TÍTULO I
Natureza e competencias
Artigo 1. Natureza xurídica
1. A Autoridade Galega de Protección á Persoa Informante (AGPI) é unha autoridade administrativa independente de ámbito autonómico, adscrita á institución do Valedor do Pobo, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, que actúa no desenvolvemento da súa actividade e para o cumprimento dos seus fins con plena autonomía e independencia orgánica e funcional respecto do Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, do Goberno central, dos gobernos autonómicos, das entidades integrantes do sector público estatal e autonómico, dos poderes públicos ou de calquera entidade pública ou privada no exercicio das súas funcións, sen que en ningún caso poida recibir indicacións ou instrucións de calquera órgano, autoridade pública, entidade privada, persoa física ou xurídica.
2. A AGPI ten a súa sede na cidade de Santiago de Compostela.
Artigo 2. Autonomía e independencia
No desempeño das súas funcións e competencias nin a persoa titular da Presidencia da AGPI, nin o persoal nin os membros dos órganos da AGPI poderán solicitar nin aceptar instrucións de calquera Administración pública nin de ningunha entidade pública ou privada, nin de ningunha persoa física ou xurídica.
Artigo 3. Réxime xurídico
1. A AGPI réxese polo disposto na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, e as disposicións que as desenvolvan, así como, no directamente aplicable, pola Directiva (UE) 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2019, relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do dereito da Unión.
2. De igual maneira, a AGPI réxese polo disposto nestas normas e na lexislación especial dos sectores económicos sometidos a control externo. Supletoriamente, e en canto sexa compatible coa propia natureza e autonomía da AGPI, en particular coa súa plena independencia, rexerase polo disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, así como o resto das normas de dereito administrativo xeral e especial que resulten de aplicación. En defecto de norma administrativa, aplicarase o dereito común.
3. A AGPI actuará con separación das súas funcións respecto das outras que corresponden á institución do Valedor do Pobo ou aos seus órganos adscritos. Con todo, dispoñerá dos medios persoais e materiais desta institución e dos que poidan crearse de acordo coa normativa aplicable.
Artigo 4. Finalidade
1. Calquera persoa física incluída dentro do ámbito persoal de aplicación da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, de acordo co seu artigo 3, poderá informar ante a AGPI da comisión das accións ou omisións previstas no artigo 2 da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, que afecten as entidades previstas nos números 1 e 2 do artigo 51 quinquies da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.
2. As canles internas de información no sector público e privado de Galicia terán a consideración de preferentes para informar sobre as accións ou omisións normativas a que se refire a Lei 2/2023, do 20 de febreiro, sempre que poida tratarse de forma efectiva a infracción e se o denunciante considera que non existe risco de represalia, sen prexuízo da posibilidade de acudir directamente á canle externa da AGPI.
3. Na xestión destas comunicacións ou informacións respectaranse todas as garantías procedementais, de protección e apoio á persoa informante, así como todos os dereitos das persoas afectadas polas informacións previstas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
Artigo 5. Entidades e persoas obrigadas
Quedan obrigados a prestar a colaboración necesaria á AGPI para o correcto desenvolvemento das súas funcións, facilitando a información que lles solicite no seu respectivo ámbito competencial, os seguintes suxeitos:
a) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do seu sector público.
b) As entidades que integran a Administración local no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) As universidades do Sistema universitario de Galicia e as entidades vinculadas ou dependentes delas.
d) O Parlamento de Galicia, o Consello Consultivo, a institución do Valedor do Pobo, o Consello de Contas, o Consello Económico e Social, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello da Cultura Galega.
f) As persoas naturais ou xurídicas, privadas ou públicas.
Artigo 6. Ámbito competencial
A AGPI ten como competencias:
a) A adopción das medidas de protección recollidas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
b) A xestión da canle externa de comunicación da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Emitir informe preceptivo sobre os anteproxectos e proxectos de disposicións normativas de ámbito autonómico que afecten o seu ámbito de competencias e as funcións que desenvolve.
d) A tramitación dos procedementos sancionadores e imposición de sancións polas infraccións previstas no título IX da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, de acordo co artigo 51 septies da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, no seu ámbito competencial.
e) O fomento, fortalecemento e promoción da cultura da información e dos mecanismos de promoción e defensa da integridade das organizacións como mecanismo para previr e detectar ameazas en materia de fraude ou corrupción.
f) A instrución e decisión relativas ás informacións e comunicacións previstas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
Artigo 7. Convenios
1. Co obxectivo de alcanzar os seus fins e facilitar o desenvolvemento e aplicación práctica das súas competencias, a Presidencia da AGIP poderá promover convenios de colaboración ou calquera outra fórmula de cooperación institucional con institucións públicas, órganos xudiciais, o Ministerio Fiscal, as administracións locais e provinciais, entidades do sector público e universidades do SUG.
2. Tales iniciativas deberán ser aprobadas polo Pleno da AGIP.
TÍTULO II
Estrutura orgánica
Artigo 8. Estrutura orgánica da AGPI
1. A AGPI é un órgano colexiado cuxo Pleno está constituído da seguinte forma:
a) Presidencia: a valedora do Pobo.
b) Persoas vogais: a persoa titular da Consellería Maior do Consello de Contas, a persoa titular da Presidencia do Consello Galego de Relacións Laborais, a persoa titular da Secretaría Xeral da institución do Valedor do Pobo e a persoa titular da Secretaría da Comisión da Transparencia, que exercerá as funcións de secretario, con voz e voto.
2. A Presidencia e as persoas vogais poderán propoñer ao Pleno da AGPI o nomeamento de suplentes, que deberá ser aprobado polo Pleno, que é o órgano competente para a súa designación. As persoas suplentes serán nomeadas de entre o persoal das súas respectivas institucións, e actuarán nos casos de vacante ou ausencia da persoa titular e nos supostos de abstención ou recusación aceptada polo Pleno. Os nomes das persoas titulares e suplentes deben figurar no portal de transparencia e na páxina web da AGPI.
3. Nos debates das sesións plenarias o Pleno da AGPI poderá valerse do asesoramento de persoal técnico das institucións que compoñen o Pleno ou de persoal asesor técnico externo, cando o considere de utilidade para a achega do seu criterio sobre as materias obxecto de debate.
Artigo 9. Funcións da AGPI
A AGPI, para o cumprimento dos seus fins, exercerá as seguintes funcións:
a) A adopción das medidas de protección previstas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
b) A xestión da canle externa de comunicacións.
c) A instrución e decisión relativas ás informacións e comunicacións previstas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
d) A tramitación e resolución dos procedementos sancionadores e a imposición de sancións, de acordo coa Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
e) O fortalecemento da cultura da información, dos mecanismos de promoción e defensa da integridade das organizacións e o fomento da cultura da información ou comunicación como mecanismo para previr e detectar ameazas en materia de fraude ou corrupción.
f) A aprobación de normas de organización e funcionamento.
g) A elaboración e aprobación dun informe anual sobre a actividade da AGPI, o cal se incluirá no presentado anualmente pola valedora do Pobo ante o Parlamento de Galicia, debidamente separado. Conterá, polo menos, o número e a natureza das comunicacións presentadas, as que foron obxecto de investigación, o seu resultado e o número de procedementos abertos.
h) As demais funcións que prevexa a Lei 2/2023, do 20 de febreiro, sempre que se refiran ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 10. Abstención e recusación
No caso en que, de acordo con o previsto na normativa básica de réxime xurídico do sector público, concorra na Presidencia da AGPI algunha causa de abstención ou recusación, no exercicio das competencias a ela atribuídas, será asumida pola persoa designada como suplente.
Nos casos de abstención, polas causas previstas na normativa aplicable, dos demais membros da AGPI, estes deberán absterse de intervir no asunto de que se trate e poñer esa circunstancia en coñecemento da Presidencia, que ditará a resolución que proceda no prazo de 3 días.
Polos mesmos motivos da abstención, os membros poderán ser recusados polas persoas interesadas.
O día seguinte ao da comunicación da súa recusación, a persoa recusada participará á Presidencia se se dá nela, ou non, a causa alegada. No primeiro caso, a persoa titular da Presidencia poderá decidir sen máis trámites sobre a cuestión e, se é o caso, sobre a súa substitución. No segundo, resolverá o procedente, tras as comprobacións que considere oportunas, no prazo de tres días.
Artigo 11. Funcións do Pleno da AGPI
Corresponden ao Pleno da AGPI as seguintes funcións:
a) O fortalecemento da cultura da información, dos mecanismos de promoción e defensa da integridade das organizacións e o fomento da cultura da información ou comunicación como mecanismo para previr e detectar ameazas en materia de fraude ou corrupción.
b) A elaboración e aprobación dun informe anual sobre a actividade da AGPI, o cal se incluirá no presentado anualmente pola valedora do Pobo ante o Parlamento de Galicia, debidamente separado. Conterá, polo menos, o número e a natureza das comunicacións presentadas, as que foron obxecto de investigación, o seu resultado e o número de procedementos abertos.
c) A decisión sobre admisión e terminación das actuacións relativas ás informacións e comunicacións previstas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
d) A resolución dos procedementos sancionadores e a imposición de sancións de acordo coa Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
e) A aprobación de circulares e recomendacións, así como das normas de organización e funcionamento da AGPI.
f) As demais funcións que resulten do disposto nesta normativa.
Artigo 12. Funcións da Presidencia da AGPI
Corresponden á persoa titular da Presidencia da AGPI as seguintes funcións:
a) Desempeñar a representación legal e institucional da AGPI.
b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día do Pleno da AGPI, tendo en conta, se é o caso, as peticións dos demais membros formuladas ata cinco días antes da realización da sesión para a cal se propoña o asunto.
c) Presidir as sesións do Pleno, autorizar, se é o caso, a presenza nelas dos expertos precisos para o asesoramento e asuntos transversais, e moderar o desenvolvemento dos debates ou suspendelos por causas xustificadas.
d) A adopción das medidas de protección previstas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
e) A xestión da canle externa de comunicacións.
f) Subscribir convenios con entidades públicas e privadas.
g) Propoñer ao Pleno, para a súa aprobación, a normativa interna de funcionamento e as súas modificacións.
h) Solicitar das distintas administracións públicas a información necesaria para o cumprimento das súas funcións.
i) Todas aquelas ordes, resolucións e accións que, non estando atribuídas ao Pleno, sexan necesarias para o bo funcionamento da AGPI.
j) A instrución e decisión relativas ás informacións e comunicacións previstas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
k) Acordar o inicio de procedementos de natureza sancionadora e a tramitación destes de acordo coa Lei 2/2023, do 20 de febreiro, con garantía de separación funcional entre a fase instrutora, que corresponderá ao persoal técnico da AGPI, e a resolutoria, que corresponderá ao Pleno.
l) As demais funcións que resulten do disposto nesta normativa.
m) As demais funcións que prevexa a Lei 2/2023, do 20 de febreiro, sempre que se refiran ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 13. Funcións da Secretaría do Pleno da AGPI
Corresponden á Secretaría do Pleno da AGPI as seguintes funcións:
a) Cursar a convocatoria das sesións do Pleno por orde da Presidencia da AGPI, así como as citacións aos seus membros. Coa convocatoria remitirá unha copia da orde do día, da acta anterior e, no caso da existencia de resolucións impugnadas, unha relación destas e dos criterios propostos para a adopción das medidas que procedan.
b) Presentar a orde do día nas sesións do Pleno e informar nos casos en que sexa necesario sobre os expedientes incluídos na orde do día.
c) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.
d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións do Pleno.
e) Gardar a debida reserva respecto aos feitos ou informacións coñecidas con motivo ou ocasión do exercicio das súas competencias.
f) Elaborar o proxecto de memoria anual do organismo seguindo as indicacións da Presidencia.
g) Custodia das actas e demais documentación.
h) Expedir certificacións.
i) Cantas outras funcións sexan inherentes ás funcións de secretaría.
Artigo 14. Dereitos e obrigacións dos membros do Pleno da AGPI
Os membros do Pleno da AGPI teñen os seguintes dereitos e obrigacións:
a) Recibir a convocatoria das sesións do Pleno coa antelación establecida nestas normas.
b) Asistir ás sesións do Pleno e participar nos debates dos asuntos sometidos a resolución ou acordo. En relación coas propostas de resolución, remitidas pola Presidencia, poderán presentar as correspondentes emendas e remitilas á Secretaría por correo electrónico.
c) Exercer, se é o caso, o seu dereito a voto.
d) Gardar a debida reserva respecto aos feitos ou informacións coñecidos con motivo ou ocasión do exercicio das súas competencias.
e) Achegar documentos e informes para incorporar ás actas, que se entregarán á Secretaría nun prazo de cinco días posteriores á realización da sesión.
f) Formular rogos e preguntas.
g) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.
h) Elevar propostas á Presidencia, cunha antelación mínima de cinco días á súa realización, sobre asuntos de interese para o funcionamento da AGPI.
Artigo 15. Réxime de actuación do Pleno da AGPI
1. O Pleno adoptará as resolucións e demais acordos logo do estudo da documentación elaborada para o caso concreto, baixo a dirección da Presidencia e en sesión plenaria.
As sesións plenarias relativas ao trámite de admisión e a decisión sobre a terminación das actuacións relativas ás informacións e comunicacións previstas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, serán convocadas pola Presidencia e remitiraas a Secretaría do Pleno a todos os membros do Pleno cunha antelación mínima de 48 horas, de forma que se garanta o cumprimento dos prazos establecidos nos artigos 18 e 20 da referida lei.
As sesións plenarias relativas ao resto de funcións do Pleno serán convocadas por iniciativa da Presidencia ou por medio de petición por escrito e motivada de, polo menos, dous dos membros do Pleno, e serán remitidas pola Secretaría do Pleno a todos os membros do Pleno cunha antelación mínima de 48 horas.
As sesións realizaranse de forma presencial ou a través de medios electrónicos, segundo dispoña a Presidencia da AGPI na correspondente convocatoria.
2. O secretario redactará unha acta de cada sesión plenaria. Nela figurarán os nomes dos asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo en que tiveron lugar, o resultado das votacións e o contido dos acordos adoptados.
3. Para a válida constitución do Pleno requirirase en primeira convocatoria a asistencia de todos os seus membros. En segunda convocatoria, o Pleno poderase constituír coa presenza de, polo menos, tres dos seus membros, e, en todo caso, da Presidencia e o secretario, ou das persoas que os substitúan.
4. O Pleno rexerase polo disposto nesta normativa e, na súa falta, polas normas aplicables aos órganos colexiados.
5. Os membros do Pleno que se aparten do voto da maioría, se así o consideran, poderán formular por escrito a xustificación, que será incorporada como anexo na acta da sesión correspondente.
6. As xustificacións deberán anunciarse unha vez finalizada a votación do asunto que as determine, e deberán confeccionarse, á vista do acordo maioritario, no prazo de tres días hábiles a partir da dita data, excepto en casos de extraordinaria urxencia, nos cales o prazo será dun día.
7. Os acordos do Pleno serán adoptados por maioría de votos afirmativos sen ter en conta as abstencións. En caso de empate, decidirá o voto de calidade da Presidencia.
8. As xustificacións do voto, asinadas polos membros que as subscriban, entregaranse á persoa titular da Secretaría do Pleno co fin de incorporalas á acta correspondente.
Artigo 16. Desenvolvemento das sesións do Pleno da AGPI
As sesións do Pleno da AGPI desenvolveranse do seguinte modo:
a) As sesións do Pleno abriranse cando así o determine a Presidencia.
b) A persoa titular da Secretaría tomará nota das persoas asistentes e, se é o caso, das escusas de asistencia, para os efectos de determinar se a sesión se pode levar a cabo, suposto en que procederá a ler a orde do día.
c) A persoa que actúe como secretaria lerá a acta da sesión anterior, que deberá ser sometida a votación.
d) Calquera membro poderá pedir a rectificación da acta en relación coas opinións ou manifestacións por el formuladas, e a Presidencia poderá pedirlle que as achegue por escrito.
e) A orde de despacho de asuntos seguirá a proposta da orde do día, pero a súa preferencia pode ser modificada por acordo da maioría dos membros do Pleno.
f) Os asuntos en que non se abra debate serán sometidos directamente a votación.
g) A persoa que actúe como secretaria presentará a orde do día. Cada punto será obxecto de informe por parte do responsable da tramitación e procederase ao debate e á aprobación dos correspondentes acordos e resolucións nos termos previstos nesta normativa, segundo a materia de que se trate.
h) Corresponde á Presidencia ordenar as intervencións e moderar o debate.
i) Tratándose de proxectos de informes relativos a disposicións legais ou regulamentarias, a Presidencia pode acordar que a discusión e as intervencións se desenvolvan polos artigos respecto dos cales xurdan discrepancias.
j) Cando, a xuízo da Presidencia, o asunto fose obxecto de discusión suficiente, procederase á súa votación.
Artigo 17. Outros recursos do Valedor do Pobo
A institución do Valedor do Pobo poderá asignar cantos medios persoais e materiais precise o desenvolvemento das tarefas propias da AGPI.
Artigo 18. Actas do Pleno da AGPI
1. De cada sesión do Pleno a Secretaría redactará unha acta, que deberá ser sometida a votación na primeira reunión que a continuación se realice.
2. A acta fará constar, necesariamente, as persoas asistentes, a orde do día da reunión, o seu carácter, as circunstancias do lugar e tempo en que se realizou, os puntos principais das deliberacións e os contidos dos acordos adoptados. Poderá facerse constar, a solicitude dos membros, o sentido negativo do voto en relación co acordo adoptado, cando non desexen xustificar o seu voto.
Artigo 19. Persoal técnico da AGPI. Estrutura e réxime xurídico
O persoal técnico da AGPI estrutúrase, sen prexuízo da súa posible ampliación pola normativa habilitante para o efecto, nos seguintes órganos:
a) Unha subdirección xeral.
b) Unha xefatura de área.
c) Un administrativo.
O persoal ao servizo da AGPI intégrase na relación de postos de traballo da institución do Valedor do Pobo, e seralle de aplicación o establecido no artigo 10 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, ou a que a substitúa, a Resolución do 22 de xaneiro de 2018 pola que se dispón a publicación do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo e o Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia, do 27 de maio de 2024, polo que se modifica a RPT do Valedor do Pobo.
Artigo 20. Funcións da Subdirección Xeral da AGPI
Corresponden á Subdirección Xeral da AGPI as seguintes funcións:
a) Exercer a dirección técnica superior de análise, investigación e inspección das actividades da AGPI.
b) Recibir e analizar as solicitudes e comunicacións presentadas ante a AGPI.
c) Efectuar o tratamento e análise da información de que teña coñecemento a AGPI que sexa susceptible de dar lugar a actuacións de investigación, de acordo co disposto na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
d) Analizar a verosimilitude das informacións ou comunicacións presentadas na AGPI, practicando as actuacións necesarias e emitindo os informes que correspondan.
e) Elaborar as propostas de inadmisión ou de iniciación de actuacións de investigación en materia de protección ao informante, e a correspondente instrución do procedemento.
f) Instruír os procedementos sancionadores de conformidade co establecido no título IX da Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
g) Elaborar as propostas de conclusión ou a reapertura dos expedientes de investigación, así como realizar o seguimento das actuacións e recomendacións adoptadas.
h) Elaborar estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora de xestión dos procedementos administrativos da AGPI.
i) As demais funcións que resulten do disposto nesta normativa.
j) Calquera outra función que, sendo análoga ás anteriores ou tendo carácter instrumental para garantir o correcto desempeño das funcións da institución do Valedor do Pobo e da AGPI, lle sexa asignada.
Artigo 21. Funcións da Xefatura de Área da AGPI
Corresponden á Xefatura de Área as seguintes funcións:
a) Realizar a xestión administrativa das fases de recepción da información, admisión, instrución e terminación das actuacións derivadas das solicitudes e comunicacións presentadas ante a AGPI, e as propostas de medidas de protección da persoa informante e o réxime sancionador.
b) Emitir informes, estudos, desenvolvementos técnicos e propostas en materia de xestión orzamentaria, normativas e políticas financeiras, análises e control contable público e privado, xestión económica, administración dos recursos financeiros, xestión de ingresos e gastos, investimentos e control de tesouraría de entidades do sector público e privado.
c) Levar a cabo asesoramento técnico en materia financeira, procedementos contables, procesos de contratación, licitacións e adxudicacións, auditoría interna que garanta o correcto funcionamento dos procesos financeiros e administrativos.
d) Calquera outra función análoga ás anteriores ou que teña carácter instrumental para garantir o correcto desenvolvemento das funcións da institución do Valedor do Pobo e da AGPI que lle sexa asignada polos seus superiores xerárquicos en atención ao grao de especificidade, dificultade técnica, responsabilidade ou demais condicións particulares do posto.
e) As demais funcións que resulten do disposto nestas normas.
Artigo 22. Funcións do administrativo da AGPI
Corresponden ao administrativo da AGPI as seguintes funcións:
a) Asistir e dar apoio administrativo á AGPI.
b) Informar e atender o público nas tarefas e funcións propias da AGPI.
c) Colaborar na recompilación e ordenación de información e elaboración de documentación derivada da actividade da AGPI.
d) Xestionar o rexistro da AGPI e alimentar e explotar as súas fontes documentais e bases de datos.
e) Editar e transcribir documentación.
f) Actualizar os contidos da páxina web da AGPI.
g) Aquelas funcións propias da súa categoría profesional que lle sexan encomendadas polos seus superiores xerárquicos para garantir o correcto desempeño das funcións da institución do Valedor do Pobo e da AGPI, en atención ao grao de especificidade, dificultade técnica, responsabilidade ou demais condicións particulares do posto.
h) As demais funcións que resulten do disposto nesta normativa.
TÍTULO III
Dereitos e deberes do persoal da Autoridade
Artigo 23. Deberes de independencia e imparcialidade
O persoal da AGPI, no exercicio das súas funcións, debe actuar con absoluta imparcialidade, velar polo interese xeral, observar sempre a máis estrita neutralidade política, impedir que os intereses de grupos económicos, sociais, corporativos, ideolóxicos ou confesionais, ou os criterios propugnados por estes grupos, inflúan sobre as súas actuacións, e observar pleno respecto á Constitución española, ao Estatuto de autonomía de Galicia e ao resto do ordenamento xurídico.
No desempeño das funcións, nin o persoal nin os membros dos órganos da AGPI poderán solicitar ou aceptar instrucións de ningunha entidade pública ou privada, sen prexuízo da colaboración con outros órganos da Administración en cumprimento dos seus fins.
Artigo 24. Deber de confidencialidade
O persoal ao servizo da AGPI atópase suxeito ao deber de confidencialidade, e deberá gardar segredo profesional, mesmo despois de cesar nas súas funcións, sobre as comunicacións ou informacións recibidas, con especial atención aos datos persoais dos informantes. De igual maneira, na súa actuación, o persoal da AGPI debe actuar con absoluta imparcialidade, no ámbito da máis estrita neutralidade, velando sempre na súa actuación polo interese xeral e particular da AGPI.
Artigo 25. Conflito de intereses e deber de abstención
1. O persoal da AGPI non poderá intervir en ningunha comunicación ou información na cal, directa ou indirectamente, teña intereses de calquera tipo que poidan comprometer a súa imparcialidade e independencia. O conflito de intereses debe interpretarse no sentido máis amplo posible. En virtude diso, o persoal debe absterse de intervir, no exercicio das súas funcións:
a) Naqueles asuntos en que participase ou que estean relacionados con empresas ou sociedades en cuxa dirección, asesoramento ou administración tomase parte, e esténdese aos cónxuxes, ou persoas conviventes vinculadas a este por unha relación de parella análoga, e aos familiares, ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade incluído.
b) Naqueles asuntos en que teña un interese persoal, familiar, económico ou profesional.
2. O persoal da AGPI, se entende que se dá algún dos supostos de abstención, deberá informar de inmediato a Presidencia, que deberá convocar un pleno de carácter extraordinario para o efecto de decidir se concorre algunha causa de abstención. A resolución do Pleno será notificada por escrito e de maneira motivada ao interesado, que deberá absterse de participar na instrución da comunicación, información ou procedemento sancionador de que se trate.
Artigo 26. Declaración de ausencia de conflito de intereses
Os informes proposta e toda actuación relevante da AGPI incorporará unha declaración de ausencia de conflito de intereses co seguinte contido:
«As persoas da Autoridade Galega de Protección á Persoa Informante que interviñeron nestas actuacións declaran que non teñen ningún tipo de interese, nin directo nin indirecto, que poida comprometer a súa imparcialidade».
Artigo 27. Agasallos e trato de favor
O persoal da AGPI non pode aceptar, nin directa nin indirectamente, ningún trato de favor, dádiva, privilexio ou vantaxe inxustificada que lle sexa ofrecido con motivo ou en ocasión do exercicio das súas funcións, e debe rexeitar neste sentido calquera agasallo, calquera favor ou servizo en condicións vantaxosas e calquera cesión gratuíta de uso ou doazón.
Artigo 28. Axentes da AGPI. Deber de segredo
Os funcionarios da AGIP que desenvolvan actividades de investigación terán a consideración de axentes da autoridade no exercicio das súas funcións e estarán obrigados a gardar segredo sobre as informacións que coñezan con ocasión do devandito exercicio.
Artigo 29. Deber de colaboración
Todas as persoas naturais ou xurídicas, privadas ou públicas, deberán colaborar coa AGPI e estarán obrigadas a atender os requirimentos que se lles dirixan para achegar documentación, datos ou calquera información relacionada cos procedementos que se estean tramitando, incluso os datos persoais que lles sexan requiridos.
TÍTULO IV
Circulares e recomendacións
Artigo 30. Réxime xurídico
O Pleno da AGPI poderá elaborar circulares e recomendacións que establezan os criterios e prácticas adecuados para a correcta aplicación da normativa de protección ás persoas que informen sobre infraccións e loita contra a corrupción. As circulares serán aprobadas polo Pleno da Autoridade e publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.
Artigo 31. Procedemento
1. O proxecto de circular ou recomendación iniciarase mediante un informe técnico, subscrito pola persoa titular da subdirección xeral da AGPI, que constará das seguintes partes:
a) Especificación da norma ou normas habilitantes para ditar a disposición.
b) Proxecto de circular ou recomendación.
c) Xustificación da necesidade da disposición, así como das medidas ou solucións técnicas que se propoñan e dos fins que se pretenden alcanzar.
2. O proxecto será sometido ao Pleno da AGPI, que deberá aprobalo, tras a correspondente convocatoria ordinaria, co voto favorable de, polo menos, tres dos seus membros e, en todo caso, é exixible o voto favorable da Presidencia.
TÍTULO V
Réxime de asistencia xurídica
Artigo 32. Asistencia xurídica
A asistencia xurídica, consistente no asesoramento, representación e defensa en xuízo da AGPI, poderá ser atribuída polo Pleno, por proposta da Presidencia, ao persoal das institucións que forman parte da AGPI, sempre que conte coa capacitación legal e profesional para iso, ou cando se considere necesario pola especificidade da materia, mediante a formalización do correspondente convenio cos servizos xurídicos de administracións ou institucións, ou, excepcionalmente, mediante contrato con servizos xurídicos privados.
TÍTULO VI
Potestade sancionadora
Artigo 33. Réxime xurídico
1. A AGPI exercerá a potestade sancionadora pola comisión de infraccións recollidas no título IX da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, conforme o procedemento establecido nel.
2. O exercicio da potestade sancionadora que corresponda á AGPI, de acordo co disposto no artigo 61 da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, e no artigo 51 septies.3.d) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, levaraa a cabo conforme os principios e con suxeición ás regras de procedemento previstas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Artigo 34. Suxeitos responsables
1. Estarán suxeitos ao réxime sancionador as persoas físicas e xurídicas que realicen calquera das actuacións descritas como infraccións no artigo 35 desta normativa.
2. Cando a comisión da infracción se atribúa a un órgano colexiado a responsabilidade será exixible nos termos que sinale a resolución sancionadora. Quedarán exentos de responsabilidade aqueles membros que non asistisen por causa xustificada á reunión en que se adoptou o acordo ou que votasen en contra del.
3. A exixencia de responsabilidades derivada das infraccións tipificadas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, estenderase aos responsables mesmo aínda que desapareza a súa relación ou cese na súa actividade en ou coa entidade respectiva.
Artigo 35. Infraccións
1. Terán a consideración de infraccións moi graves as seguintes accións ou omisións dolosas:
a) Calquera actuación que supoña unha efectiva limitación dos dereitos e garantías previstos na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, introducida a través de contratos ou acordos a nivel individual ou colectivo e, en xeral, calquera intento ou acción efectiva de obstaculizar a presentación de comunicacións ou de impedir, frustrar ou retardar o seu seguimento, incluída a achega de información ou documentación falsa por parte dos requiridos para iso.
b) A adopción de calquera represalia derivada da comunicación fronte aos informantes ou as demais persoas incluídas no ámbito de protección establecido no artigo 3 da Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
c) Vulnerar as garantías de confidencialidade e anonimato previstas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, e de forma particular calquera acción ou omisión tendente a revelar a identidade do informante cando este optase polo anonimato, aínda que non se chegue a producir a efectiva revelación desta.
d) Vulnerar o deber de manter segredo sobre calquera aspecto relacionado coa información.
e) A comisión dunha infracción grave cando o autor fose sancionado mediante resolución firme por dúas infraccións graves ou moi graves nos dous anos anteriores á comisión da infracción, contados desde a firmeza das sancións.
f) Comunicar ou revelar publicamente información a sabendas da súa falsidade.
g) Incumprimento da obrigación de dispoñer dun sistema interno de información nos termos exixidos na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
2. Terán a consideración de infraccións graves as seguintes accións ou omisións:
a) Calquera actuación que supoña limitación dos dereitos e garantías previstos na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, ou calquera intento ou acción efectiva de obstaculizar a presentación de informacións ou de impedir, frustrar ou retardar o seu seguimento que non teña a consideración de infracción moi grave conforme o número 1.
b) Vulnerar as garantías de confidencialidade e anonimato previstas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, cando non teña a consideración de infracción moi grave.
c) Vulnerar o deber de segredo nos supostos en que non teña a consideración de infracción moi grave.
d) Incumprimento da obrigación de adoptar as medidas para garantir a confidencialidade e segredo das informacións.
e) A comisión dunha infracción leve cando o autor fose sancionado por dúas infraccións leves, graves ou moi graves nos dous anos anteriores á comisión da infracción, contados desde a firmeza das sancións.
3. Terán a consideración de infraccións leves as seguintes accións ou omisións:
a) Remisión de información de forma incompleta, de maneira deliberada por parte do responsable do sistema á AGPI, ou fóra do prazo concedido para iso.
b) Incumprimento da obrigación de colaboración coa investigación de informacións.
c) Calquera incumprimento das obrigacións previstas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, que non estea tipificado como infracción moi grave ou grave.
Artigo 36. Prescrición das infraccións
1. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses.
2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción fose cometida. Nas infraccións derivadas dunha actividade continuada, a data inicial do cómputo será a de finalización da actividade ou a do último acto con que a infracción se consome.
3. A prescrición interromperase pola iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador e o prazo de prescrición restablecerase se o expediente sancionador permanecese paralizado durante tres meses por causa non imputable a aqueles contra quen se dirixa.
Artigo 37. Sancións
1. A comisión de infraccións comportará a imposición das seguintes multas:
a) Se son persoas físicas as responsables das infraccións, serán multadas cunha contía de 1.001 ata 10.000 euros pola comisión de infraccións leves; de 10.001 ata 30.000 euros pola comisión de infraccións graves e de 30.001 ata 300.000 euros pola comisión de infraccións moi graves.
b) Se son persoas xurídicas serán multadas cunha contía ata 100.000 euros en caso de infraccións leves, entre 100.001 e 600.000 euros en caso de infraccións graves e entre 600.001 e 1.000.000 de euros en caso de infraccións moi graves.
2. Adicionalmente, no caso de infraccións moi graves, a Autoridade poderá acordar:
a) A amoestación pública.
b) A prohibición de obter subvencións ou outros beneficios fiscais durante un prazo máximo de catro anos.
c) A prohibición de contratar co sector público durante un prazo máximo de tres anos de conformidade co previsto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.
3. As sancións por infraccións moi graves de contía igual ou superior a 600.001 euros impostas a entidades xurídicas poderán ser publicadas no Diario Oficial de Galicia, tras a firmeza da resolución en vía administrativa. A publicación deberá conter, polo menos, información sobre o tipo e natureza da infracción e, se é o caso, a identidade das persoas responsables destas de acordo coa normativa en materia de protección de datos.
Artigo 38. Gradación
1. Para a gradación das infraccións poderanse ter en conta os criterios seguintes:
a) A reincidencia, sempre que non fose tido en conta nos supostos do artigo 35.1.e) e 2.e).
b) A entidade e persistencia temporal do dano ou prexuízo causado.
c) A intencionalidade e culpabilidade do autor.
d) O resultado económico do exercicio anterior do infractor.
e) A circunstancia de proceder á corrección do incumprimento que deu lugar á infracción por propia iniciativa.
f) A reparación dos danos ou prexuízos causados.
g) A colaboración coa AGPI ou outras autoridades administrativas.
2. As sancións que se interpoñerán como consecuencia da comisión de infraccións tipificadas nesta norma graduaranse tendo en conta a natureza da infracción e as circunstancias concorrentes en cada caso. De modo especial, e sempre que non se tivesen en conta para a gradación da infracción, a ponderación das sancións atenderá aos criterios do punto anterior.
Artigo 39. Concorrencia
O exercicio da potestade sancionadora previsto é autónomo e poderá concorrer co réxime disciplinario do persoal funcionario, estatutario ou laboral que resulte de aplicación en cada caso.
Artigo 40. Prescrición das sancións
As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por infraccións graves aos dous anos e as impostas por infraccións leves ao ano.
O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución pola que se impón a sanción.
Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, volvendo transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.
TÍTULO VII
Canle externa de información
Artigo 41. Principios xerais de funcionamento
1. A canle externa da AGPI réxese polos principios de accesibilidade e confidencialidade, debendo ser unha ferramenta comprensible, áxil e de fácil acceso, que permita a presentación de comunicacións ou informacións, tanto anónimas como identificadas, garantindo a súa total confidencialidade.
2. O informante poderá colaborar na verificación dos feitos, se é requirido para iso pola Autoridade e voluntariamente decide facelo. Todas as informacións ou comunicacións presentadas na AGPI serán tramitadas de conformidade co disposto na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
3. Todas as actuacións da AGPI son confidenciais. Unicamente poderá acceder ás informacións ou comunicacións presentadas na canle externa, e ás actuacións que delas deriven o persoal da AGPI.
4. Todas as actuacións da AGPI estarán suxeitas aos principios de proporcionalidade, confidencialidade, simplicidade, celeridade, eficacia e axilidade.
Artigo 42. Réxime xurídico
A presentación de comunicacións ou informacións deberá realizarse de conformidade co disposto na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, na Directiva 2019/1937 e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.
Artigo 43. Prazos
Excepcionalmente, cando o número de informacións, as persoas afectadas, o esgotamento de medios persoais e/ou materiais ou o volume de actuacións poidan supoñer o incumprimento de calquera prazo máximo legal para resolver, a Presidencia da AGPI, logo de proposición do subdirector da AGPI, poderá acordar de maneira motivada a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación establecido na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, e este non pode ser superior ao de tres meses, o que será posto en coñecemento do Pleno polo subdirector. Contra o acordo que resolva sobre a ampliación de prazos, que deberá ser notificado, se é o caso, aos interesados, non caberá ningún recurso.
TÍTULO VIII
Dereitos e garantías
Artigo 44. Dereitos e garantías do informante
O informante, durante a tramitación do expediente, será protexido de acordo co disposto na Lei 2/2023, do 20 de febreiro. En ningún caso, a protección derivada da aplicación da lei o eximirá das responsabilidades en que puidese incorrer por feitos distintos dos que constitúen o obxecto da comunicación.
Artigo 45. Dereitos e obrigacións da persoa afectada
1. A persoa afectada pola información ou comunicación conta cos dereitos e obrigacións recoñecidos na Lei 2/2023, do 20 de febreiro. De igual maneira, as persoas ou institucións afectadas pola información ou comunicación teñen as obrigacións que deriven do disposto na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
2. O incumprimento de calquera de tales obrigacións dará lugar á apertura do correspondente procedemento sancionador. Para tales efectos, a subdirección da AGPI comunicará á Presidencia, mediante informe motivado, tales incumprimentos, para o efecto de que o Pleno decida a apertura de expediente sancionador.
3. As persoas naturais ou xurídicas, privadas ou públicas, sometidas ao ámbito de aplicación da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, deberán colaborar coa AGPI e estarán obrigadas a cumprir os requirimentos que se lles dirixan para proporcionar documentación, datos ou calquera información relacionada cos procedementos que se estean tramitando, incluídos os datos persoais requiridos. Na súa falta, os seus representantes legais ou as persoas responsables ou debidamente autorizadas, ou o persoal que traballe na entidade de que se trate, deberán proporcionar ao persoal da AGIP que así o solicite tras a pertinente acreditación, sempre no estrito exercicio das súas funcións, a información que solicite, o acceso ás dependencias e instalacións, o exame da documentación requirida e, en xeral, todo canto sexa necesario para a tramitación de procedementos. Así mesmo, deberá facilitar a obtención de copias ou reproducións da devandita documentación, así como fotografías e gravacións de videocámaras, se for necesario, e remitilas, se así se requirise.
4. Na preceptiva comunicación ou solicitude, a AGIP poñerá de manifesto a obrigatoriedade de colaborar, así como as consecuencias legais do posible incumprimento.
Artigo 46. Deber de confidencialidade
O persoal da AGPI está obrigado a manter confidencial a información que coñeza no exercicio das súas funcións. No exercicio das súas funcións de investigación, instrución e inspección, a AGPI pode acceder a calquera información que estea en posesión de persoas físicas e xurídicas, públicas ou privadas, con suxeición ao seu ámbito de actuación.
Artigo 47. Tratamento e protección de datos persoais
En materia de tratamento e protección de datos persoais observarase o disposto na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
TÍTULO IX
Medidas de protección
Artigo 48. Condicións de protección
As persoas informantes terán dereito a protección nos termos establecidos no título VII da Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
Artigo 49. Medidas de apoio
As persoas que comuniquen ou revelen infraccións previstas no ámbito material da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, accederán ás medidas de apoio que relaciona a Lei 2/2023, do 20 de febreiro.
TÍTULO X
Tratamento dos sistemas internos de información
Artigo 50. Procedemento de notificación de nomeamento de responsable do sistema interno de información
1. As persoas xurídicas obrigadas pola Lei 2/2023, do 20 de febreiro, a dispoñer dun sistema interno de información deberán notificar á AGPI o nomeamento da persoa física individualmente responsable da xestión do devandito sistema ou «responsable do sistema», así como das integrantes do seu órgano colexiado no prazo de dez días hábiles seguintes. De igual maneira, deberase notificar por escrito á AGPI o cesamento da persoa física individualmente designada, así como dalgún dos integrantes do órgano colexiado, no prazo dos dez días hábiles seguintes, especificando, no caso do seu cesamento, as razóns que o xustificaron. En calquera caso, as persoas xurídicas obrigadas deberán sinalar un domicilio para os efectos de notificacións.
2. Unha vez efectuada a notificación, a AGPI xustificará a súa recepción no prazo dos dez días hábiles seguintes, poñendo de manifesto, se é o caso, posibles erros ou omisións na notificación, que deberán ser solucionados no prazo de dez días hábiles, mediante unha nova notificación, da cal se xustificará a recepción no prazo máximo dos dez días hábiles seguintes. A notificación en forma será arquivada na base de datos de sistemas internos de información da AGPI.
Disposición adicional única. Modificación da normativa
A Presidencia da AGPI poderá propoñer ao Pleno, á vista da aplicación práctica desta normativa, as modificacións que considere precisas.
Disposición derradeira única. Publicación
Esta norma entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2024
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Autoridade Galega de Protección á Persoa Informante
