O Decreto 131/2018, do 10 de outubro, polo que se crea e se regula o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, atribúe a presidencia do observatorio á persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de igualdade.
Así mesmo, a través do Decreto 53/2019, do 23 de maio, creouse e regúlase a Medalla Emilia Pardo Bazán para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes. O artigo 12 desta norma indica que para a concesión da medalla se crea unha comisión de valoración cuxa presidencia corresponde á persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de igualdade.
Por outra banda, a persoa titular órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de igualdade ten atribuída a competencia para a tramitación e resolución dos procedementos derivados da Orde do 12 de abril de 2019 pola que se establece o procedemento de recoñecemento e validación previsto no Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula o Rexistro de persoal docente acreditado para impartir a formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero (códigos de procedemento SI500A e SI500B).
De acordo co artigo 25 da Lei 16/2020, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o artigo 4 do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e os artigos 2 e 32 do Decreto 139/2024, do 20 de maio, a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade é un órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma.
Por motivos de eficacia e eficiencia, resulta conveniente delegar as competencias indicadas anteriormente na persoa titular do órgano de dirección competente en materia de promoción da igualdade.
En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, e as demais disposicións de xeral aplicación,
RESOLVO:
Artigo único. Delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade
Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade:
a) As funcións da presidencia no Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero regulado no artigo 7 do Decreto 131/2018, do 10 de outubro, polo que se crea e se regula o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero.
b) As funcións da presidencia na Comisión de Valoración para a concesión da Medalla Emilia Pardo Bazán, regulada no artigo 12.1.a) do Decreto 53/2019, do 23 de maio, polo que se crea e se regula a Medalla Emilia Pardo Bazán para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes.
c) As competencias de tramitación e resolución dos procedementos derivados da Orde do 12 de abril de 2019 pola que se establece o procedemento de recoñecemento e validación previsto no Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula o Rexistro de persoal docente acreditado para impartir a formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero (códigos de procedemento SI500A e SI500B).
Disposición derrogatoria única. Revogación
Queda sen efecto a Orde do 1 de xullo de 2024 sobre delegación da presidencia da Comisión de Valoración da Medalla Emilia Pardo Bazán.
Disposición derradeira única. Eficacia da delegación
Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2024
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
