A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, exixe reunir o requisito da competencia profesional para exercer a función de transportista por estrada. Tal previsión está en consonancia co disposto no Regulamento (CE) nº 1071/2009, do 21 de outubro, polo que se establecen as normas comúns relativas ás condicións que se deben cumprir para o exercicio da profesión de transportista por estrada e polo que se derroga a Directiva 96/26/CE, de acordo co cal unha empresa que exerza a profesión de transportista por estrada nomeará polo menos unha persoa física, denominada xestor do transporte, que cumpra os requisitos de honorabilidade e competencia profesional (artigos 3 e 4). Precisamente, para cumprir este requisito de competencia profesional, o artigo 8 dispón que as persoas interesadas estarán en posesión dos coñecementos que responden ao nivel recollido no anexo I, parte I, do propio regulamento. A demostración de tales coñecementos farase mediante un exame escrito obrigatorio sobre as materias que se enumeran no referido anexo.
O Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres regula, no seu anexo II, o réxime de obtención do certificado de competencia profesional.
En canto á forma do exame, o anexo II dispón que se realizará utilizando exclusivamente medios electrónicos, empregando a aplicación informática e o banco de preguntas e casos prácticos elaborados especificamente para iso, habilitado para o efecto polo Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible, e as comunidades autónomas manterán as funcións delegadas en canto á adquisición, acreditación e control da capacitación profesional para a realización do transporte e das actividades auxiliares e complementarias deste, actual competencia profesional, de conformidade co que establece a Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de facultades do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.
De conformidade co anterior, a convocatoria das indicadas probas de competencia profesional para o ano 2025 efectúase facilitando ás persoas aspirantes a disposición de opcións para a súa obtención e prevese, por tanto, a posibilidade de catro chamamentos para a súa realización.
En consecuencia, de conformidade coas previsións contidas no Regulamento 1071/2009, do 21 de outubro, na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, na Lei 16/1987, do 30 de xullo, e no Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro,
DISPOÑO:
1. Convocatoria.
Convócanse, para o ano 2025, as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución (procedementos IF312A e IF312B).
2. Calendario.
No ano 2025, as persoas interesadas dispoñerán de ata catro chamamentos para a realización do correspondente exame. Os exercicios terán lugar nos períodos abarcados entre:
– Primeiro período: entre o 24 de febreiro e o 4 de abril de 2025, para aqueles aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día da apertura do prazo para presentar a solicitude, que será a partir do seguinte ao de publicación desta resolución, e o 24 de xaneiro de 2025.
– Segundo período: entre o 26 de maio e o 4 de xullo de 2025, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o 25 de xaneiro e o 21 de abril de 2025.
– Terceiro período: entre o 1 de setembro e o 4 de outubro de 2025, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día 22 de abril e o 15 de xullo de 2025.
– Cuarto período: entre o 17 de novembro e o 19 de decembro de 2025, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día 16 de xullo e o 24 de outubro de 2025.
As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para acceder ás probas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas. As persoas aspirantes que estean interesadas en presentarse a ambas as modalidades deberán presentar unha solicitude por cada modalidade e deberán aboar as taxas correspondentes de acordo co establecido no punto 10 desta resolución.
3. Requisitos das persoas aspirantes.
En aplicación do disposto no artigo 8, números 1 e 2, do Regulamento (CE) 1071/2009, e de acordo co que establece o número 4 do anexo II do Real decreto 1211/1990, para poder participar nas probas de xestor de transporte, a persoa aspirante deberá cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos de formación no momento de presentar a solicitude:
– Título de bacharel ou equivalente.
– Título de técnico, acreditativo de superar as ensinanzas dunha formación profesional de grao medio, sexa cal for a profesión a que se atope referido.
– Título de técnico superior, acreditativo de ter superado as ensinanzas dunha formación profesional de grao superior, sexa cal for a profesión a que se atope referido.
– Calquera título acreditativo de superar unhas ensinanzas universitarias de grao ou posgrao.
b) Ter residencia habitual en Galicia.
Para tal efecto, entenderase por residencia habitual en Galicia cando conste o seu domicilio en Galicia no momento de presentar a solicitude e, cando menos, durante 185 días naturais no último ano, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás probas.
Só se admitirá que o domicilio non conste en Galicia, para os efectos da realización do exame, cando a persoa aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigada por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.
4. Solicitudes para inscrición nas probas.
1. De acordo co que establece o artigo 56 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, o artigo 51, puntos 1 e 2, do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, e o disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, co código IF312A (anexo I).
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de inscrición nas probas, procedemento IF312A, a seguinte documentación:
a) Documentación xustificativa do pagamento das taxas administrativas devindicadas pola tramitación da solicitude, agás que sexa aplicable algunha exención legal (código da taxa 31 01 20).
O dito xustificante xérase automaticamente ao realizar o pagamento a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
b) Documentación xustificativa de padecer unha discapacidade no caso de que o órgano que recoñece a discapacidade non dependa da Xunta de Galicia.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. Devolución do importe dos dereitos de exame.
1. A solicitude axustarase ao modelo incorporado como anexo II desta resolución seguindo o procedemento dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), co código IF312B.
2. Só as persoas solicitantes que resulten definitivamente excluídas da realización das probas terán dereito á devolución do importe dos dereitos de exame a que se refire o número 5.1, sempre que o soliciten nos seguintes prazos:
– Para aquelas solicitudes que se presenten ata o 24 de xaneiro, deberán solicitar a devolución do importe entre o día 15 de abril e o 15 de maio de 2025, ambos inclusive.
– Para aquelas solicitudes que se presenten entre o 25 de xaneiro e o 21 de abril, deberán solicitar a devolución do importe entre o día 15 de xullo e o 15 de agosto de 2025.
– Para aquelas solicitudes que se presenten desde o 22 de abril ata o 15 de xullo, deberán solicitar a devolución do importe entre o día 15 de outubro e o 15 de novembro de 2025.
– Para aquelas solicitudes que se presenten desde o 16 de xullo ata o 24 de outubro, deberán solicitar a devolución do importe entre o día 1 e o 31 de xaneiro de 2026.
7. Comprobación de datos.
1. Para a tramitación dos procedementos IF312A e IF312B consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
• DNI/NIE da persoa solicitante.
• DNI/NIE da persoa representante.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada marque na solicitude o recadro correspondente para sinalar as circunstancias que lle sexan de aplicación:
• Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia.
• Inscrición como demandante de emprego.
• Prestacións ou subsidios por desemprego que se perciban.
• Títulos oficiais non universitarios.
• Títulos oficiais universitarios.
• Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
9. Tramitación das solicitudes.
1. De acordo co disposto no número 9.1 do anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, unha vez revisadas pola Administración as solicitudes que se presenten, convocaranse as persoas aspirantes á realización das probas con polo menos 10 días naturais de antelación á data de realización, de acordo co calendario e o resto de previsións que se establecen nesta resolución, e sinalaranse un día e unha hora determinados para a súa realización.
2. A non presentación da solicitude e a falta de pagamento da taxa que proceda en tempo e forma supoñerá a exclusión da persoa aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación presentada polas persoas aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.
10. Dereitos de exame.
1. Para acceder a estas probas deberá aboarse a taxa que corresponda de acordo co tipo vixente no momento de facer a inscrición conforme o que estableza a Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que sexa aplicable algunha exención legal de pagamento. A taxa deberá aboarse por cada unha das modalidades de probas (mercadorías/persoas viaxeiras) a que as persoas interesadas se presenten, e por cada convocatoria.
2. O pagamento da/s taxa/s efectuarase a través da sede electrónica ou en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos pola Comunidade Autónoma de Galicia.
Os códigos que deberán cubrir nos impresos de autoliquidación son os seguintes:
– Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes: código: 04.
– Delegación de Servizos Centrais: código: 13.
– Servizo de Mobilidade: código: 26.
– Denominación: inscrición nas probas para a obtención da competencia profesional para a actividade de transporte: código: 31.01.20.
11. Admisión de persoas aspirantes.
1. O tribunal encargado de avaliar as probas revisará as solicitudes.
2. Revisadas as solicitudes, aquelas persoas aspirantes que cumpran os requisitos para concorrer aos exames serán convocadas á súa realización de acordo co que se indica no número 9.1 desta resolución.
3. Respecto daqueloutras persoas aspirantes que, á vista das solicitudes presentadas e a documentación revisada, non conste acreditado que cumpran os requisitos exixidos, serán requiridas para que emenden o defecto que motivou a súa exclusión. O devandito requirimento será efectuado mediante unha comunicación individualizada e outorgaráselles un prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da comunicación, para corrixilas.
Unha vez revisada a documentación de emenda, o tribunal acordará convocar para realizar o exame as persoas aspirantes que emendasen as deficiencias, e acordará a exclusión das que non as efectuaron. Este acordo será obxecto de comunicación, de forma análoga ao que se establece no punto anterior.
4. Nas convocatorias das persoas aspirantes á realización do exame, o tribunal completará as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade, sen menoscabo das que, para tal fin, poida adoptar no mesmo momento da súa realización.
12. Programa, contido, forma e duración do exame.
O exame adaptarase, en canto ao seu programa, contido, forma, duración e forma de corrección, ao que establece o anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de xullo.
13. Desenvolvemento das probas.
1. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento, e perderá o dereito a realizar a proba quen non compareza no lugar e hora a que fose convocado.
2. Para poder realizar as probas, as persoas aspirantes deberán presentarse provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal; noutro caso, non serán admitidas.
3. Non se permitirá o acceso e tenza nas instalacións en que se vaia realizar o exame de teléfonos móbiles, axendas electrónicas, teléfonos intelixentes, auriculares ou calquera outro dispositivo de carácter electrónico excepto, a xuízo do tribunal, máquinas calculadoras sen memoria RAM.
Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento de que se poidan valer as persoas aspirantes para auxiliarse na realización das probas.
O acceso e/ou permanencia nas instalacións en que se realice o exame con calquera dispositivo como os sinalados anteriormente, estéase ou non facendo uso del, dará lugar a que, sen máis, se expulse a persoa aspirante e se cualifique o seu exame como «non apto», e ocorrerá o mesmo no suposto de persoas aspirantes que sexan descubertas copiando.
Nas instalacións en que se realice o exame non se establecerá servizo de depósito e/ou custodia de ningún tipo de material.
4. Tras o seu chamamento e acceso á instalación en que se vaia realizar o exame, ningún aspirante poderá abandonar o devandito lugar de celebración ata que conclúa a realización do seu exame. Con todo, o tribunal establecerá as condicións en que, en supostos extraordinarios debidamente xustificados, as persoas aspirantes poderán saír da sala para ir ao baño, debidamente custodiadas polo persoal encargado de funcións de vixilancia. Este feito non dará lugar, en ningún caso, a que se compense a persoa aspirante polo tempo que empregase para o efecto.
5. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidade gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás do resto de participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.
Para a materialización destas previsións, as persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente tanto a porcentaxe de discapacidade que teñen recoñecida oficialmente como o organismo que realizou tal recoñecemento. No caso de que este órgano non dependa da Xunta de Galicia, deberán xuntarse á solicitude os documentos xustificativos da discapacidade. Así mesmo, deberán indicar na solicitude as adaptacións de medios para a realización dos exercicios.
6. O exame realizarase de conformidade co que establece o anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de xullo.
As persoas aspirantes realizarán o exame na aplicación correspondente. Concluída a primeira parte, poderana dar por terminada, e continuarán a partir dese momento coa realización da segunda parte; o mesmo procederá, en todo caso, concluído o tempo máximo habilitado para tal fin. Igualmente, na segunda parte do exame, as persoas aspirantes poderana dar por concluída cando o consideren oportuno, e a propia aplicación realizará esta conclusión en caso de vencemento do tempo de exame.
Concluída a segunda proba, o examinado poderá coñecer o resultado do seu exercicio.
O examinado optará polo acceso á copia do exame en soporte electrónico ou en papel.
Para o efecto, ofrecerase á persoa aspirante a opción, polo menos, de envío por correo electrónico, aínda que nas correspondentes convocatorias para a realización do exame, o tribunal poderá prever outras formas de entrega electrónica da indicada documentación, mesmo a súa gravación nun soporte dixital tipo memoria USB que achegue a persoa aspirante. No caso de que a persoa aspirante opte expresamente pola súa remisión por correo electrónico, o tribunal velará por que a dita remisión se realice no menor tempo posible.
No caso de que a persoa aspirante solicite o acceso a unha copia impresa, o tribunal indicaralle o día e a hora para a súa recollida nas dependencias administrativas do correspondente Servizo de Mobilidade ou, se é o caso, nos servizos centrais da Dirección Xeral de Mobilidade, para o que deberá acudir directamente á correspondente dependencia administrativa provisto do DNI ou documento análogo acreditativo da súa identidade; igualmente, poderá habilitar unha persoa representante para a súa recollida, outorgándolle poder suficiente para o efecto conforme co que establece a Lei 39/2015, do 1 de outubro.
7. Cando un examinando obteña a cualificación necesaria para aprobar, quedará automaticamente inscrito no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte como persoa que acreditou a súa competencia para o transporte na modalidade que corresponda.
14. Revisión de exames.
1. Cando un examinando considere que unha das preguntas ou supostos prácticos que integraban o seu exame era erróneo ou lle foi mal cualificado pola aplicación, poderá formular a correspondente reclamación ante o tribunal no prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte a aquel en que se puxo á súa disposición o exame impreso, se lle remitiu o devandito exame por parte do tribunal á dirección de correo electrónico indicada pola propia persoa interesada, ou se lle fixo a entrega noutro soporte electrónico, se for o caso, e o tribunal pode establecer criterios adicionais para a remisión das ditas impugnacións.
2. A revisión dos exames e cualificacións por parte do tribunal axustarase ao que, para o efecto, establece o anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro.
3. Contra a resolución do tribunal de revisión de exames, o examinando poderá interpoñer recurso ante o órgano que o nomeou.
15. Tribunal.
1. O tribunal cualificador das probas convocadas estará integrado polo seguinte persoal da Dirección Xeral de Mobilidade:
– Presidente:
A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.
– Presidentes suplentes:
A persoa titular da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte.
A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte.
– Vogais:
A persoa titular da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte.
A persoa titular do Servizo da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia.
A persoa titular do Servizo de Xestión do Transporte Escolar.
– Vogais suplentes:
A persoa titular do Servizo de Réxime Xurídico e Recursos.
A persoa titular do Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.
A persoa titular do Servizo de Autorizacións, Informes e Apoio Xurídico.
A persoa titular do Servizo de Inspección.
A persoa titular do Servizo de Informes e Recursos.
A persoa titular do Servizo de Infraestruturas.
A persoa titular do Servizo de Planificación.
A persoa titular do Servizo de Contratación.
– Secretaria:
A persoa titular do Servizo de Ordenación do Transporte Regular de Viaxeiros.
– Secretaria suplente:
A persoa titular do Servizo de Autorizacións, Informes e Apoio Xurídico.
2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto para os órganos colexiados nos preceptos básicos da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Os membros suplentes do tribunal participarán, xunto cos titulares, cando sexa preciso para o bo desenvolvemento das probas.
3. As sesións do tribunal faranse constar en actas sucintas que se autorizarán coa sinatura da secretaria e o visto e prace do presidente.
4. Para os efectos do Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG núm. 122, do 25 de xuño), cualifícase o tribunal como de categoría primeira.
16. Notificacións.
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos dos procedementos IF312A e IF312B practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
17. Información ás persoas interesadas.
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Dirección Xeral (https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/mobilidade), sección de formación para profesionais do transporte.
b) O teléfono 881 99 50 53 da devandita dirección xeral.
18. Recursos.
Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, conforme o previsto polo artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de calquera outro que a persoa interesada considere pertinente.
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2024
Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade

 
					 
			 
			 
			 
			