De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte resolución de modificación de encarga coas seguintes características:
Mediante a Resolución do 12 de xaneiro de 2024, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, encargouse á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, a execución dos traballos relativos ao acondicionamento das instalacións do Instituto Feiral da Coruña para o desempeño temporal das funcións administrativas do Complexo Hospitalario da Coruña.
A través da Resolución do 26 de xullo de 2024, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, prorrogouse ata o 20 de setembro de 2024 a vixencia da encarga.
Posteriormente, mediante escrito do 17 de setembro de 2024, o xerente de zona da Coruña e Pontevedra da Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E, M.P. (Tragsa) solicitou unha autorización para a modificación da encarga nos anexos III e IV, ante a necesidade de engadir unha serie de partidas para mellorar a funcionalidade das instalacións (modificación de equipamentos de climatización e ventilación; modificación de carpintarías de aluminio e de instalación de telecomunicacións), mantendo o orzamento de execución do proxecto inicial de 1.629.819,46 €.
Para lle poder autorizar á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E, M.P. (Tragsa) estas modificacións, mediante a Resolución do 20 de setembro de 2024, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, asinouse a prórroga da vixencia da encarga ata o 20 de novembro de 2024.
As partidas máis salientables que sería necesario engadir son as seguintes:
• Modificación de equipamentos de climatización e ventilación para mellorar a súa accesibilidade para labores de revisión de mantemento.
• Modificación de carpintarías de aluminio, cambiando carpintarías fixas por practicables.
• Modificación de instalación de telecomunicacións para adaptala aos requirimentos do Servizo Galego de Saúde.
• Modificación de instalación de PCI para adaptala as necesidades pertinentes.
Á vista destas circunstancias, a Resolución do 8 de novembro de 2024, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, autoriza a modificación da encarga nos anexos III e IV, que derivará na redacción dun proxecto modificado, á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, para a execución dos traballos relativos ao acondicionamento das instalacións do Instituto Feiral da Coruña para o desempeño temporal das funcións administrativas do Complexo Hospitalario da Coruña, sen incremento orzamentario.
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
