DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 26 de novembro de 2024 Páx. 61972

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 19 de novembro de 2024 pola que se publica a ampliación do crédito da Orde do 14 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT815A).

No Diario Oficial de Galicia do 27 de decembro de 2023 publicouse a Orde do 14 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT815A).

No seu artigo 23 establécese a posibilidade de ampliar o orzamento dispoñible para o financiamento da orde en determinados supostos, indicando que este incremento estará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou no suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, e de conformidade coa modificación operada na Lei 9/2007, do 13 de xuño, mediante a Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 29 de outubro), é posible incrementar o crédito dunha convocatoria no suposto dunha transferencia de crédito, sen necesidade de realizar unha nova convocatoria ou abrir un novo prazo de solicitudes, nos supostos de subvencións convocadas polo procedemento de concorrencia non competitiva, axilizando así a súa tramitación; neste suposto enmárcase a ampliación de crédito da Orde do 14 de decembro de 2023.

Con esta ampliación de crédito preténdese atender parte das solicitudes recibidas, consonte a data de presentación destas, e que non puideron ser atendidas co crédito inicialmente asignado á vista do incremento dos danos ocasionados polo oso pardo, polo que resulta imprescindible atender o maior número de persoas beneficiarias posibles co propósito de garantir a viabilidade desas explotacións gandeiras incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia. Non obstante, e consonte o establecido no artigo 23 da dita orde, as solicitudes que non se poidan atender por falta de dispoñibilidade orzamentaria atenderanse con cargo á convocatoria do ano seguinte, de se producir.

Segundo o establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único

Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión das axudas establecidas na Orde do 14 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT815A), que ten por obxecto compensar as persoas titulares de explotacións gandeiras polos danos ocasionados polo oso pardo.

O importe de 38.000 € inicialmente destinado incrementarase na contía de 10.000 €, polo que o importe total destinado para esta liña de axudas, unha vez ampliada a dotación orzamentaria, é de 48.000 €.

As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático con cargo á aplicación orzamentaria 36.04.541.B.470.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Disposición adicional única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático