A continuación, recóllese a información exixida no artigo 48.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 18 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 7 de outubro de 2024, polo que se outorga autorización administrativa previa e de construción, e declaración de utilidade pública, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, da infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 66 kV evacuación parque eólico Olerón (expediente IN408A 2020/121).
a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 66 kV evacuación parque eólico Olerón, situada nos termos municipais de Rois, Lousame e Noia (A Coruña), promovida por Norvento, S.L.U.
Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica, asinado o 1.2.2024 polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro, colexiado nº 985-201 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, e no cal figura un orzamento total dun millón catrocentos oitenta e dous mil novecentos noventa e nove con oitenta e oito céntimos de euros (1.482.999,88 €).
Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada infraestrutura eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
Cuarto. Declarar a compatibilidade da citada infraestrutura eléctrica co aproveitamento forestal sobre os terreos das comunidades de montes veciñais en man común de San Miguel; De Arriba; Quintáns; Pedrouzos, Devesa do Rei e Soutillo; Foral de Bargo; Viladante e Vilarfabeiro; e Castelo de Nimo.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. Consonte o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, previamente ao inicio das obras Norvento, S.L.U. deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O importe do aval, que fixará o órgano substantivo será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono das instalacións, de conformidade co disposto no IIA. Polo anteriormente exposto, este órgano substantivo fixa en 25.952,50 € a contía do aval, dos cales 11.122,50 € corresponderán á fase de obras e 14.830 € á fase de desmantelamento e abandono das instalacións deste expediente.
Para a cancelación do dito aval será preciso o informe favorable do órgano ambiental, logo do levantamento dunha acta de comprobación pola inspección ambiental conforme establece o referido Decreto 455/1996.
A solicitude de cancelación realizarase a través do órgano substantivo, e só se poderá efectuar unha vez que estean totalmente rematados os labores de restauración e integración paisaxística e logo de que o promotor acredite, mediante os informes do programa de vixilancia ambiental e calquera outra documentación que se considere oportuna, de ser o caso, a suficiencia e o éxito dos traballos efectuados, tanto os referentes á restauración (coa vexetación debidamente implantada) como ás demais actuacións relacionadas coa imposición do aval ambiental.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.
2. De acordo coas condicións establecidas no informe de impacto ambiental do 8.9.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor, na realización dos cruzamentos sobre os regos, así como de calquera outro, se for o caso (por algún acceso á traza, por exemplo), observarase o que dispoña o organismo de bacía en cada caso na correspondente autorización, que deberá ser obtida polo promotor antes do inicio das obras, de acordo co requirido na condición 4.2.2 do IIA.
De acordo co informado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, deberán adoptarse as medidas protectoras e correctoras xenéricas e específicas indicadas no anexo 2, Estudo de bens de interese cultural, do documento ambiental LAT 66 kV evacuación PE Olerón. Termos municipais de Rois, Lousame e Noia. Xullo 2020, e ademais os traballos de construción da liña de evacuación realizaranse baixo control e seguimento arqueolóxico; para tal fin, e previamente ao inicio destes, deberá presentarse ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural un proxecto arqueolóxico axustado ao establecido na Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 150, do 6 de agosto).
3. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático e achegar toda a documentación necesaria establecida neste acordo e no informe de impacto ambiental.
4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria o programa de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no número 4 do informe de impacto ambiental.
5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante este acordo, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano cartográfico as built en formato shape das instalacións deste expediente.
6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.
7. En canto aos bens e dereitos afectados polas instalacións deste expediente e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións desde expediente, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.
De acordo coas condicións establecidas no Informe do 6.9.2023, da Axencia Galega de Infraestruturas, previo á execución das obras, o promotor deberá solicitar a preceptiva autorización do servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña.
8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
9. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas no Informe de impacto ambiental do 8.9.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
12. Así mesmo, o promotor deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que recollen o artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
13. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia consonte o establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. Con data do 28.9.2020 Norvento, S.L.U presentou a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción, aprobación do proxecto de interese autonómico, declaración de utilidade pública, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación que iso implica, e avaliación de impacto ambiental simplificada da infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica denominada: LAT 66 kV evacuación parque eólico Olerón, nos concellos de Rois, Lousame e Noia (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009, do 22 de decembro), e achegou xunto coa solicitude a documentación técnica correspondente.
2. Con data do 15.1.2021 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático comunica que o proxecto debe ser obxecto dunha avaliación de impacto ambiental simplificada, así como o inicio do período de consultas recollido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. Todo iso, en resposta ao requirimento con data do 4.12.2020 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.
3. O 26.2.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en resposta á petición da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais do 4.12.2020, emitiu informe en que inclúe a relación de organismos que hai que consultar.
4. O 17.6.2021 o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Olerón e as súas infraestruturas de evacuación, ao abeiro do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresariais en Galicia. Con data do 29.7.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu declarar a tramitación de urxencia deste proxecto de acordo co establecido no artigo 44.2 da antedita Lei 5/2017 e no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.
5. Mediante a Resolución do 7.9.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formula o informe de impacto ambiental da liña de alta tensión a 66 kV de evacuación do PE Olerón, nos concellos de Lousame, Noia e Rois (A Coruña), promovido por Norvento, S.L.U., concluíndo que non son previsibles efectos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria (DOG núm. 181, do 22 de setembro).
6. O 7.10.2022 o promotor presenta a documentación correspondente ao refundido do proxecto de execución en que recolle os condicionantes e peticións contidas nos informes emitidos polos diferentes organismos durante o período de consultas, así como a actualización de separatas e arquivos shape.
7. O 19.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remite á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, de acordo co artigo 33.9 da antedita Lei 8/2009, a documentación correspondente ao devandito proxecto para os efectos de continuar coa tramitación da LAT 66 kV evacuación PE Olerón. Con datas do 14.4.2023, do 5.6.2023, do 23.6.2023 e do 11.7.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remite á Xefatura Territorial as respostas e documentación presentada polo promotor aos respectivos requirimentos da Xefatura Territorial.
8. Mediante o Acordo do 28 de xullo de 2023, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da A Coruña (en diante, Xefatura Territorial), someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico, PIA) do proxecto da LAT 66 kV evacuación parque eólico Olerón nos concellos de Rois, Lousame e Noia (A Coruña).
O Acordo publicouse o 8.8.2023 no Diario Oficial de Galicia núm. 150, así como no xornal La Voz de Galicia, nas súas edicións de Barbanza e Santiago. Expúxose, tamén, no taboleiro de anuncios do Concello de Lousame, segundo certificado emitido o 21.9.2023; no taboleiro de anuncios do Concello de Noia, segundo certificado emitido o 8.9.2023; no taboleiro de anuncios do Concello de Rois, segundo certificado emitido o 8.9.2023; no taboleiro de anuncios das dependencias da Xefatura Territorial, segundo certificado emitido o 13.3.2024, así como no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación, onde puido accederse á documentación do proxecto.
Durante o período de información pública tiveron entrada na Xefatura Territorial catro alegacións e, rematado o dito período, tivo entrada unha alegación, todas elas remitidas ao promotor e contestadas por este.
9. O 31.7.2023 iniciouse o trámite de consultas aos organismos afectados polas instalacións, para os efectos de obter os correspondentes condicionados técnicos, remitindo as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Rois, Concello de Lousame, Concello de Noia, UFD Distribución Electricidad, S.A., Deputación da Coruña, Telefónica España, S.A.U., Red Eléctrica de España, S.A.U. e Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).
A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Red Eléctrica de España, S.A.U. o 25.8.2023, Telefónica España, S.A.U. o 2.8.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 24.8.2023, Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa) o 1.9.2023, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) o 7.8.2023, Concello de Lousame o 2.10.2023, e a Deputación da Coruña o 10.10.2023.
Os informes recibidos foron remitidos ao promotor para a aceptación dos condicionados impostos ou para a presentación dos seus reparos, presentando o promotor a súa conformidade aos condicionados emitidos por Red Eléctrica de España, S.A.U., Telefónica España, S.A.U., UFD Distribución Electricidad, S.A., Concello de Lousame e Deputación da Coruña, mediante os respectivos escritos con datas do 5.9.2023, do 24.8.2023, do 14.9.2023, do 16.10.2023 e do 31.10.2023.
En canto ao organismo Augas de Galicia, no seu informe do 1.9.2023 conclúe que non é previsible que as instalacións da liña de evacuación poidan causar afeccións a bens, instalacións, obras ou servizos dependentes deste, sempre que se teñan en conta as consideracións para tal efecto referidas no seu informe. Mediante escrito do 14.11.2023 o promotor manifesta a súa conformidade co devandito informe. A contestación trasladouse a Augas de Galicia o 29.9.2023 e non se recibiu resposta ao escrito do promotor. En calquera caso, Augas de Galicia indica no seu informe que o promotor deberá solicitar autorización segundo o disposto nos artigos 9.4, 78 e 126 do Regulamento do dominio público hidráulico.
No referente á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), a devandita axencia emite informe favorable sobre a separata técnica do proxecto de execución da liña mediante escrito do 6.9.2023, suxeito o proxecto ao condicionado técnico que se propón, así mesmo, lembra que con carácter previo á execución das obras se deberá solicitar autorización ao servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña. Mediante escrito do 14.11.2023 o promotor manifesta a súa conformidade co informe do organismo.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución foi dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
10. O 17.8.2023 o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Rural remitiu alegación sobre afeccións aos montes de xestión pública pola LAT 66 kV PE Olerón e indicou os montes afectados polo proxecto.
11. O 21.8.2023 o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería do Medio Rural emitiu certificado de aproveitamentos de masas forestais relativo á LAT 66 kV evacuación parque eólico Olerón, co obxecto de abrir, se procede, o trámite de compatibilidade segundo o artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
12. O 25.8.2023 a Sección de Minas da Xefatura Territorial emitiu informe indicando que non existen dereitos mineiros vixentes afectados pola LAT 66 kV evacuación parque eólico Olerón.
13. O 3.10.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais efectuou o trámite de audiencia previsto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, cos titulares dos montes veciñais en man común afectados, e concedeulles un prazo de quince días para presentaren as alegacións que considerasen oportunas.
Durante o dito prazo, o 17.10.2023 a comunidade de montes veciñais en man común de San Miguel da Costa contesta ao devandito trámite de audiencia presentando alegacións, as cales foron trasladadas ao promotor o 23.10.2023 e contestadas por este o 3.11.2023. O resto das comunidades de montes veciñais en man común afectadas non presentaron ningunha alegación.
14. O 31.5.2024 a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal remitiu informe do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural da Xefatura Territorial da Coruña do 30.5.2024, en relación ao artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, informando favorablemente sobre a compatibilidade dos aproveitamentos forestais nos montes veciñais en man común San Miguel; Quintáns; Monte de Arriba; Pedrouzos; Devesa do Rei e Soutño; Foral de Bargo; Vilardante e Vilafabeiro; e Castelo de Nimo afectados pola LAT 66 kV evacuación parque eólico Olerón.
15. O 1.2.2024, o promotor, por solicitude da Xefatura Territorial, presenta a documentación técnica refundida, Proxecto de execución LAT 66 kV evacuación PE Olerón, versión 2 (xaneiro 2024), concellos de Rois, Lousame e Noia (A Coruña), asinado por Pablo María Fernández Castro, enxeñeiro industrial do ICAI, colexiado número 985/201, con data do 1.2.2024.
16. O 7.3.2024 a Xefatura Territorial emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas indicando que o proxecto recollido no antecedente de feito anterior cumpre cos requisitos mínimos establecidos no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e establecendo una serie de condicións, ás cales o promotor deu a súa conformidade o 19.7.2024.
Así mesmo, informa de que, revisado o proxecto de execución sometido a información pública do trazado da liña aérea e soterrada, non se aprecian posibles limitacións á imposición de servidumes de paso, nos termos establecidos no artigo 58 da Lei 24/2013.
17. O 22.3.2024 a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.
18. O 17.7.2024 o promotor, por solicitude desta dirección xeral, presentou a relación de bens e dereitos afectados actualizada. Así mesmo, declara que: «as separatas presentadas por Norvento o día 7 de outubro de 2022, acompañando a achega de documentación actualizada LAT 66 kV evacuación PE Olerón versión 2, correspondentes ao proxecto de execución denominado Proxecto de execución LAT 66 kV evacuación PE Olerón versión 2 (setembro 2022), seguen sendo válidas e son representativas do Proxecto de execución da LAT 66 kV evacuación PE Olerón, actualmente en tramitación, denominado Proxecto de execución LAT 66 kV evacuación PE Olerón versión 2 (xaneiro 2024), presentado o 1 de febreiro de 2024, xa que esta última versión non inclúe ningunha modificación do deseño ou características técnicas da instalación respecto á citada versión de setembro de 2022».
19. O 18.7.2024 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade comunica, como resposta á solicitude desta dirección xeral do 12.7.2024, que a contía do aval será fixada polo órgano substantivo.
20. O 12.5.2016 mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia autorízanse as instalacións, apróbase o proxecto de execución e declárase a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Olerón, nos concellos de Rois e Brión (A Coruña), promovido pola sociedade Norvento, S.L. (expediente IN661A 2010/12), e o acordo faise público mediante a Resolución do 13 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas. A antedita resolución publicouse con data do 31.5.2019 no Diario Oficial de Galicia núm. 102.
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2024
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables
e Cambio Climático
