Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Juan Tábara, con domicilio na rúa Ramón y Cajal, número 25, na Coruña.
Feitos:
1. O 27 de setembro de 2023, Francisco Rodríguez-Gigirey Pérez, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Juan Tábara constituírona Ana Belén Tábara Rodríguez, María Herminia Tábara Rodríguez e Julia Tábara Rodríguez, mediante escritura pública outorgada o 5 de decembro de 2022, ante o notario da Coruña José Manuel Lois Puente, co número de protocolo 2.133.
Tras requirimento do 23 de febreiro de 2024, a Fundación achega unha escritura outorgada o 15 de maio de 2024, no mesmo lugar e ante o mesmo notario da anterior, co número de protocolo 881, que emenda a primeira escritura cumprindo o sinalado no citado requirimento.
3. A Fundación, consonte o artigo 7 dos seus estatutos, ten por obxecto: «promover e fomentar o estudo, a investigación e a prevención e seguridade no mar e, principalmente, nas praias e zonas costeiras».
4. O padroado inicial da Fundación está formado por Ana Belén Tábara Rodríguez, como presidenta; María Herminia Tábara Rodríguez, como vicepresidenta, e Julia Tábara Rodríguez, como secretaria.
5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese marítimo da Fundación Juan Tábara, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese marítimo e a súa adscrición á Consellería do Mar.
Consideracións legais:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.
De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 22 de outubro de 2024,
DISPOÑO:
Clasificar de interese marítimo a Fundación Juan Tábara e adscribila ao protectorado da Consellería do Mar.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Pódese interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
