O capítulo terceiro da Constitución española trata os principios reitores da política social e económica. Entre os seus artigos destaca o artigo 47, que establece que:
Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para faceren efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para que se impida a especulación.
A comunidade participará nas plusvalías que nazan da acción urbanística dos entes públicos.
Porén, a realidade é ben distinta, xa que non todas as persoas poden gozar dunha vivenda digna e axeitada. Ante esta problemática, xorden fenómenos como a ocupación ilegal de inmobles.
Con esta xornada preténdese analizar a situación actual, estudar as diferentes casuísticas que se presentan no día a día e achegar solucións eficaces –como a importancia da adopción de medidas cautelares de expulsión do inmoble por parte do xuíz/a de instrución–, para que se produzan os mínimos prexuízos posibles.
Por iso, e dentro das actividades programadas para o ano 2024, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dunha Xornada xurídica sobre a ocupación de inmobles, conforme as seguintes bases:
1. Datos da actividade.
Denominación: Xornada xurídica sobre a ocupación de inmobles.
Tipo: xornada.
Horas lectivas: 5 horas.
Modalidade: en liña.
Lugar: plataforma de formación electrónica da Academia Galega de Seguridade Pública.
Data: 2 de decembro de 2024.
Horario: das 9.00 ás 14.00 horas.
2. Persoas destinatarias.
Persoal das Forzas e Corpos de Seguridade: Policía Nacional, Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, Garda Civil e Policía Local.
3. Prazas ofertadas: 200.
4. Programa.
9.00 horas. Presentación.
9.30-12.30 horas. O fenómeno da ocupación ilegal de inmobles e a adopción de medidas cautelares.
12.30-14.00 horas. A problemática da Okupación: casuísticas, bens afectados e a súa relación con outros delitos.
14.00 horas. Clausura.
5. Solicitudes de participación.
a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal
Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.
b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.
c) É obrigatorio consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil e un correo electrónico co fin de poder realizar as notificacións necesarias.
d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.
e) Prazo para a presentación de solicitudes.
O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 27 de novembro de 2024.
6. Formulario normalizado de solicitude.
a) O formulario de solicitude a que se refire a base anterior deberá cubrilo a persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, dispoñible no enderezo da internet http://agasp.xunta.gal
b) Para cubrir correctamente o formulario de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda, que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.
c) O formulario poderá ser cuberto ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.
A Agasp publicará diariamente a listaxe de persoas admitidas desde o día 22 de novembro de 2024 no sitio web: agasp.xunta.gal
7. Obrigas das persoas admitidas.
As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con 48 horas como mínimo de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberáselle comunicar por escrito á Agasp, a través do correo electrónico, ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal
En caso contrario, serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).
8. Modificacións e incidencias.
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 28 de outubro de 2024
Santiago Villanueva Álvarez
Director da Academia Galega de Seguridade Pública
