Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2024, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,
RESOLVO:
Convocar, en virtude do Acordo de colaboración subscrito entre a Consellería de Política Social e Igualdade, a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública, para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, a Xornada de autocoidado, de acordo coas bases que se indican a continuación:
Primeira. Obxectivos
Os principais obxectivos desta xornada serán os seguintes:
• Poñer en valor a importancia do autocoidado dos profesionais que axudan.
• Desenvolver habilidades para xestionar e regular as emocións.
• Explorar técnicas prácticas para reducir a tensión e manter o equilibrio emocional.
• Establecer un plan personalizado de autocoidado para a vida diaria.
Segunda. Contidos
O programa desta actividade estará estruturado en tres bloques:
• Ferramentas para a xestión e regulación emocional dos/das profesionais que axudan.
• Obradoiro: Pit stop: baixa as túas revolucións.
• Obradoiro: Tres estratexias para o meu coidado.
Terceira. Persoas destinatarias
As persoas destinatarias desta actividade son o persoal dos centros de información á muller de Galicia (CIM); do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero (CRI); do Centro de Emerxencia para Mulleres en Situación de Violencia de Xénero (CEMVI); das casas de acollida; das oficinas de atención á vítima e á cidadanía de Galicia; así como o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que presta servizos na Secretaría Xeral da Igualdade ou nas unidades administrativas de Igualdade das xefaturas territoriais das delegacións da Xunta de Galicia.
Cuarta. Desenvolvemento
Data de desenvolvemento: martes 3 de decembro de 2024.
Horario: de mañá e tarde; desde as 9.30 ás 13.30 horas, e desde as 15.30 ás 17.00 horas.
Modalidade de impartición: presencial.
Lugar: Sala 1, Edificio da Biblioteca. Cidade da Cultura. Santiago de Compostela.
Duración: 5 horas lectivas.
Quinta. Número de prazas
Vinte e cinco (25).
Sexta. Inscrición
1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases terceira e oitava, respectivamente.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Igualdade e violencia de xénero) e despois seleccionar en «nome do curso» a Xornada de autocoidado.
5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 25 de novembro de 2024.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.
Sétima. Comprobación de datos
1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación laboral, administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte correo electrónico: novas.egap@xunta.gal
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.
Oitava. Criterios de selección
A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes de acordo co requirido na base terceira desta resolución para ser persoas destinatarias desta actividade.
Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas
A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a relación das persoas seleccionadas para participar nesta actividade; en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas; e, de ser o caso, as persoas excluídas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia
1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. Renuncia:
a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 1 de decembro de 2024 por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.
b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:
– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.
– Por razóns de conciliación familiar.
– Por outras causas xustificadas documentalmente.
3. A asistencia e a puntualidade:
a) Serán obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.
b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.
c) As faltas de asistencia:
1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.
2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
Décimo primeira. Certificado de asistencia oficial
Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que completasen a asistencia mínima requirida, igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, a data e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.
Décimo segunda. Facultades da EGAP
1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.
2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
