Expediente: IN407A 2023/461-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: substitución dos apoios A52FKI4C//35-39-34-B-2 e A50ALGRQ//35-39-34-B-3 e instalación de RC na LMTA LES809.
Concello: A Estrada.
Feitos:
1. O 27.9.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública denominada substitución dos apoios A52FKI4C//35-39-34-B-2 e A50ALGRQ//35-39-34-B-3 e instalación de RC na LMTA LES809.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no que figura un orzamento total de 20.512,55 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións no lugar de Paraño, na parroquia de San Miguel de Barcala, no concello da Estrada (Pontevedra):
• No tramo LES8097869 da liña de media tensión aérea (LMTA) LES809 substitúese o apoio A52KFI4C//35-39-34-B-2 por un apoio C-1000/14 e no tramo LES8097906 substitúese o apoio A50ALGRQ//35-39-34-B-3 por un apoio C-1000/14, no cal se instala un reconectador.
• Desmontaxe de 81 metros do tramo LES8097869 e 148 metros do tramo LES8097906, entre o apoio existente A53VUC36L//35-39-34-B-1 ata o apoio proxectado C-1000/14 (anteriormente A50ALGRQ//35-39-34-B-3).
• Instalación dunha LMTA de 229 metros de lonxitude desde o apoio A53VUC36L//35-39-34-B-1 ata o apoio proxectado C-1000/14 (anteriormente A50ALGRQ//35-39-34-B-3).
• Retensado do van LES8097883 do apoio proxectado C-1000/14 (anteriormente A50ALGRQ//35-39-34-B-3).
2. O 8.11.2023, UFD comunicou que chegou a un acordo con todos os titulares das parcelas afectadas pola instalación eléctrica proxectada e, polo tanto, xa non é necesaria a declaración de utilidade pública das instalacións obxecto do proxecto. Coa solicitude, UFD presentou unha copia dos acordos acadados.
3. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello da Estrada, o Servizo de Montes e o Servizo de Infraestruturas Agrarias. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Servizo de Montes e polo Servizo de Infraestruturas Agrarias.
O Concello da Estrada non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
• Substitución dos apoios A52KFI4C//35-39-34-B-2 e A50ALGRQ//35-39-34-B-3 da Liña de media tensión aérea (LMTA) LES809 por dous apoios C-1000/14.
• LMTA a 20 kV, con condutor LA-56, de 229 metros de lonxitude, entre o apoio existente A53VC36L//35-39-34-B-1 e o proxectado C-1000/14 en substitución do A50ALGRQ//35-39-34-B-3, no cal se instala un reconectador.
A instalación está situada en Paraño, Barcala, no concello da Estrada (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada substitución dos apoios A52FKI4C//35-39-34-B-2 e A50ALGRQ//35-39-34-B-3 e instalación de RC na LMTA LES809, expediente IN407A 2023/461-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial, acompañada da seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado de dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 23 de outubro de 2024
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
