DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 18 de novembro de 2024 Páx. 60873

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2024, do Departamento Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción do proxecto de modificado de instalacións eléctricas no concello de San Cibrao das Viñas (expediente IN407A 2023/034-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A., co CIF A63222533 e domicilio social na avenida de América, 38, 28028 Madrid, sobre as autorizacións administrativas previa e de construción do proxecto modificado de instalacións eléctricas situadas no concello de San Cibrao das Viñas, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 13.7.2023, deste departamento territorial (DOG do 18 de agosto), foron outorgadas as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a declaración, en concreto, de utilidade pública para as instalacións eléctricas incluídas no proxecto Nova saída LMT subestación San Cibrao e pechamento derivadas VLL813, SCV831C e ALL807. Este proxecto fora asinado polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado número 2233 do Coeticor, o 3.6.2022, e presentado a trámite pola citada empresa o día 17.2.2023.

Segundo. O 25.9.2024, UFD Distribución Electricidad, S.A., solicitou a modificación da instalación eléctrica xa autorizada e achegou o documento técnico anexo I de nova saída LMT Subes. San Cibrao e peche derivadas VLL813, SCV831C e ALL807 (San Cibrao das Viñas, Taboadela e Paderne de Allariz).

O dito documento foi asinado o 23.9.2024 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez e conta cun orzamento de 63.602,20 €. Prevé a execución das instalacións que teñen as características técnicas que se detallan a seguir:

• LMT soterrada, a 20 kV, de 503 m de lonxitude, en condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, coa orixe na nova arqueta (punto A do plano de obra civil-actuación 1 05) e final no paso A/S proxectado que se vai realizar no apoio existente núm. D62-36-11-2 da LMTA VLL813.

O motivo da redacción deste proxecto modificado, tal e como se menciona na epígrafe «1-obxecto do proxecto», vén motivado polos condicionantes técnicos e demais circunstancias encontrados durante a reformulación e/o execución das obras correspondentes ao tramo de canalización soterrada que atravesaba o núcleo urbano da Carballeira (pertencente ao Concello de San Cibrao das Viñas). Así pois, proponse como trazado alternativo unha canalización ao longo dunhas pistas asfaltadas que bordean o núcleo.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Este departamento territorial é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma Galega en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Segundo. Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), este departamento territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto sinalado no antecedente de feito segundo, e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 21 de outubro de 2024

Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense