DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Mércores, 20 de novembro de 2024 Páx. 61105

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se inclúe no Censo do Patrimonio Cultural a técnica do esgrafiado galego como manifestación do patrimonio cultural inmaterial.

A Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) para Salvagardar o Patrimonio Cultural Inmaterial define este como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas –xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles– que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural, e que se transmite de xeración en xeración, recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, introducindo un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo, deste xeito, ao respecto da diversidade cultural e á creatividade humana.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante, LPCG.

O artigo 1 da LPCG establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

No artigo 9.3.a) da LPCG recoñécense como manifestacións do patrimonio cultural inmaterial de Galicia os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En particular no seu punto 7º recoñécense as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos.

O artigo 14 da LPCG regula o Censo do Patrimonio Cultural do seguinte xeito:

1. Os bens e manifestacións inmateriais do patrimonio cultural de Galicia, en canto non fosen declarados de interese cultural ou catalogados, incluiranse no Censo do Patrimonio Cultural para a súa documentación, estudo, investigación e difusión dos seus valores.

2. Os bens incorporaranse ao Censo do Patrimonio Cultural por resolución da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural. O Censo será obxecto de continua actualización e as súas incorporacións serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia e difundidas por medio das tecnoloxías da información e da comunicación.

3. A inclusión dun ben no Censo do Patrimonio Cultural non determinará a necesidade de autorización administrativa previa para as intervencións sobre o dito ben. O Censo servirá como elemento de referencia para a emisión dos informes que sexan competencia da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Así mesmo, servirá como instrumento complementario para os responsables da xestión sustentable dos recursos culturais, a ordenación do territorio e o desenvolvemento económico.

A análise do contido da documentación que contén o expediente administrativo, realizada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conclúe que a técnica do esgrafiado galego se configura como unha manifestación inmaterial da Comunidade Autónoma de Galicia e, en consecuencia, proponse a súa inclusión no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Por tanto, no exercicio das competencias exclusivas en materia de protección do patrimonio cultural recoñecidas constitucional e estatutariamente, que me atribúe o artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, correspóndeme a incorporación de bens e manifestacións inmateriais no Censo do Patrimonio Cultural, e

RESOLVO:

Primeiro. Anotar no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia a técnica do esgrafiado galego, cuxa descrición figura no anexo I.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución do Diario Oficial de Galicia e difundir o seu contido na páxina web corporativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, segundo o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2024

Mª Carmen Martínez Insua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: a técnica do esgrafiado galego.

Denominación secundaria: a técnica do esgrafito galego.

2. Definición.

Técnica tradicional de albanelaría para a execución das decoracións sobre os morteiros de cal, dunha especial complexidade, resultante da aplicación dunha segunda camada de revocadura, en que se trazan debuxos con grafio, coitelas ou cucharín, se retira con raspado a capa superficial antes do seu endurecemento e queda ao descuberto a camada inferior, mostrando así diferente cor e textura.

Esta práctica de ornamentación con cal precisa dunha planificación ou proxecto previo á realización da obra, sen que se produza de forma espontánea. En efecto, a ordenación da composición e do lugar que ocupará no muro, aínda que non conte cunha representación física sobre papel ou outro soporte, ten presente a aprendizaxe e a experiencia previa, o que certifica a importancia da ornamentación dentro da sociedade que a promove, destinándoa ás partes máis visibles das edificacións.

Neste sentido, na estruturación aparecen predeterminadas as bandas perimetrais, que marcan as dimensións e delimitan as plantas ou forxados, e arredor dos vans. O espazo interior pode presentar cintas que seguen, con desigual fidelidade, os bloques do muro, ou unha revocadura decorada con motivos e tramas executadas con plantas, regra e compás, ou á man, baleirando espazos na busca dun contraste entre as cores do fondo e as partes en relevo. Esta decoración interior, nuns lugares repetindo patróns e moitas veces máis libre, aparece condicionada polos materiais do muro, a época e o lugar de realización, o autor e os seus mestres, e os gustos e a dispoñibilidade económica do propietario, que á vez se reflicte na entidade da edificación.

Finalmente, cómpre diferenciar o esgrafiado doutras técnicas de albanelaría para a execución das decoracións sobre os morteiros de cal, como son os encintados, que selan, resaltan e regularizan as xuntas de cachotaría e cantaría, así como o grafito inciso, técnica pola que a revocadura é riscada, co fin de perfilar a decoración.

3. Ámbito de desenvolvemento.

Os esgrafiados, así como o resto de decoracións en cal, como os encintados e o grafito inciso, proliferan por todo o territorio de Galicia, ben que teñen máis presenza no sur e no leste do pais, especialmente entre as provincias de Lugo e Ourense. Este florecemento das decoracións en cal explícase por seren nestas áreas maioritarias as construcións en cachotaría, fronte á menor presenza de perpiaño ou cantaría, polo que se axeita para o acabamento do muro, co fin de corrixir irregularidades e dignificar as fachadas.

4. Valores culturais inmateriais.

Na cultura tradicional ou vernácula non existe a arte pola arte, polo que os esgrafiados non son unha simple decoración mural. Pola contra, estamos diante dun código de comunicación complexo, que revela valores estéticos e sociais, unha tradición e a continuidade dunha identidade e, de xeito moi evidente, sinala relacións coa paisaxe, co medio das aldeas en que se habita.

A técnica tradicional do esgrafiado galego conforma sen dúbida un dos exemplos de técnicas, coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional e a relación das comunidades co medio para a creación da súa paisaxe. Nas técnicas de albanelaría para a execución das decoracións sobre os morteiros de cal, o esgrafiado ou esgrafito constitúese como a execución máis complexa. Por tanto, o coñecemento do material e a habilidade dos procesos axeitados para a súa execución posúen unhas características propias e recoñecibles, que conforman unha estética singular de gran beleza.

5. Descrición da actividade.

A descrición da actividade das técnicas de albanelaría para a execución das decoracións sobre os morteiros abarca dous grandes aspectos. Por unha banda, a organización do espazo decorado e, por outra, os resultados sensoriais que produce.

Na composición, como característica propia de toda manifestación artística, que tamén se pode interpretar como ordenación do muro, distínguense:

• Faixas perimetrais e arredor dos ocos, delimitando o espazo ou marco decorado da fachada. Están trazadas con regra, acompañada algunhas veces con compás, e pódense empregar plantas que se repiten.

• Recheo interior, que pode estar realizado con formas xeométricas, a regra, compás e plantas, ou con trazos curvos a man alzada (en que resalta a Ribeira Sacra, especialmente no desenvolvemento da vírgula ou gota).

Esteticamente, e de xeito visual e táctil, apreciamos na percepción dous planos en xogo:

• Dúas cores en oposición, o contraste cromático entre o branco do cal e o gris do recebo ou do fondo pétreo, a posibilidade de ver en positivo e en negativo, ou combinadas.

• Dúas texturas diferenciadas, fondo raiado e primeiro plano liso e caleado.

Os motivos de ornamentación das construcións decoradas con cal teñen semellanzas cos empregados noutras artes, como as obras de tear, de cantaría, pezas de forxa ou de carpintaría.

O recheo interior dos revestimentos decorados, enmarcado entre faixas, pode aparecer ocupado por imitacións de bloques de pedra na revocadura, coas xuntas saíntes e pintadas de branco, a modo de perpiaño finxido.

Outro modelo son as formas derivadas da burbulla, gota ou vírgula. A vírgula é un motivo antigo, que está presente tanto na cultura neolítica e celta como na oriental. Trátase dun deseño moi orixinal, dotado de asimetría harmónica, dinámico, que desde o século XVIII está de moda nos tecidos –os coñecidos padróns Caxemira e Paisley– importados da India e de Escocia. Nos esgrafiados acada certo equilibrio e cadencia, e serve para completar os recheos, no clásico horror vacui, dentro das faixas perimetrais. En Galicia ten grande aceptación e amplo uso nas terras de maior concentración de esgrafiados, como son Lemos, Chantada, A Ulloa e O Deza e, en xeral, na Ribeira Sacra. Precisamente, unha das singularidades que hai que destacar nos deseños dos revestimentos decorados da Ribeira Sacra e da Ulloa é o desenvolvemento da vírgula. Trátase dunha evolución ou expansión da forma orixinal da gota, así aparece dobrada, espellada, multiplicada..., mais que se presenta con certa sistematización e regularidade, equilibrio nunha repetición continua, e sempre executada a man alzada, con trazos menos uniformes e máis libres que os ofrecidos por un molde. Así e todo, non hai uniformidade de modelos no interior da Ribeira Sacra, diferenciando claramente os trazados lenticulares con evolución a estilizacións vexetais e animais de Lemos, das reiteradas multiplicacións de puntas ou terminacións en onda de Chantada.

Nesta liña, cabe destacar, tamén, que non se presenta un estilo unitario para os esgrafiados de Galicia, ben que hai certa singularidade marcada por comarcas, por mestres e colaboradores, ademais de modos de traballo que, aínda sendo alocais, están agrupados, sobre todo, nos axustes de gabinete polos estudosos. Neste sentido, as realizacións da Seabra teñen continuidade en Viana e as obras da Mariña seguen as de Asturias e norte de León, pola contra non forman parte dunha unidade coas representacións de Chantada e da Ulloa, e moito menos coas da Limia.

As solucións técnicas de acabamento do muro con revestimentos son numerosas. Atendendo aos materiais, a decoración execútase sobre recebos e rexuntamentos de morteiro de cal na maioría das edificacións, ás veces a base é de barro. Pode ser tamén de cemento en obras recentes, ou morteiro bastardo, mesturando cal e cemento. Correntemente, a argamasa únese á fábrica do muro, imitando a pedra con incisións, eliminando irregularidades que se percibirían sen a aplicación desta capa de recebo.

Xeralmente, as decoracións con cal aplícanse en vivendas, aínda que tamén aparecen en construcións adxectivas como alpendres, adegas, pombais e muíños, e destacan os celeiros ou bases de hórreos, e as capelas e igrexas. Os soportes son practicamente todos exteriores, cara aos camiños, e a fábrica é de pedra na maioría das edificacións, habitualmente granito e xisto en menor medida. Algúns revestimentos históricos preséntanse sobre obras realizadas con tramas vexetais, con terra e con ladrillo.

As utilidades dos revestimentos decorados poden resumirse en: arquitectónica (reforza o muro, evita humidades), decorativa (moda do seu tempo), simbólica (protección en determinadas formas como cruces e símbolos astrais), de comunicación (por exemplo, convidar o camiñante no caso de xerras e vasos), e hixiénica (polas propiedades do cal).

6. Formas de transmisión dos coñecementos e dos saberes na actualidade.

Na actualidade o sistema de aprendizaxe é familiar ou vocacional. Os mestres albaneis, como portadores da técnica das artes do cal, ensinaban aos aprendices o xeito de traballar. Desde a queima do cal, apagándoo para logo ser usado na construción, pasando pola composición dos morteiros, coas cantidades de auga, cal e area determinadas, o uso das ferramentas apropiadas, e tamén polas formas herdadas segundo o gusto estético da época e a capacidade de innovación, improvisación e creatividade dos autores.

A transmisión, por tanto, era oral, estaba sempre baseada na práctica. Non hai un ensino regrado, trátase dun patrimonio vivo, produto dun lugar físico e dunha comunidade concreta. Acompañar o mestre, seguir os seus pasos ata acadar o nivel de oficial, e logo chegar a independizarse e comezar a actividade xa consolidado como mestre era a aspiración de todo aprendiz. O anonimato que hoxe presumimos para as obras era relativo, pois hai mestres considerados no seu tempo. A actividade podía ser de tipo estacional, entrando en contacto con profesionais de terras veciñas, e unha experiencia acumulativa e con continuidade nos marcos espacial e temporal.

A transferencia de coñecementos na actualidade está en perigo. Por unha banda, xa non hai albaneis en activo formados cos antigos caleadores e os poucos que de novos aprenderon a técnica están xubilados. Por outra parte, nas escolas de oficios e de restauración radicadas en Galicia non hai suficiente formación sobre revestimentos con cal.

7. Función social e significado cultural.

As artes do cal forman parte do legado cultural de moitas comarcas galegas e están asociadas á memoria colectiva das comunidades locais, onde os albaneis ou caleadores destacados tiñan prestixio pola súa mestría técnica e pola súa creatividade, con procesos e habilidades adaptadas ás necesidades da arquitectura vernácula, a unha demanda estética e a unha recreación do imaxinario común.

Os autores non estaban illados. Participaron da súa sociedade, conservando o propio da súa cultura na estética e nos valores que transmitiron, e tamén integraron novidades, por teren contacto con ideas traídas de fóra. Non eran alleos á introdución de novas modas chegadas do exterior e de mudanzas nas destrezas e nos materiais.

O esgrafiado, como revestimento na arquitectura, ofrece diversas funcionalidades, simbólicas e de protección, estéticas e de comunicación. Estes eran os usos e desempeños das artes do cal no pasado e moitas delas poden seguir tendo vixencia na actualidade e axudar a construír o futuro.

As decoracións con cal son patrimonio cultural e tamén un recurso turístico, en que destaca a inclusión dos esgrafiados en itinerarios culturais europeos. Son os casos da rexión de Baviera (Alemaña), Flandres (Bélxica), Austria, Bohemia do Sur (República Checa), Suíza e Italia (destaca en cidades como Florencia ou Xénova), ou Pyrgi (na illa grega de Chíos).

8. Bens materiais relacionados: mobles e inmobles.

En Galicia consérvanse fornos de cal, caleiras ou caleiros. A extensión das rochas calcarias dáse no leste galego e ocupa un 5 % da superficie galega. Desde Mondoñedo ata Viana, os fornos estaban nas zonas produtoras nas comarcas orientais, e tamén chegaba aos portos, como Vilaboa, A Guarda e Cambados, ou camiño de Compostela, do que se pensa que era para facilitar as obras daquela cidade, como na Castañeda (Arzúa). Neles cocíase a pedra calcaria tres días, que logo era moída e comercializada como cal vivo, que será apagado con auga. Tamén son coñecidos os fornos de cal da Ribeira Sacra, e consérvanse ruínas no Cotillón (Pantón), Cereixido –edificación recuperada–, Paradaseca, A Seara e Vilarbacú (Quiroga).

Para a práctica do oficio de caleador empréganse ferramentas como as culleres ou paletas de albanel, sendo coñecida como cucharín a de tamaño pequeno para recortar, esparavel para alisar o muro, brochas e pinceis para aplicar as capas finais de cal, ademais da falsa ou compás e vara ou regra para os trazados xeométricos e liñas. Tamén se usaron plantas como patróns para repetir os deseños, segundo se recolleu dos albaneis e como pode comprobarse nalgúns dos recheos seriados, que pola fraxilidade do material en que estaban elaborados non se conservan.

9. Bibliografía.

AA.VV. «A fermosura da cal», en Larouco, vol. 1, A Coruña, 1991.

AA.VV. Inventario de inmobles con decoracións feitas en cal, 1992-1993.

Bas López, Begoña: Construccións populares galegas, A Coruña, 1980.

Bas López, Begoña: As construccións populares: un tema de etnografía de Galicia, Sada, 1983.

Bouza Brey, Fermín: «Do arte popular galego e d’algunhas das suas manifestazons», en Nós, n° 21, 15 de setembro de 1925 (conferencia lida no Seminario de Estudos Galegos, en xuntanza do 12 de abril de 1924).

Bouza Brey, Fermín, e Lorenzo, Jorge: «La casa el trabajo y la cántiga en Pías (Mondariz, Pontevedra)», en Revista de dialectología y tradiciones populares, tomo III, caderno 1º, 1947.

Caamaño Suárez, Manuel: A casa popular, Santiago, 1999.

Casas, Mariano, e Fernández, Duarte: Cal viva, cal morta. A derradeira festa, Mondoñedo, 2008.

De Llano, Pedro: Arquitectura popular en Galicia, t. 1, Santiago, 1981.

Gómez Morgade, María Teresa: «Cal y arquitectura tradicional gallega», en IV Xornadas FICAL, Navarra, 2018.

Lizancos Mora, Plácido: «Debuxo e ornamentación na arquitectura do sur da provincia de Lugo», en Boletín Académico, n° 17, ETSA de A Coruña, 1 de 1993.

López Cuevillas, Florentino; Fernández Hermida, Vicente, e Lorenzo Fernández, Xaquín: Parroquia de Velle, Santiago, 1936.

López Sotelo, Mar: Esgrafiados en la Ribeira Sacra y el Camino de Santiago. Obras de arte y simbolismo en las paredes, Monforte de Lemos, 2021.

López Sotelo, Mar: Esgrafiado galego. Un museo ao aire libre, Pontevedra, 2023.

Lorenzo Fernández, Xaquín: «Etnografía. Cultura material», en Historia de Galiza (dir. Otero Pedrayo, R.), Bos Aires, 1962, vol. II.

Louzao-Martínez, Francisco Xabier: «Pintura “á mourisca” en la arquitectura popular de la comarca de la Ulloa y limítrofes», en Vestir la arquitectura. XXII Congreso Nacional de Historia del Arte, Burgos, 2019, vol. 1.

Fernández e Oxea, Xosé Ramón: Santa Marta de Moreiras, Sada, 1982 (1ª ed. de 1968).

Rodríguez Nespereira, Fernando: «Elementos de arquitectura popular II: paredes e muros, entramados de madeira, cubertas e voadizos», en Raigame, nº 2, Ourense, maio de 1996.

Ruiz Alonso, Rafael: El esgrafiado en Segovia, Madrid, 2002.

Salema, Sofía: O corpus do esgrafito no Alentejo e a sua conservação-Uma leitura sobre o ornamento na arquitectura, Lisboa, 2012.

Vázquez Rodríguez, Xosé Manuel: «Decoracións con cal no sur da provincia de Lugo», en Lucensia, nº 10, Lugo, 1995.

Vázquez Rodríguez, Xosé Manuel: Esgrafiados na Ribeira Sacra. De tradición cultural a recurso turístico, 2017.

Vázquez Rodríguez, Xosé Manuel: Etnografía da Ribeira Sacra, Lugo, 2014 (1ª ed. de 2003).

Vega Pato, Tomás: Arquitectura Popular Ourensá. Pechos de clausura simple e complementos. Encintados, encalados e engadidos decorativos, Ourense, 2007.

Ventura Real, José María: Cintados de cal na Galiza. Paredes para ler, A Coruña, 2012.

Vigo García, Abel: «A calcinación tradicional da caliza. Caleiras de Masma (Mondoñedo)», en BMPL, XIII, 2009, pp. 107-117.

10. Fotografías.

Rial, Guimarei, A Estrada

Hórreo do Pazo de Tovar, San Tomé de Lourenzá, Lourenzá

Igrexa de Alvidrón, Antas de Ulla

missing image file

missing image file

missing image file

Regadío, Terra Chá, Antas de Ulla

Bidouredo, Monterroso

Bidouredo, Monterroso

missing image file

missing image file

missing image file

Chorexe, Pidre, Palas de Rei

Gontá, Palas de Rei

Igrexa de Lestedo, Palas de Rei

missing image file

missing image file

missing image file

Lestedo, Palas de Rei

Santa María Madre, Ramirás

Bouzoa, Taboada

missing image file

missing image file

missing image file

Campo, Taboada

San Lourenzo, Gondulfe, Taboada

Sobrecedo de Arriba, Taboada

missing image file

missing image file

missing image file

Sobrecedo de Arriba, Taboada

Composición Gontá

Noceda de Baixo, Lalín

missing image file

missing image file

missing image file

Capela de Vilamor, Piñeiró, O Saviñao

Momelle, Gundivós, Sober

Loureses, Os Blancos

missing image file

missing image file

missing image file

Reboreda, Porqueira

Piñeira Seca, Xinzo de Limia

O Outeiro, San Xurxo de Lourenzá, Lourenzá

missing image file

missing image file

missing image file

Loureiro, Amoeiro

San Xiao, Amoeiro

Albán, Coles

missing image file

missing image file

missing image file

Pereda, San Cristovo de Cea

A Rañoá, Barbadelo, Sarria

Igrexa de Santalla de Bardaos, O Incio

missing image file

missing image file

missing image file

Praza da Torre, Castro Caldelas

O Campo, Santa Tegra de Abeleda, Castro Caldelas

Barrio, A Pobra de Trives

missing image file

missing image file

missing image file

As Ermidas, O Bolo

Cambela, O Bolo

Fornelos de Filloás, Viana do Bolo

missing image file

missing image file

missing image file

Santa Mariña da Ponte, Viana do Bolo

Tabazoa de Umoso, Viana do Bolo

missing image file

missing image file