influencia do proxecto e nos seus habitantes.

Artigo 4. Concreción dos beneficios sociais e económicos

Para os efectos desta lei, entenderanse como beneficios sociais e económicos, entre outros, en particular os seguintes:

a) A promoción da mellora das condicións de vida das zonas situadas no ámbito de influencia dos proxectos e o fomento da súa cohesión local e territorial.

b) O compromiso coa protección, mantemento e mellora ambiental da zona de influencia dos proxectos.

c) A conservación, recuperación e uso sustentable dos servizos ecosistémicos e as boas prácticas ambientais e sociais, incluíndo a preservación dos bens culturais, tanto materiais como inmateriais, implementadas na promoción, desenvolvemento, construción e operación do proxecto.

d) A promoción de novos investimentos e, en particular, de mecanismos de reinvestimento dos beneficios obtidos.

e) O fomento da creación e o mantemento de emprego directo e indirecto na construción, desenvolvemento e operación do proxecto, no contorno do proxecto ou na comunidade autónoma, tendo en conta especialmente a creación de emprego cualificado na área de implantación, e o fomento do emprego feminino.

f) O desenvolvemento de negocios locais, especialmente dos relacionados directa ou indirectamente co sector das enerxías renovables ou co desenvolvemento e consolidación de proxectos no sector primario, tanto agrario como gandeiro ou forestal.

g) A colaboración e o desenvolvemento de grupos de investigación vinculados a melloras en aproveitamentos enerxéticos, mineiros, forestais ou industriais vinculados ás universidades e centros de investigación e desenvolvemento de Galicia.

h) O impacto local da estratexia de compras e contratación do titular do proxecto.

i) A participación nos proxectos, en termos de investimento, de investidores locais e de empresas e administracións da zona en que se situará a instalación.

j) A redución de custos da enerxía e a redución da dependencia enerxética das persoas consumidoras locais e industrias das zonas situadas no ámbito de influencia dos proxectos ou da comunidade autónoma.

k) O impacto sobre a cadea de valor industrial local e autonómica e o seu desenvolvemento sustentable no territorio, así como a achega do proxecto ao fortalecemento de cadeas de valor de sectores económicos estratéxicos para Galicia e a capacidade de atracción de cadeas de valor innovadoras non presentes ou non completas no territorio.

l) A consulta e a participación significativa das administracións e dos interesados locais no proxecto e a consideración dos seus intereses no desenvolvemento do proxecto, así como o seu apoio.

m) O desenvolvemento dunha estratexia de comunicación co fin de garantir que a cidadanía está informada sobre o proxecto, o seu impacto e os beneficios sociais, económicos e ambientais que xerará.

Artigo 5. Desenvolvemento de indicadores cuantitativos

1. A Administración autonómica poderá desenvolver e aplicar indicadores cuantitativos que, conforme as metodoloxías internacionalmente aceptadas para tal fin, poidan permitir a valoración do impacto social e económico dos proxectos.

2. Os indicadores previstos no número anterior poderán vincularse, entre outros, aos seguintes factores:

a) Importe do reinvestimento de beneficios en proxectos sociais e/ou culturais ou de promoción da igualdade de mulleres e homes no ámbito local e/ou autonómico.

b) Redución nas pegadas de carbono, hídrica ou similares, que se esperen no territorio como consecuencia da execución do proxecto, calculadas sempre sobre as emisións presentes antes da execución do proxecto.

c) Medidas e/ou investimentos de promoción ou compensación dos servizos ecosistémicos nas zonas de influencia dos proxectos.

d) Importe do reinvestimento de beneficios e/ou do investimento complementario á actividade que se vai desenvolver en proxectos que xeren unha pegada industrial e/ou económica no ámbito local e/ou autonómico, en especial en sectores estratéxicos para Galicia e nas cadeas de valor innovadoras que non estean presentes, ou non o estean por completo, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Empregos directos e indirectos netos no ámbito local e na Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter indefinido e a xornada completa, xerados e/ou conservados polo proxecto ou os seus efectos, con distinción, de ser o caso, por xénero, discapacidade ou risco de exclusión social, e, en especial, en sectores estratéxicos para Galicia e nas cadeas de valor innovadoras que non estean presentes, ou non o estean por completo, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Contía total dos salarios pagados ás novas persoas empregadas e/ou ás empregadas conservadas polo efecto do proxecto na área de implantación.

g) Cuantificación económica dos beneficios sociais totais á disposición das novas persoas empregadas e/ou das empregadas conservadas, adicionais aos salarios.

h) Número medio de horas de formación anual prevista para as novas persoas empregadas e/ou as empregadas conservadas.

i) Número mínimo e máximo de alumnado que se vai formar por curso académico, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco de programas asociados á formación profesional dual.

j) Contribución ao crecemento do PIB, da renda e do valor engadido, no ámbito local e/ou autonómico, en especial en sectores estratéxicos para Galicia e nas cadeas de valor innovadoras que non estean presentes, ou non o estean por completo, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

k) Pago de impostos e canons locais e/ou autonómicos.

l) Valor dos produtos e servizos adquiridos no ámbito local e/ou autonómico.

m) Cifra prevista de exportación anual media, co detalle de volumes de carga previstos a través de portos, ferrocarril, aeroportos ou outros medios de transporte, logo de que a actividade estea nun nivel ordinario de funcionamento.

n) Importes da contratación prevista, de ser o caso, de universidades galegas ou centros de investigación e tecnolóxicos da Comunidade Autonómica de Galicia para levar a cabo actuacións no ámbito da I+D+i no territorio, ademais de detalle do investimento previsto pola propia empresa ou empresas promotoras, utilizando medios propios e/ou adquirindo activos fixos ou intanxibles para esas mesmas actuacións.

ñ) Número de investidores locais e/ou da Comunidade Autonómica de Galicia involucrados e valor do seu respectivo investimento.

o) Redución dos prezos da enerxía de forma específica para o consumidor final no ámbito local e/ou autonómico.

p) Número e relevancia, en termos obxectivos, tales como volume de investimento ou superficie abranguida, das modificacións sobre o proxecto inicial que sexan consecuencia de observacións non vinculantes das administracións, entidades de dereito público ou privado e/ou particulares radicados no ámbito local e/ou autonómico.

q) Número e alcance das actuacións de comunicación desenvolvidas para dar a coñecer o proxecto e promover a formulación de observacións ou melloras, así como das ofertas públicas eventualmente realizadas para a participación nel de investidores locais e/ou da Comunidade Autónoma de Galicia.

r) Participación de empresas con plans de igualdade, certificación galega de excelencia en igualdade ou outra certificación equivalente, como promotores, contratistas ou operadores implicados no proxecto.

Artigo 6. Prohibición de discriminación

En ningún caso a consideración dos beneficios sociais e económicos dos proxectos poderá implicar a imposición de condicións nin requisitos que teñan como efecto directo ou indirecto a discriminación por razón de establecemento ou residencia dos operadores económicos.

TÍTULO I

Valoración dos beneficios sociais e económicos de determinados proxectos

CAPÍTULO I

Identificación dos proxectos

Artigo 7. Proxectos comprendidos neste título

A regulación deste título será aplicable aos seguintes proxectos:

a) Proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables.

b) Proxectos que requiren da concesión de augas para os seguintes usos:

– Usos para transición xusta, previstos na disposición adicional décimo sexta do Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.

– Usos agropecuarios e acuicultura.

– Usos industriais para produción de enerxía eléctrica.

– Usos industriais para produción de bens de consumo e industrias extractivas.

c) Dereitos, concesións mineiras e proxectos de explotación mineiros.

d) Proxectos de almacenamento de enerxía eléctrica ou térmica, en calquera das súas formas.

CAPÍTULO II

Integración da valoración do impacto social e económico
na avaliación de impacto ambiental

Artigo 8. Integración da valoración do impacto social e económico na avaliación de impacto ambiental vinculada ao principio de desenvolvemento sustentable

De conformidade co principio do desenvolvemento sustentable, a valoración dos beneficios sociais e económicos dos proxectos aos cales lles resulta aplicable esta lei cuxa autorización sexa de competencia autonómica integrarase dentro da avaliación do seu impacto ambiental, realizada de acordo coa lexislación estatal e autonómica aplicable, se esta for preceptiva, para os efectos de establecer as medidas que permitan previr, corrixir e, se é o caso, compensar os seus efectos sobre o ambiente.

Artigo 9. Valoración dos servizos ecosistémicos

1. A valoración do impacto social e económico dos proxectos no marco da avaliación de impacto ambiental terá en conta, de modo particular, os servizos ecosistémicos nas súas zonas de influencia.

2. Para estes efectos, consideraranse servizos ecosistémicos os beneficios económicos, sociais e ambientais, directos e indirectos, que as persoas obteñen do bo funcionamento dos ecosistemas, e que melloran a saúde, a economía e a calidade de vida, tales como o mantemento da biodiversidade, o secuestro de carbono, a beleza paisaxística, o acervo cultural, tanto patrimonial como inmaterial, a formación de solos, a regulación hídrica nas bacías e a provisión de recursos cinexéticos.

Artigo 10. Contido do estudo de impacto ambiental

1. O estudo de impacto ambiental, elaborado de acordo coa lexislación ambiental, incluirá e desenvolverá, na epígrafe relativa á análise global multicriterio, os aspectos sociais e económicos do proxecto, os seus beneficios e a súa valoración.

2. En particular, o estudo de impacto ambiental recollerá, polo menos, os seguintes elementos:

a) A identificación dos servizos ecosistémicos da zona onde se pretenda implantar o proxecto, o seu estado actual, o impacto do proxecto sobre eles e a proposta que se pretende levar a cabo para previr, corrixir e, de ser o caso, compensar os efectos adversos sobre eles, así como a súa conservación, recuperación e uso sustentable, coa identificación das accións específicas, directas ou indirectas, para iso.

b) A identificación dos efectos sociais e económicos enumerados no artigo 5 desta lei que deriven da execución do proxecto.

c) Os compromisos adicionais dos promotores dirixidos a xerar beneficios sociais e económicos no territorio.

d) O deseño dun sistema de seguimento que permita avaliar o progreso das accións de conservación, recuperación e uso sustentable propostas.

3. Para os efectos indicados neste artigo, a Administración autonómica poderá aprobar guías metodolóxicas para que poidan ser tidas en conta polos promotores dos proxectos.

Artigo 11. Efectos sobre os servizos ecosistémicos

1. As formas de prevención, corrección e, se é o caso, compensación dos efectos adversos sobre os servizos ecosistémicos, así como a súa conservación, recuperación e uso sustentable que se propoñan no estudo de impacto ambiental, poderán adoptar unha ou varias das seguintes modalidades:

a) Financiamento de accións específicas, directas e indirectas, para a prevención, corrección e, de ser o caso, compensación dos efectos sobre os servizos ecosistémicos e para a súa conservación, recuperación e uso sustentable.

b) Financiamento de accións de desenvolvemento produtivo e infraestrutura básica sustentables en beneficio directo da poboación involucrada.

c) Outras modalidades acordadas libremente entre as partes, sempre que cumpran cos obxectivos de prevención, corrección e, de ser o caso, compensación dos efectos sobre o servizo ecosistémico e a súa conservación, recuperación e uso sustentable.

2. A determinación e aplicación das modalidades de prevención, corrección e, se é o caso, compensación dos efectos sobre o servizo ecosistémico e a súa conservación, recuperación e uso sustentable deberán ter como finalidade asegurar a permanencia dos servizos que ofrecen, atendendo á diversidade xeográfica, ecolóxica e social da zona.

Artigo 12. Consideración do impacto social e económico nos informes sectoriais autonómicos

1. Na avaliación ambiental, dentro do trámite de consultas ás administracións públicas, os órganos da Administración e do sector público autonómico aos cales se pidan os informes previstos no artigo 37.1 da Lei de avaliación ambiental pronunciaranse sobre o alcance e a valoración dos beneficios sociais e económicos incluídos no estudo de impacto ambiental que sexan da súa competencia.

2. Así mesmo, na tramitación do procedemento deberase solicitar un informe preceptivo, á consellaría con competencias na materia de economía, sobre o impacto social e económico do proxecto.

Artigo 13. Declaración de impacto ambiental

A declaración de impacto ambiental que formule o órgano ambiental integrará, en particular no seu contido, de conformidade co principio de desenvolvemento social e económico das zonas e das súas poboacións:

a) A análise do estudo de impacto ambiental no referido aos aspectos indicados no artigo 10 e a como se tivo en consideración o resultado en canto a estas cuestións do trámite de información pública e consultas ás administracións e persoas interesadas. Analizaranse, en especial, os efectos sociais e económicos enumerados no artigo 5 desta lei que deriven da execución do proxecto e os compromisos adicionais dos promotores, dirixidos a xerar beneficios sociais e económicos no territorio.

b) Se procede, as condicións en que pode desenvolverse o proxecto, establecendo as medidas que permitan previr, corrixir e, de ser o caso, compensar os seus efectos sobre o ambiente, tendo en conta especialmente as formas de prevención, corrección e, de ser o caso, compensación dos efectos sobre os servizos ecosistémicos, e a súa conservación, recuperación e uso sustentable.

CAPÍTULO III

Valoración do impacto social e económico nos proxectos
non sometidos a avaliación de impacto ambiental

Artigo 14. Impacto social e económico

1. A valoración dos beneficios sociais e económicos dos proxectos aos cales lles resulte aplicable esta lei cuxa autorización sexa de competencia autonómica nos cales non sexa preceptiva a avaliación de impacto ambiental efectuarase a través da exixencia ao promotor da presentación dun estudo de impacto social e económico do proxecto e a súa avaliación no procedemento de autorización do proxecto.

2. O estudo de impacto social e económico do proxecto será sometido a informe preceptivo das consellarías competentes na materia de economía e de ambiente, que efectuarán unha avaliación dos efectos sociais e económicos enumerados no artigo 5 desta lei que deriven da execución do proxecto, e dos compromisos adicionais dos promotores, dirixidos a xerar beneficios sociais e económicos no territorio, así como a prevención, corrección e, se é o caso, compensación dos efectos sobre os servizos ecosistémicos, e a súa conservación, recuperación e uso sustentable.

3. O resultado da avaliación será comunicado ao promotor do proxecto, plan ou programa, para a súa consideración nas fases de aprobación e execución.

CAPÍTULO IV

Valoración do impacto social e económico dos proxectos
en que a competencia para a súa autorización
non sexa da Comunidade Autónoma

Artigo 15. Análise dos efectos sociais e económicos dos proxectos e dos servizos ecosistémicos nos procedementos de avaliación de impacto ambiental de competencia estatal

1. O órgano competente na materia de ambiente da Comunidade Autónoma, no trámite da consulta preceptiva prevista na lexislación de avaliación ambiental dos proxectos aos cales lles resulta aplicable esta lei cuxa autorización sexa de competencia estatal, analizará, en particular, os efectos sociais e económicos enumerados no artigo 5 desta lei que deriven da execución do proxecto, e os compromisos adicionais dos promotores, dirixidos a xerar beneficios sociais e económicos no territorio, así como a prevención, corrección e, de ser o caso, compensación dos efectos sobre os servizos ecosistémicos, e a súa conservación, recuperación e uso sustentable.

2. Para a realización deste informe, o órgano ambiental poderá solicitar información aos órganos da Administración e do sector público autonómico sobre os aspectos que sexan da súa competencia e, en particular, á consellaría con competencias na materia de economía.

Artigo 16. Análise dos efectos sociais e económicos dos proxectos e dos servizos ecosistémicos nos procedementos de competencia estatal en que non sexa preceptiva a avaliación de impacto ambiental

Nos proxectos aos que lles resulta aplicable esta lei cuxa autorización sexa de competencia estatal e nos cales non sexa preceptiva a avaliación de impacto ambiental a Comunidade Autónoma de Galicia, no trámite de consultas que proceda en cada caso de acordo coa normativa aplicable, emitirá informe preceptivo no cal se analizarán, en particular, os efectos sociais e económicos enumerados no artigo 5 desta lei que deriven da execución do proxecto, e os compromisos adicionais dos promotores, dirixidos a xerar beneficios sociais e económicos no territorio, así como a prevención, corrección e, de ser o caso, compensación dos efectos sobre os servizos ecosistémicos, e a súa conservación, recuperación e uso sustentable.

CAPÍTULO V

Determinacións específicas para os proxectos comprendidos neste título

Sección 1ª. Proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables

Artigo 17. Declaración de especial interese público, social e económico dos proxectos de produción de enerxías renovables e as súas infraestruturas

1. Os proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables e as súas infraestruturas asociadas poderán ser declarados de especial interese social e económico polo Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellaría competente na materia de enerxía.

2. Para a declaración de especial interese social e económico valoraranse discrecionalmente os beneficios dos proxectos de acordo co establecido nesta lei. En particular, a declaración poderá recaer nos proxectos que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Proxectos renovables que subscriban contratos de compravenda de enerxía a prezo competitivo, sempre que:

1º. No caso de que a lexislación sectorial o exixa para a autorización do proxecto, dispoñan de permiso de acceso e conexión vixente e, para o caso de proxectos de xeración eléctrica renovable, no caso de que non se tramiten conxuntamente coa súa liña de evacuación, conten coas infraestruturas de evacuación en tramitación ou xa autorizadas.

2º. O acordo directo de compravenda de enerxía ou acordo de compravenda de enerxía a través de sociedade de comercialización se subscriba por un período mínimo de oito anos de subministración da enerxía.

3º. A subministración da enerxía se realice a un centro ou centros de traballo con actividade empresarial e/ou ás persoas residentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

4º. A subministración da enerxía incluída no contrato ou contratos de subministración de enerxía (PPA) supoña, polo menos, o 50 % da enerxía producida polo proxecto.

5º. De ser o caso, se xustifique que a actividade industrial ou empresarial vinculada ao contrato PPA, ou a súa industria auxiliar, produce un claro impacto socioeconómico e territorial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

6º. Acrediten a compatibilidade do uso do solo e os demais requisitos exixidos pola lexislación sectorial aplicable.

b) Proxectos renovables que comporten determinados investimentos no territorio ou a execución de proxectos empresariais, sempre que:

1º. No caso de que a lexislación sectorial o exixa para a autorización do proxecto, dispoñan de permiso de acceso e conexión vixente e, para o caso de proxectos de xeración eléctrica renovable, no caso de que non se tramiten conxuntamente coa súa liña de evacuación, conten coas infraestruturas de evacuación en tramitación ou xa autorizadas.

2º. O titular do proxecto de enerxías renovables sexa o mesmo que o titular do investimento no territorio, exista unha relación empresarial entre eles ou se garanta unha subministración de enerxía de, polo menos, o 50 % da enerxía producida polo proxecto de enerxía renovable no proxecto empresarial.

3º. O investimento no territorio asociado comporte un investimento de 0,2 millóns de euros por cada megawatt instalado e xere un emprego directo por cada megawatt instalado, cun mínimo de 20 millóns de euros e 100 empregos directos.

4º. O investimento no territorio se execute no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

5º. Se acrediten a compatibilidade do uso do solo e os demais requisitos exixidos pola lexislación sectorial aplicable.

c) Proxectos renovables destinados ao autoconsumo eléctrico, sempre que cumpran cos seguintes requisitos:

1º. De ser o caso, para un suposto de modalidade de subministración con autoconsumo con excedentes, que dispoñan de permiso de acceso e conexión vixente e, no caso de que non se tramiten conxuntamente coa súa liña de evacuación, infraestruturas de evacuación en tramitación ou xa autorizadas. Esta condición non será necesaria no caso de autoconsumo sen excedentes.

2º. Que o 50 % da xeración eléctrica do proxecto se destine para o autoconsumo da industria asociada.

3º. Que acrediten a compatibilidade do uso do solo e os demais requisitos exixidos pola lexislación sectorial aplicable.

d) Proxectos de repotenciación e actualización tecnolóxica de parques eólicos xa existentes, sempre que cumpran cos seguintes requisitos:

1º. Que se reduzan polo menos nun 50 % as localizacións de aeroxeradores previamente existentes, mantendo polo menos a potencia instalada.

2º. Que dediquen polo menos un 10 % da súa produción á subministración a título gratuíto a comunidades enerxéticas locais, administracións locais ou empresas situadas na comarca onde se sitúe o parque para utilizar en autoconsumo.

Artigo 18. Efectos da declaración de especial interese público, social e económico dos proxectos de produción de enerxías renovables e as súas infraestruturas

1. A declaración de proxectos de especial interese público, social e económico realizada de acordo co artigo anterior comportará a prioridade na tramitación por parte da Administración autonómica de Galicia e determinará a concorrencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia dos procedementos relacionados con tales iniciativas, polo que, logo de declarada a tramitación de urxencia polo órgano competente, de acordo co establecido polo artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os prazos establecidos para o procedemento ordinario se reducirán á metade, agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

2. Así mesmo, no caso de proxectos de produción de enerxía eólica, tal declaración implicará a posible implantación do parque eólico fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, sempre que se considere ambientalmente viable e se cumpran adicionalmente os seguintes requisitos:

a) Que a subministración de enerxía incluída no contrato ou contratos de compravenda de enerxía supoña, polo menos, o 80 % da enerxía producida polo proxecto.

b) Que supoña un impacto socioeconómico no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e, especialmente, nas zonas situadas dentro do ámbito de influencia do proxecto e nos seus habitantes.

3. Estes efectos estenderanse a aquelas infraestruturas asociadas, tales como as conexións coa rede de gas de instalacións de produción de hidróxeno verde ou biogás, as liñas de evacuación e as liñas directas.

Sección 2ª. Proxectos que requiren da concesión de augas

Artigo 19. Fomento da obtención de beneficios sociais e económicos nas áreas en que se implantan proxectos que requiren a concesión de augas

1. Para os efectos do indicado na lexislación de augas e nesta disposición, valoraranse para o outorgamento das concesións de augas de competencia autonómica o interese público e a maior utilidade pública e xeral que presenten os proxectos que inclúan beneficios sociais e económicos, especialmente nas zonas situadas dentro do ámbito de influencia do proxecto, na forma indicada neste artigo.

2. Para estes efectos, na resolución dos procedementos de concesión derivados dos trámites de competencia de proxectos tramitados de acordo coa lexislación de augas teranse en conta os beneficios sociais e económicos derivados dos proxectos presentados, así como as formas propostas de compensación, conservación, recuperación e uso sustentable dos servizos ecosistémicos, especialmente aquelas que contribúan a mellorar o estado das masas de auga situadas no sistema de explotación onde se localice o proxecto.

En particular, no caso de competencia de peticións, cando haxa incompatibilidade de usos dentro de cada clase, de conformidade coa orde de preferencia aplicable segundo a lexislación de augas ou o plan hidrolóxico, será preferido o proxecto que supoña os maiores beneficios sociais e económicos e a mellor compensación, conservación, recuperación e uso sustentable dos servizos ecosistémicos, valorados de forma discrecional e motivada pola Administración autonómica en función do interese público, por considerarse que presentan unha maior utilidade pública e xeral.

Para o caso de que os proxectos deban ser sometidos a un procedemento de avaliación ambiental e o órgano ambiental sexa autonómico, a valoración dos beneficios sociais e económicos será a determinada no marco da tramitación dese procedemento, de acordo co indicado no capítulo II deste título. Nestes casos, o outorgamento da concesión deberá ser posterior á declaración de impacto ambiental.

3. Nos concursos públicos que se convoquen de acordo coa lexislación de augas para conceder a explotación das infraestruturas que revertesen á Administración autonómica nos casos de extinción de concesións, incluirase tamén entre os criterios de elección dos anteproxectos a valoración dos seus beneficios sociais e económicos, na forma en que se estableza nos pregos de bases.

4. Na tramitación dos procedementos indicados neste artigo, á vista da importancia das afeccións que supoñan as solicitudes presentadas, a Administración autonómica poderá exixir, con base no interese público, a achega de estudos complementarios sobre a incidencia sanitaria, social e ambiental e as posibles solucións que achegue o promotor, coa valoración de cada unha delas, na forma establecida na lexislación de augas e ambiental. En particular, a Administración autonómica poderá exixir que a persoa solicitante propoña medidas para mellorar o impacto social, económico e ambiental do proxecto na área e nos seus habitantes.

Para estes efectos, a Administración autonómica poderá aprobar e publicar guías orientativas en que se recollan métodos de valoración do impacto social e económico das propostas e modelos de compromisos mediante os cales se pode paliar a incidencia social das solicitudes e a súa valoración.

5. Dentro das condicións das concesións aludidas nos puntos anteriores incluiranse as concernentes aos compromisos de natureza socioeconómica e ambiental asumidos pola persoa solicitante.

Sección 3ª. Dereitos, concesións mineiras e proxectos de explotación mineiros

Artigo 20. Dereitos, concesións mineiras e proxectos de explotación

1. No procedemento de outorgamento de dereitos mineiros de recursos da sección C) ou D), na tramitación de calquera proxecto de explotación mineiro de competencia autonómica de recursos da sección C) ou D) e no procedemento de outorgamento de demasías, terase en conta a valoración dos beneficios sociais e económicos dos proxectos, de acordo co establecido nesta lei.

2. En particular, e de conformidade co establecido nesta lei, no procedemento de outorgamento e na tramitación dun proxecto de explotación de recursos da sección C) ou de recursos da sección D) exixirase a presentación do estudo de impacto social e económico do proxecto e efectuarase a súa avaliación de acordo co indicado no capítulo II deste título. O outorgamento dos dereitos mineiros e/ou a aprobación do proxecto de explotación poderá denegarse motivadamente cando, logo da realización da oportuna avaliación e da emisión dos informes técnicos pertinentes, se considere que o proxecto non comporta beneficios sociais e económicos que compensen o impacto dos proxectos nas zonas afectadas.

3. Naqueles procedementos nos que para o seu outorgamento estea prevista a concorrencia competitiva, e particularmente nas convocatorias dos concursos públicos de dereitos mineiros previstos nos artigos 35 e 36 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, e no outorgamento de demasías definido no artigo 57 do Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, polo que se aproba o Regulamento xeral para o réxime da minaría, incluiranse requisitos, criterios de selección e condicións de execución que valoren os beneficios sociais e económicos das propostas, de acordo co establecido nesta lei.

A valoración dos criterios de calidade social e ética do proxecto, así como de impacto socioeconómico do proxecto na zona de implantación da explotación, previstos no artigo 36.2.c) e d) da Lei 3/2008, do 23 de maio, representará, polo menos, o 40 % dos criterios de selección na baremación das solicitudes de dereitos mineiros nos concursos públicos.

4. Aqueles procedementos de outorgamento de dereitos mineiros e/ou de aprobación de proxectos de explotación en que, conforme o disposto nos números 2 e 3, e logo da declaración polo Consello da Xunta por proposta motivada da persoa titular da consellaría competente na materia de minas, se acredite a existencia de especiais beneficios sociais e económicos dos proxectos gozarán de carácter prioritario e considerarase que concorren razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia na realización dos trámites da súa competencia, polo que os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico reducirán á metade os prazos establecidos para o procedemento ordinario, agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Gozarán tamén de carácter prioritario aquelas solicitudes que versen sobre recursos considerados como materias primas fundamentais, terras raras ou minerais críticos nos plans e programas europeos, estatais ou autonómicos, incluíndo os que sexan declarados minerais estratéxicos galegos, logo da declaración polo Consello da Xunta realizada nos termos previstos no parágrafo anterior.

5. O carácter prioritario dos proxectos que cumpran co establecido no número 4 estenderase á tramitación dos proxectos de autoconsumo de enerxías renovables e dos proxectos relativos a extensións ou reforzos na rede de distribución para a subministración ao proxecto mineiro.

6. Para os efectos do artigo 24 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, cando un dereito mineiro afecte un dereito mineiro preexistente ou outros usos de interese público, para os efectos de decidir sobre a súa prevalencia teranse en conta, entre os criterios aplicables, en particular, os seus respectivos beneficios sociais e económicos, de acordo co establecido nesta lei.

TÍTULO II

Participación en sociedades e instrumentos de financiamento

CAPÍTULO I

Participación en sociedades que teñan obxectivos
compatibles cos previstos por esta lei

Artigo 21. Participación en sociedades

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma, por si mesma ou a través dos seus entes instrumentais ou dos vehículos de investimento xestionados polas súas entidades instrumentais, cumprindo os requisitos establecidos na lexislación de patrimonio autonómico, poderá participar en sociedades mercantís privadas entre cuxas finalidades e responsabilidade corporativa se encontren as de procurar o beneficio social e económico na zona de influencia dos proxectos, no marco das súas operacións industriais, mercantís ou de investimento, de acordo coas normas previstas nesta lei.

2. As finalidades expresadas no número anterior incorporaranse á actuación das sociedades previstas neste capítulo mediante os seus estatutos e/ou calquera outro instrumento xurídico ou pacto que se considere oportuno, e sen prexuízo da súa operación como un axente máis de acordo coas regras normais do mercado.

3. As sociedades participadas poderán, pola súa vez, participar nas sociedades vehiculares que se establezan, se é o caso, para executar os proxectos de investimento.

4. Non será aplicable aos casos previstos neste artigo o límite mínimo de participación da Xunta de Galicia no capital social a que fai referencia o artigo 102.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. En todo caso, nos proxectos que, pola súa relevancia, vaia desenvolver a Administración autonómica a través das sociedades nas que participe, nos que sexa socio principal ou maioritario, informarase ao diálogo social.

Artigo 22. Finalidades e responsabilidade corporativa das sociedades participadas

1. Para os efectos do establecido no artigo anterior, para que a Administración poida participar nas sociedades, entre as finalidades destas últimas terá que encontrarse o obxectivo de valorizar os recursos estratéxicos galegos e canalizar este valor cara a todo o tecido socioeconómico da Comunidade Autónoma, en particular cara ás comunidades locais, que soportan a maior parte dos custos ambientais da súa explotación.

2. En particular, entre as finalidades e responsabilidade corporativa das sociedades encontraranse os seguintes aspectos:

a) Procurar o apoio aos proxectos entre os distintos axentes sociais, especialmente entre as comunidades locais onde se van asentar.

b) Facilitar a existencia dun mercado en condicións de igualdade para todos os participantes, de maneira que as pemes locais poidan aproveitar as oportunidades de negocio que xurdan no desenvolvemento dos proxectos.

c) Actuar como catalizador da aplicación desta lei, fomentando o desenvolvemento dos proxectos aos cales lles é aplicable e o desenvolvemento de instrumentos e actuacións que sirvan de referencia ao resto de axentes.

d) Fomentar o autoconsumo con fontes renovables e a eficiencia enerxética no sector produtivo de Galicia.

e) Promover a participación de operadores locais nas diferentes fases de desenvolvemento dos proxectos, xa sexa como promotores, como clientes e/ou usuarios, como provedores ou como investidores.

Artigo 23. Participantes nas sociedades

1. A participación da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou dos seus entes instrumentais, ou dos vehículos de investimento xestionados polas súas entidades instrumentais, nas sociedades recollidas neste capítulo ou naquelas en que estas participen buscará garantir que a súa actividade sexa conforme o disposto nesta lei.

2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma ou os seus entes instrumentais promoverán que estas sociedades conten no seu capital social con entidades públicas e/ou privadas representativas do tecido socioeconómico, de maneira que participen de forma efectiva no deseño, xestión e explotación dos proxectos que as afecten.

3. Así mesmo, buscarase facilitar os investimentos no capital das sociedades vehiculares promovidas polas sociedades participadas de persoas xurídicas e físicas que sexan pequenos investidores das comunidades locais nas zonas de influencia dos proxectos.

Artigo 24. Actuacións das sociedades participadas

1. As actuacións que leven a cabo as sociedades participadas recollidas neste capítulo para a consecución dos seus obxectivos realizaranse en condicións de igualdade e competencia co resto de participantes do mercado.

2. A participación da Administración promoverá que os estatutos e os demais pactos sociais que rexan a actividade das sociedades participadas recollan como criterio de investimento o impacto socioeconómico entre as comunidades locais e, no caso de que se considere necesario, as medidas necesarias para maximizalo, garantindo en todo caso a viabilidade financeira do proxecto para a propia sociedade participada.

3. Así mesmo, a participación da Administración promoverá que os estatutos e os demais pactos sociais indicados procuren a integración dos membros das comunidades locais no desenvolvemento dos proxectos e, de ser o caso, na repartición de beneficios, facilitando participacións no seu capital. Entre os membros das comunidades locais consideraranse, en particular, as corporacións locais con afeccións ambientais relacionadas co desenvolvemento dos proxectos.

4. A participación da Administración promoverá que estas sociedades:

a) Produzan e difundan de forma aberta e gratuíta modelos e estándares de calidade para o deseño, desenvolvemento e execución dos proxectos, de maneira que se faciliten a transparencia do mercado e a participación de todos os operadores en condicións de igualdade, así como as relacións coa Administración e provedores, a interlocución cos axentes sociais e o financiamento e refinanciamento de proxectos, entre outros.

b) Impulsen ou fomenten o desenvolvemento de proxectos de autoconsumo e eficiencia enerxética individuais ou colectivos, en particular no contexto dos parques empresariais de Galicia e das industrias electrointensivas.

c) Inclúan nas súas prácticas de contratación e colaboración medidas que prioricen as pequenas e medianas empresas locais e os provedores que demostren un maior impacto socioeconómico na zona.

CAPÍTULO II

Instrumentos de financiamento

Artigo 25. Instrumentos de financiamento

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades do seu sector público, por si ou a través das sociedades en que participen, poderán promover o desenvolvemento dos instrumentos de financiamento previstos neste capítulo para facilitar a viabilidade dos proxectos que compartan as finalidades desta lei. Estes instrumentos de financiamento serán compatibles con outros instrumentos ou medidas de apoio de tipo público ou privado, sen máis limitación que a establecida na normativa vixente na materia de axudas de Estado e a demais normativa que resulte aplicable. En todo caso, o establecemento de instrumentos financeiros pola Administración autonómica deberá contar co informe previo da consellaría competente na materia de facenda e respectar o principio de prudencia financeira a que se refire o artigo 13.bis da Lei orgánica de financiamento das comunidades autónomas.

2. O obxectivo dos instrumentos de financiamento previstos neste capítulo é facilitar a execución dos proxectos dotándoos dunha rendibilidade suficiente como para facelos economicamente viables, promovendo ao mesmo tempo a existencia de ofertas competitivas no mercado e a suficiente protección para as persoas consumidoras, así como a participación das pemes no desenvolvemento dos proxectos en condicións de igualdade coas grandes empresas.

3. Os instrumentos financeiros previstos poderán ter forma de subvencións de capital, outro tipo de subvencións e bonificacións, instrumentos de capital ou de cuasicapital, participacións de capital, préstamos participativos, créditos, préstamos e garantías, e deducións fiscais ao investimento, préstamos subvencionados, garantías, titulizacións e asistencia técnica, entre outras. Así mesmo, a Administración xeral da Comunidade Autónoma, as entidades do seu sector público e/ou as sociedades en que participen poderán prestar as asistencias técnicas que consideren oportunas.

4. De maneira preferente, os proxectos asignaranse a vehículos de investimento de forma que sexa posible illalos patrimonialmente para o seu financiamento, xestión, valoración e, de ser o caso, liquidación.

5. Os instrumentos de financiamento previstos neste capítulo rexeranse polo réxime xurídico que resulte aplicable atendendo á súa natureza e ao seu carácter público ou privado. No caso de que consistan en apoios públicos, rexeranse pola lexislación correspondente e, en particular, pola normativa vixente de axudas de Estado.

Artigo 26. Instrumentos de capital ou cuasicapital

1. Os vehículos titulares dos instrumentos de capital ou de cuasicapital poderán revestir a forma de entidades de capital risco ou de entidades de investimento colectivo de tipo cerrado, reguladas na Lei 22/2014, do 12 de novembro, pola que se regulan as entidades de capital risco, outras entidades de investimento colectivo de tipo cerrado e as sociedades xestoras de entidades de investimento colectivo de tipo cerrado, e pola que se modifica a Lei 35/2003, do 4 de novembro, de institucións de investimento colectivo, ou na norma que a substitúa, tanto de nova creación como as existentes dependentes do sector público autonómico.

2. Poderase promover a creación de instrumentos especificamente destinados a facilitar o financiamento propio (capital social e outras fórmulas de reforzamento dos fondos propios) dos proxectos, empresas ou sociedades vehiculares obxecto desta lei.

3. De maneira específica, poderanse promover os seguintes instrumentos de capital ou de cuasicapital:

a) Participacións en capital. As entidades descritas no punto primeiro deste artigo poderán subscribir e/ou adquirir participacións minoritarias e temporais nas empresas titulares dos proxectos, posibilitando así o asentamento do negocio.

Así mesmo, as sociedades participadas previstas nesta lei poderán tomar participación no capital das sociedades vehiculares en condicións similares ás descritas no parágrafo anterior.

b) Préstamos participativos. As entidades descritas no punto primeiro deste artigo tamén poderán conceder préstamos participativos ás empresas titulares dos proxectos nos termos previstos na referida Lei 22/2014 e na normativa que resulte aplicable á entidade investidora.

Artigo 27. Instrumentos de débeda e garantías

1. Poderanse promover instrumentos para facilitar o financiamento alleo dos proxectos, empresas ou sociedades vehiculares obxecto desta lei.

2. De maneira específica, poderanse dispoñer os seguintes instrumentos de débeda e de garantía:

a) Financiamento de préstamos, créditos ou outros instrumentos de financiamento reintegrables. Poderanse establecer liñas de préstamos, créditos ou outros instrumentos de financiamento reintegrables. Así mesmo, poderanse articular fórmulas de bonificación dos custos financeiros das operacións.

b) Garantías. Poderanse constituír avais que garantan operacións de financiamento concedidas por entidades ou organismos públicos ou privados.

Artigo 28. Refinanciamento de activos

Promoverase que os proxectos amparados por esta lei que impliquen a xeración de dereitos de cobro futuros e predicibles, como son os contratos de subministración de enerxía (PPA), sexan bancables e agrupables de xeito que poidan refinanciarse en condicións óptimas. Para iso dispoñeranse, entre outras, as seguintes actuacións:

a) Estandarización dos contratos PPA e das especificacións de calidade dos proxectos (boas prácticas). Fomentarase a introdución de estándares contractuais, de transparencia e de calidade dos proxectos de maneira que se facilite a súa valoración, transferencia e agregación, e o seu uso como colateral para a creación de bonos verdes.

b) Agrupación de activos. Promoverase a creación de agrupacións de activos de proxectos de maneira que se doten os promotores de liquidez logo de que os proxectos estean operativos e verifiquen o cumprimento dos criterios de sustentabilidade ambiental e socioeconómica.

c) Mellora de crédito. Poderase apoiar a calidade crediticia dos activos financeiros apoiados polos proxectos previstos nesta lei mediante a disposición de melloras de crédito. En ningún caso este apoio poderá consistir no outorgamento ou na constitución de avais, garantías ou calquera outro instrumento que implique a asunción de riscos continxentes por parte da Administración da Comunidade Autónoma ou dos seus organismos, entes ou sociedades dependentes.

Artigo 29. Asistencia técnica

1. Poderanse establecer os mecanismos de asistencia técnica necesarios para facilitarlles aos diferentes participantes a utilización dos instrumentos financeiros previstos nesta lei.

2. Promoverase o desenvolvemento de metodoloxías e ferramentas de valoración e análise de risco que poidan ser utilizadas polos distintos axentes públicos e privados para o deseño, implementación e monitorización dos instrumentos financeiros e asistencias técnicas.

Artigo 30. Actuacións da Administración e participación das sociedades participadas na implementación dos instrumentos financeiros

1. A Administración poderá facilitar a introdución dos instrumentos financeiros previstos nesta lei, de maneira que actúen como referencia para o resto dos participantes no mercado.

2. A Administración poderá promover o desenvolvemento dun mercado competitivo para os proxectos, aberto ás pemes e ás persoas investidoras locais.

3. En particular, promoverase que as sociedades participadas inclúan entre as súas actuacións a creación e introdución de estándares utilizables polo resto de participantes, tales como contratos, metodoloxías de avaliación do impacto ambiental, metodoloxías de avaliación do impacto socioeconómico, metodoloxías de valoración financeira e de risco, boas prácticas no deseño, construción, operación e mantemento dos proxectos, valoración e desenvolvemento de servizos ecosistémicos, inclusión das comunidades locais na explotación dos proxectos e todas aquelas que se consideren relevantes.

TÍTULO III

Eólica mariña

CAPÍTULO I

Promoción da cohesión social e económica

Artigo 31. Actuación da Administración xeral da Comunidade Autónoma

A Administración xeral da Comunidade Autónoma, no marco das súas relacións institucionais coa Administración xeral do Estado, desenvolverá a súa actuación para promover que esta teña en conta, nos instrumentos e actuacións de competencia estatal relativos á enerxía eólica mariña, o compromiso coa cohesión social e económica da Comunidade Autónoma de Galicia e, en especial, os beneficios sociais e económicos dos proxectos previstos nesta lei.

CAPÍTULO II

Canon ás infraestruturas necesarias para a evacuación de eólica mariña

Artigo 32. Creación, natureza, obxecto e ámbito de aplicación

Co fin de contribuír a regular e preservar o ambiente, e especialmente velar pola xestión racional e sustentable do litoral, tendo en conta os seus extraordinarios valores ambientais, con carácter de ingreso compensatorio e natureza impositiva extrafiscal e real, créase o canon ás infraestruturas necesarias para a evacuación de eólica mariña aplicable ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 33. Afectación dos ingresos xerados polo canon

1. Os ingresos derivados do canon, deducidos os custos de xestión, destinaranse á conservación, reposición e restauración do ambiente, así como ás actuacións de compensación e reequilibrio ambiental e territorial, das cales serán principais beneficiarios os concellos polo soterramento das infraestruturas necesarias para a evacuación nas zonas de influencia dos proxectos.

2. Tamén será beneficiario o conxunto do sector pesqueiro mediante actuacións que, promovidas pola Administración autonómica, se dirixan a compensar as afeccións derivadas da implantación dos parques eólicos mariños cuxa enerxía se evacúa, así como a promover a conservación do ecosistema e a biodiversidade.

Artigo 34. Normativa aplicable

O canon rexerase por esta lei e polas normas regulamentarias ditadas no seu desenvolvemento, así como polas disposicións xerais en materia tributaria.

Artigo 35. Feito impoñible

1. Constitúe o feito impoñible do canon ás infraestruturas necesarias para a evacuación de eólica mariña a xeración de afeccións e impactos visuais e ambientais adversos sobre o medio natural e sobre o territorio, como consecuencia da instalación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia das liñas eléctricas aéreas ou soterradas de evacuación da enerxía xerada nos parques eólicos mariños situados nas costas da Comunidade Autónoma de Galicia, pola parte que se estendan dentro do territorio da comunidade desde o seu soterramento ata a conexión na subestación correspondente.

2. Entenderase producido o feito impoñible aínda que a titularidade da infraestrutura necesaria para a evacuación non corresponda ao titular da autorización administrativa de explotación da liña ou ao titular da autorización administrativa de explotación dun parque eólico mariño.

Artigo 36. Período impositivo e devindicación

1. O período impositivo coincidirá co ano natural.

2. A devindicación producirase na data de outorgamento da autorización de explotación das infraestruturas necesarias para a evacuación do parque eólico mariño e o primeiro día do ano natural nos sucesivos anos en que a autorización administrativa estea vixente, ata o seu desmantelamento e a restitución ambiental dos terreos afectos pola instalación.

3. Sen prexuízo do disposto no número 1, en casos de primeira instalación ou desmantelamento das infraestruturas necesarias para a evacuación do parque eólico mariño, o período impositivo entenderase polo período existente entre a devindicación e o derradeiro día do período impositivo, no primeiro caso, e entre a devindicación e a data de desmantelamento da liña, no segundo.

Artigo 37. Obrigados tributarios

1. Son suxeitos pasivos do canon das infraestruturas necesarias para a evacuación, en calidade de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas ou as entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que, baixo calquera título, leven a cabo a súa explotación. Presumirase, salvo proba en contrario, que a explotación da liña a realiza a persoa ou a entidade que figure como persoa titular da correspondente autorización administrativa.

2. Son responsables solidarios:

a) As persoas titulares de autorizacións administrativas para as infraestruturas necesarias para a evacuación da enerxía xerada por un parque eólico mariño cando quen leve a cabo a súa explotación non coincida coa persoa titular da autorización.

b) As persoas titulares das infraestruturas necesarias para a evacuación da enerxía xerada por un parque eólico cando non coincidan coa persoa titular da explotación da liña nin coa persoa titular da autorización administrativa da liña.

c) As persoas que exploten o parque ou os parques eólicos mariños que empreguen a liña de evacuación, de non ser o suxeito pasivo.

Artigo 38. Base impoñible

Constitúe a base impoñible a extensión, expresada en quilómetros lineais, das infraestruturas necesarias para a evacuación situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia desde o soterramento ata a conexión na subestación correspondente. No caso de infraestruturas necesarias para a evacuación que se estendan máis alá do límite territorial da Comunidade Autónoma, a base impoñible estará constituída pola suma dos quilómetros lineais que se estendan dentro do territorio galego. Para a determinación da base impoñible teranse en conta as circunstancias concorrentes na data de devindicación. No caso de que a lonxitude da infraestrutura de evacuación varíe ao longo do período impositivo, a base impoñible calcularase rateando por días o período de explotación dos quilómetros lineais da liña de evacuación respecto do total do número de días do ano natural.

Artigo 39. Tipo de gravame e cota tributaria

1. A cota tributaria vén determinada pola aplicación á base impoñible dos seguintes tipos de gravame anuais:

a) En liñas soterradas de evacuación: 10.000 euros por cada quilómetro de liña de evacuación.

b) En liñas aéreas de evacuación que teñan unha tensión igual ou inferior a 30 kV: 22.000 euros por cada quilómetro de liña de evacuación.

c) En liñas aéreas de evacuación que teñan unha tensión maior de 30 kV e menor ou igual a 66 kV: 29.200 euros por cada quilómetro de liña de evacuación.

d) En liñas aéreas de evacuación que teñan unha tensión maior de 66 kV e menor ou igual a 132 kV: 43.800 euros por cada quilómetro de liña de evacuación.

e) En liñas aéreas de evacuación que teñan unha tensión maior de 132 kV: 58.000 euros por cada quilómetro de liña de evacuación.

2. Durante o primeiro ano de explotación da liña e durante o último ano, os tipos de gravame ratearanse en función do número de días do período impositivo.

3. A modificación dos importes desta tarifa require informe previo do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Artigo 40. Aplicación do canon

1. A consellaría competente na materia de facenda aprobará as normas de aplicación do tributo.

2. O exercicio das funcións de aplicación e de revisión do canon, así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria, corresponderán aos órganos ou ás unidades administrativas competentes da Administración tributaria da consellaría competente na materia de facenda, conforme a norma de organización da Administración tributaria.

3. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, os órganos administrativos competentes nas materias de ambiente, enerxía e industria auxiliarán os órganos de aplicación deste tributo e colaborarán con eles, no marco das súas respectivas competencias, para a liquidación, comprobación e investigación do tributo, mediante a elaboración de informes, por petición destes, a expedición de certificados oficiais dos datos necesarios para a liquidación do tributo e/ou a cesión informática dos datos sinalados, entre outras actuacións.

Artigo 41. Presentación de declaracións e autoliquidacións

1. Para os efectos de aplicación do canon, os suxeitos pasivos están obrigados a declarar inicialmente os datos, características e circunstancias necesarias para a cuantificación do tributo, así como as modificacións dos datos previamente declarados, nos prazos e lugar por medio dos modelos e de conformidade coas instrucións que estableza a consellaría competente na materia de facenda mediante orde. Así mesmo, estarán obrigados a presentar unha declaración de baixa, no suposto de desmantelamento da liña.

2. A Administración establecerá un rexistro obrigatorio, incluíndo as súas características, de liñas de evacuación de parques eólicos mariños. A estrutura, o contido e a sede do rexistro, así como os procedementos para a súa formación e mantemento, determinaranse mediante orde da consellaría competente na materia de facenda.

3. Os suxeitos pasivos están obrigados a presentar autoliquidación do canon, determinando a débeda tributaria correspondente, e ingresarán o seu importe na forma, prazos e lugar por medio dos modelos e de conformidade coas instrucións que estableza a consellaría competente na materia de facenda mediante orde.

4. A consellaría competente na materia de facenda poderá dispoñer que as declaracións e autoliquidacións do canon se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, se é o caso, se aproben. Así mesmo, poderá exixir a obrigatoriedade da súa presentación e o aboamento mediante medios telemáticos.

Artigo 42. Liquidacións provisionais

Os órganos da Administración tributaria poderán ditar a liquidación provisional que proceda, de conformidade co disposto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Artigo 43. Potestade sancionadora

1. A potestade sancionadora en materia tributaria exercerase conforme os seus principios reguladores en materia administrativa e as especialidades consideradas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e serán aplicables as disposicións xerais contidas nesta.

2. A clasificación das infraccións e sancións tributarias e o procedemento sancionador tributario rexeranse polo establecido na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e nas demais disposicións que a desenvolvan e complementen.

Artigo 44. Revisión

1. Os actos e as actuacións de aplicación deste tributo, así como os actos de imposición de sancións tributarias, serán revisables de acordo coas disposicións contidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

2. O coñecemento das reclamacións económico-administrativas corresponderalles con exclusividade aos órganos económico-administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da vía contencioso-administrativa.

TÍTULO IV

Recuperación integral do territorio afectado polos incendios forestais

CAPÍTULO I

Actuacións para a recuperación integral

Artigo 45. Recuperación integral do territorio afectado polos incendios forestais

A consellaría competente na materia de prevención e extinción de incendios forestais promoverá a recuperación integral das zonas do territorio afectadas por incendios forestais de incidencia singular, con base nos seguintes principios:

a) A planificación transversal do espazo rural afectado delimitado polo seu perímetro natural, dando prioridade na dita planificación á prevención dos incendios forestais.

b) A determinación dos usos agroforestais óptimos para recuperar ou implantar na zona delimitada, promovendo unha ordenación do territorio que procure a consecución dunha paisaxe mosaico, máis resiliente fronte aos incendios forestais. Para tal efecto, dotarase o ámbito territorial delimitado dun catálogo parcial de solos agropecuarios e forestais, conforme o previsto no artigo 31 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

c) A implantación prioritaria de paisaxes cortalumes e áreas estratéxicas de xestión nos puntos do territorio que se determinen con criterios técnicos derivados da análise dos incendios acaecidos. Nesta implantación prestarase especial atención á protección dos núcleos de poboación.

d) O impulso da diversificación das masas forestais e da silvicultura preventiva no espazo forestal da zona afectada polo incendio forestal de carácter singular, no cal serán aplicables as medidas de restauración reguladas no artigo 64 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Para estes efectos, serán declaradas zonas prioritarias de actuación na materia de control da erosión e restauración hidrolóxico-forestal, conforme o previsto no artigo 65 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

e) A actuación sostida e constante durante o tempo necesario para asegurar a eficacia da recuperación proposta, que deberá incentivar a permanencia das actividades agrogandeiras e forestais propostas.

CAPÍTULO II

Fondo de Recuperación do Territorio Afectado por Incendios
Forestais de Incidencia Singular

Artigo 46. Fondo de Recuperación do Territorio Afectado por Incendios Forestais de Incidencia Singular

1. Créase o Fondo de Recuperación do Territorio Afectado por Incendios Forestais de Incidencia Singular como un fondo específico, de carácter finalista, destinado a financiar as actuacións de recuperación das zonas do territorio afectadas polos ditos incendios forestais.

2. Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia declarar, mediante acordo, que incendio forestal é considerado como de incidencia singular e, polo tanto, pode determinar a aplicación deste fondo á recuperación da zona do territorio afectada polo dito incendio. O acordo adoptarase por proposta da persoa titular da consellaría competente na materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, logo do informe da persoa titular da dirección xeral competente nesa materia. Este informe emitirase atendendo a criterios técnicos relativos á intensidade ou á incidencia dos efectos provocados polo incendio forestal e, entre eles, a afección ás persoas e aos seus bens, a superficie ou o tipo de terreo afectado, os valores forestais ou ambientais afectados ou outras circunstancias técnicas motivadas.

3. O fondo financiarase con cargo ás asignacións que figuren nos orzamentos iniciais da Administración autonómica galega, coas achegas que procedan doutras administracións públicas, coas procedentes de doazóns e/ou con outras achegas do sector privado.

4. O Fondo de Recuperación do Territorio Afectado por Incendios Forestais de Incidencia Singular será xestionado pola consellaría competente na materia de prevención e extinción de incendios forestais. Os recursos asignados ao fondo e os seus rendementos ingresaranse nunha conta específica de titularidade da Xunta de Galicia e contará cunha contabilidade separada para cada unha das zonas afectadas polos ditos incendios forestais que sexan obxecto de recuperación.

5. Correspóndelle á consellaría competente na materia de prevención e extinción de incendios forestais determinar a tipoloxía de actuacións e as operacións concretas a que estará destinado o fondo, logo da proposta das persoas titulares dos centros directivos desa consellaría, nas materias da súa competencia, que se visen afectadas polo correspondente incendio.

6. Sen prexuízo do anterior, no suposto de que o incendio forestal afecte elementos que correspondan a materias da competencia doutras consellarías, estas poderán propoñerlle á consellaría competente na materia de prevención e extinción de incendios forestais a aplicación do fondo para a recuperación dos ditos elementos danados polo incendio.

Artigo 47. Actuacións financiables mediante o Fondo de Recuperación do Territorio Afectado por Incendios Forestais de Incidencia Singular

1. De acordo co establecido no artigo anterior, e de conformidade coa normativa vixente, a consellaría competente na materia de prevención e extinción de incendios de forestais poderá desenvolver, con cargo ao Fondo de Recuperación do Territorio Afectado polos Incendios Forestais de Incidencia Singular, entre outras, as seguintes actuacións:

a) Prestar servizos ou executar, en todo ou en parte, obras destinadas á recuperación dos terreos afectados polos incendios forestais, que poderán consistir na mellora dos terreos afectados con respecto á situación previa ao incendio forestal, coa finalidade de recuperar os recursos naturais daqueles e favorecer a súa explotación racional e mais previr a aparición ou propagación de futuros incendios. Estas actuacións poderán ser desenvolvidas directamente pola indicada consellaría, ou ben a través dos medios propios do sector público ou de entidades do sector privado, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

b) Establecer liñas de axudas destinadas á restauración dos terreos afectados, incluíndo, entre outras actuacións, a limpeza, a posta en cultivo e as melloras, mesmo de carácter permanente, nos predios afectados, cuxas persoas beneficiarias poderán ser tanto as persoas titulares como as persoas arrendatarias deles. Estas actuacións poderán ser desenvolvidas directamente pola indicada consellaría ou a través das entidades colaboradoras, de acordo co previsto na normativa vixente na materia de subvencións.

c) Prestar apoio técnico e asesoramento ás persoas afectadas, dirixidos á recuperación dos terreos afectados.

d) Subscribir convenios coas entidades públicas ou privadas afectadas, de acordo coa normativa vixente, para facilitar a recuperación dos terreos afectados, así como con entidades financeiras para facilitar operacións financeiras ou o anticipo de subvencións dirixidas ás entidades afectadas.

e) Promover convenios con sociedades de garantía recíproca para apoiar os axentes produtivos que participen nas operacións de recuperación e que non conten por si mesmos coas garantías económicas suficientes.

2. De acordo co establecido no número 6 do artigo anterior, no caso de que as actuacións requiridas correspondan a materias da competencia doutras consellarías, estas serán as encargadas de desenvolver as actuacións da súa competencia, financiadas, de acordo coa dispoñibilidade máxima establecida para as ditas actuacións, pola persoa titular da consellaría competente na materia de prevención e extinción de incendios.

Artigo 48. Achegas privadas ao Fondo de Recuperación do Territorio Afectado por Incendios Forestais de Incidencia Singular

1. As achegas privadas ao Fondo de Recuperación do Territorio Afectado por Incendios Forestais de Incidencia Singular poderán consistir en doazóns e achegas irrevogables, puras e simples. Así mesmo, poderán formalizarse convenios de colaboración en actividades de interese xeral, de acordo coa regulación da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado. A contía mínima das achegas privadas ao fondo será de 100.000 euros.

2. As doazóns e os negocios regulados neste artigo someteranse ao dereito privado e terán a consideración de negocios patrimoniais excluídos da lexislación de contratos das administracións públicas, que se rexerán por esta disposición e pola lexislación patrimonial.

3. A competencia para aceptar as achegas corresponderalle á persoa titular da consellaría competente na materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, que poderá aprobar modelos de documentos ou convenios para formalizalas, así como campañas para fomentar as contribucións ao fondo, xerais ou específicas, para obxectivos concretos.

4. As achegas consideraranse legalmente afectas ás finalidades xerais do fondo, salvo que na doazón ou no negocio xurídico formalizado se precisase unha finalidade ou destino específico comprendido dentro das finalidades legais do fondo, ou un específico ao territorio afectado, caso en que as cantidades se considerarán legalmente afectas a estas finalidades e territorios concretos.

5. No caso de que a Administración autonómica non cumpra a condición legal establecida no número anterior, estará obrigada, por solicitude da persoa doante, á devolución das cantidades non aplicadas, cos seus xuros legais desde o momento do incumprimento.

6. En todo caso, e para os efectos das súas competencias, a Administración autonómica recoñecerá as achegas realizadas ao fondo como dirixidas a fins de interese xeral, vinculadas á recuperación dos territorios afectados polos incendios forestais, de asistencia social e promoción da acción social, de defensa do ambiente e de desenvolvemento do tecido produtivo agroforestal.

7. As achegas privadas ao Fondo de Recuperación do Territorio Afectado por Incendios Forestais de Incidencia Singular beneficiaranse dos incentivos fiscais ao mecenado regulados no título III da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, de acordo co disposto nela, e na demais normativa que resulte aplicable.

Artigo 49. Comisións de seguimento do Fondo de Recuperación do Territorio Afectado por Incendios Forestais de Incidencia Singular

1. Para fomentar a transparencia, participación e información das actuacións do fondo, así como a eficiencia na súa utilización, a consellaría competente na materia de prevención e extinción de incendios forestais, mediante resolución da súa persoa titular, creará unha comisión xeral de seguimento do fondo formada por persoas representantes do sector público e das entidades que, pertencendo ao sector privado, achegasen ao fondo unha contía superior á que se fixe mediante a dita resolución, así como, se é o caso, outras entidades privadas relacionadas co sector forestal ou coa protección ambiental.

2. A función desta comisión xeral de seguimento do fondo será a de analizar as necesidades xurdidas no ámbito territorial afectado polos incendios forestais de incidencia singular e elevar propostas á consellaría competente na materia de prevención e extinción de incendios forestais en relación coa xestión do fondo e coa súa aplicación, incluíndo o seu destino e a natureza das operacións que cómpre realizar.

3. Cos mesmos obxectivos e mediante o mesmo procedemento indicado no número 1, poderanse crear comisións territoriais de seguimento do fondo, específicas para cada zona afectada por incendios, que estarán formadas por persoas representantes do sector público e de entidades do sector privado que fixesen achegas ao fondo ou sexan representativas no ámbito territorial afectado.

4. A función das comisións territoriais previstas no número anterior será a de analizar as necesidades concretas do ámbito territorial afectado por cada incendio e elaborar propostas para a recuperación da dita zona, para a súa elevación á comisión xeral de seguimento do fondo.

5. Na composición da comisión xeral de seguimento e nas comisións territoriais, se é o caso, procurarase unha composición equilibrada muller-home.

TÍTULO V

Proxectos de autoconsumo baseados en enerxías renovables
nas áreas empresariais de Galicia

Artigo 50. Fomento da implantación de proxectos de autoconsumo baseados en enerxías renovables en áreas empresariais

Os promotores públicos e privados de solo empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia fomentarán, na planificación, ordenación, desenvolvemento e execución das áreas empresariais que promovan, a implantación de proxectos de autoconsumo baseados en enerxías renovables, coa finalidade de favorecer o impacto social, económico e ambiental destas modalidades de xeración de enerxía, así como a existencia de alternativas de subministración de proximidade para as empresas e consumidores finais e a súa participación activa no seu abastecemento enerxético.

Artigo 51. Normas de aplicación directa para as instalacións ou infraestruturas para produción de enerxías renovables en áreas empresariais

1. Admítese a implantación de instalacións ou infraestruturas para produción de enerxía a partir de fontes de enerxías renovables, xa sexa en réxime de autoconsumo individual ou para autoconsumo colectivo ou de comunidades enerxéticas, e que teñan por finalidade o incremento da xeración distribuída e a conseguinte seguridade enerxética dentro do ámbito das áreas empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, nos seguintes espazos, entre outros:

a) Nas parcelas lucrativas, xa sexan de uso secundario ou terciario, así como nas dotacionais privadas ou públicas, nas súas zonas de recuamento e nos espazos libres de edificación. Non obstante, nas zonas de recuamento con parcelas lindeiras só se permitirán estas instalacións, agás acordo entre os donos das propiedades lindeiras, cando o interesado na súa implantación acredite a imposibilidade de acudir a outras alternativas que resulten menos gravosas para a propiedade da parcela lindeira.

b) Sobre as edificacións e outras construcións auxiliares.

2. Ademais dos espazos sinalados no punto anterior, cando as instalacións ou infraestruturas antes citadas estean destinadas ao uso colectivo ou de comunidades enerxéticas en réxime de autoconsumo, tamén se poderán implantar, motivadamente, nas zonas verdes e en espazos libres da área empresarial.

3. Para a implantación de instalacións ou infraestruturas para produción de enerxía a partir de fontes de enerxías renovables nos espazos indicados nos puntos anteriores poderán, de ser o caso, constituírse dereitos de superficie e dereitos de voo, así como concesións administrativas cando se trate de bens de dominio público.

4. As ordenanzas dos parques empresariais na materia de alturas máximas, recuamentos, edificabilidade e outras similares serán interpretadas de xeito que favorezan a implantación das instalacións ou infraestruturas para produción de enerxía a partir de fontes de enerxías renovables. En todo caso, serán aplicables as seguintes determinacións, sen prexuízo doutras normas técnicas ou sectoriais que resulten aplicables:

a) Os elementos singulares das instalacións ou infraestruturas antes citadas poderán superar a altura máxima prevista nas ordenanzas.

b) As distancias mínimas na materia de recuamento computaranse desde a edificación principal, sen ter en conta as instalacións ou infraestruturas para produción de enerxía a partir de fontes de enerxías renovables implantadas na zona de recuamento ou nos espazos libres de edificación. Non obstante, nas zonas de recuamento con parcelas lindeiras só se poderán implantar estas instalacións, agás acordo entre os donos das propiedades lindeiras, cando o interesado na súa implantación acredite a imposibilidade de acudir a outras alternativas que resulten menos gravosas para a propiedade da parcela lindeira.

c) As citadas instalacións ou infraestruturas para produción de enerxía a partir de fontes de enerxías renovables non computarán para efectos de edificabilidade.

5. As normas contidas nos puntos anteriores serán aplicables sen prexuízo doutras de carácter técnico ou sectorial que resulten aplicables, de ser o caso.

6. As ordenanzas dos instrumentos de planeamento ou de ordenación do territorio que se aproben a partir da entrada en vigor desta norma recollerán as determinacións previstas neste artigo.

7. Así mesmo, as determinacións contidas neste artigo prevalecerán sobre as ordenanzas dos instrumentos de planeamento ou de ordenación do territorio aprobados con anterioridade á entrada en vigor desta lei.

8. Os instrumentos de planeamento ou de ordenación do territorio cuxa tramitación estiver iniciada antes da entrada en vigor desta lei manterán as determinacións previstas neles, sen prexuízo do previsto no número 7 deste artigo.

Artigo 52. Autorizacións ou permisos administrativos

Serán competencia da Administración municipal, soamente nos casos en que o exixa a normativa, as licenzas, as autorizacións ou os permisos necesarios para a implantación das instalacións ou infraestruturas de produción de enerxías renovables, tanto nas parcelas de propiedade privada como nas parcelas dotacionais, nas zonas verdes e nos espazos libres da área empresarial, todo iso sen prexuízo das demais autorizacións sectoriais ou técnicas que correspondan a outras administracións ou organismos, de ser o caso.

Artigo 53. Reservas de espazos en áreas empresariais para a canalización de enerxías renovables

Os instrumentos de ordenación do territorio e planeamento de áreas empresariais, así como os proxectos de urbanización destas, poderán reservar determinadas zonas de solo para o paso de canalizacións das redes de distribución de enerxías renovables, así como conexións a sistemas ou infraestruturas xerais ou a redes de subministración, sen prexuízo de que, motivadamente, poidan utilizarse para outros fins no caso de necesidade. Tamén poderán establecer servidumes forzosas ou limitacións do dominio nas zonas de recuamento das parcelas co fin de permitir o paso destas canalizacións.

Artigo 54. Xestión de enerxías renovables destinadas a autoconsumo nas áreas empresariais

1. As entidades de conservación, xestión e modernización de parques empresariais reguladas na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, as sociedades mercantís ou outras entidades que teñan por obxecto fomentar o autoconsumo con fontes renovables poderán formalizar acordos, convenios ou contratos cos promotores ou propietarios do parque empresarial, co concello e con outros organismos, co fin de implantar instalacións colectivas ou constituír comunidades enerxéticas destinadas á produción de enerxía a partir de fontes de enerxías renovables para o uso das empresas localizadas no parque empresarial e, así mesmo, asumir a xestión das ditas instalacións, infraestruturas ou servizos.

2. Así mesmo, as entidades e sociedades antes citadas ou as comunidades enerxéticas que se constitúan poderán formalizar acordos ou convenios cos concellos para posibilitar o uso do subsolo de vías e outras zonas de dominio público para o paso de canalizacións das redes de distribución de enerxías renovables, así como conexións a sistemas ou infraestruturas xerais ou a redes de subministración, no marco da colaboración público-privada para a xestión destas enerxías.

Artigo 55. Declaración de utilidade pública e interese social

Para os efectos do previsto nos dous artigos anteriores, as instalacións ou infraestruturas colectivas para produción de enerxía a partir de fontes de enerxías renovables destinadas ao uso das empresas implantadas nunha área empresarial, así como as súas redes, conexións a sistemas ou infraestruturas xerais ou redes de subministración, poderán ser cualificadas como infraestruturas de utilidade pública ou de interese social na resolución administrativa pola que se autoricen as ditas instalacións ou infraestruturas. Así mesmo, poderán ser cualificadas como equipamentos nos instrumentos de planeamento urbanístico ou territorial e nos proxectos de urbanización correspondentes.

Artigo 56. Incentivos nas condicións de alleamento de parcelas de solo empresarial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e de Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A. para a implantación de enerxías renovables

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo e a entidade instrumental Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A. establecerán incentivos nas súas bases de alleamento de parcelas de solo empresarial, co fin de favorecer a implantación de instalacións que contribúan ao autoconsumo ou ao uso de enerxías renovables por parte das empresas implantadas nos parques empresariais.

2. Así mesmo, as entidades antes citadas, na elaboración dos instrumentos de planeamento ou proxectos de urbanización de áreas empresariais, poderán analizar as posibilidades de uso da xeotermia nas parcelas de solo empresarial, co fin de que os seus compradores poidan coñecer esta posibilidade antes da súa adquisición.

TÍTULO VI

Créditos de carbono

Artigo 57. Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia

1. A Xunta de Galicia fomentará o desenvolvemento de proxectos e actividades dirixidos a incrementar a absorción de carbono e a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, co obxectivo de contribuír á protección do medio natural e ao desenvolvemento sustentable do territorio de Galicia, no marco da estratexia de transición cara á neutralidade carbónica.

2. Aos proxectos e ás actividades que permitan reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera ou absorber carbono da atmosfera e formen parte do sistema creado mediante este artigo asignaráselles un valor en créditos de carbono polo valor correspondente ás toneladas equivalentes de dióxido de carbono reducidas, absorbidas e almacenadas, derivadas das ditas actuacións, e que poderán ser recoñecidos e comercializados de conformidade co previsto nesta lei.

3. De acordo cos obxectivos indicados no número 1, créase o Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia, que servirá de nexo entre os operadores ou os grupos de operadores que voluntariamente desexen vender os créditos de carbono xerados mediante o desenvolvemento dos seus proxectos e actividades, e os compensadores que, tamén de forma voluntaria, desexen adquirir ou utilizar créditos de carbono, ben sexa como intermediarios ou ben como axentes finais, para así compensar as súas emisións doutras actuacións. Para poderen participar neste sistema, os créditos de carbono deberán estar validados e recoñecidos, de acordo co establecido nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

4. A operación do Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia desenvolverase regulamentariamente mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

5. Os elementos e as entidades que, como mínimo, formarán parte do Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia son os seguintes:

a) Os proxectos de absorción de carbono ou redución da emisión de gases de efecto invernadoiro.

b) A(s) metodoloxía(s) do sistema de certificación.

c) A plataforma de créditos de carbono.

d) O sistema de certificación dos proxectos e respectivos créditos.

e) O conxunto de normas e procedementos asociados ao funcionamento do sistema.

f) A Xunta de Galicia, como autoridade competente.

g) Os axentes do sistema de carbono:

1º. Os operadores ou os grupos de operadores.

2º. Os compensadores que adquiran ou utilicen créditos de carbono.

3º. Os organismos de certificación.

Artigo 58. Proxectos e metodoloxías do sistema de certificación

1. Os proxectos susceptibles de seren incorporados ao sistema voluntario previsto no artigo anterior serán aqueles que promovan as actividades da absorción de carbono ou redución da emisión de gases de efecto invernadoiro e para os cales se poidan cuantificar os créditos de carbono mediante metodoloxías aprobadas no marco deste sistema.

2. As metodoloxías indicadas no número anterior son un conxunto de criterios e orientacións, formalmente aprobados mediante o procedemento que se estableza no decreto a que fai referencia o número 4 do artigo anterior, e utilizados para os efectos do recoñecemento dos proxectos de absorción de carbono, así como da estimación obxectiva dos créditos que estes veñan xerar. Estas metodoloxías estarán aliñadas coa normativa comunitaria que se estableza nesta materia.

3. No ámbito do sector forestal, as metodoloxías aprobadas terán como obxectivo, entre outros, o impulso da xestión forestal sustentable e activa como ferramenta para acadar maiores cotas de carbono absorbido fronte a aqueles bosques exentos de xestión forestal.

4. As metodoloxías aprobadas poderán identificar créditos de carbono de carácter especial e diferenciado naqueles casos en que os proxectos incorporen significativos beneficios adicionais a nivel ambiental e social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Os proxectos de carbono estarán suxeitos a un proceso de auditoría de certificación inicial realizada por un organismo certificador debidamente acreditado, de conformidade co desenvolvemento regulamentario desta lei e co resto da normativa aplicable. Do mesmo xeito, os proxectos serán obxecto de auditorías de renovación consonte os prazos estipulados na metodoloxía aplicable.

Artigo 59. Plataforma de créditos de carbono

As transaccións entre os axentes indicados no número 3 do artigo 57 estableceranse a través dunha plataforma de intercambio que recolla, entre outra información, a relativa aos proxectos de absorción e os créditos xerados e emitidos, así como o rastrexo dos créditos de carbono que garanta a transparencia do mercado e evite os riscos de dobre conta de emisións.

A plataforma deseñarase de xeito que sexa, na medida do posible, interoperable con outras plataformas, tanto a nivel autonómico como estatal e comunitario, e poida intercambiar información.

Artigo 60. Comité técnico do Sistema voluntario de créditos de carbono

1. Co fin de mellorar o desenvolvemento e a operación do Sistema voluntario de créditos de carbono, así como elevar propostas de aprobación ou revisión das metodoloxías do sistema de certificación, a Xunta de Galicia creará un comité técnico formado por persoas representantes das consellarías con competencias no desenvolvemento de proxectos susceptibles de absorber carbono ou eliminar a emisión de gases de efecto invernadoiro.

2. Poderán tamén formar parte deste comité persoas representantes doutras administracións públicas ou entidades do sector privado e organizacións sociais con relevancia no desenvolvemento deste tipo de proxectos, así como persoas expertas nesta materia.

3. Na composición deste comité técnico procurarase unha composición equilibrada muller-home.

Artigo 61. Fomento da participación no Sistema voluntario de créditos de carbono

1. Co fin de contribuír á transición cara á neutralidade carbónica, a Xunta de Galicia establecerá medidas de fomento da participación no Sistema voluntario de créditos de carbono.

2. De acordo co establecido no número anterior, as convocatorias de axudas que realice a Administración autonómica para o desenvolvemento de proxectos ou actividades que sexan susceptibles de absorber carbono ou eliminar a emisión de gases de efecto invernadoiro poderán establecer criterios que teñan en conta os créditos de carbono xerados mediante as ditas actuacións e recoñecidos no marco do Sistema voluntario de créditos de carbono, así como a propia participación dos axentes no dito sistema.

3. Para os casos previstos no número anterior nos cales se inclúan os indicados criterios, gozarán dun tratamento especial os créditos de carbono asociados a proxectos e actividades cuxo desenvolvemento leve asociados beneficios adicionais a nivel ambiental e social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, previstos no punto 4 do artigo 58.

TÍTULO VII

Residuos biometanizables

Artigo 62. Valorización integral de residuos biometanizables

De acordo cos fins desta lei, e no ámbito das súas competencias, a Administración autonómica procurará a valorización integral dos residuos con alto potencial de biometanización xerados na Comunidade Autónoma de Galicia e, en especial, daqueles da titularidade da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., a través dos instrumentos previstos neste título.

Artigo 63. Plans de biometanización dos residuos municipais de titularidade da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.

1. Tendo en conta o alto potencial de biometanización dos residuos municipais, derivado da fracción de recollida selectiva de biorresiduos e da materia orgánica contida na denominada fracción resto, a sociedade pública Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. poderá desenvolver as seguintes accións:

a) Para a primeira fracción, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. poderá desenvolver un plan de biometanización de tal forma que se acade a optimización e maximización da súa valorización.

b) Para a materia contida na denominada fracción resto, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. poderá elaborar un plan de biometanización que deberá incluír, necesariamente, o destino final do material bioestabilizado resultante do proceso, que exclúa, de forma preferente, o seu depósito final en vertedoiro.

2. Nos casos previstos neste artigo o biogás obtido ou o seu valor deberá servir, en primeira instancia, para cumprir coa descarbonización dos procesos da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., co fin de acadar o obxectivo de que o consumo de enerxía necesario para as súas operacións sexa de orixe renovable.

Artigo 64. Promoción de sistemas de valorización integral xunto con outros residuos

1. A Administración autonómica promoverá accións dirixidas a aproveitar as potencialidades da valorización integral e conxunta dos residuos municipais e dos residuos procedentes das actividades do sector agrogandeiro e das industrias agroalimentarias, coa finalidade de que o sector privado tamén contribúa ao desenvolvemento de sistemas de valorización integral e conxunta dos residuos xerados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No marco das indicadas accións, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. poderá contratar a obtención de biometano a partir dos residuos con alto potencial de metanización, ou ben transmitir os citados residuos. En ambos os supostos poderán incluírse, como criterios de valoración das ofertas e/ou como condicións contractuais, ademais do prezo ofertado e do cumprimento dos obxectivos de reciclaxe ou reutilización establecidos na correspondente normativa europea, nacional e autonómica, criterios e consideracións ambientais relativos ao tratamento e á valorización conxunta dos residuos con destino á produción de biogás, xunto cos procedentes das actividades do sector agrogandeiro, das industrias agroalimentarias ou doutros sectores.

3. De acordo co indicado no número anterior, e coas finalidades recollidas no artigo 2 desta lei, poderán valorarse, en particular, os compromisos dos adquirentes dos residuos en relación co volume doutros recursos que se van recoller e valorizar e mais co ámbito territorial que comprenda esa recollida complementaria na comunidade autónoma, así como as condicións desta, incluídos os compromisos que os adquirentes asuman relativos aos prezos que deban satisfacer os terceiros que voluntariamente lles entreguen os outros residuos que se van valorizar, procurando que estes sexan os menos posibles, co obxecto de facilitarlles aos indicados terceiros o cumprimento das súas obrigas de xestión.

Disposición adicional primeira. Instalacións de recarga de vehículos

As infraestruturas de recarga eléctrica e de hidróxeno de vehículos, así como as extensións ou os reforzos necesarios na rede de distribución, gozarán dos mesmos efectos que os sinalados no artigo 18 para os proxectos declarados de especial interese público, social e económico.

Disposición adicional segunda. Paisaxes cortalumes e áreas estratéxicas de xestión

Para os efectos desta lei, as paisaxes cortalumes e as áreas estratéxicas de xestión defínense como segue:

1. Paisaxe cortalumes: área delimitada con criterios técnicos creada co fin de xerar descontinuidades da biomasa que freen ou atenúen o avance dos incendios, a través dalgún dos seguintes instrumentos:

a) A creación de polígonos cortalumes, de conformidade coa regulación prevista na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

b) O impulso de agrupacións forestais de xestión conxunta que desenvolvan as súas actividades con criterios de prevención de incendios, especialmente pola diversificación das masas forestais ou pola plantación de especies arbóreas autóctonas.

c) O desenvolvemento da actividade agrogandeira ou a plantación de frondosas autóctonas ou árbores froiteiras nas redes de faixas de xestión da biomasa definidas na normativa na materia de incendios forestais.

d) A implantación de sistemas silvopastorís e de gandaría en extensivo como actividades produtivas que actúen como técnica de xestión do combustible vexetal.

2. Áreas estratéxicas de xestión: áreas de actuación singularizada no territorio que permitan establecer e optimizar unha planificación espazotemporal de combustibles e de usos, actividades e infraestruturas que limiten a potencialidade do incendio, detectando oportunidades de extinción e anticipando unha estratexia de defensa eficaz e segura para grandes incendios forestais.

Disposición adicional terceira. Programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha e a xestión de plantas de compostaxe promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.

1. Dentro do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., de acordo co disposto na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, poñeranse en marcha varias plantas de produción de compost a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos (en adiante, FORSU), coa finalidade de incrementar as porcentaxes de recuperación de materiais.

2. As devanditas plantas darán servizo a aqueles concellos máis próximos a elas ou ás plantas de transferencia que estean adaptadas á recollida específica da FORSU.

3. En garantía da sustentabilidade financeira das novas instalacións de xestión, fíxase un canon específico para o ano 2024 de 50 euros por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos que fixará a consellaría competente na materia de residuos nas condicións de adhesión, máis o correspondente IVE. O devandito canon específico actualizarase a partir do exercicio 2024 no mes de xaneiro de cada ano, consonte a evolución do índice de prezos de consumo, e a súa contía actualizada publicarase no Diario Oficial de Galicia.

4. Cando por circunstancias extraordinarias de alteración da sustentabilidade económica do sistema for necesario revisar a contía do canon específico por tonelada de residuos FORSU, este será establecido pola consellaría competente na materia de residuos, logo do informe favorable da consellaría de facenda, da tal xeito que non exceda os custos totais que xere o tratamento dos residuos FORSU.

Para estes efectos, o órgano de administración da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., tras os estudos pertinentes nos que se xustifiquen os custos asociados ás operacións de tratamento, procederá á aprobación dunha proposta de canon específico e dos seus mecanismos obxectivos de revisión, que se remitirá para a súa aprobación á consellaría.

A aprobación do canon por tonelada entregada da FORSU, así como a súa revisión, publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

5. A xestión, a liquidación e o cobro do canon por tonelada entregada da FORSU corresponderán á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., que deberá expedir mensualmente as facturas correspondentes ás entidades locais, e estas deberán aboalas nos termos previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

6. A adhesión ao sistema de xestión institucional da FORSU será voluntaria para as entidades locais no marco do disposto na lexislación de residuos e no Plan de xestión de residuos urbanos e efectuarase mediante negocio xurídico-administrativo, que será formalizado entre a entidade local e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., como xestora do sistema. A consellaría competente na materia de residuos, para asegurar o funcionamento do sistema, logo da proposta da sociedade pública, fixará as condicións de adhesión das entidades locais ao sistema e aprobará o modelo para a formalización da adhesión. Despois de se publicaren as condicións de adhesión no Diario Oficial de Galicia, os negocios xurídicos que nese momento estean subscritos polas entidades locais conforme o modelo publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 11, do 18 de xaneiro de 2018, para a planta de Cerceda (A Coruña), entenderase que continúan en vigor, pero modificados e adaptados, se é o caso, ás novas condicións que puider ter o novo modelo publicado. Establécese un prazo de dous meses desde a indicada publicación como período de desistencia no caso de que as entidades non estean de acordo coas novas condicións, e deberán remitir á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. dentro do dito prazo o acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo cal se desiste do negocio xurídico subscrito.

7. En garantía da sustentabilidade financeira do sistema, entre as condicións para a adhesión figurará a dun tempo mínimo de adhesión que permita realizar as previsións oportunas en canto ao volume de residuos que se van tratar e a de que, no caso de impago das cantidades que corresponda aboar ás entidades locais en concepto de tratamento da FORSU, estas terán a consideración de vencidas, líquidas e exixibles para efectos do seu aboamento con cargo ao Fondo de Cooperación Local, por instancia da sociedade pública, mediante acordo de retención ditado polo órgano encargado do Fondo de Cooperación Local de acordo co establecido na regulación deste. As cantidades retidas serán obxecto de entrega á sociedade pública.

Cando o obrigado ao pago for unha mancomunidade de municipios, os concellos integrantes serán responsables solidarios, na parte que corresponda segundo a súa porcentaxe de participación na correspondente mancomunidade, das débedas xeradas ao xestor institucional do sistema polo impago do canon específico por tonelada de residuos FORSU.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia

Engádese unha disposición adicional décima á Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional décima

Sen prexuízo do establecido no primeiro parágrafo do apartado 1 do artigo 35, poderán convocarse de xeito individualizado en cada provincia concursos relativos a recursos considerados como materias primas fundamentais ou minerais críticos nos plans e programas europeos, estatais ou autonómicos».

Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, queda modificada como segue:

Un. O número 3 do artigo 27 queda redactado como segue:

«Artigo 27. Réxime de autorizacións administrativas

3. A tramitación das autorizacións administrativas necesarias das infraestruturas de evacuación deberá solicitarse conxuntamente coa solicitude de autorización administrativa previa e de construción do parque eólico».

Dous. Engádense os números 3, 4 e 5 á disposición adicional terceira, que quedan redactados como segue:

«3. Para iniciar a tramitación do expediente dunha infraestrutura de evacuación será requisito necesario que o parque eólico dispoña de permiso de acceso e conexión. O final da infraestrutura de evacuación ten que coincidir co punto de conexión do parque ou con outra infraestrutura de evacuación doutros parques eólicos que estea en tramitación, autorizada ou en servizo, para garantir que o trazado da liña proposto sexa viable tecnicamente e produza o menor impacto posible sobre o territorio.

4. Como norma xeral, e salvo xustificación expresa da imposibilidade de facelo doutra maneira, non se admitirán a trámite novas infraestruturas de evacuación cunha lonxitude de máis de 15 km, agás que se trate de infraestruturas colectoras de varios parques eólicos e estas non teñan unha lonxitude superior a 0,3 km por megawatt conectado a elas.

5. Para evitar a duplicidade de infraestruturas de evacuación de diferentes parques eólicos ou entre as novas propostas de evacuación e a rede de distribución e transporte existente ou planificada, sempre que sexa posible, deberase utilizar a rede existente, xa sexa de transporte, distribución ou evacuación titularidade doutros promotores eólicos que teña capacidade suficiente de evacuación ou que sexa posible o seu reforzo ou repotenciación. Para iso poderá facerse uso do establecido no artigo 54.2 da Lei 24/2013, do sector eléctrico.

Os promotores deberán solicitar a repotenciación da rede de distribución ou transporte existente e intentar chegar a acordos cos titulares doutras infraestruturas de evacuación, ou xustificar a imposibilidade de facelo, antes de propoñeren un trazado novo».

Tres. Modifícase o número 2 da disposición transitoria sétima, que queda redactado como segue:

«2. Para os proxectos admitidos a trámite antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os requisitos de distancias a núcleos de poboación establecidos na disposición adicional quinta serán aplicables unicamente no caso de modificacións substanciais de proxectos solicitadas a partir da entrada en vigor da indicada lei que, por supoñeren efectos ambientais distintos dos previstos inicialmente, requiran o inicio dunha nova tramitación ambiental.

Quedan exceptuadas da regra establecida no parágrafo anterior as modificacións substanciais que se indican a seguir, nas que a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitados será de 500 metros:

a) As modificacións substanciais que veñan impostas por un informe sectorial.

b) As modificacións substanciais derivadas do uso compartido de infraestruturas de conexión comúns que non supoñan cambios nas posicións dos aeroxeradores.

c) As modificacións que se consideren substanciais por supoñeren unha redución de máis do 10 % da potencia autorizada no proxecto e que consistan na redución do número dos aeroxeradores proxectados, sempre que non supoñan cambios na posición dos restantes».

Catro. Modifícase o parágrafo segundo da disposición transitoria oitava, que queda redactado como segue:

«Non obstante, non se procederá ao arquivamento de proxectos admitidos a trámite cando estes, aínda non dispoñendo de permisos de acceso e conexión no referido prazo, soliciten en calquera momento anterior á declaración de arquivamento a súa tramitación baixo a modalidade de autoconsumo sen excedentes, e sempre e cando o proxecto de autoconsumo estea vinculado cun proxecto industrial estratéxico e ademais as liñas directas cumpran cos condicionantes de lonxitude máxima e ratio de lonxitude por megawatt fixados na disposición adicional terceira desta lei. De igual forma, as novas solicitudes de proxectos que cumpran tales requisitos serán incluídas no rexistro eólico. En todo caso, e excepto para as instalacións suxeitas á modalidade de autoconsumo sen excedentes, a autorización administrativa de instalacións de xeración non poderá ser outorgada se o seu titular non obtivo previamente os permisos de acceso e conexión ás redes de transporte ou distribución correspondentes e os demais que requira a lexislación básica aplicable».

Cinco. Engádese unha nova disposición transitoria novena, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria novena. Réxime transitorio de tramitación de parques eólicos anteriores á entrada en vigor da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia

1. As solicitudes de tramitación de infraestruturas de evacuación para parques eólicos que fosen admitidas a trámite antes da entrada en vigor da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, rexeranse polo establecido na normativa anterior.

2. As infraestruturas de evacuación correspondentes a parques eólicos resoltos desfavorablemente ou arquivados como consecuencia dunha declaración de impacto ambiental desfavorable ou por desistencia do promotor serán arquivadas, agás que no prazo de tres meses desde a notificación ao promotor de que se vai proceder ao arquivamento este acredite que a infraestrutura de evacuación evacúa a enerxía dalgún proxecto de enerxía renovable en tramitación ou autorizado».

Disposición derradeira terceira. Modificación do Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado

O Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, queda modificado como segue:

Un. Engádese un novo número vinte e un ao artigo 5, que queda redactado como segue:

«Vinte e un. Dedución por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades que realicen determinados proxectos declarados de especial interese público, social ou económico.

Os contribuíntes poderán deducir na cota íntegra autonómica o 20 % das cantidades investidas durante o exercicio na adquisición de accións ou participacións sociais, como consecuencia de acordos de constitución de sociedades ou de ampliación de capital, daquelas entidades que teñan por obxecto social exclusivo a realización de proxectos que sexan declarados de especial interese público, social ou económico, aos cales se refiren os artigos 17 e 20 da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. A porcentaxe de dedución prevista nesta epígrafe aplicarase sobre unha base máxima de 10.000 euros para cada entidade, con independencia de que o investimento se realice nun ou en varios períodos impositivos.

Esta dedución é incompatible con calquera outra prevista neste artigo e que resulte aplicable polo mesmo investimento en capital».

Dous. Engádese un novo número doce ao artigo 17, que queda redactado como segue:

«Doce. Dedución aplicable á constitución ou transmisión de dereitos reais sobre inmobles que sexan necesarios para a implantación de instalacións ou infraestruturas para a produción de enerxías renovables en áreas empresariais.

Aplicarase unha dedución do 100 % da cota do imposto que poida devindicarse como consecuencia da constitución ou transmisión de dereitos reais sobre inmobles que sexan necesarios para a implantación de instalacións ou infraestruturas para a produción de enerxías renovables, en réxime de autoconsumo individual, e que teñan por finalidade a subministración de enerxía ás empresas localizadas dentro do ámbito das áreas empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como destas no seu conxunto.

Enténdese por enerxías renovables aquelas ás cales se refire a Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables».

Disposición derradeira cuarta. Modificación da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia

A Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, queda modificada como segue:

Engádese unha alínea e) no artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que queda redactada como segue:

«e) Infraestruturas eléctricas das estacións de recarga de vehículos eléctricos que, segundo a normativa básica estatal, requiran autorización administrativa para a posta en funcionamento».

Disposición derradeira quinta. Modificación da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia

A Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, queda modificada como segue:

Engádese unha nova disposición adicional décimo segunda, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional décimo segunda. Referencias normativas

As referencias feitas nesta lei ao Instituto Galego da Vivenda e Solo entenderanse realizadas á consellaría competente en materia de solo empresarial».

Disposición derradeira sexta. Publicación de datos e información

O Instituto Enerxético de Galicia publicará de xeito periódico, en formato accesible, datos e información sobre a situación e evolución das enerxías renovables en Galicia.

Disposición derradeira sétima. Desenvolvemento regulamentario

Autorízase o Consello da Xunta para ditar as disposicións para o desenvolvemento regulamentario desta lei.

Disposición derradeira oitava. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2024

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente