Como culminación do proceso electoral que se desenvolveu tras a convocatoria realizada a través da Orde do 7 de novembro de 2022, da Consellería do Medio Rural, mediante a Orde do 14 de marzo de 2023 nomeouse a Jonatás Gago García presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei.
O día 9 de setembro, un grupo de vogais presentou ante o Consello Regulador unha solicitude para a realización dun pleno en que se debatese unha moción de censura á Presidencia, conforme establece a letra c) do artigo 21.1 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. O dito pleno reuniuse o día 28 de outubro e a moción, que incluía como candidato á presidencia a Manuel Vázquez Losada, aprobouse co voto favorable da maioría absoluta dos membros.
Por todo isto, de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro,
DISPOÑO:
Artigo único. Nomeamento do presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei
Noméase a Manuel Vázquez Losada presidente do Consello Regulador da Denominación de orixe Monterrei en substitución de Jonatás Gago García, a quen se agradecen os servizos prestados.
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2024
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
