Visto o expediente para o outorgamento de autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a continuación se describe:
Titular: Vego Supermercados, S.A.U. (A36651313).
Domicilio social: rúa Gambrinus, 11, 15007 A Coruña.
Denominación: proxecto de LMTS e centro de seccionamiento.
Situación: rúa Canteira (Ofimático), A Coruña.
Características técnicas:
Instalación eléctrica de alta tensión formada por:
• Liña de alta tensión soterrada RHZ1-2OL 12/20 kV-Al, 2×(3×240) mm2, con orixe e final en arqueta proxectada en liña de distribución EIR740 entre os centros de transformación 15SMBD e 15SLWV e entrada/saída no CS proxectado, cunha lonxitude de 22 m.
• Centro de seccionamento en edificio de obra civil cunha cela compacta SF6 (3L+TT SSAA) con tres celas de liña con interruptor-seccionador e telecontrol, e unha cela de SSAA (24 kV, 400 A, 16 kA).
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro (BOE número 310), do sector eléctrico; no título VII, capítulo II, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais, e de acordo coa Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG número 54, do 19 de marzo), este departamento territorial
RESOLVE:
Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da referida instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no seu proxecto e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.
O prazo de vixencia da autorización é dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
A presente autorización entenderase outorgada, salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo do de terceiro, e non poderá ser invocada para excluír ou diminuír a responsabilidade civil ou penal en que puider incorrer o beneficiario no exercicio da actividade ou na explotación da instalación autorizada.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra o presente acordo, que non é definitivo na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 112, 115, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
A Coruña, 18 de novembro de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
