DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 18 de novembro de 2024 Páx. 60876

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Cangas (expediente IN407A 2022/349-4).

Expediente: IN407A 2022/349-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: substitución apoios 9T76STWU//1-21 na LMT CII809 e 9T7GJLOC//1-20 na LMT CII818.

Concello: Cangas.

Feitos:

1. O 2 de setembro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada Substitución apoios 9T76STWU//1-21 na LMT CII809 e 9T7GJLOC//1-20 na LMT CII818.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no cal figura un orzamento total de 20.455,49 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións nos tramos CII8093141 e CII8181213, dos circuítos aéreos da LMT CII809 e CII808, no lugar de San Pedro, na parroquia de Darbo, no concello de Cangas (Pontevedra):

– Substitución do apoio existente 9T76STWU//1-21 por un C-2000/16, no cal se instala un telecontrol que é punto fronteira das LMT CII809 e CII818. En consecuencia prodúcese o retensado augas arriba ao apoio proxectado e a desmontaxe do SXS (36HMS1) situado no apoio substituído.

– Substitución do apoio existente 9T7GJL0C//1-20 por un C-2000/14. En consecuencia prodúcese o retensado augas arriba ao apoio proxectado.

– Substitución do condutor LA-80 por un LA-110 entre os apoios proxectados (un total de 95 metros).

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Cangas, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por AESA.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, polo que, en consecuencia, se entende a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. Mediante escritos do 5 de outubro de 2022, este departamento territorial notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 5 de outubro de 2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 31 de outubro de 2022.

– Xornal Faro de Vigo: 14 de outubro de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Cangas.

– Portal de transparencia e Goberno aberto da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

5. O 17 de novembro de 2022, Eugenio Cordeiro Iglesias presentou un escrito de alegacións no cal propón o desprazamento de 5 metros do apoio proxectado na súa parcela debido ao prexuízo que causará ás viñas existentes. Este desprazamento, segundo o alegante, non variaría o trazado da liña.

6. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. Na súa resposta, UFD destaca que:

– A parcela de titularidade de Eugenio Cordeiro Iglesias xa ten establecida unha servidume de voo, así como un apoio instalado. Ese é o apoio que se pretende substituír, que causa unha afección mínima de 1,69 m2.

– A modificación solicitada polo afectado non é viable porque modificaría o trazado da liña existente, afectando a terceiros e creando novas servidumes de paso.

7. Os servizos técnicos deste departamento territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Con relación aos prexuízos ocasionados, informan de que os poderá pór de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá este departamento territorial. Ademais, nese momento o titular concretará o valor en que taxe o obxecto que se expropia, tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Con relación ao recoñecemento, en concreto, de utilidade pública destas instalacións, e de acordo coa normativa, será necesario que a empresa interesada o solicite e inclúa unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación. No caso que nos ocupa, a empresa distribuidora solicita a declaración de utilidade pública e entrega a relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

Respecto ao trazado alternativo proposto, non se xustifica por parte do alegante o cumprimento conxunto das epígrafes do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000. Ademais, o dito cambio afectaría terceiros.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Substitución dos apoios 9T76STWU/1-21 (no tramo da LMT aérea CII8093141) e 9T7GJLOC//1-20 (no tramo da LMT aérea CII8181213) por un C-2000/16 e C-2000/14, respectivamente.

– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-110, de 95 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-2000/16 e final no apoio proxectado C-2000/14.

– Retensado dos vans aéreos contiguos aos apoios proxectados.

– A instalación está situada en San Pedro, Darbo, no concello de Cangas (Pontevedra).

4. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas da promotora e o informe dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:

Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, as persoas interesadas serán informadas do trámite de levantamento da acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outra, débese describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase pór de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que considere, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa permítelle ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Respecto ao trazado proposto polo alegante, este carece da necesaria concreción, pois non permite calibrar cal é o orzamento das actuacións, as súas medidas reais, a porcentaxe da modificación ou se existen outros predios afectados non previstos inicialmente. En definitiva, a proposta non queda debidamente concretada desde un punto de vista económico e técnico, nin se acredita nela que cumpre os tres condicionamentos exixidos polo citado artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Substitución apoios 9T76STWU//1-21 na LMT CII809 e 9T7GJLOC//1-20 na LMT CII818, expediente IN407A 2022/349-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación, ante este departamento territorial, xunto coa seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas adecuadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

5. O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada, ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 23 de outubro de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados, Concello de Cangas

Lugar

Terreo

Referencia catastral

Titular

Apoio

m2

1

Río da Mo

Rústico

36008A045007190000JM

Eugenio Cordeiro Iglesias

1

1,69

2

Campo da Fame

Rústico

36008A045006880000JF

José Paz Martínez

2

1,44