A presidenta do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIm-G) comunicou, o día 14.10.2024, a proposta de modificación da composición do referido comité.
Antecedentes:
1. Mediante a Resolución do 17 de decembro de 2021, que se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 31 de decembro, concedeuse a renovación da acreditación do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIm-G) e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo, entre as que figuraba Rafael Álvaro Millán Calenti.
2. A presidenta do dito comité comunica a proposta de modificación da súa composición, consistente na renuncia de Rafael Álvaro Millán Calenti por mor da súa xubilación e, asemade, no nomeamento de Orlando Peñas-Veracruz González, asesor xurídico da Consellería de Sanidade, en substitución daquel.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 5.4 sinala que as persoas membros deste comité «serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres».
O número 7 do artigo 5 dispón que «o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo de audiencia do/da interesado/a».
2. Acerca da composición do CEIm-G, o número 2 do artigo 5 sinala que esta deberá incluír polo menos «dúas persoas alleas ás profesións sanitarias; unha delas polo menos deberá ser titulada en Dereito e especialista na materia»; e no que se refire ao aspecto numérico en concreto, o número 1 do mesmo artigo sinala que «estará formado por un mínimo de nove e un máximo de vinte e cinco membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións».
Coa presente modificación, o comité axústase ao disposto nestes números.
Logo de ver o exposto, e de acordo coa proposta do 24.10.2024 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,
RESOLVO:
O cesamento de Rafael Álvaro Millán Calenti e, na súa substitución, o nomeamento de Orlando Peñas-Veracruz González como membro do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIm-G).
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
