No Diario Oficial de Galicia número 107, do 4 de xuño, publicouse a Orde do 24 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia, para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través de actividades de animación sociodeportiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento DE402B). Na dita convocatoria o crédito orzamentario para financiar estas axudas quedaba establecido en 1.300.000 €.
Os obxectivos esenciais desta convocatoria son actuar con programas e accións que incidan directamente na promoción da igualdade entre mulleres e homes fomentando a corresponsabilidade e favorecendo a conciliación das familias con nenas, nenos, mozas e mozos menores de 16 anos inclusive.
Unha vez resolta a dita convocatoria pola Resolución do 19 de xullo de 2024 (DOG número 147, do 31 de xullo), publicouse a Orde do 14 de agosto de 2024 pola que se amplía o crédito da Orde do 24 de maio de 2024, que se incrementa en 400.000 €, de maneira que o crédito total destinado a financiar esta convocatoria pasou a ser de 1.700.000 €.
Esta ampliación de crédito distribuíuse entre os beneficiarios mediante a Resolución do 3 de setembro pola que se publica a segunda concesión das subvencións, resultante da Orde do 14 de agosto de 2024 pola que se amplía o crédito da Orde do 24 de maio de 2024 (DOG número 173, do 9 de setembro).
Tendo en conta tanto o incremento de federacións beneficiarias coma dos importes das subvencións concedidas e a demanda dos servizos de conciliación máis aló do período establecido na convocatoria, considérase axeitado ampliar en quince días, ata o 30 de novembro, o período de desenvolvemento das actuacións subvencionables e tamén o de presentación da documentación xustificativa, xa que non existe a posibilidade de causar prexuízo a terceiros.
O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.
Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
Polo exposto,
DISPOÑO:
Primeiro. Modificar o período de desenvolvemento da actuacións subvencionables que figura no artigo 1.5 da Orde do 24 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento DE402B), que queda redactado como segue:
«5. O período de desenvolvemento das actuacións subvencionables será o comprendido entre o 15 de xullo e o 30 de novembro de 2024».
Segundo. Modificar o prazo de xustificación que figura no parágrafo primeiro do artigo 6.1 da Orde do 24 de maio de 2024, que queda redactado como segue:
«1. De acordo co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a entidade beneficiaria deberá presentar ante a Secretaría Xeral para o Deporte a documentación xustificativa da subvención ata o 30 de novembro de 2024».
Terceiro. Modificar o parágrafo primeiro do artigo 15.5.III das bases reguladoras que figuran como anexo I da Orde do 24 de maio de 2024, que queda redactado como segue:
«III. Os documentos xustificativos de gastos e pagamentos deberán estar datados no período comprendido entre a data de resolución desta convocatoria e o 30 de novembro de 2024».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2024
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
