DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 12 de novembro de 2024 Páx. 59699

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 4 de novembro de 2024 pola que se amplía o segundo prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Orde do 20 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN308C).

O 14 de febreiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 20 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN308C).

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

Segundo se recolle na memoria xustificativa asinada o 21.10.2024 polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas, por solicitude dunha entidade local beneficiaria da subvención proponse autorizar a ampliación do prazo de xustificación previsto no punto 1 do artigo 20 da Orde do 20 de xaneiro de 2023, para a xustificación das actuacións levadas a cabo durante o exercicio de 2024.

Por canto antecede, en exercicio das competencias atribuídas no artigo 4 do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria,

ACORDO:

Artigo primeiro. Ampliar ata o 16 de decembro de 2024 (incluído) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da citada Orde do 20 de xaneiro de 2023 para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo segundo. Modificar o punto 1 do artigo 20 da Orde do 20 de xaneiro de 2023 para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, quedando a redacción da seguinte maneira:

«Para cobrar a subvención concedida, as entidades locais beneficiarias deberán presentar electronicamente para cada anualidade unha solicitude de pagamento mediante o modelo normalizado do anexo IV, e acompañada da documentación sinalada nas seguintes epígrafes. O prazo máximo para presentar a xustificación será:

– Ata o 31 de decembro de 2023 para a contía da subvención concedida a cargo da anualidade de 2023.

– Ata o 16 de decembro de 2024 para a contía da subvención concedida a cargo da anualidade de 2024».

Disposición derradeira única. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2024

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria