Expediente: IN407A 2024/72-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación da instalación: subestación San Pedro de Visma 66 kV-cambio de interruptor San Pedro de Visma Pos. 603.
Concello: A Coruña.
Feitos:
1. O día 23 de febreiro de 2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de proceder ao cambio dun interruptor por obsolescencia do actual.
Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña, ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, e que abrangue os seguintes documentos:
• Proxecto de execución nomeado: subestación San Pedro de Visma 66 kV-cambio de interruptor San Pedro de Visma Pos. 603, asinado o 26 de decembro de 2023 por María Isabel López Ferrer, enxeñeira industrial, co nº de colexiada 17.566 de Madrid e co nº de visado 202305746 do 29.12.2023.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidera prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe ao Concello da Coruña. A día desta resolución, non consta no expediente resposta do organismo afectado, é dicir, o concello, á emisión do condicionado solicitado.
4. O 26.9.2024 emitiuse un informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
–O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente atópanse en coordenadas UTM X:545,796 Y:4.802.033, no concello da Coruña.
– Substitución do interruptor da Pos. 603 a 66 kV da subestación de San Pedro de Visma (A Coruña), coa instalación dun novo módulo con tecnoloxía híbrida convencional-blindada (tipo HIS) no parque exterior xunto co seu armario de proteccións que substituirá o existente situado no interior do edificio de control.
Cuarto. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 18 de outubro de 2024
O director territorial da Coruña
P.A. (Artigo 40 do Decreto 140/2024, do 20 de maio; DOG núm. 101, do 27 de maio)
Lourdes Fernández Parajes
Xefa do Servizo de Industria
